Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 10 de xaneiro de 2015

Axudas aos ENDL que non axudan aos ENDL

A Orde da convocatoria de axudas para as actividades dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) para o curso 13-14 publicouse no DOG onte, 9 de xaneiro. Tendo en conta os prazos necesarios para todos os trámites é de esperar que a finais de abril os centros poidan coñecer unha aproximación da dotación orzamentaria que terán para este curso que comenzou hai catro meses. Con esta carta de inseguridade na man poderán levar a cabo algunha actividade para celebrar o Día das Letras, ad maiorem Dei gloriam. Finalmente a principios de xuño os membros dos ENDL terán coñecemento de se o gasto feito o mes pasado aínda a cegas, pode ser pagado, ou non, a cargo da axuda solicitada pois con algo de sorte por esas datas sairá publicada a resolución definitiva.
A pregunta xurde de forma natural. Se os trámites administrativos precisan de prácticamente cinco meses, por qué non se fai a convocatoria a principios de curso? Ou, cal é a razón de que non se fagan convocatorias bianuais para poder afrontar unha planificación normalizadora coa seguridade de ter un determinado presuposto? Tamén se poderían asignar aos ENDL unhas cantidades a principios de curso en función da matrícula do centro e a dotación do curso anterior. Hai alternativas e non se aplica ningunha. Todo é vello e mal amañado.
A única xustificación a este retraso podería ser que as convocatorias teñan grandes modificacións dun ano para outro. Vexamos. Ao compararmos a orde deste curso coa do curso pasado  observamos os seguintes cambios:

  • Nun lugar substitúsese "dito decreto" por "devandito decreto", noutro "alternativamente" por "opcionalmente".
  • Hai un par de engadidos sobre información e presentación da documentación na sede electrónica da Xunta nos apartados 6.2 e 7.2.
  • Os cambios máis importantes están no apartado de baremacións das solicitudes. Se o ano pasado había oito ítems a avaliar que se valoraban de 0 a 3 puntos, na convocatoria deste curso redúcense a seis as variables avaliables que se valorarán entre 0 e 4 puntos. Por unha banda o que se fixo foi especificar a forma de puntuación a diversificación na tipoloxía de actividades programadas polo ENDL, e isto pode considerarse unha mellora pois clarifica como se debe realizar a puntuación. Pola contra elimináronse dúas variables que agora non se terán en conta:
  • Viabilidade e adecuación do proxecto para incidir nos usos reais, orais e escritos, da comunidade educativa.
  • Grao no uso das competencias activas da lingua, con especial atención a aquelas que fomenten a oralidade.


Así que os esforzos para programar actividades que teñan incidencia na praxe normalizadora ou que atendan especialmente ao uso oral non serán tidos en conta para puntuar no baremo deste curso.

Para acabar de ver a dimensión do maltrato á normalización nos centros de ensino, basta con botarlle un ollo á dotación orzamentaria que lles chegará aos ENDL a final de curso. Prácticamente todas as cantidades están entre os 200 e 400 €. Hai cinco anos o rango estaba entre os 650 e os 1300 €. E non todo son cuestións económicas. Parece que á SXPL se lle esqueceu programar cursos de formación para os membros dos ENDL.

Isto que se debullou aquí non son máis que unhas poucas pingas da política lingüística que se está a desenvolver nos últimos anos. Por éstas e por moitas outras razóns os profesionais do ensino encargados da normalización e agrupados na Coordinadora Galega de ENDL emitiron a principios de curso un comunicado  pedindo a demisión do secretario xeral de política lingüística, comunicado que penso debemos ter máis presente.
Teño por certo que no caso de que chegase tal dimisión as cousas non cambiarían substancialmente en nada, por iso cando se chega a un extremos coma éste, non se está a pedir un cambio de caras, senón que o que se se precisa é un cambio completo de orientación. Temos aquí un caso concreto, o do funcionamento dos ENDL. Alén de poñer problemas ao seu funcionamento, non se fixo ningunha outra cousa nos últimos cinco anos. Ante este panorama creo que a resposta dos ENDL debe pasar, polo menos, en non colaborar activamente en ningunha das (poucas) propostas que saian do forno frío da SXPL.

2 comentarios:

  1. A resolución da convocatoria para EDL fana así moi tarde a propósito para que ao longo do curso non se saiba o diñeiro que van ter e por tanto non poidan programar a partir dunha cifra concreta. Ten en conta que o diñeiro que teñen as bibliotecas sábese a comezos de curso e o que teñen os clubs de lectura sábese durante as vacacións do Nadal.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Efectivamente, moi bo exemplo o das bibliotecas.
      Sacar a estas alturas a convocatoria leva a que a resolución (provisional) chegue xusto para o 17 de maio, que é ao que pretenden reducir a normalización: a un día (festivo).

      Eliminar