Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 22 de outubro de 2014

Desculpen que non celebremos*

por Mercedes Queixas, no Sermos Galiza:

Ao tempo que algúns medios de comunicación informaban dos recentes resultados da evolución do coñecemento e uso do galego entre os anos 2001 e 2011 analizados polo Instituto Galego de Estatística, organización gobernamental dependente da Xunta de Galiza, recibimos a valoración positiva destes por parte da Consellaría de Cultura e Educación.

"Desculpen que non celebremos que, por primeira vez na historia, o galego desde o século IX non sexa a lingua na que se exprese sempre máis da metade da sociedade galega"
Tomando estas cifras con cautela, pois precisaríase dun macroestudo sociolingüístico exhaustivo, como por exemplo os que ofrecera a Real Academia Galega nos seus mapas de 1994 e 2004, que desen resposta a cuestións referidas a transmisión lingüística, competencia, usos e actitudes, cómpre facermos algunhas declaracións a título persoal.
Desculpen que non celebremos que, por primeira vez na historia, o galego desde o século IX non sexa a lingua na que se exprese sempre máis da metade da sociedade galega na terra en que nace e/ou habita e ademais esta porcentaxe retroceda en trece puntos en dez anos.
Desculpen que non celebremos que unha sociedade que case unanimemente recoñece comprender o idioma de seu e non ter problema para interaccionar, sinta ou se vexa obrigado, por conculcación dos seus dereitos lingüísticos, a abandonar ese idioma desde o exercio da normalidade, para as súas intercomunicacións persoais.
Desculpen que non celebremos que en cidades como Ferrol, Vigo, Pontevedra ou A Coruña recoñezan non falar nunca en galego entre un 20% e un 23% da cidadanía.
Desculpen que non celebremos que nos contextos urbanos de agravada menor exposición social ao galego non se implanten medidas educativas que garantan a súa adquisición, na escola e no ámbito formativo extraescolar.
Desculpen que non celebremos que os concellos que presentan un maior índice de uso do galego pertenzan a áreas de interior, sen proxección industrial e económica relevante e sometidos a unha continua e sangrante desertización poboacional, o que acrecenta a estigmatización do uso do galego coas persoas de idade avanzada e habitantes de núcleos rurais, atrasados e máis illados.
Desculpen que non celebremos que concellos periurbanos ou próximos a áreas de influencia económica máis urbana, que viñeron gañando poboación entre 2001 e 2011 e percorrendo un camiño de castelanización progresiva, reflictan agora unha perda de, como mínimo, unha cuarta parte de falantes monolingües, chegando a cifras do 27% en Allariz ou Abegondo e do 26% en Ribadeo ou Sanxenxo.Desculpen que non celebremos que de 314 concellos apenas seis presenten un balance positivo a prol do uso do galego no treito deses dez anos analizados: Toques, Tordoia, Cerdido, Portomarín, Mondariz-Balneario e Pontecaldelas.
Desculpen que non celebremos sen maior análise cualitativa o medre do uso do galego para a resposta ás veces, que a Consellaría gaba como eloxio do bilingüismo, porque resulta completamente imprecisa a conclusión ao non se determinaren contextos de uso, relación coa persoa interlocutora, espazos físicos que orientan a escolla dunha ou outra lingua oficial. Empregar o galego ás veces cando vou a unha feira, para botar un carallo ou un arre demo na taberna, acudir á Festa da faba ou falarlle a un vello na aldea tumbaría ben rapidamente esa concepción de bilingüismo tan oficial como desviada dos tratados de sociolingüística.
Desculpen que non celebremos que a perda de galegofalantes monolingües no uso habitual, mais tamén bilingües, trilingües ou plurilingües na súa competencia lingüística, ten moito a ver coa máis que preocupante perda de poboación, coa falta de transmisión interxeracional, cos falsos prexuízos modelados por actitudes negativas que determinan, desde o imaxinario colectivo, a escolla dunha ou outra lingua anulando a vontade de opción individual e mais coa permanente e sempre renovada estigmatización negativa que, explícita ou implicitamente, a partir de discursos oficiais gobernativos enganosos, veu agravando neste xa delongado último lustro quen debera terse a si propio como o seu máximo valedor, de palabra e obra e non tanto por omisión.
Con todo, desculpen que non vistamos o agardado traxe de loito perenne, nin sequera o do tentador alivio, ao confirmarmos con estes datos un baño de realidade, que dá e tira razóns, que para nós non queremos mais que si coñecemos na nosa rutina diaria porque percibimos coherente coa realidade social en que habitamos.
Desculpen, no entanto, que con esperanza acollamos, por citar algúns exemplos ben recentes, o acceso a nós desde un dominio de identidade .gal, así como a galeguización da base do sistema operativo Android ou as novas actualizacións incorporadas ao dicionario da RAG que demostran estarmos perante unha lingua viva e de utilidade contemporánea.
Desculpen, logo, que sigamos na teima de trazar un outro futuro visíbel para a lingua, menos panexírico e máis vital, apegados ao cartel identificativo das zonas de obras que sempre nos rodean e, ao igual que tantos centos de persoas izaron aquel exitoso lema Gústame o galego, prosigamos agora erguendo estoutra bandeira de acción construtiva colectiva: Estamos en obras. Desculpen as molestias.
* Na memoria do tío Manolo da Picota quen me aprendeu de nena a mirar o mundo sen medo desde o cumio do carro da Roxa e da Canela cargado de herba recén apañada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario