Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 15 de xaneiro de 2015

Carta aberta ao Conselleiro de Cultura

Pouco antes do nadal faciamos referencia ao premio Martín Códax outorgado ao grupo estradense Nao (por certo, este grupo nunca foi reclamado polo Concello para actuar en ningún acto ou festa). Esta carta que recollo aquí tráenos á memoria outra de Agustín Fernández Paz, cando rexeitou recibir os deturpados  Premios da Cultura 
por Pablo Carracedo (Jasper), cantante do grupo Nao, en Atlántico.net:

Hai uns días recibimos no correo da banda unha carta de felicitación asinada por Jesús Vázquez Abad (Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) por ter recibido o Premio Martín Códax da Música Galega. Esta é a nosa resposta, a cal queremos facer pública:Sr. Conselleiro, dende NAO querémoslle devolver esta carta de mera cortesía. É evidente que non coñece o percorrido da nosa banda, nin que cantamos, nin que pensamos. É evidente tamén, que estas cartas prefabricadas carecen completamente de sentido a estas alturas da súa carreira política. Só denotan a súa falsidade e falta total de ética.Como mestre que son, levo padecendo a súa mediocridade como conselleiro máis de cinco anos. Vin como foi quen de menosprezar constantemente a nosa labor docente e facer os maiores recortes en educación que vivín en toda a miña carreira. Como centros de ensino nos que traballei con multitude de alumnos/as con dificultades perderon profesorado polas súas políticas de despilfarro no privado e recorte no público. Polo seu decreto de imposición lingüística teño prohibido darlles as aulas de matemáticas en galego ao meu alumnado, facéndoos analfabetos lingüísiticos nesta materia. Como a estas alturas xa imaxinará, é unha orde que loxicamente desobedezo. Vin nestes sete anos como continuamente se sacaba a foto nos centros públicos mentres os recorta e premia aos privados. Os meus compañeiros/as de maior idade califícano como o peor conselleiro de educación da historia da Xunta de Galicia. En NAO temos unha canción titulada “Pedagoxía do opresor” que explica claramente o que pensamos da súa política educativa. Os seus actos pasarán factura nas vindeiras xeracións de fracasado escolares, excluídos sociais e analfabetos na lingua propia. É por isto polo que vostede pasará a historia. Podería seguir, pero imos a centrarnos na parte cultural.Como Conselleiro de Cultura os músicos e músicas galegas levamos tamén padecendo a inutilidade do seu cargo dende o seu nomeamento. Os que realmente loitamos porque a cultura galega sobreviva e medre, vemos como o goberno da Xunta de Galiza do que vostede é parte activa, despilfarra millóns de euros en negocios e eventos de “amiguetes”. Como gastan centos de miles de euros en enclaustrar na súa Cidade da Cultura actividades doutras nacionalidades e incluso propias, con mínimo seguimento do público. Sofremos as rebaixas en orzamento para os festivais e como se lle negan as axudas, poñendo trabas continuas aos eventos culturais de base: festivais, centros sociais, salas, asociacións culturais... Non esquezemos que os eu partido político, o Partido Popular, incrementou o IVE para as actividades culturais.Señor Conselleiro, vostede é a antítese do que nós defendemos: cultura libre, liberadora e popular; mais imos aproveitar esta misiva para darlle un par de consellos por se desexa recollelos:Os músicos e músicas galegas queremos que se cree unha infraestrutra musical que permita que nazan novos talentos e que os xa existentes teñamos a oportunidade de chegar ó gran público. Rematen xa co lixo “cosmopaleto” que invade a nosa televisión pública e abra a nosa canle ás bandas galegas e especialemente aos que o facemos en galego. Creen programas de música en directo, literatura, teatro... Déannos proxección pública no resto de programas culturais e de entretemento.Actualicen e fagan atrativo o Xabarín Clube e que novas bandas saian alí cantando na lingua propia para que os nosos cativos e cativas teñan un espello no que verse reflexados e se sintan orgullosos e orgullosas de falar galego.Faga as xestións oportunas para que bandas como a nosa sonen na radio pública a calquera hora do día e non nos encerren a altas horas na segunda canle. Promocionen o propio e deixen de gastar millóns en grupos foráneos.
En definitiva, cambie de mentalidade e comece a facer país. Como dí un moi bo amigo da banda: “Somos un pobo de artistas!”. Somos ricos en cultura. Con actuacións como a súa por acción ou por deixazón están empobrecendo a cultura do noso país.
Non queremos o seu agradecemento por este premio. Queremos que o ano que vén se retransmita en directo a gala dos Martín Códax. Temen que os galegos e as galegas abran os ollos? Temen a crítica cobardemente porque saben que as súas actuación son ilícitas e carentes de toda ética? É por iso que agochan na CRTVG toda oposición?
Non queremos subvencións de amiguete, queremos que se faga posible unha rede de ensaios, salas, festivais... nas que a nosa música poida estar presente. E fagan que a CRTVG cumpla a función para a que foi concibida e cubra a maior parte do seu horario con bandas galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario