por Xosé Mª Lema, nas voces de Prolingua:
En primeiro lugar, o meu agradecemento ó xurado pola súa escolla e a miña solidariedade cos finalistas, pois sei, por experiencia, a decepción que se sofre cando un chega ó remate superando todos os atrancos e despois o trofeo o leva outro. Teño experiencia nisto, e non só por esta novela; mirando esta estatuíña de Martín Codax que teño agora nas mans venme á memoria que no ano 1993 ou 1994 tamén fora último finalista deste mesmo Premio da Crítica, neste caso de Investigación, coa obra A Arte Relixiosa na Terra de Soneira, pero o galardón acabouno levando outra persoa. Tamén agradezo a Edicións Xerais, que se atreveu a publicar unha novela tan longa (máis de 600 pp), sen resultar premiada na edición de 2011 (na que , como se sabe, fora finalista).No tocante ó argumento desta novela, eu limítome a traducir un manuscrito de finais do séc. XIX procedente de Escocia, que narra a viaxe de volta da goleta Hispaniola, cun tesouro nas súas adegas. A viaxe de volta non foi tan pacífica como a resumira o autor (Stevenson) da famosísima novela A illa do tesouro, pois tivo certos contratempos na chamada Costa do Solpor ou do Solposto.Desde que se publicou a fins de xaneiro de 2013, ademais das excelsas presentacións (desde as apadriñadas por Fernández Rei e Ferro Ruibal, académicos, a Carme de Lelucho, percebeira de Camelle, que me fixo unha vivísima presentación no auditorio do faro Vilán, preto dun dos escenarios dos feitos que se narran) a obra recibiu moi boas críticas, algunhas delas sublimes, en especial as dúas primeiras, que deixaron o listón moi alto con frases como “Compendio do mellor das novelas clásicas de aventuras –penso sobre todo nos modelos da literatura inglesa (Stevenson)-” ou tamén “Esta é a clase de novela que fará perdurar a nosa literatura e a nosa lingua”, por citar só un par delas.Frases esaxeradas, sen dúbida, que cito con certo rubor, e fágoo agora para agradecerllas públicamente ós seus autores, porque me reconfortaron para superar certas decepcións que, quen o ía dicir á miña idade, esta novela me ocasionou, ata o punto de que cheguei a arrepentirme de a ter publicado.Remato lembrando as tres posibilidades que na presentación de Compostela lle auguraba o académico Xesús Ferro Ruibal a este obra:1ª. Que se habería de traducir ó inglés (é dicir: volver ó idioma de orixe, neste caso: recuperar o manuscrito escocés).2ª. Que chegaría ó cine.3ª Que se habería de facer unha Ruta Costa do Solpor.No seu día eu xa advertira que as dúas primeiras “profecías” eran como soñar esperto e que só vía factible a terceira, e así o está sendo: respondendo a unha proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) elaborei esa ruta e dentro duns días vaise colgar no seu web a Ruta Costa do Solpor, con abundantes fotos dos principais escenarios naturais da novela: ademais da cidade da Coruña, os concellos de Fisterra, Muxía e Camariñas. Só falta estreala, para o que eu me brindo, como é lóxico. De mil amores.Hai tres anos, en agosto de 2011, cincuenta excursionistas da Costa da Morte viaxamos a Cornualles, a fisterra británica. Na novela fálase dos Falmouths Packets ou Corunna Boats, buques-correo que ata mediados do séc. XVIII levaban a correspondencia de Gran Bretaña a España e viceversa. Na igrexa dunha aldeíña do norte de Cornuallles, Zennor, hai unha placa de mármore do ano 1930 que honra a memoria de dúas persoas, un mestre e o seu fillo, que que no séc. XIX tiñan certos coñecementos, lembraban palabras, da vella lingua córnica, desaparecida a finais do séc. XVIII. Os alí presentes quedamos en silencio e desexamos que oxalá nunca en Galicia os nosos descendentes teñan que inaugurar unha placa semellante. Hoxe en día hai uns 300 córnicos tratando de resucitar por medio de documentos antigos o seu idioma perdido, e están tolos de entusiasmo cos seus avances, pois xa están logrando conversas fluídas. ¡Como se valora un ben cando se perde!Aquí díxose que non era o momento das reivindicacións. Eu non fago ningunha. Só un rogo: volvamos ó consenso.Moitas grazas.
Nota: Texto aproximado lido na recepción do Premio de Creación Literaria (Fundación Premios da Crítica de Galicia, Vigo, 11 de outubro de 2014).
Ningún comentario:
Publicar un comentario