O que lles conto aconteceu non hai aínda moito tempo na parroquia de San Facundo do Concello de Paradela (Lugo). Para facer unha rehabilitación do exterior dunha igrexa románica exhumaron os restos mortais soterrados no adro e trasladáronos a un novo cemiterio construido noutro lugar. A comisión parroquial decidíu algo que deica hoxe era insólito: puxeron nos respectivos nichos cadansúa lápida cunha inscrición en lingua galega. Este feito non foi comentado en ningún medio de comunicación. Eu quero renderlle a esa comunidade parroquial o merecido recoñecemento por ter restaurado a memoria lingüística da parroquia.
Este relato conteillelo aos alcaldes e alcaldesas ourensás que o pasado día 23 de outubro foron convocados pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia en Ourense, para conmemorarmos o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. Unha efeméride que tenta chamar a atención das institucións e dos cidadáns para visibilizar unha contradición que debemos superar: mentres as parroquias dos vivos se expresan maioritariamente en galego, unha vez que atravesan o portalón do cemiterio para dormiren o sono eterno, son lembrados no idioma que nunca falaron, o castelán.
Os rexedores municipais asinaron un documento que recolle estes fundamentos e algunhas medidas prácticas: colocar na porta dos cemiterios unha placa que diga “na memoria de todos os que aquí xacen porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu” e a posibilidade de substituír unha lápida en castelán por outra en galego dalguén que fose unha persoa senlleira na parroquia (gaiteiro, canteiro, mestre…).
Os alcaldes teñen agora a posibilidade de celebraren un Día de Defuntos distinto, participativo e con significado cultural organizando actos nos cemiterios, municipais ou parroquiais, no que a música, a poesía e as sentidas intervencións de mozos e vellos sexan un canto á esperanza en aras da galeguización deses espazos nos que está depositada a memoria lingüística de homes e mulleres anónimos que deixaron unha forte pegada na vida transmitíndolles aos seus a nosa cultura. Eles foron os creadores da nosa identidade, da nosa música popular e tradicións que nos transmitiron a través do relato oral. Un pasado que debe ter futuro.
O próximo día 1 de novembro, Día de Defuntos, que tanta tradición ten na nosa cultura popular, volveranse encher os camposantos de xentes que acudirán con flores a lembrar a memoria dos seus defuntos. Reviviranse anécdotas, ensinanzas e o bo facer dos nosos devanceiros que nos legaron un patrimonio cultural e lingüístico que hoxe nos define como pobo.
A mellor homenaxe que se lles pode facer sería restituír a verdade da súa existencia substituíndo a lápida en castelán por outra en galego na que se enxalcen as súas virtudes.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 26 de outubro de 2014
Alcaldes que dignifican a lingua
por Xosé gonzález Martínez, en La Región
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario