Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 3 de xaneiro de 2015

A situación do noso idioma: o fondo da cuestión

por Francisco Rodríguez en Terra e Tempo:


Por máis que é gastado, repetido e esperábel, non me acabo de habituar á hipocrisía e ao cinismo de quen, mantendo unha posición de hostilidade obxectiva contra o idioma do país ou simplemente dedicándose a marear a perdiz, a través do confusionismo verbo da situación lingüística na Galiza, aparentan estar conmovidos, sorprendidos ou preocupados cando a correspondente enquisa, neste caso do IGE, pon en evidencia o acelerado retroceso de usos do galego nos últimos anos, en particular. Especialmente irritantes foron as ladaíñas, que supuraban ao mesmo tempo unha dose descomunal de desvergoña e incuria intelectual, do presidente da Xunta, do Conselleiro de Educación, do Secretario Xeral de Política Lingüística e do Presidente da Real Academia Galega. Parece como se os dados nada tiveran que ver coas políticas que, desde as institucións, se encargan de promover con saña inusitada, até o extremo de privar o noso idioma do osíxeno que unha administración pública autonómica, minimamente identificada co país, debería fornecerlle. Non son precisamente esas políticas, de protección e amparo para os seus usos, como idioma oficial que teoricamente é, senón de acoso e derrubo, de marxinación absoluta, mesmo no sistema educativo, un dos servizos públicos considerado normalmente como lugar privilexiado para dotar de competencia lingüística na lingua propia e para restaurar o seu uso nas novas xeracións. Non imos describir a penosa hexemonía do español como lingua docente real en todos os chanzos educativos, sexa cal for a lingua familiar ou social do alumnado, nin imos denunciar a nula, por proscrita, desautorizada e reprimida, política favorábel a posibilitar a restauración de usos do noso idioma en todas as funcións e en todos os ambientes. Nunha sociedade onde a Administración de Xustiza é a primeira en pasarse polo forro os dereitos lingüísticos dos utentes conscientes do galego, que se lle recoñecen a un estranxeiro en relación co seu idioma, nun proceso xudicial, non cabe confusión sobre o que pasa. Mesmo esa Administración pode, paradoxalmente, violar con contumacia a legalidade en materia de toponimia, nas súas sentenzas xudiciais, deixando claro quen manda e a súa disposición intransixente a españolizar todo, sen que quede oco para a diversidade orixinaria sequera como unha pegada. Non vou falar do que pasa na vida social e, moi en particular, das posibilidades de procurar traballo: como norma, non hai empresa mediana ou grande onde a pretensión, xa de por si épica pola súa escaseza, de achalo sen agachar o galego, sexa verificábel. Quen fixo ou fai uso do noso idioma en todos os ambientes e para todas as funcións é consciente da súa exclusión, do seu desamparo e da potencial conflitividade que debe asumir en moitos contextos. Só non ve esta realidade quen non a vive porque non o usa ou limita o seu uso a situacións coñecidas, controladas e sen interrogantes.

Comezarei por unha aseveración que, non por contundente e brutal, deixa de ser certa. Malia ser certa, como se mostra crúa e política, no sentido máis fondo e complexo da palabra, custa aceitar ou asumir pois, normalmente, a tendencia é a fuxir das realidades conflitivas, alén de a percepción das conexións do individual e do colectivo estar sempre dificultada para o suxeito que as expresa na súa conduta, neste caso lingüística, por motivos moi diversos de carácter psicolóxico e ideolóxico. Desde logo, o poder político antigalego, as forzas que exercen o seu dominio sobre a sociedade galega, téñeno claro: a política lingüística que favorece a restauración de usos e a presenza do galego en todos os ambientes e para todas as funcións está contraindicada co papel que Galiza cumpre dentro de España; é unha conduta que discute a hexemonía do español dentro de Galiza, que aspira a ocupar espazos que reducen a subordinación ao idioma do Estado e o seu dominio. Nunha palabra, é un instrumento para a mudanza da conciencia colectiva que atinxe á realidade global, a dunha estrutura estatal xerarquizada, onde só cabe a subordinación cultural e lingüística, corolario doutro tipo de subordinacións. Velaí o porque da política lingüística levada a cabo en máis de trinta anos de marco autonómico, agás algún curto período de lixeira rectificación. Contra este tímido intento desataron os poderes reais unha artillaría pesada que chegou mesmo á debuxar unha realidade invertida: o galego é unha lingua de imposición. A esta manipulación colaboraron medios de comunicación, axentes económicos e sociais e partidos políticos que serven á dependencia e á subordinación de Galiza. O máis beneficiado eleitoralmente foi quen está agora no goberno da Xunta e de España. Nunca foi tan clara a aplicación dun deseño que non deixa espazo para a normalidade das linguas que non sexan o español. Resulta letal, se, como no caso de Galiza, se executa ademais, non xa sen resistencia, senón con entusiasmo, desde o interior, desde a Administración Autonómica. Á luz deste proceso e desta dialéctica, pódense esperar outros resultados nas enquisas sobre a evolución de usos do galego a nivel xeracional, territorial e funcional? De dárense, sería un milagre que chocaría coa dinámica dos fenómenos sociais e a súa causalidade material. Un imposíbel. Con outra política lingüística, favorábel ao galego, dentro do actual marco político, cultural e económico, o idioma resistiría mellor, dificultaríamos a asimilación, teríamos máis utentes conscientes, produciríase máis transmisión xeracional, a presenza social do galego tería máis amparo. Porén, unha restauración idiomática plena, necesita dun marco legal diferente, alén dunha mudanza da dependencia económica e política, unha quebra da subordinación de Galiza.

A realidade contundente e brutal consiste en que hai unha subordinación de Galiza respecto do Estado, de todos os seus poderes e instrumentos, que soportan materialmente a idea de España. Naturalmente o seu dominio e a nosa subordinación transmítense nunha estrutura organizativa social básica do país, que é o idioma, no seu estado e na súa forma de manifestárense os seus uso individuais. Os usos do noso idioma están determinados e configurados socialmente polo dominio do español. Existe unha estrutura do dominio lingüístico que se pode definir e describir. Nela o galego ocupa un papel subordinado, como dominado, discriminado e marxinado, xa que é símbolo dunha realidade nacional propia, estigmatizada como se quedase ancorada nunha sociedade agraria desvalorizada, atrasada, mesmo non existindo esta xa, con significativa magnitude. Todo isto sábeno moi ben, os poderes políticos e económicos que controlan Galiza, os gobernantes como Feixóo. Para eles é vital, pois están ao servizo dun deseño alleo, que a estrutura do dominio non mude. Por iso empeñáronse, de forma agresiva, en escorrentar calquera tímido intento de impulso do noso idioma na práctica, chegando mesmo á inversión da realidade tamén no terreo teórico, mudando o oprimido en opresor, nos seus discursos políticos. Causa estupor e rabia escoitar estes tipo de personaxes argumentando, á luz dos negativos dados sobre a saúde social do galego, que non hai que facer política coa lingua...

Teremos que insistir máis unha vez en que, nunha estrutura de dominio e opresión lingüística, as opcións individuais do uso dos idiomas en relación de dominante/dominado non poden ser consideradas como libres, no sentido de expresaren sempre unha vontade de actuación consciente e non condicionada por circunstancias sociais. Nestes contextos non se escolle entre modelos con valores do mesmo rango e igual xerarquía nin á marxe do que fai o interlocutor. Ocorre que o idioma propio non está favorecido polas tendencias sociais e colectivas promovidas e impulsadas desde todos os poderes estatais e desde os poderes fácticos que o sustentan. Quedou fóra, á marxe, do acceso á modernidade da denominada sociedade capitalista industrializada, dos dereitos e deberes cidadáns que o Estado define. A sociedade galega, o pobo galego, como dependente, foi organizada en base a un idioma alleo de rango e xerarquía política superior. Atribuír o abandono do idioma propio á liberdade de opción é unha mistificación. Nunca, e agora tampouco, existiu a posibilidade de integración, de acceso á xerarquía e ao rango superiores, á normalidade social e política, se non se fai renuncia explícita práctica á lingua propia do país, en maior ou menor medida. Ela non simbolizou nin simboliza ningún poder en ascenso. Apanda con todos os estigmas do rango inferior, subordinado e dominado. A renuncia responde, pois, a unha corrente de imposición, esta si, histórica e de dominio social. O Estado español basea a súa lexitimidade nunha lingua, cultura, nacionalidade e historia únicas. Polo tanto, sen procesos de exclusión non hai abandonos lingüísticos, e para que haxa exclusión ten que haber discriminación, desigualdade, ocultación.

É unha verdade incuestionábel que un pobo, en canto organización social e cultural diferenciada, que non conte cos dereitos básicos, que só un Estado propio fornece, un deles a oficialidade real do seu idioma, non pode manter o seu idioma indefinidamente. Forzosamente ten que entrar nun proceso de asimilación lingüística que durará máis ou menos, pero que só se poderá inverter se se rompe o dominio e se promoven mudanzas que alteren as condutas lingüísticas establecidas en función da subordinación e da dependencia. Entendemos entón por que o normal, no sentido do que dita a norma do dominio e da subordinación, é que, se alguén fala español, por moi galego que sexa, a tendencia maioritaria é que se lle responda en español, por moi galegofalante que se sexa na casa, cos familiares ou coñecidos? Explicámonos logo por que moitos utentes do galego nos seus ambientes familiares ou coñecidos prescinden do idioma cando fan algo serio e formal, non coloquial, ou cando entran en contacto con ambientes e interlocutores vinculados ao mundo de rango e xerarquía superiores? Decatámonos de que xa é moi normal o hibridismo lingüístico en cartaces e folletos de festas populares, como se o noso idioma, de usalo por escrito, non debéramos facelo en exclusiva? Sempre a dependencia e a subordinación está detrás.

Todos os analistas recoñecen que a diferenza cultural é universal. A maioría admiten que a globalización implica a destrución ou redución da diferenza cultural por aniquilación de moitas linguas e culturas. Moitos consideran o nacionalismo unha reacción á globalización ou ao imperialismo global. Dentro desta reacción política ubican o programa reivindicativo de linguas e culturas propias de pobos sen Estado. Para subsistiren necesitan o instrumento que o Estado político representa, dárenlle elas a lexitimidade, como forma de organización social e nacional, seren fundamento de cidadanía e de dereitos. Reducir a cuestión da lingua á ideoloxía nacionalista é esquematismo, mais prescindir do nacionalismo para explicar, fundamentar ou esclarecer a vitalidade pasada e presente e a perspectiva futura do idioma é unha impostura, unha liquidación contra natura. É máis, o espazo social e cultural da lingua galega está en conexión directa con dous principios básicos do nacionalismo, a autoorganización e a autodeterminación, vistos xa desde unha perspectiva individual, xa desde unha colectiva. A definición consciente de espazos de usos, a forma de organización lingüística social, a vontade de emprego do idioma contra o dominio e a subordinación condúcenos a eses principios.

Mais, vaiamos ao problema da diferenza cultural e lingüística ou, noutros termos, da similitude cultural e lingüística. No caso galego está inzado de graves interferencias que pretenden minorar o conflito existente e mesmo agochar o dominio e a subordinación. Cal é a nosa similitude cultural e lingüística? Houbo unha etapa histórica en que estaba moi claro que había unha similitude lingüística e cultural con base na sociedade agraria. O grave é que a similitude cultural e lingüística para construír Estado, dereitos, modernidade, industrialización, foi estranxeira, estraña. Só asimilándose a ela podíase entrar na cidadanía, nos dereitos que a nova organización social e cultural ofrecía. Este factor de estranxeirízación, de similitude cultural con algo alleo, é unha das vías para a colonización. Unha nova noción de rango e xerarquía era incompatíbel coa similitude cultural e lingüística da propia sociedade, agraria basicamente. Estableceuse así a dicotomía xerarquizada e desigual, a que provocaba o dominio, entre galego e castelán, Galiza/ España, como a antítese atrasado e bárbaro/ moderno e civilizado. Dicotomía que se estableceu tamén internamente no seo da propia sociedade como forma de afastarse e estrañarse das maiorías sociais que se mantiñan na discriminación e na subordinación, coa súa similitude cultural e lingüística como estigmas. Deste xeito debeu comportarse a minoría de axentes locais do Estado ou do Imperio, vinculados aos seus aparatos, á súa estrutura de poder, á lexitimidade política, asimilados para poderen desempeñar estas funcións. Foi precisamente a falta de relevancia social significativa desta discriminación interior como factor ideolóxico e político para decatarse da colonización exterior, estraña, o que impediu que se abrise paso unha conciencia nacionalista. O mundo agrario, labregos e, en parte, sectores da fidalguía mantivéronse como unha poboación autóctona incapaz de pór en valor a súa similitude cultural e lingüística maioritaria. A tendencia foi a ver a minoría asimilada como expresión puramente clasista dunha opresión interna, por máis que representase a un Estado opresor e asimilista. Esta dualidade hoxe sigue viva, con matices moi curiosos, na nosa sociedade, pois non existe xa sociedade agraria no sentido estrito do termo, fronte á denominada sociedade industrial, moderna, do Estado. Porén quedou como un valor simbólico, imaxinario, galego, rural, atrasado/ castelán, urbano, moderno… Galiza/ España. Habería que falar de cómo se insire nesta dicotomía, o relevante hexemonismo global da lingua inglesa e da cultura anglosaxona. En todo caso, antes a mobilidade social expresaba ou exteriorizaba tamén unha mudanza da similitude cultural propia para pasarse a allea; agora esta mudanza da similitude cultural non leva ou comporta mobilidade social xa, polo tanto é máis compensatoria que real. Indica a fonda desvalorización da realidade propia, así como o papel ideolóxico da identificación coa estrutura de poder que o Estado español, por asimilación e intermediación, símbolo do global, significa. Efectivamente podemos falar dun forte anonimato, da falta de relevancia social que ten a mudanza lingüística en curso en relación coa mobilidade social. Desde logo, non ten nada a ver coa mobilidade social que se produce, segundo os sociólogos nas sociedades industriais, que tampouco Galiza é en puridade. Parece claro que, no imaxinario colectivo maioritario, a cidadanía política, a pertenza plena ao Estado e a súa lexitimidade, só pode vir dada por unha lingua e cultura determinada a hexemónica, superior, dominante, a española.

Ningún comentario:

Publicar un comentario