Foi noticia no Sermos Galiza e na Praza Pública. 70 alumnos da Facultade de Ciencias da Educación asinaron na Casa da Matanza a seguinte carta aberta na que fan refencia ao que posiblemente foi o activador desta reacción: o artigo triunfante e mentireiro que o secretario xeral de política lingüística publicou facendo referencia a un Plan Xeral de Normalización que di apoiar aínda que pola contra destacou del que sempre careceu de natureza normativa.
Velaquí a declaración destes 70 fachos que alumean o futuro da lingua:COIDAMOS QUE A LINGUA GALEGA NON GOZA DE BOA SAÚDE
Ilustre Sr. Presidente da Xunta de Galicia / Ilustre Sra. Presidenta do Parlamento de Galicia
Ilustre Sr. Conselleiro de Cultura e Educación / Ilustre Sr. Presidente do Consello da Cultura Galega
Ilustre Sr. Presidente da Real Academia Galega/ Ilustre Sr. Reitor da USC
Ilustres Presidentes dos Grupos Parlamentarios PPdeG, PSdeG, AGE e BNG
Quen abaixo asinamos somos estudantes que acabamos de acceder ás aulas da Universidade de Santiago e aos estudos de primeiro curso da Titulación de Educación Social; procedemos de diversos lugares urbanos, vilegos e rurais da xeografía de Galicia, xunto a algúns doutras procedencias.
Na materia “Educación e Sociedade en Galicia” o noso profesor, logo dunha moi breve presentación, invitounos a responder por escrito a un cuestionario aberto sobre a sociedade galega, tanto de descrición dos seus trazos básicos socio-económicos e culturais, como de observación dalgunhas das súas dinámicas sociais. Case 70 alumnas e alumnos respondemos por escrito ás once cuestións demandadas.
Entre elas incluíanse dúas preguntas en relación coa lingua galega, numeradas como 9 e 10: Hai problemas arredor da lingua galega?; se os houbera, como os aprecias desde a túa vida?. Os cuestionarios foron examinados fóra de aula polo profesor, quen nolos devolveu, con algunhas marcas case sempre formais, e que serviron para de seguido reelaborar na aula mediante traballo en grupos o que cada quen previamente tiña escrito.
O profesor observou que nas nosas respostas, e así o puidemos ver tamén nós, abondaban sobre todo as converxencias nos puntos de vista, sen faltar a diversidade de opinións. Expresámolas por escrito de forma moi maioritaria en lingua galega, aínda que é certo que na comunicación informal entre nós se cadra falamos máis en castelán. Onde as converxencias foron maiores nas nosas respostas foi en canto á valoración do estado da lingua galega. Coidamos que non goza de boa saúde, en particular entre a xente moza, que somos parte ben notable do futuro de Galicia.
Isto é: ollamos con gran preocupación o presente e así pois o futuro do galego. As veces e aínda nestes días pasados oímos algúns pronunciar frases de celebración, con ocasión de ter transcorrido dez anos desde a aprobación no noso Parlamento dun Plan para a Normalización. Plan que case ninguén de nós coñece e temos que dicir que nós, se cadra pola nosa xuventude, non entendemos de retóricas de celebración.
Pero si queremos reflectir para o seu coñecemento o que observamos nas nosas vidas e nas nosas contornas:
Hai abundancia de estereotipos sociais e lingüísticos arredor da lingua galega, que se traducen a todas as horas en prexuízos e mesmo en desprezo cara a quen fala galego. Na cidade, no mundo urbano mesmo que sexa vilego, entre sectores sociais que parecerían refinados e tamén entre a xuventude eses prexuízos e desprezo están máis presentes do que se tende a pensar e, en parte, por iso, así como hai xente maior que fai de menos a lingua galega, entre a xente máis nova da que formamos parte, estase levando a cabo un proceso de substitución do galego polo castelán. O que se está facer en pro da lingua galega, ou non é abondo ou non está ben enfocado, pois parece non resultar eficaz. É o que constatamos na nosa vida diaria.
Nun contexto deste tipo, vemos que unha parte da sociedade galega, isto é, a que ten máis medios económicos e poder de influencia social, que inclúe a sectores económicos, políticos, académicos, relixiosos ou aos medios de información, non fai aprecio nin usa como sería de desexar a lingua galega, ao punto de ver neses sectores, polo contrario, actitudes de atranco e de rexeitamento; nós mesmos tamén cedemos con frecuencia e pasamos a falar en castelán, en ocasións por medo ‘ao que dirán’.
Porén, porque a lingua galega é un patrimonio cultural e lingüístico que nos identifica como galegas e galegos; porque é a lingua maioritaria das nosas avoas e avós e porque tamén é aínda a lingua de uso máis frecuente dos nosos pais e nais, cando entre eles falan en particular; porque ten sido un reto social para quen loitaron pola democracia e a autonomía de Galicia e porque é tamén unha tan magnífica fonte de saberes, que nós mesmos precisamos para construír o noso futuro colectivo e cívico nunha contorna con tantas incertezas, é polo que non queremos que o galego se perda. Todo o contrario, do que nos semella que está a acontecer.
Non queremos dicir que non se estea facendo nada; se cadra, pola nosa xuventude aínda non reflexionamos sobre a complexidade que poida ter recuperar unha lingua tanto tempo prohibida de facto ou burlada, facendo burla de quen tradicionalmente a viña usando; unha lingua prohibida na escola por un Estado centralista e por uns sectores sociais, mesmo galegos, antidemocráticos. Dar volta a todo iso probablemente sexa complexo. Sexa como for, nas nosas vidas non apreciamos que se estean a emprender medidas adecuadas e favorables á causa do galego. É o que queremos dicir e que esta mensaxe preocupada chegue a Vostedes, que probablemente teñen algunhas, aínda que diversas, responsabilidades políticas e institucionais a este respecto.
Estamos obrigados pola súa atención. Agradeceríamos ter de Vostedes algunha resposta que fose máis que un escrito de volta e de acuse de recibo, que tamén aceptamos.
Na Casa- Museo Rosalía de Castro, A Matanza, Padrón a oito de Outubro de 2014.
[Seguen sinaturas]
Ningún comentario:
Publicar un comentario