por Aurélio Lopes, no Sermos Galiza:
Recentemente coñecíamos a través dos medios de comunicación unha enquisa do IGE de 2011 que situaba por baixo do 50% a povoación de Galiza que usa o galego como lingua cotiá. Por vez primeira na historia. Estamos no 2014. E ninguén percebe que haxa cambio de tendencia.
En realidade, todos e todas sabiamos que este dato acabaría por chegar, á vista da tendencia que vimos experimentando nos últimos decenios. E isto acontece, paradoxicamente, no período de maior protección legal e investimentos en normalización lingüística que se ten producido ao abeiro da autonomía.
Os problemas coma sempre son complexos e atópanse en diferentes niveis. Son políticos, históricos, sociolóxicos, sociais. A través da historia somos coñecedores do proceso de sustitución lingüistica que se deu na Galiza nos últimos séculos. Sempre se debe aprofundar no seu coñecemento, mais non a podemos mudar. Houbo un proceso histórico de sustitución lingüística que nos trouxo a ser a lingua cotiá minoritaria.
A través da socioloxía somos conscientes dos roles sociais, hábitos e actitudes que nas diferentes idades, sexos e zona de residencia se dan, neste caso, á respeito do uso da língua. Obtemos as chaves sobre as que debemos operar para invertir a tendencia. No ámbito político, pouco podo aportar. Temos un goberno que chegou da man de grupos contrarios á normalización do idioma. Xa desde o goberno, tumbaron o decreto no ensino que situaba como mínimo o 50% das aulas en galego (que lonxe fica a soñada inmersión lingüistica!). O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega segue a ser incumprido como vén de denunciar A Mesa no décimo aniversario da súa aprobación polo Parlamento galego. E recentemente, a Xunta avaliaba como “positivos” os datos sobre o uso do galego.
A pregunta que todos nos facemos: como operar socialmente para invertir a tendencia de sustitución lingüística? Non cabe a resignación se o obxectivo é invertir a situación. Hoxe veño a traervos unha hipótese na que sempre se traballou e na que levo implicado un tempo: medios en galego. Desde os primeiros xornais en galego de finais do século XIX até hoxe foron moitas mulleres e homes que adicaron a súa vida a fornecer ao País de prensa en galego. A ninguén se lle escapa a importancia de ter todo tipo de medios de comunicación que doten a lingua de estatus social.
Após a queda do bipartito, o galego practicamente desapareceu dos quiosques e dos xornais dixitais. Afortunadamente, hoxe a oferta de prensa escrita en galego está presente na rede a través de diferentes medios e tamén nos quiosques, semanalmente a través de Sermos Galiza e tamén outras publicacións que acoden pontualmente cada mes. Tamén unha gran rede de radios locais e comunitarias, ás veces non o suficientemente valoradas. Un dos segredos desta xeira de medios en galego é a súa comunidade. Aqueles e aquelas que foron crear cos seus propios medios económicos, que se suscribiron ou que achegaron esforzos e traballo para viabilizar os proxectos. Por outra banda, a exploración da parcería, partillando recursos que non se miden en termos mercantís. E finalmente, o máis agradecido pola comunidade, a posibilidade de abrir as fiestras á Galiza real e distanciada da oficial.
Nestes momentos, como moitos e moitas de vós sabedes, atopámonos nunha fase de capitalización de Irmandade TV. O obxectivo é facer que moreas de persoas se fagan propietarias da canle conseguindo unha masa suficiente de recursos económicos que nos permita dotarnos de mellores medios e profesionalizar parte da produción. Para isto precisamos o apoio da nosa comunidade. De moitos e moitas de vós. Cunha pequena achega de cada un e cada unha de vós, estaremos en disposición de ser unha ferramenta máis útil e eficaz. E sempre co obxectivo de ser unha fiestra aberta á Galiza real. Non é ningún tipo de solución. É máis unha contribución á batalla.
Ningún comentario:
Publicar un comentario