Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 31 de xaneiro de 2015

O galego dá vida, pola vida do galego

Declaración institucional da Real Academia Galega (web, pdf)

Grazas aos esforzos de innúmeras persoas e colectivos e contra os desatinos da historia, o galego conseguiu manterse e soerguerse, superando séculos de marxinación e décadas de persecución. Nunca agradeceremos dabondo a xenerosidade, a afouteza e a visión de futuro de moitos galegos e galegas que foron quen de rescatar o noso idioma da prostración e de facelo pular nos distintos ámbitos, da creación literaria aos medios de comunicación, o ensino ou os diversos ámbitos profesionais. Eses esforzos son a mellor mostra da adhesión do pobo galego cara ao idioma de seu. Estamos certos de que a inmensa maioría das xentes do país –independentemente da súa ideoloxía ou mesmo do idioma que falan– valoran a lingua, téñenlle lei e desexan que siga vivindo. Nesa certeza descansa a nosa confianza no seu futuro.

Con todo, os datos estatísticos recentemente publicados veñen apuntar un preocupante retroceso do seu uso nos últimos anos, especialmente entre as novas xeracións, agravando unha tendencia histórica que pode conducilo á decadencia. En cumprimento dos seus deberes estatutarios, a Real Academia Galega, ante a alarma que estes datos provocaron en amplos sectores da nosa sociedade, decidiu facer pública a seguinte declaración institucional:
1.- O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade en 2004 un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que viña concretar as previsións da Lei de Normalización Lingüística. É responsabilidade do goberno galego asumilo, poñendo en marcha as medidas previstas nel dun xeito programado, verificable e suxeito a avaliación. Non se pode demorar por máis tempo o momento de emprender iniciativas concretas con prazos precisos. Instamos a que o mesmo consenso político que posibilitou a aprobación da Lei e do Plan citados impulse agora a súa plena e eficaz implementación.
2.- O sistema educativo é unha peza clave para garantir o porvir do galego. A evolución dos últimos anos evidencia que os cambios legais non só tiveron resultados insatisfactorios, senón que supuxeron un retroceso evidente. No seu día, a RAG recorreu legalmente o decreto chamado de plurilingüismo aprobado en 2010. Hoxe, con máis razón, reclamamos a súa derrogación e o establecemento dun marco legal que permita unha presenza suficiente do galego no ensino, de acordo cos compromisos contraídos polo Estado Español na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.
3.- A infancia e a mocidade constitúen sectores prioritarios. É imprescindible darlles facilidades aos cativos e aos mozos para o uso do galego alén das relacións familiares e das aulas. Demandamos que se promova unha maior oferta televisiva, de produtos audiovisuais e de recursos, actividades e espazos de lecer en idioma galego específicos para a xente máis nova.
4.- A Universidade é o ámbito principal de formación de profesionais e da investigación do país. As universidades galegas están obrigadas a facer un esforzo a prol do galego na docencia e a fomentar as liñas de investigación en diversas áreas que contribúan ao seu pleno desenvolvemento como idioma útil e capaz de afrontar os desafíos do século XXI.

5.- A presenza do galego nos medios de comunicación escritos, audiovisuais e en liña non é proporcionada á que o idioma ten na sociedade galega. Urximos os medios, públicos e privados, a que contribúan positivamente á súa difusión, ao tempo que reflicten verazmente a realidade lingüística de Galicia.
6.- O desempeño do galego no ámbito empresarial, sindical, comercial, profesional e publicitario está moi por debaixo da súa utilización na vida real da maioría da poboación. Animamos as empresas, sindicatos, colexios e colectivos profesionais a que se adapten debidamente ao uso lingüístico de clientes, usuarios e públicos a quen dirixen os seus servizos. Exhortamos tamén a Igrexa, que goza dunha importante implantación social, pero que non responde ás propias proclamas oficiais de se comprometer a un maior uso do galego na liturxia, na predicación e na catequese.
7.- As institucións públicas deben garantir que os cidadáns e cidadás poidan ser atendidos en galego, e para isto é imprescindible recuperar un nivel proporcionado de esixencia de coñecemento e de emprego profesional del. Cómpre que o galego sexa debidamente requirido e valorado nas probas de acceso e promoción na función pública.
8.- A mellor garantía para a pervivencia e vitalidade do idioma é a transmisión das xeracións maiores ás máis novas e o compromiso individual de cada un dos falantes no seu uso. Convidamos os avós e as avoas, os pais e as nais a que empreguen a lingua propia do país nas súas relacións cos seus fillos e fillas, netos e netas, e animamos as persoas que recibiron o idioma en herdo a que se sintan orgullosas del e non renuncien a utilizalo na súa vida diaria. Asístenos o dereito a vivir en galego e esiximos que ese dereito sexa amparado e respectado.
9.- As institucións culturais teñen unha responsabilidade específica tanto no prestixiamento do galego coma na creación e a divulgación de instrumentos que faciliten o seu uso e melloren a súa calidade. A Real Academia Galega comprométese a cumprir as súas funcións coa maior dilixencia e ofrece a súa colaboración ao goberno galego e calquera outra instancia que llo solicite. En ningún caso a RAG vai declinar da súa obriga máis importante, que é a "defensa, ilustración e promoción da lingua galega" (art. 1º Estatutos).
10.- A sociedade galega leva investido unha gran cantidade de recursos, enerxías e ilusións na tarefa de normalizar o idioma propio. Ese esforzo non pode derramarse. A responsabilidade de seguir abríndolle o camiño é de todos e todas nós, pero son as institucións públicas e nomeadamente o goberno galego, as que contan cos recursos máis poderosos e os instrumentos máis eficaces para conseguilo, ademais de estaren legal e moralmente obrigadas a facelo. Urxe unha reflexión seria, cómpre un novo impulso para evitar o desafiuzamento do galego da súa propia casa, Galicia. Un marco normativo máis axeitado, pero sobre todo, un discurso renovado, positivo e proactivo. Correspóndelle á Xunta de Galicia tomar a iniciativa e liderar o esforzo social para seguirmos avanzando.
Unha lingua é un universo de seu, pertence ao mellor saber da humanidade. É unha ponte entre xeracións, un precioso elo coa historia e unha ferramenta valiosísima para o futuro, un medio de comunicación e tamén un recurso con valor emocional e económico. É un ben público, o máis semellante ao ar que respiramos. Temos un tesouro para compartir, sería imperdoable desbaldilo. Ter un idioma propio, orixinal, único, impón a obriga moral e práctica de conservar ese herdo para nós e para toda a humanidade. O galego non é un problema, é unha riqueza que non podemos estragar. Longa vida á lingua galega!

Ningún comentario:

Publicar un comentario