Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 24 de xaneiro de 2015

Primeira sentenza en lingua galega

por Xosé Rodríguez González no Galicia Confidencial


Hai trinta anos a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña ditaba a primeira sentenza en lingua galega. Formaban a Sala os maxistrados Ricardo Leirós Freire, Claudio Movilla Álvarez e Gonzalo de la Huerga Fidalgo. Este documento xurídico é un fito histórico que ten, como os grandes acontecementos, a súa propia intrahistoria. Cóntollela; pero antes cómpre que fagamos memoria: o derradeiro instrumento xurídico escrito en lingua galega é de 1532, relativo a un foro do mosteiro de San Clodio. A partir dese ano por razóns ben coñecidas o noso idioma deixouse de usar nos documentos legais. Foron catro séculos e medio de marxinación.Cales foron entón as razóns que motivaron á Sala do Contencioso para que publicase o vintesete de marzo de mil novecentos oitenta e cinco unha sentenza ( núm.248) en lingua galega?. Servidor, que por eses anos xa tiña varias frontes abertas para dinamizar o uso da lingua galega nas administracións públicas, propúxolle ao admirado amigo Claudio Movilla que elixise calquera dos litixios nos que o Concello de Redondela fose parte para ditar resolución en galego; iso si,díxenlle, que sexa un caso favorable ao demandante.
Conseguido o obxectivo acabou con el o mito do imposible, e deixabámoslles as portas abertas ás corporacións locais e aos particulares para que puidesen exercer o dereito recoñecido polo art. 7 da Lei 3/1983 de normalización lingüística: “ 1.No ámbito territorial de Galicia, os cidadáns poderán utilizar calquera das dúas linguas oficiais nas relacións coa Administración de Xustiza. 2. A parte ou interesado terá dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa”.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia mobilizou entón ás corporacións locais para que aproveitasen o marco legal e así potenciar a lingua galega en todos os ámbitos tal e como lles encomenda aos poderes público o Estatuto de Autonomía para Galicia ( art. 5.3). A mesma acción dirixímola ás centrais sindicais, posto que elas poderían facer posible a galeguización da xurisdición laboral. Agás unha, que deu instrucións aos seus asesores para que utilizasen a lingua galega perantes os xulgados do social, as outras aínda non o fixeron hoxe.
O problema da galeguización xurídica e xudicial é moito máis complexo que o que esquematicamente apuntamos nesta breve colaboración. Certo, pero iso non impide que apelemos ás institucións públicas e outras entidades, e aos cidadáns que asumen o discurso da identidade, para que sexan coherentes e exerzan o dereito a utilizaren a lingua galega nas relacións cos órganos xurisdiccionais e demandar deles a reciprocidade.
O fomento da lingua galega ten nas actitudes persoais grandes potencialidades. Hai que ter vontade para sabelas usar con acerto. Os debates sobre este asunto non sempre son atinados, porque non suscitan o interese dos cidadáns. Hai que cambiar de método. Sobra ideoloxismo e bótanse en falta a imprescindible pedagoxía social, propostas imaxinativas e o maxisterio socrático de todos para convencermos a amplos sectores da sociedade da utilidade da noso idioma. Polemizar ou polinizar,velaí o dilema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario