Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 10 de outubro de 2014

ProLingua excluída polo Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias

Comunicado de Prolingua:


1º. A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias é un tratado internacional, promovido polo Consello de Europa que entrou en vigor en España o 1 de agosto do 2001, despois de que o 1 de abril dese mesmo ano o asinara o presidente do goberno José María Aznar. Ao ser un tratado internacional asinado e posteriormente ratificado por España, forma parte do ordenamento xurídico español, e por iso pasou a ser unha norma de obrigado cumprimento para todas as administracións do Estado.A Carta é un tratado internacional que proporciona aos estados asinantes orientacións precisas sobre como protexeren e promoveren as linguas rexionais ou minoritarias na vida cotiá. Estes estados, polo feito de asinaren e ratificaren a Carta, adquiren unha serie de compromisos lingüísticos en materia de educación, administración, xustiza, sociedade, cultura, sanidade, empresa e mundo laboral.A Parte II da Carta céntrase no recoñecemento de todas as linguas como expresión de riqueza cultural e recolle unha serie de consellos que o Estado asinante ten que lles aplicar a todas as linguas territoriais non cooficiais. No caso español: asturleonés de Asturias e de León; aragonés; tamazig de Melilla; árabe de Ceuta; catalán de Aragón e Murcia; galego de Asturias, León, Zamora e Cáceres; portugués de Salamanca, Cáceres e Badajoz etc. Son uns compromisos mínimos adquiridos polo Estado en relación aos sectores indicados no parágrafo anterior.A Parte III da Carta contén os compromisos que o Estado determinou explicitamente para as linguas cooficiais nalgún territorio: galego en Galicia; vasco en Euskadi e Navarra; catalán en Cataluña, Baleares e Valencia; e occitano-aranés en Cataluña. Nesta parte, España comprometeuse a toda unha serie de medidas de protección e desenvolvemento plenos destas linguas en cadanseus territorios.2º Cando o Comité de Expertos do Consello de Europa avaliou no seu III Informe o cumprimento da Carta en España, convidou a falar e expoñer cadanseus puntos de vista a institucións, gobernos, asociacións profesionais e organizacións cidadás. Daquela, o 6 de xullo de 2012, foron convidados a Madrid a Real Academia Galega, ProLingua, Nova Escola Galega, Coordinadora de Equipos de Normalización, Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística, Queremos Galego, Mesa pola Normalización Lingüística, Xuíces pola Democracia e Asociación de Xornalistas de Galicia, ademais do goberno galego, representado polo Conselleiro de Educación Jesús Vázquez e o Secretario Xeral de Política Lingüística Anxo Lorenzo.3º O pasado 6 de outubro, o novo Comité de Expertos do Consello de Europa estivo en Galicia para recadar datos co fin de elaborar o IV Informe sobre o cumprimento da Carta en Galicia. Desta volta varias das organización anteriores foron excluídas e, no seu lugar, o Comité de Expertos deu audiencia a outras novas como o Instituto da Lingua Galega, o Consello da Cultura Galega, o Foro Peinador, a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, a Comisón Sarmiento do Bierzo etc.4º Á plataforma apartidaria ProLingua parécelle ben que se lle dea audiencia ao maior número de institucións e de asociacións relacionadas coa lingua galega, pero quere denunciar a marxinación e exclusión que se realizou esta vez con asociacións de innegable traxectoria na defensa diaria da lingua propia de Galicia que foran convidadas en edicións anteriores. Ademais, cónstanos que parte dos convocados agora foron chamados directamente polo goberno autonómico á audiencia co Comité de Expertos, o que non deixa de ser unha anomalía.5º Así e todo, ProLingua presentouse sen invitación perante o Comité de Expertos e entregoulles aos membros cadanseu dossier en inglés sobre os incumprimentos flagrantes do goberno galego nesta materia, que comezan polo feito de lexislar e actuar nos últimos catro anos en contra do propio idioma que aparenta defender.6º Agardamos que no futuro, para o V Informe, o Comité de Expertos non acepte presións nin inxerencias. Que non se repita a marxinación e exclusión de organizacións que teñen manifestado durante anos un inequívoco compromiso na defensa do galego. Traballo para o que estas organizacións se valen, fundamentalmente, do voluntarismo e do compromiso dos seus membros.ProLingua, 8 de outubro do 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario