Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 19 de xaneiro de 2015

Galegofalantes: caza e captura do mohicano

por Miguel Rodríguez Carnota en Terra e Tempo:

O derrubamento do uso do galego entre as xeracións máis novas está a agravar dramaticamente a situación dos escasos galegofalantes que resisten en colexios e institutos de moitas vilas do país. Testemuñas que chegan de numerosos recantos confirman a emerxencia dunha paisaxe desoladora: institutos en lugares outrora galegofalantes onde xa ningún dos seus alumnos fala galego. Rapazas galegofalantes solitarias, marcadas socialmente, entre unha masa de alumnado lingüisticamente españolizado. Alumnas rurais que mudan de idioma á terceira semana de estadía no instituto da vila e que non volven recuperar o uso da súa lingua durante o resto da escolaridade. Adolescentes vilegos conscientemente educados en galego na familia, pero que usan o español en exclusiva no instituto por temor a ser marcados. Neofalantes por opción que afrontan en propia carne as actitudes excluíntes dos iguais e de sectores concretos do profesorado, xunto coa indiferenza cómplice do sistema. Estes son hoxe os rostros da traxedia lingüística que se desenvolve, diante dos nosos ollos, entre boa parte da nosa mocidade.


O proceso de substitución pasa e arrasa. Como o cabalo de Atila, deixa tras de si unha paisaxe de esperanzas rotas, submisións forzadas e estratexias de adaptación imperfectas. Cando unha rapaza fala galego na escola porque o fala na casa, ou porque libremente o decide, faino case sempre cunha vontade implícita de anonimato, de desvinculación a da súa conduta a respecto de calquera opción ideolóxica. É unha actitude que encarna o vello soño normalizador: que o idioma pertence a todas as persoas e que o seu uso non implica adscrición a ningún grupo específico, quer de idade, quer de estatus, xénero ou ideoloxía. Que falar galego non debe ser exclusivo de aldeáns, idosos ou nacionalistas.

Máis o soño rómpese de contado. Retar os marcos estabelecidos non é tarefa doada para ninguén e menos para adolescentes inmersos nun medio con comportamentos lingüísticos moi pautados onde, para alén de certos usos ritualizados en galego, mil veces por día mil sucesos proclaman que a lingua do poder é o español.

E o poder ataca desde arriba, pero tamén desde os lados. En cuestións de idioma, leva séculos facéndoo en Galiza e agora faino mellor e máis rápido. En certos contextos urbanos e vilegos o tradicional menosprezo cara o galegofalante, lonxe de ter pasado á historia, revive cunha nova fornada de prexuízo adaptada ás novas realidades sociais. O alcume de perroflauta convive co de pailán e a singular consideración social de nacionalista sobreponse á de aldeán. Un falseado criterio de utilidade imprégnao todo. A chamada presión social (en realidade, o discurso do poder que, ben cociñado a distancia, circula ilimitada e comodamente a través da sociedade) traballa cunha efectividade sorprendente, inversamente proporcional á idade do falante: canto máis novo, mais vulnerábel.

Vexamos as consecuencias. Unha diáspora de actitudes, que van desde a submisión ao adiamento, pon fin á experiencia adolescente de expresarse en galego. Por suposto, hai tamén quen, xa armado dunha ideoloxía de urxencia, rompe o molde, move os marcos, muda o guión preestabelecido e tira cara adiante cunha práctica lingüística diferente á do seu medio. Grazas a estes últimos o uso do idioma galego resiste, aínda que residualmente, entre a mocidade de moitas vilas e cidades. Mais non canten vitoria por isto: eles seguen, e moi especialmente, no albo do sistema.

O marco conceptual excluínte sobre o falante consciente e militante está a recibir contributos significativos, estratexicamente aireados a través dos medios. Como xustificación dos terroríficos datos do IGE sobre o uso do galego pola mocidade non falta quen lle atribúa un papel no desastre a quen lle pendura ao idioma unha determinada bandeira, sen preguntarse que poderosa causa histórica provoca que unha persoa haxa de brandir unha bandeira para defender unha lingua. O propio presidente da RAG tennos acostumados a corresponsabilizar da desfeita idiomática a quen ama demasiado o galego e, última e directamente, a institucións como a Mesa pola Normalización Lingüística.
Sería inxenuo ignorar que estas cargas de profundidade, por febles que sexan os argumentos nos que se fundan, están facendo sangue no corpo social, reforzando o estigma e dificultando a aparición espontánea de novos falantes. Quen controla os medios sabe como mudar os papeis do heroe e do vilán, e faino sen piedade. Hoxe o obxectivo a bater é o falante irredento, tanto o perigoso galegofalante con causa como o que non a ten. O esforzo, secular e pertinaz, por acabar coa nosa lingua entra hoxe nunha nova etapa: a da caza, captura e asimilación dos derradeiros mohicanos libres que, con bandeira ou sen ela, poboan as marxes do sistema.

Porén, nesta obra, ao contrario que no filme, o final está por escribir. E o drama, por tráxico que se nos presente, carece de papeis fixos. O indiferente de hoxe pode ser o normalizador de mañá; sobran exemplos. Quen traballa a pé de obra intúe que a solución que poña estima onde hoxe hai estigma terá a ver máis co cariño que coa raiba, máis coa intelixencia emocional que coa resolución xusticeira. A materia prima, a lingua galega, é de óptima calidade. A partir dela as persoas normalizadoras teñen por diante a apaixonante tarefa de facer nacer flores a cada instante. E hai moitas que o fan moi ben.

Unha necesidade urxente é, por suposto, a muda do marco legal que restitúa a honorabilidade social á lingua e aos seus falantes. Outra é que, sen confundir o obxectivo, saibamos poñer nome a quen se emprega a fondo na tarefa da desaparición planificada dunha lingua milenaria, secular proceso no que nada sucede por casualidade e que corre en paralelo ao borrado do mapa dun país outrora poderoso. Identifiquemos con precisión as súas estratexias, os seus modos, os seus axentes, as súas institucións, a secuenciación dos seus obxectivos, os fluxos de poder que, nacidos en laboratorios foráneos, nos atravesan de parte a parte. Que a practicidade das nosas accións non nos confunda nin nos borre a visión periférica para sabermos onde estamos e quen é quen nesta histórica batalla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario