por Matías da Torre no Sermos Galiza:
Co gallo do Centenario de Ramón de Valenzuela que hoxe conmemoramos no Centro Cultural Vista Alegre, a antiga Sociedade bonaerense de emigrantes Pro Escolas na Bandeira, véñenme á memora varias cuestións como a situación da nosa literatura polo estado de anormalidade no que seguen a viver certos autores para a crítica e os lectores que ben se enredarían de coñeceren certas obras de moi escasa difusión.
Hai anos que algúns comezamos co proceso de rehabilitación da figura de Valenzuela para a Galiza de hoxe, así se editou a súa peza teatral nos anos 90 As bágoas do demo, que dirixira Blanco Amor na súa estrea en Buenos Aires, tamén se reeditaron os contos do Naranxo, homenaxeouse institucionalmente por parte do governo galego no seu XXVº cabodano e en 2008 mesmo fomos quen de porlle na súa vila da Bandeira o seu nome a unha rúa. Este último soou a un acto de despedida no que estiveran presentes Mariví Villaverde e Neiras Vilas, mais tamén os lembrados amigos do trasdezao Anisia Miranda, Pousa Antelo e Díaz Pardo. Cos cen anos que se cumpren o seguinte chanzo debe ser a definitiva difusión da súa obra no ensino e nos grandes andeis das nosas bibliotecas e organismos de promoción da lingua e a cultura.
Ramón Valenzuela foi agrarista, galeguista republicano e colaborador mozo daquela xenial xeración do Seminario de Estudos Galegos, centro no que sempre insistiu Díaz Pardo en que a recuperación da memoria no noso País tiña de pasar por restituír, recoller o seu legado e continuar o seu traballo. Protagonizou desde moi novo unha peripecia vital con palabra prometida á Terra e aos ideais social e economicamente máis solidarios. Con prácticas na investigación etnográfica no S.E.G., coa autoría e dramatización de contos populares e pequenas pezas teatrais xa na época de estudante en Compostela e como activista e animador cultural en Radio Pontevedra e a Boa Vila, acolle o desafío nacional primeiro nas Mocidades Galeguistas e logo a prol do estatuto coa responsabilidade do Partido Galeguista Deza/Tabeirós para partillar con Castelao, Alonso Ríos, Suárez Picallo xornadas de fervor patriótico na procura da ansidada autonomía.
A Ramón o golpe de estado do 36 lévao ao cárcere, tendo mellor fortuna que moitos dos seus coterráneos e compañeiros, e de aí pasa ao exército sublevado para fuxir un 8 de decekmbro de 1937 nunha noite mesta de néboa cara ao bando da legalidade democrática. Valenzuela bota o tempo da Guerra na fronte ás ordes de Líster e sobrevenlle a represión nos campos de concentración da Francia ocupada co estourido da IIª Guerra Mundial, onde coñecerá a Mariví, a súa muller de por vida. Alí é detido pola Gestapo e entregado, polo que será xulgado, condenado a vinte anos de cadea, inhabilitado da súa praza como mestre e abocado, por tanto, ao exilio.
Atopamos varias coincidencias de Valenzuela con xente que o marcará no persoal e no político. Blanco Amor, o seu inspirador teatral, Seoane, o seu primeiro editor, Castelao, o mentor da diáspora e moitos máis que xunguen co noso autor a tradición do galeguismo da República coa ponte cultural e identitaria, políticamente falando, do exilio bonaerense, para se converter en referencia participativa no desenvolvemento do teatro e a creación e difusión cultural na Galiza transterrada.
Non agardei por ninguén, de 1957, é a primeira novela galega sobre a materia da represión franquista, un romance ficcionado con grandes doses autobiográficas que inauguran unha restia de historias persoais de galeg@s fuxidos da represa fascista,
O remate da devandita novela é toda unha declaración dos seus principios e obrigas cara adiante, moi acaídos para o momento actual do nacionalismo galego:
“ – Quero avisar a Castelao –pedinlle-… Quixera que o avisasen hoxe mesmo.Redacta un telegrama –contestoume ao mesmo tempo que me daba pluma e papel-.Senteime a carón dunha mesa e escribín:
“Chamei por todos, non agardei por ninguén”
A súa obra é de dominio da narración expresiva, de palabras naturais e de ricaz léxico acugulado na cultura rural e nativa do escritor, da descrición intensa, o que nos lembra a Neira Vilas, con quen tamén conviviu na histórica libraría bonaerense Follas Novas e partipou en múltiplos actos reivindicativos.
O noso personaxe actúa e é galego valeroso de clan e chan desde a mocidade até a madurez, na Terra e na Transterra arxentina e logo a madrileña. Dedica a súa vida ao activismo político e cultural, literario e docente. Amigo e devoto da historia e a xeografía impártea no ensino e na súa narrativa breve. Milita no galeguismo, nunca o desbota aínda en tempos nos que Era tempo de apandar, título da súa segunda novela, a que fecharía, en 1980 a súa biobibliografía, mais acredita no galeguismo para ter a Galiza aldraxada, o povo galego, ás veces submiso e tamén ergueito, a posibilidade de domearse. Combínao co marxismo que o acompaña até a morte como idea humanista da distribución da riqueza, da xustiza social, do governo dos pobres que son donos das verdades do mundo, tal como dicía o seu O Naranxo, título da ducia de relatos publicados por Brais Pinto nos setenta, nos que o personaxe homónimo, un pobre tolo dezao de Lalín, presente en toda a súa literatura, tan actual neste corrupto mundo financiero de estafas e calotes :
…”Nos bancos non hai máis ca números. Ou pensas ti que andan decote a contar os cartos? Se cadra alí non hai máis que retratos dos cartos. Teño medo de lle ir pedir un día cartos e que non teñan máis que firmas de que os teñen, e se hai xente por alí arredor poden perder a zona… e despois, se perden a zona, cataplún! Alá se vai o banco. Un banco, que ten o creto doutro banco… e tamén se vai o outro banco e quedo sen eles.
É hora de relermos un autor de divulgación cativa, de pensamento galego e retranca anticapitalista, merecente, por comprometido, bo, xeneroso e leal –este si- do recoñecemento das nosas letras como memoria da xeración de preguerra co lazo na nova narrativa, un espazo apenas descuberto pola educación secundaria galega, pouco explorado polos académicos da galega, pola política galega. Un autor nacional, de ideoloxía vermella coa estrela branca do País á frente, coma o seu cabalo Ciclón.
Trasdeza, 3 de Outubro de 2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario