Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 1 de outubro de 2014

O necesario consenso arredor do galego

Prolingua contesta a este artigo de Valentín García en La Voz:


Para conmemorar os dez anos da aprobación por todos os grupos do Parlamento de Galicia do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) o 22 de setembro a plataforma apartidaria ProLingua fixo un chamamento público para que nos diferentes medios se tratase sobre o plan, para visibilizar a importancia de actualizar e desenvolver este texto. Aínda que sexa cun mes de atraso, os membros de ProLingua alegrámonos de que o 23 de outubro no Parlamento de Galicia se faga un acto sobre o PXNLG que, segundo informa Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística (La Voz de Galicia, 26 de setembro do 2014), está a ser organizado polo Foro Enrique Peinador, do que coñecemos a súa traxectoria na defensa do galego en diversos sectores; porén, esperamos que a ese acto se invite a dar a súa opinión a colectivos e asociacións que en moi diversos ámbitos levan traballando arreo, e con moita xenerosidade, pola normalización do galego. Arelamos que non ocorra o que acaba de pasar coa comisión de expertos sobre o cumprimento en España da Carta Europea das Linguas Rexionais, onde esta vez ProLingua e outras asociacións chamadas no 2011 foron relegadas, o que pode dar a impresión de que non se queren escoitar posibles voces críticas.
Logo da lectura do artigo do secretario xeral, non damos saído do noso abraio. Afirmar que a política lingüística dos gobernos do PP segue as liñas marcadas no PXNLG ou que se traballa a prol da extensión de actitudes positivas cara á lingua é unha negación radical da realidade que vivimos cada día. Consideramos totalmente desafortunada a acusación que fai o secretario xeral de Política Lingüística ao manifestar que o Goberno bipartito de socialistas e nacionalistas rompeu o consenso sobre o PXNLG ao aprobaren no 2007 o decreto sobre o ensino non universitario.
No seu momento o PP tamén apoiou o Decreto 124/2007, que non facía máis que aplicar as medidas aprobadas no PXNLG no Parlamento, tal como informaba La Voz de Galicia o 22 de febreiro do 2007 sobre o consenso acadado por BNG, PSdG-PSOE e PP.
Lamentamos que o PP rompese no seu día ese consenso e que logo anatematizase un decreto que, en principio, apoiara, e que desde que gañou as eleccións en marzo do 2009 fose tomando medidas desprotectoras contra o fráxil proceso de normalización. A lingua galega é un patrimonio común de todos os galegos e galegas, mesmo dos que non tiveron a fortuna ou a oportunidade de recibila de seu na infancia, e no galego recoñecémonos e proxectámonos cara ao futuro. Os membros de ProLingua opoñémonos a calquera discriminación do noso idioma e pedimos que se volva ao consenso do PXNLG e que se cumpran e que se apliquen as súas medidas.
Artigo asinado por Francisco Fernández Rei, Agustín Fernández Paz, Malores Villanueva Gesteira, Xosé M.ª Lema Suárez, Xosé Luís Santos Cabanas, Xosé Antón Laxe Martiñán, Cibrán Arxibai e 41 persoas máis da Asociación ProLingua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario