Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 28 de xaneiro de 2015

Renunciar ao idioma é morrer

por Ana Pontón, no Sermos Galiza:

Os últimos datos do IGE sobre o uso do galego poñen cifras a un desastre anunciado e denunciado. Desastre inducido por unha política centralista, que precisa destruír linguas e culturas para manter o seu proxecto económico, social e político. Por desgraza, falar da desaparición do galego non é alarmismo ou esaxeración. Mesmo, expertas do Consello da Cultura vaticinan o velorio pola lingua para dentro de corenta anos. Mentres algúns preparan gustosos as exequias para a lingua, moitas e moitos de nós non nos resignamos e pensamos que é preciso facer algo. O noso destino non pode ser a desaparición forzada. Queremos seguir aportando a nosa célula de universalidade.

No terreo do que facer hai moito traballo. Na xustiza, na administración, na escola, no lecer, nas festas, nas notarías, no ámbito da empresa, na universidade... o abano é tan amplo como a actividade humana. Así se detalla no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Un plan inexecutado e necesario, resultado dun traballo colectivo que conseguiu determinar uns mínimos de actuación para mudar tendencias negativas. O Plan non é estación de destino, nin apócema máxica, mais marca un camiño que é preciso andar.
A lingua galega atravesa o peor momento da súa historia recente e precisamos actuar en todos os ámbitos. No social e no institucional. Por iso nun momento crítico é preciso saír a rúa. O vindeiro 8 de febreiro é cita ineludíbel para os amantes do galego.
Mais no institucional é político é preciso dar pasos. Con esa intención desde o BNG tomamos a iniciativa de darlle rango de lei ao Plan xeral de Normalización da Lingua Galega. Respondemos a demanda de amplos sectores sociais. De feito, entidades sociais aglutinadas en Queremos Galego, institucións como a RAG, o Consello da Cultura, sindicatos do ensino ou outras entidades culturais e a prol da lingua teñen reclamado reeditar o acordo rachado polo PP.
O debate sobre a lingua non é un debate máis. É unha cuestión central, vertebral para o noso futuro. A lingua non é un problema persoal ou individual, é un fenómeno social e o seu estado de saúde un indicador da nosa saúde colectiva. Para garantir o futuro do galego precisamos aglutinar esforzos e desmontar as mentiras e falsidades vertidas contra a lingua, a empezar por desmontar a inxuria da imposición. Os defensores desta idea teñen claro que pretenden a desaparición do galego e impoñer o monolingüismo en castelán. E nós tamén o sabemos. Pois como dicía Manuel María: Renunciar ao idioma/é ser mudo e morrer./¡Precisamos a lingua/ se queremos vencer!

Ningún comentario:

Publicar un comentario