Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 25 de xaneiro de 2015

Por un futuro para a lingua

Por Clara Iglesias, en Tabeirós Montes:

Despois da publicación, en outubro de 2014, dos resultados da última enquisa do IGE sobre o uso do galego, puidemos ver como as nosas institucións tentaron ocultar a verdadeira e crúa realidade, deformándoa e adaptándoa ao seus espurios intereses.O certo é que non é preciso coñecer os resultados da enquisa para decatármonos do descenso brutal no uso do galego, nomeadamente entre as novas xeracións. Abonda con darmos un paseo pola rúa, acudirmos ao parque onde xogan os máis pequenos ou entrarmos nas aulas de calquera centro de ensino, sempre que levemos o oído atento. Mais, coa publicación destes datos tivemos a constancia documentada de que a nosa lingua propia deixou de ser a lingua habitual da maioría da poboación, como era até este momento, e de que en dez anos descenceu en 13 puntos a porcentaxe de uso. Unha vez comprobado isto, parece que non debería quedar lugar para a tranquilidade, pois resulta evidente que, despois de 12 séculos de existencia, o galego está finalmente situado nun perigoso punto de inflexión, con dous posibles camiños: ou ben se convirte en lingua residual (como xa o é entre os menores de 16 anos nos ámbitos urbanos) e acaba por desaparecer, vítima da diglosia, dos prexuízos e das malas políticas; ou ben, viramos a situación, transformamos a realidade.É evidente cal é a opción dos nosos dirixentes. Dise ás veces que as políticas lingüísticas non tiveron o efecto desexado; e, certamente así é para os que queremos futuro para a nosa lingua; mais, se atendemos ao cumprimento dos verdadeiros (e ocultos) obxectivos que a Xunta de Galiza se fixou nos últimos cinco anos, hai que recoñecer que as súas políticas resultaron eficientes: conseguiron, tal e como se propoñían, o desmantelamento do PXNL e de todos os acordos que a respecto da lingua tomaran os gobernos anteriores, levando adiante un proxecto premeditado e deseñado de destrución de todos e cada un dos nosos sinais de identidade, moi especialmente a nosa lingua . Non se pode entender doutro xeito o “Decretazo” do ano 2010 (en que se limita ou se prohibe explicitamente o uso do galego como vehicular no ensino), ou a Lei da Función Pública, na que se elimina a esixencia de coñecemento do galego para o acceso ás prazas, por poñer dous sonados exemplos. Ademais, a propia Xunta de Galiza encargouse de difundir unha imaxe negativa da nosa lingua e cultura, co obxectivo de reavivar antigos prexuízos: cando nos din que o galego nos ensimesma e nos illa do mundo están a nos dicir aquilo tan vello de que o galego é propio de pailáns e de paletos, de xentes que non teñen aspiracións de modernidade nin de universalidade.Mais os dirixentes do noso goberno saben ben que non poden revelar as súas verdadeiras intencións: a cidadanía non permitiría tal actitude. Polo tanto, teñen que intentar disimular o que están máis que fartos de saber: que as cousas van mal para a nosa lingua. Entón permítense o luxo e a desvergoña de interpretar a verdade ao seu interese, sen o máis mínimo pudor en revirala, en envorcala co de dentro para fóra. E así fan declaracións, como as realizadas polo Secretario Xeral de Política Lingüística, afirmando que a situación é mellor do que nunca foi, que todo vai estupendamente. Mesmo interpreta “á súa maneira” os datos tan incontestábeis do IGE: a porcentaxe dos que falan galego habitualmente baixou do 57% en 2001 ao 44% no 2014; pois ben, di que, se a estes lles sumamos os que declaran falar galego “algunha vez”, xa nos dá un 89% de galego-falantes, o cal está estupendamente… Coma se non soubésemos ben o que quere dicir nunha sociedade que vive inmersa nun conflito lingüístico entre unha lingua que ten o prestixio e mais unha lingua minorizada o que quere dicir falar esta lingua “algunha vez”! Tamén afirman que o coñecemento do galego acada valores mellores que nunca, coma se non soubésemos ben que unha cousa é a competencia e outra cousa é o uso; é dicir, non por sabermos unha lingua a imos utilizar, se non temos incentivos que nos animen a facelo ou se non percibimos que esa lingua é útil ou valorada socialmente. Tamén teñen a insolencia de cargarlles a culpa ás familias, por non lles falaren galego ás súas crianzas. Como se non soubésemos que os cidadáns actuamos con respecto aos valores que se nos transmiten e que se os pais e nais decidiron romperen a transmisión interxeracional do galego, seguramente non é por casualidade, senón porque as institucións públicas non lles están axudando a superaren os séculos de prexuízos lingüísticos que pesan sobre todos nós. A normalización lingüística é unha responsabilidade das institucións e son elas as que teñen que levar adiante as accións precisas para transformar as actitudes das sociedade.A nosa lingua é a expresión máis íntima da nosa particular interpretación da realidade; é a maneira en que nós, galegos e galegas, expresamos a nosa cultura e comprendemos o mundo que nos rodea. Non podemos abandonar o noso idioma; porque, se o fixeramos, deixariamos de ser quen somos. Polo tanto, cómpre que loitemos coas armas colectivas da mobilización social para manifestarmos o rexeitamento que nos producen as políticas encamiñadas á nosa propia destrución. Pero, é posible aínda transformar a situación, invertir o proceso e normalizar a nosa lingua? Por suposto que si: mais para que iso aconteza é preciso que as actuais políticas lingüísticas muden e que os nosos representantes públicos cumpran por fin coa súa obriga de promover verdadeiramente a normalización do galego, obriga que vén recollida no propio Estatuto de Autonomía e na Lei de Normalización Lingüística. Mais somos nós, os cidadáns e cidadás quen temos que facer posible que isto aconteza. E para iso, comezaremos por manifestar o noso total rexeitamento á actual política lingüística da Xunta de Galiza. Por iso a Plaraforma Cidadá Queremos Galego convoca a todos os galegos e galegas a unha manifestación, que agardamos que será multitudinaria, en defensa da nosa lingua. Terá lugar o día 8 de febreiro ás 12 do mediodía en Santiago de Compostela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario