Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 20 de xaneiro de 2015

A Biblioteca Virtual e a nova aposta polo científico

por Fernando Moreiras, nas Voces de Prolingua:

A Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos é ben coñecida por ofrecer desde hai máis dunha década, de xeito gratuíto e a través de internet, unha chea de obras literarias traducidas á nosa lingua. Pero este ano, como novidade, decidimos saír da nosa zona de confort e facer unha incursión nun eido que destaca por unha moi reducida presenza do galego e que, desde o noso punto de vista, require un esforzo de normalización: o mundo da ciencia.
Nun principio pensamos na tradución de textos científicos clave e incorporalos en BiVir xunto coas demais obras; mais concluímos que estas traducións non chegarían a un público moi amplo e optamos por enfocar a cuestión cun obxectivo moi distinto: dirixírmonos aos galegos máis novos, encararmos a ciencia desde a base e facermos traducións de divulgación científica. Pero os tempos cambiaron moito, e o labor divulgativo que antes adoitaba facerse a través de libros ou revistas agora trasladouse a internet, e ten un enorme predicamento tanto nas webs de distintas institucións como en canles independentes de YouTube. Aí poderiamos chegar aos científicos do futuro, no medio que lles resulta máis natural, coa frescura e axilidade que buscan, e transmitíndolles a mensaxe de que o galego tamén é unha lingua para a investigación e a tecnoloxía.
Por iso demos inicio a unha serie de subtitulacións de vídeos divulgativos de moi distintas características: ciencias puras, ciencias da vida, ciencias sociais; temas moi serios e cousas moi curiosas, mais sempre con rigor e afán didáctico. O proxecto aínda está dando os seus primeiros pasos, mais xa podedes ver unha pequena mostra do que aspiramos a ofrecer na seguinte ligazón: http://tradutoresgalegos.com/documentos/videos.htm
Se tedes conta en YouTube e configurades o galego como idioma por defecto, os subtítulos xa aparecerán de forma automática nas vosas pantallas; se non é o caso, abonda con que fagades clic na pequena icona da engrenaxe e elixades a opción «Galego» no menú de subtítulos. Con isto xa podedes empezar a descubrir novos mundos dun xeito divertido e na nosa lingua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario