Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 14 de marzo de 2010

Anxo Lorenzo contra o PP

No ano 2009, mesmo ano no que Anxo Lorenzo é nomeado Secretario Xeral de Política Lingüística, este profesor publica un artigo na revista Galicia 21 titulado A situación actual da lingua galega: unha ollada desde a sociolingüística e a política lingüística.
O seguintes textos son citas literais do que di Anxo Lorenzo nese artigo sobre a política lingüística dos gobernos do PP ata aquel momento. Para esta presentación actuaremos como se fixéramos unha entrevista. Nós preguntamos, e Anxo Lorenzo respondeu.

Díganos Anxo, cales foron as liñas directrices da política lingüística dos gobernos do PP ata o momento actual, isto é, entre os anos 1983 e o 2005.
O obxectivo xeral perseguido foi que o proceso de promoción do galego non lle afectase á posición social do castelán. Así, formuláronse actividades ingüísticas centradas en conseguir que os individuos modificasen os seus hábitos lingüísticos individuais para facelos máis favorables á lingua galega, como indicamos nos seguintes parágrafos, pero sen forzar situacións, procesos ou eleccións, mesmo nos casos de ámbitos legalmente regulados (por exemplo, no ámbito do ensino non universitario).

Si, pero fixéronse leis, e estas leis algún obxectivo normalizador terían
Non é preciso insistir en que tales obxectivos de procurar cambios individuais e de non vixiar excesivamente o cumprimento das normativas con repercusións lingüísticas respondían á lóxica coa que se aplicaba a ideoloxía do bilingüismo harmónico.

Podes explicarnos que era iso do bilingüísmo harmónico
Hoxe contemplamos este concepto como unha coartada ideolóxica empregada polos gobernos populares para ralentizar ou, simplemente, para non favorecer o proceso de revitalización da lingua galega.

Ben, Anxo, os medios políticos non foron nada favorables para a lingua galega nos gobernos do PP, no entanto, que pasa cos axentes implicados na normalización? Foron mobilizados, foron efectivos?
Con respecto aos medios humanos, constatamos anteriormente a escaseza de actores e de axentes implicados na realización efectiva de planificación lingüística en Galicia.

Pero, e os profesionais da lingua, que facíades? Solicitaron daquela desde a Xunta o voso asesoramento?
Consonte con iso, [a escaseza de medios humanos] o papel dos profesionais e especialistas (lingüistas e sociolingüistas, planificadores, etc.) foi case inexistente e a posta en marcha de servizos lingüísticos (locais, comarcais, na xustiza, etc.) non tivo nin a extensión nin o nivel de organización requirida.

Nin obxectivos, nin medios humanos. Pero cartos si houbo, non foi así?
E con respecto aos medios económicos, a partir de 1993 o orzamento anual da Xunta de Galicia para a potenciación do galego estabilizouse arredor dos 17 millóns de euros. Aínda que as cantidades anuais foron importantes, sería preciso analizar con máis detalle os conceptos en que se gastou, así como a eficiencia e eficacia de certas liñas de axudas e subvencións, postos en dúbida constantemente desde distintos traballos de avaliación.

Entón, gastáronse os cartos ao chou? Con que criterios se repartiron eses 17 millóns de euros anuais?
As prácticas planificadoras desenvolvéronse sen a posta en marcha de plans globais plurianuais, programas sectoriais organizados e coordinados de planificación lingüística, etc....Desas carencias derivouse unha falta de organización, de seguimento e de avaliación das actividades lingüísticas postas en marcha, polo que se descoñecían os obxectivos específicos planificadores e os horizontes da política lingüística (fóra de casos moi concretos).

Pero iso non é política lingüística. Do que me dis eu conclúo que o que se facía era montar chiringuitos que tanto poderíamos poñelos baixo o epígrafe de política lingüística como o de construción de autovías.
Outras características salientables foron a falta de periodización e de regularidade das actividades desenvolvidas, a falta de actuacións plurianuais e de planificación a prazo medio e longo, etc. Por exemplo, desde a aprobación da LNL-83 ningún outro documento de fondo foi elaborado e consensuado no Parlamento de Galicia por parte dos diferentes grupos políticos ata o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.
Unha das maiores limitacións da política lingüística favorable ao galego foi, precisamente, a de carecer de plans e programas para procurar o desenvolvemento dunha verdadeira planificación lingüística.


No entanto en Cataluña e no País Vasco, a política distinta foi moi distinta e tivo resultados realmente positivos.
O modelo de política lingüística desenvolvido pola Xunta de Galicia desde 1983 ata 2005 podemos cualificalo como ‘de baixa intensidade’ artellado arredor de dúas características principais: pouca densidade planificadora e escasa intervención sociolingüística
Con respecto ao primeiro trazo –pouca densidade planificadora–, desenvolvéronse menos actuacións lingüísticas das necesarias contando para iso coa intervención de poucos axentes planificadores cunha escasa profesionalización deles.
Ademais, non se utilizaron as ferramentas da planificación lingüística para propiciar cambios sociolingüísticos significativos. Por exemplo, non se utilizou a ferramenta dos plans lingüísticos.

Tamén dixeches que en todo este período houbo pouca intervención do goberno para reconducir os trazos socilingüísticos desfavorables ao galego
Desenvolveuse unha política lingüística carente de incidencia social profunda que conducise a cambios significativos nas condutas lingüísticas da sociedade galega. Por exemplo: falta de actividades centradas directamente no aumento dos usos sociais da lingua, sobre todo dos usos informais e interpersonais, ausencia de actividades que perseguisen a recuperación dos mecanismos de transmisión primaria en galego, realización de poucas actividades dirixidas
a introducir o galego en ámbitos de transcendencia social (medios de comunicación privados, sectores empresariais e económicos, tecnoloxías da información e da comunicación, universidade, etc.).


Entón a túa valoración global..
Foi este un modelo de xestión lingüística institucional que se distanciou tanto dos modelos máis intervencionistas coma daqueloutros que optaban pola non intervención, de maneira que se tratou dun exemplo de política lingüística de intervención intermedia, que podemos cualificar
como ‘de baixa intensidade’. Semella un modelo interesante para os casos de mantemento de linguas pero non parece tan apropiado cando se trata de recuperar linguas sometidas a procesos de substitución social.


Pois moitas grazas, Anxo Lorenzo. Despois destas clarificadoras palbras túas, cremos que xa podes dimitir.

sábado, 13 de marzo de 2010

O ensino público contra o ensino privado

A Nosa Terra: 2.000 persoas protestas en San Caetano contra o decreto
Que toda esa xente acudira a esa manifestación convocada 18 horas antes, algo significa. Detrás de cada un dos que fúchedes estamos centos de amantes do galego que faremos todo o posible para que o galego vaia a máis.
E por fin alguén pide a dimisión de Anxo Lorenzo. Continuaremos falando del.

Ensino privado contra o galego

Galicia Hoxe: Intrigas de palacio

Só un breve comentario.
Por que os zunantes indican agora que o decreto avanza na dirección correcta cando poucas novidades trascenderon?
Hai varias respostas:
1. Saben máis do que apareceu na prensa. Teñen, polo tanto, liña directa, influencia, chamádelle como queirades, cos altos responsables de educación e política lingüística.
2. Un dos datos que coñecemos é o de que a lingua habitual de uso na administración vai ser o galego. Por que están, entón, tan contentos os zunantes? Ademais das sorpresas do que aínda descoñecemos hai un dato moi clarificador. A Nosa Terra destapou que os que os pais e nais do ensino privado poderán elixir o idioma vehicular no que recibirán as clases os seus fillos. Digámolo doutro xeito, abreuse por completo a posibilidade de que o galego desapareza totalmente dos colexios privados. E iso é o que fundamentalmente lles interesa a estes señoritos, que os seus fillos poidan ir aos seus colexios privados, sen que lle molesten co galego ese que nin se sabe como hai que o escribir, que é lingua de brutos, de xente baixa, que non serve para nada.
A foto: O Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, recolle un premio concedido por un colexio privado (e do Opus) de Vigo. Por que lle daban o premio?

venres, 12 de marzo de 2010

Matemáticas contra o galego.2

Os profesores de matemáticas galegos con interese pola súa ciencia e a educación están organizados en dúas asociacións. Unha delas é ENCIGA (ENnsinantes de CIencias de GAlicia), e aos membros do noso centro non lles hai que explicar quen son pois o seu último congreso celebrouse precisamente aquí o pasado mes de novembro. A esta asociación pertencen tamén profesores das outras áreas do ensino científico: ciencias naturais, física, química,.., e profesores universitarios dos mesmos ámbitos ou relacionados co mundo da didáctica e a educación. No mes de xuño do 2009, frente ao ataque continuado ao ensino en galego, ENCIGA, veuse na obriga de publicar o seguinte documento:


Destacamos esta declaración de ENCIGA:
Calquera intención de situar o galego como un problema no ensino,
en calquera etapa educativa, non se corresponde coa realidade e
non se sustenta en ningunha razón didáctica ou pedagóxica.


A outra asociación é AGAPEMA (Asociación Galega de Profesores de Educación MAtemática). O mes pasado, logo de celebrar unha asamblea, tamén publicou a súa opinión sobre o ensino das matemáticas en galego.


Destacamos da declaración de AGAPEMA:
Durante estes últimos anos tanto o profesorado de matemáticas como as industrias editoriais veñen de realizar un esforzo creativo e de recompilación de recursos didácticos para o ensino das
matemáticas en lingua galega. Estes materiais, adaptados ao noso currículo e as nosas circunstancias socio-económicas, parten do propio contexto e realidade do alumnado, o que permite que a aprendizaxe das matemáticas poda desenvolverse coas máximas garantías de calidade.


Como profesoras e profesores de matemáticas acreditamos que, de maneira xeralizada en núcleos urbanos, existe un grande desequilibrio da competencia lingüística en lingua galega do alumnado con respecto á competencia lingüística en lingua castelá, en favor desta. Un desequilibrio do que as administracións educativas deben ser conscientes para dispoñeren as medidas que correspondan baseándose exclusivamente en criterios técnicos de carácter pedagóxico e sociolingüístico, e dar así cumprimento á lexislación vixente.

Matemáticas contra o galego

Segundo as primeiras filtracións o novo decreto de (contra) o galego establece que unha materia, a de matemáticas, que actualmente se (debería) impartir en galego, vai ter que impartirse en castelán. Cal é a situación actual do ensino desta materia a respecto do galego?
No ano 2008, o estudo publicado polo Consello da Cultura Galega, e coordenado polo profesor Bieito Silva Valdivia indicaba que a porcentaxe de uso do galego en matemáticas no 1º ciclo da ESO era dun 40% en 1º da ESO 30,9% en 2º da ESO. Estas cifras danse a pesar de se prescribir nesta materia o ensino en galego. Aínda con seren cifras nada altas, é a terceira materia, despois de Ciencias Sociais e Ciencias da Naturaleza en uso do galego. Podedes comprobar no gráfico que salvo estas últimas dúas, o resto das materias impártense en castelán nunha proporción de 6 a 4 a favor do castelán. Nos outros dous cursos da ESO (3º e 4º)os resultados son semellantes. De castelanizarse só a materia de matemáticas a desproporción entre galego e castelán pasaría a unha proporción 7 a 3.
Normalización, promoción, dinamización? de que?
Imposición do castelán, como sempre.

Inspección contra o galego

Un dos obxectivos claros do decreto é a eliminación da normalización nos centros de ensino non universitario. É significativo que so apareza a palabra normalización en 2 lugares das Bases:
1)Onde se di que os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística pasarán a chamarse Equipos de Dinamización Lingüística.
2) Onde se di que a Inspección velará polo cumprimento da lexislación en materia de normalización. E acabouse, non hai máis lexislación en materia de normalización, o cal significa que a Inspección velará para que non se leven a cabo accións normalizadoras, isto é, accións de extensión da lingua minorizada. Parémonos un momento a imaxinar un estado no que a muller esté, de feito, discriminada, e como medida de protección se lexislase que os organismos públicos velarán para que se cumpra a lexislación vixente sobre as accións de discriminación positiva... E que a regulamentación sobre a discriminación positiva non exista!.
Este é un obxectivo racista. Perversamente racista.
Pois xa vimos que a Inspección está facendo o seu traballo antes da entrada en vigor do decreto.

A inspección contra o galego

A da foto é a inspectora sospeitosa de actuar contra o galego.


Quen llo solicitou foi Manuela López Besteiro, na actualidade inspectora de educación na provincia de Lugo, e non hai tanto, deputada do PP no parlamento galego. Lembremos algunhas declaracións desta inspectora hai tres anos, cando era a responsable de educaciónn do seu partido: López Besteiro: “Pode haber centros onde todo sexa en galego agás a materia de castelán” cando era acusada de cambiar de súpeto de opinión a respecto do decreto do galego do bipartito que fora consensuado fóra das luces meditáticas entre os tres grupos parlamentarios ata que, a punto de asinalo e aprobalo no parlamento, sorprendentemente, Besteiro cambia de opinión, e comenza o ataque furibundo ao ensino en galego que levamos vivindo precisamente desde esa data.

A este respecto, onte houbo mesa sectorial de educación, temos a seguinte información da CIG sobre este asunto:
Finalmente, no punto de varios, a CIG-Ensino pediu explicacións pola actitude da inspectora de Educación de Lugo, Manuela López Besteiro, que lle ordenou a unha profesora dar un tratamento excepcional a unha alumna, permitíndolle non axustarse ao marcado no Decreto 124 nas materias de obrigada impartición en galego.
Cabe sinalar que López Besteiro, ante a reclamación da nai, deu a razón ao centro e á profesora, indicándolles que o que procedía era seguir cumprindo o Decreto, mais só unha semana despois, e nunha reunión en que a familia estaba presente, desautorizou á profesora e ordenoulle un trato excepcional. Loxicamente, a profesora reclamou que esa orde se lle puxese por escrito, o que non sucedeu.


Era can.

Xa o adiantaramos onte. Se quen saca a nova é La Voz, será por algo.
Hoxe ese mesmo medio titula:Los padres aplauden que sea la Xunta la que fije la lengua de las materias troncales . Aplauden? Que a Xunta fixe a lingua das troncais? E non aplauden nada máis? E as outras materias, non son importantes? Información ou manipulación?
Trátase de preparar o terreno para que o ambiente non sexa tan desforable á presentación do novo decreto, en efecto Educación presentará mañá o decreto do galego.
Podemos facer unha aposta: non van cambiar nada substancial a respecto das Bases presentadas o 30 de decembro pasado. A Nosa Terra xa adianta que o único que veremos neste novo documento será que as Matemáticas van impartirse en castelán (agora é obrigatorio facelo en galego) por orde do goberno galego. Cambia algo isto a respecto das Bases. Pois prácticamente nada. Trátase de eliminar das Bases unha ilegalidade que consistía en que os pais decidiran en cada centro a lingua en que se vai impartir as Matemáticas. No entanto parece que se vai manter esta ilegalidade en materias de menor importancia, ou como din na Consellería, nas materias non troncais.
E Anxo Lorenzo, o secretario xeral de política lingüística, Anxo Lorenzo fará campaña para defender o decreto do galego no ensino. Xa empezou. Dixo que "por primeira vez ás dúas institucións máis importantes" da cultura na comunidade -Consello da Cultura Galega e Real Academia Galega- xunto con 30 entidades do ámbito político, social e económico foron consultadas para un decreto como este.
Cítase á RAG e ao CCG, pero, váiselles facer caso? Van gardar o decreto nun caixón, e comenzar a negociar realmente coa comunidade educativa sobre a base do Plan Xeral de Normalización Lingüística?
E as outras entidades? que pasou con elas nesas reunións? Por exemplo, sabemos que na reunión coa Coordenadora de Equipos de Normalización Lingüística o sr. Anxo Lorenzo non contestou a nada, nin dixo nada, nin aclarou nada. É iso unha reunión? ou unha desculpa para sacar a foto?
Estamos aviados.
Agardade polas novas de La Voz de mañán, que é o boletín oficial deste goberno.

Políticos e lingua galega

por Xoán Antón Pérez-Lema, en de Luns a Venres

Malia que o galego sexa a única lingua propia da Galicia, o noso Estatuto recoñécelle tamén ao castelán rango de lingua cooficial no noso territorio. Velaí que calquera persoa sexa libre, en teoría, de escoller calquera das dúas linguas oficiais para o seu uso cotián, malia que pola súa minorización social e histórica sexa ben difícil para calquera de nós desenvolver íntegramente a súa vida en galego, mentres que sexa ben doado desenvolvela íntegramente en castelán sen sequer facer o amábel aceno de respostar en galego aos que galego nos falan.

Porén, a liberdade de opción lingüística é un dereito de todos no ámbito da privacidade. Mais determinadas persoas suxeitas a unha relación especial co ámbito público non disfroitan desta libre escolla. Ensinantes e estudantes nas materias do ensino non universitario nas que o galego é lingua vehicular, traballadores da CRTVG e doutras emisoras de radio e TV públicas, funcionarios que traballan cara ao cidadán… teñen a obriga normativa de usar a nosa lingua en todas ou algunhas das ocasións da súa vida profesional.

O Estatuto e máis a Lei de Normalización Lingüística dispoñen a discriminación positiva a prol do galego nas ordes todas da vida pública, social e informativa. As lexislacións local e educativa elevan ao galego á condición de lingua usual das Administracións municipais e educativa. O Parlamento galego ven de aprobar por unanimidade que os seus deputados fagan uso da nosa lingua, como esixencia política e moral da obriga de discriminación positiva que o Poder Galego ten a respecto da mesma.

Velaí que os políticos, en canto exerzan cargos institucionais, teñen a obriga ética (e mesmo estética) de usar o galego cotiamente e cun mínimo de calidade. Porque actúan institucionalmente e non como simples cidadáns.

Os alcaldes d’A Coruña e Vigo, algúns conselleiros, deputados do PP e altos cargos da Xunta, a presidenta do Porto de Vigo Corina Porro, o voceiro municipal do PP coruñés, Carlos Negreira e outros moitos incumpren, co seu uso monolingüe en castelán, esta obriga derivada do espirito do noso Estatuto. E proxectan, coa súa praxe, a falsa idea de que a nosa lingua é propia de seres marxinais e non ten futuro.

xoves, 11 de marzo de 2010

Como estrela da mañán

Ela é Xulia, Xulia ten seis anos e fala seis linguas: galego, francés, castelán, inglés, portugués, neerlandés, e algunha outra. Vive entre Bruxelas e Vigo.
Deixémola falar:

Que facer coas linguas no ensino?

Dous medios publican as respostas de varios expertos a un cuestionario sobre a lingua no ensino e o futuro decreto, son Galicia Hoxe e De Luns a Venres
Os expertos son: Fernando Ramallo (Uvigo), Mauro Fernández (UDC), María Pilar García Negro (UDC), Marisol López (USC) e Henrique Monteagudo (Consello da Cultura Galega)
As preguntas:
1. ¿É positivo consultar os pais sobre a lingua de parte da docencia?
2. ¿Resulta axeitado o reparto de idiomas proposto pola Xunta?
3. ¿Cre necesaria e viable a previsión sobre as linguas estranxeiras?
4. Visto o debate xerado co borrador, ¿cal pode ser o punto de encontro?

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO, profesora do departamento de Galego-Portugués da UDC
1. As nais e os pais ou tutores non poden co-gobernar programas, temarios e necesidades escolares dun ensino que é un servizo público e que pagamos todas e todos os contribuíntes, non só os que teñen fillos. A consulta aos pais é dunha demagoxia extrema. ¿A alguén se lle ocorrería consultarlles a pertinencia do ensino das matemáticas, da química ou da xeografía? Os pais teñen as súas canles de participación na comunidade escolar perfeitamente definidas, naqueles asuntos en que podan e/ou deban intervir, non neste.
2. O reparto indicado no borrador é ilegal e impracticábel, para alén de atentatorio contra direitos mínimos do galego. Ilegal, porque non se axusta á lexislación básica (Estatuto, lei de normalización, Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias). Impracticábel, por falta de adecuación do profesorado. Atentatorio contra o galego, porque o que pretende é a súa redución no uso escolar (xa de seu escaso ou insuficiente), e apela a unha abstracta equiparación de linguas (galego/español/inglés) que non existe na realidade. Se o esquema fose bon, ¿como é que non se propón para os centros de ensino españois ou ingleses?
3. O Goberno autonómico debe aplicar o método da inmersión á lingua que máis o necesita, a galega. Inglés, francés ou outra lingua estranxeira xa utilizan este método eficaz de docencia-discencia, só que gradualmente, claro está.
4. O único ponto de encontro é o cumprimento da lexislación vixente, que ordena protexer e fomentar o uso público do galego, con normativa específica para o ensino, polo seu papel activador da normalización necesaria, e que o Goberno autonómico se sitúe dunha vez por todas en 2010, na Galiza e no deber de cumprir as leis a que se debe e, por tanto, non desprezar todo o movemento pro-galego exterior a el mesmo, senón colaborar con el, de mans dadas.

MARISOL LÓPEZ, profesora da USC e ex secretaria xeral de Política Lingüística
1. As consultas aos pais provocarán enfrontamentos nos centros e tensións que non existían. ¿Pídeselles aos pais opinión sobre as materias que deben estudar os seus fillos? Non, pois o tema lingüístico, como as materias, é responsabilidade da comunidade autónoma, que, segundo o Estatuto e a lei de normalización, debe apoiar e protexer a lingua "propia" de Galicia e, polo tanto, deseñar uns plans curriculares cos que os alumnos consigan dominar as dúas linguas oficiais. No ensino obrigatorio hai que primar a presenza do galego, porque é a lingua con menor presenza na sociedade.
2. No decreto en vigor, a porcentaxe de horas en galego establecida foi a aprobada no plan de normalización por unanimidade en 2004, gobernando por maioría absoluta o PP. Nas novas bases preténdese reducir a presenza do galego coa incorporación da lingua estranxeira. A iso hai que engadir as preferencias dos pais, non se sabe se cada ano, cada catro, etc. Todo un xeroglífico difícil de comprender e de aplicar sen provocar danos irreparables no sistema educativo.
3. Non é razoable darlles o mesmo estatus ás dúas linguas oficiais e ás estranxeiras. Ademais, non é realista, porque nin os estudantes están en condicións de seguir unha materia de ciencias sociais nunha lingua estranxeira, nin hai suficientes profesores con esa competencia. Isto só é para rebaixarlle horas ao galego. Estou de acordo en que os alumnos aprendan linguas estranxeiras. Iso pódese conseguir se rebaixan o número de alumnos por aula, fan formación do profesorado e dispoñen máis recursos para que os estudantes fagan estadías no estranxeiro ou para cursos de inmersión en campamentos de verán.
4. Cando gobernaba o PP, a proposta súa, aprobouse no Parlamento o plan xeral de normalización. Este ha de ser o punto de encontro. Non parece moi sensato que o PP, por motivos electorais, provoque fracturas e tensións na sociedade nunha cuestión tan delicada. O punto de encontro é a busca dunha sociedade na que todos os cidadáns teñan competencias nas dúas linguas oficiais para que poidan vivir na que elixan. Non hai dificultade para vivir en castelán, pero se queremos vivir en galego non é doado nalgúns ámbitos.
HENRIQUE MONTEAGUDO, profesor da USC e secretario do Consello da Cultura Galega
1. Consultar a opinión, de forma xenérica, pode ser positivo, sempre nun marco dunha maior participación das familias en distintos aspectos da vida educativa, a través das canles que existen: nomeadamente, o Consello Escolar de Galicia e os consellos de cada centro. Agora, a decisión sobre o uso das linguas non é nin debe ser responsabilidade dos pais, senón das autoridades educativas, e nalgún caso do claustro de profesores e da dirección do centro.
2. A Xunta debe establecer un marco común xeral e flexible, en que se pode prever como regra xeral un uso a partes iguais do galego e o castelán, sen esquecer que o galego precisa unha presenza reforzada. Pero ese marco ten que poder adaptarse aos distintos contornos escolares, permitindo aos centros que avanzaron ou consigan avanzar máis no uso do galego que sigan por esa vía, e que aos que lles custe chegar ao 50% poidan quedar nunha porcentaxe máis baixa, sempre que se respecte o principio de progresividade no aumento do galego, que sinala a lei.
3. Tal como está nas bases da Xunta a docencia en linguas estranxeiras, non estou de acordo. Si, se se dá con carácter gradual e, ao menos en principio, de xeito voluntario, con moito apoio para profesores e o estudantes. En todo caso, debe comezarse por reforzar o estudo do inglés como materia. O modelo dos tres terzos paréceme idóneo para as universidades, investindo moito esforzo e diñeiro en formación do persoal, e nun prazo de 10-15 anos.
4. Débese volver ao plan xeral de normalización, ratificado en outubro de 2008. O Goberno debe buscar o consenso coa oposición, o apoio das institucións e lanzar un debate social sobre o galego en positivo, non en negativo, como leva feito ata o momento.

FERNANDO RAMALLO, profesor de Lingüística da Universidade de Vigo
1. Nos programas de ensino bilingüe nos que as linguas vehiculares están emparentadas formalmente non é pertinente ter en conta a opinión dos pais. As autoridades educativas deben deseñar un sistema que visibilice as linguas de acordo cos obxectivos que se pretendan acadar. Isto é o máis aconsellable en programas de aplicación universal, como é o galego.
2. Un reparto dun terzo da docencia en cada lingua non é recomendable agora, agás en contextos experimentais. Se a estranxeira queda como un proxecto de futuro e o reparto chega a un 50-50, garantindo unha presenza significativa do galego nas materias instrumentais, paréceme aceptable. En todo caso, o máis importante non é a porcentaxe en si, senón que haxa un seguimento da consecución progresiva dos obxectivos.
3. A introdución de linguas estranxeiras esixe unha situación de partida que agora non se contempla. Un modelo educativo bilingüe consistente debe centrarse na superación da situación sociolingüística regresiva de Galicia. A partir de aí, e traballando nas condicións que require poñer a andar un modelo trilingüe, nas próximas décadas pode pensarse en universalizar o trilingüismo.
4. O punto de encontro pasa por ser consecuentes coa situación dos grupos lingüísticos de Galicia, dende o máximo respecto á lexislación vixente. En todo caso, é necesario un pacto que permita augurar un futuro viable para o galego, contemplando non só o ensino, senón tamén a súa visibilidade noutros ámbitos que reforcen a súa demanda como lingua de prestixio social e recompense o dominio das súas destrezas. O plan de normalización debe ser o instrumento sobre o que establecer as condicións do pacto.

MAURO FERNÁNDEZ, catedrático de Lingüística Xeral da Universidade da Coruña
1. Non coñezo en detalle como afectaría ao traballo das editoriais, nin as dificultades organizativas das que falaron os directores dos centros. As obxeccións deses sectores parécenme atendibles. O resto dos argumentos en contra son demasiado grandilocuentes e non os comparto. O importante é que haxa materias troncais nas dúas linguas, e non importa moito cales sexan en concreto. Se a decisión a toma a Administración, parece todo máis doado, pero tamén máis ríxido.
2. O principio do equilibrio entre as linguas oficiais e habituais de Galicia paréceme fundamental. E a mellor receita para lograr que os nenos acaden un elevado nivel de competencia nas dúas.
3. Paréceme necesario darlles ás linguas estranxeiras máis lugar do que teñen agora. A introdución do seu uso como linguas vehiculares xa empezou en moitos centros, dando algún tema en lingua estranxeira, ou usándoa en materias nas que a docencia consiste en instrucións sinxelas, xogos, etc. Se a idea é ir avanzando por esa vía na medida que vaia sendo factible, ¿quen pode estar en contra? E tamén me parece necesario poñerlles un tope máximo.
4. Un consenso con todos os colectivos talvez sexa imposible. Habería que ver quen coincide nun punto básico: que o obxectivo lingüístico do sistema educativo debe ser fomentar as destrezas dos nenos nas dúas linguas oficiais e habituais, e o fomento de actitudes positivas cara ás dúas. E un obxectivo que se fundamenta en necesidades prácticas, e non ideolóxicas. Cos que acepten que ese, e non outro, debe ser o obxectivo, haberá consenso.

Galiña será, pero chéirame a can

Galiña será.
Declárase públicamente que o goberno vai dar un paso atrás no caso do decreto da lingua no ensino: Feixóo recúa e os pais non decidirán a lingua
A nova destapouna La Voz de Galicia. Segundo este periódico a lingua 60% do horario de primaria virá establecido por decreto. Máis concretamente, as Matemáticas e Ciencias Sociais impartiranse unha en galego, e outra en castelán. Gran avance na normalización do galego cando hoxe en día precisamente esas dúas materias son de impartición obrigada en galego, orde que por certo non se cumpre. Hai un estudo publicado polo Consello da Cultura Galega que indica que o tanto por cento de aulas en galego de Matemáticas na secundaria anda por debaixo do 40%.
...Pero chéirame a can.
O mensaxeiro é un periódico que acaba de recibir subvencións substanciosas deste goberno:
La Voz y Faro reciben el 55% de las nuevas ayudas públicas a la prensa
Feijóo concede en menos de cinco meses 22.500 euros diarios en ayudas a ‘La Voz’
Por que precisamente é este o periódico que filtra as novas a respecto do decreto?

Democracia para Galiza

por Bieito Lobeira, parlamentario do BNG, na Nosa Terra.

Aquí temos a proba do algodón do consenso lingüístico tan predicado e magreado até a saciedade polo PP: A Mesa do Parlamento, órgano no que o PP ostenta a maioría, mais tamén co apoio “gratuíto” do representante do PSOE nesa instancia, vén de lle impedir á Plataforma Queremos Galego a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular presentada formalmente pola Comisión Promotora designada para ese fin, prohibindo, daquela, a recollida regrada de sinaturas (mínimo de 15.000) para o posterior debate parlamentar.
Por suposto, non se trata dun problema técnico-xurídico o que fundamenta a decisión negativa da Mesa do Parlamento. Iso é só unha coartada, un pretexto estúpido. Moi pola contra, é unha decisión política ben meditada do PP, adoptada de xeito consciente e deliberado, instrumentalizando de maneira bochornosa e vergoñenta o Parlamento ao servizo exclusivo dun proxecto político aberta e desacomplexadamente españolista, incompatíbel co mínimo respecto ás regras de xogo democráticas e, evidentemente, coa mera existencia da lingua galega.
Para quen tivese a máis mínima dúbida, este episodio escandaloso, auténtica bomba de reloxaría contra o corazón da democracia (limitada e controlada) que “desfrutamos”, só vén certificar que democracia e defensa da lingua galega son dous conceptos intimamente xunguidos. Así, o combate á democracia debilita non só os dereitos civís e políticos, como neste caso: tamén os lingüísticos. E á inversa, o reforzo da democracia e dos dereitos democráticos consolida a lingua e os dereitos lingüísticos. Porque son de verificación imposíbel os uns sen os outros. Porque en Galiza non haberá democracia merecente de tal nome mentres o noso idioma se discrimine e a nación non se normalice políticamente.
Repárese na burla e no desprezo que alcanza unha decisión política de tal magnitude, que reviste unha extrema gravidade pola forma, mais fundamentalmente polo fondo, tendo en conta contra quen vai dirixida. E é que a Plataforma Queremos Galego, quéirase ou non, é a expresión organizada da vontade libre dunha parte moi importante (e desalienada) do pobo galego, conformada por máis de 600 entidades, organizacións e colectivos sociais de todo tipo, que ten protagonizado as mobilizacións máis importantes e masivas de toda a historia da nación na defensa do noso idioma. Tanto lles ten. Ou se cadra, é precisamente por iso.
Mais tanta soberbia non pode ficar impune. Non van poder evitar que a Plataforma Queremos Galego, por vía legal, ou se cómpre, pola para-legal, sexa quen de levar adiante a súa campaña social de recollida de sinaturas, que culmine na presentación e defensa no Parlamento de Galiza da Proposición de Lei sobre o uso do galego polas administracións de Galiza e no ámbito do ensino. Pois usaremos outros métodos. Por unha vía ou pola outra, nin o PP, nin a maioría da Mesa do Parlamento, nin Alberte Núñez Feixóo, nin ninguén, o van impedir. Que se vaian decatando. A este pobo, cando se pon en pé, non o cala ninguén.

A luz escura

Este é Doraemon, e unha das súas armas é a luz escura, unha lanterna que emite escuridade. É moi útil para ver cousas que só se poden ver de noite.
Onte a Secretaría Xeral de Política Lingüística apuntába que fora quen de implantar 100 medidas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado por unanimidade no Parlamento no ano 2004. Cómpre encender a lanterna de Doraemon, a ver se aplicando a luz escura esculcamos algo de claridade nesta afirmación.
Compararemos o PXNLG con catro apuntes (hai moitos máis e todos semellantes) do decreto do galego vixente e as Bases para o decreto de plurilingüismo presentadas por este goberno o 30 de decembro pasado.

PXNLG- Alcanzar un uso maioritario do galego na docencia, entre os docentes e nas relacións escolares en xeral.
Decreto vixente: os centros de ensino dependentes dela e o persoal ao seu servizo utilizarán, con carácter xeral, a lingua galega e fomentarán o seu uso oral he escrito
Bases: promoverase a utilización da lingua galega e fomentarase o seu uso oral he escrito

Substitúese utilizarán por promoverase. Hai mellor forma de promover que o uso efectivo e xeneralizado? Na administración de xustiza tamén se promove o uso do galego, e o número de sentenzas en galego non chega ao 3%. Insistimos no PXNLG di alcanzar un uso maioritario en todos os ámbitos

Decreto vixente: redactaranse, con carácter xeral, en galego, e neles constará, cando sexa o caso, o nome do centro e o topónimo do concello(…) na súa forma oficial
Bases: Nas actuacións administrativas de réxime interno dos centros docentes, como actas, comunicados e anuncios, fomentarase o uso da lingua galega
As programacións e outros documentos didácticos das materias de lingua redactaranse, con carácter xeral, na lingua respectiva
Cámbiase a obrigatoriedade de usar o galego no ámbito administrativo dos centros de ensino polo fomento.
No decreto vixente recordábase a obrigatoriedade do uso do topónimo na súa forma oficial, e isto desaparece das bases. Por que? Para poder falar do CEIP de Desván de los Monjes?
As programacións e outros documentos xa non se redactarán, con carácter xeral, en galego. É isto fomento do uso do galego?

PXNLG- Fomentar o uso progresivo do galego desde a etapa preescolar (0-3 anos), de xeito que se superen as fortísimas carencias que se observan nos primeiros banzos do ensino.
2.1.22. Establecer unha oferta educativa en galego en preescolar (0-3 anos) e na educación infantil para todos os nenos e nenas galegofalantes
.

Decreto vixente: . No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá. Fomentarase a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, no sentido de que este se convirta no idioma base da aprendizaxe
Bases:A lingua predominante do alumnado determinarase preguntándolle a cada familia pola lingua materna do seu fillo ou filla. Esta consulta farase mediante unha pregunta que as familias contestarán durante o proceso de preinscrición
Nas Bases desaparece o parágrafo do decreto vixente. A lingua en infantil será a lingua predominante, e os que establecen cal é a lingua predominante son os pais, aos que se lles supón unha falta de prexuízos e unha formación suficiente en sociolingüística. O resultado será que en contornos castelán falantes a única lingua será o castelán, por motivos obvios. E no resto tamén, pois é prexuízo xeral considerar ao castelán como a lingua últil, e o galego debe reservarse para usos íntimos, de segundo nível.

PXNLG- - Lograr que o ensino obrigatorio garanta unha competencia plena no idioma galego e repercuta de forma efectiva na súa adopción como lingua habitual por parte das novas xeracións.
2.1.23. Fixar, como mínimo, un terzo do horario semanal en galego nestas etapas educativas para os contextos e contornos nos que a lingua predominante sexa o castelán, coa intención de que esta porcentaxe se vaia incrementando progresivamente.
2.1.24. Desenvolver programas experimentais en galego para castelanfalantes, asegurando o seu rigor pedagóxico, así como o seu seguimento e avaliación.
2.1.25. Fomentar a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, na perspectiva de que este se converta no idioma de base da aprendizaxe escolar.
Bases: En todas as áreas, materias ou módulos impartidos en galego ou castelán o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia
Bonita forma de fomentar a adquisición progresiva dunha lingua: decíndolle ao alumnado que pode facer o que lle pete. O importante é que o que queira desenvolverse en castelán e obxectar do galego, poida facelo. Por moita luz escura que poñamos, non enxergamos o escuro método que se propón nas Bases para que o galego se converta no idioma de base da aprendizaxe.
Calquera que lese as Bases ben ve que están feitas para facilitar a exclusión do galego do maior número posible de ámbitos do ensino. Puxemos aquí só un exemplo dos múltiples que poderíamos extraer das Bases, un alumno vai poder pasar toda o seu percorrido escolar sen falar nin escribir nin unha palabra en galego, pois boa forma é ésta de fomentar o uso do galego!, e tamén de garantir unha competencia plena no idioma galego para que sexa lingua habitual por parte das novas xeracións.
Con estas Bases, u-lo o incremento progresivo que prescribe o PXNLG para contextos de predominio castelán? U-los os programas experimentais para castelán-falantes, u-la a perspectiva de que o galego se converta no idioma de base da aprendizaxe escolar?

Política Lingüística contra o Plan de Normalización

Efectivamente, na páxina web da SXPL destácase que se impulsaron 102 medidas do Plan Xeral de Normalización, ou como titula A Nosa Terra: Política Lingüística reivindica o Plan de Normalización
Queremos destacar aquí só algunhas das medidas do Plan Xeral de Normalización que non só non se impulsaron, senón que se atacaron frontalmente na redacción das Bases para o decreto:
- Alcanzar un uso maioritario do galego na docencia, entre os docentes e nas relacións escolares en xeral.
- Fomentar o uso progresivo do galego desde a etapa preescolar (0-3 anos), de xeito que se superen as fortísimas carencias que se observan nos primeiros banzosdo ensino.
- Lograr que o ensino obrigatorio garanta unha competencia plena no idioma galego e repercuta de forma efectiva na súa adopción como lingua habitual por
parte das novas xeracións.

2.1.22. Establecer unha oferta educativa en galego en preescolar (0-3 anos) e na educación infantil para todos os nenos e nenas galegofalantes.
2.1.23. Fixar, como mínimo, un terzo do horario semanal en galego nestas etapas educativas para os contextos e contornos nos que a lingua predominante sexa o castelán, coa intención de que esta porcentaxe se vaia incrementando progresivamente.
2.1.24. Desenvolver programas experimentais en galego para castelanfalantes, asegurando o seu rigor pedagóxico, así como o seu seguimento e avaliación.
2.1.25. Fomentar a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, na perspectiva de que este se converta no idioma de base da aprendizaxe escolar.
Dito doutra maneira: as Bases van en contra de todos e cada un dos puntos do que dicta o Plan de Normalización, aprobado co consenso de todos os grupos. De termos tempo explicarémolo con máis detalle.

mércores, 10 de marzo de 2010

Anxo Lorenzo e Shin Chan

Anxo Lorenzo, en rolda de prensa asegurou que "política lingüística impulsou máis de 100 medidas do Plan Xeral de Normalización" quedan recollidas na Memoria 2009 que vén de presentar publicamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Que é o que di esa memoria sobre o ensino? Fundamentalmente dúas cousas (extraído da Memoria):

1) puxéronse ao dispor do mercado as novidades de Shin Chan e Doraemon

2)Ao longo do ano 2009, a Secretaría Xeral de Política Lingüística traballou na elaboración dun documento base para un novo decreto que regule o uso vehicular das linguas no sistema educativo. Estas bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que foron presentadas no Consello da Xunta o 30 de decembro, serán discutidas con institucións, partidos políticos, sindicatos, ANPA e outros colectivos relevantes durante o ano 2010, co fin de elaborar un decreto definitivo que poida estar en vigor o próximo curso académico.
Quen dos dous redactou as Bases para un novo decreto?

Luar Na Lubre segue o ronsel de Tosar

No acto de entrega destes premios, logo de que Ruper Ordorika dera a maior parte dos seus agradecementos en euskera e de que os integrantes do grupo Dixebra falasen en asturianu e reclamasen a súa oficialidade, a intervención de Luar Na Lubre fixo lembrar a de Luís Tosar na gala dos Goya. Afirmaron estar alí grazas a unha cultura e unha lingua na que cantan e se expresan habitualmente, e adicaron o premio, en galego, aos bos e xenerosos que os acompañaron durante estes 24 anos.
A entrega de premios celebrouse o pasado día 4 .
Pois os bos e xenerosos sodes vós, Luar Na Lubre
Adicámoslle esta canción aos que, dalgunha maneira, negan o galego.



Fonte: Dinamiza Caramiñal

A Xunta contra o galego.2



Concretamente o argumento da Xunta é " o feito de que se recollan denominacións en castelán obedece a que se trata da denominación oficial deses emisores e, dende logo, non existe ningún desleixo pola toponimia oficial de Galiza nin intención ningunha de utilizar formas deturpadas. Simplemente faise referencia a eses centros utilizando o nome oficial dado polos seus titulares", polo que a Xunta seguirá a usar os nomes deturpardos porque é o nome que lle dan os organismos ministeriais.

Deste xeito a Xunta deixa non defende unha lei aprobada polo parlamento galego sobre a toponimia galega e que di que os nomes dos lugares de Galicia teñen como topónimo oficial única e exclusivamente o galego.

Medios contra a información

La Voz de Galicia, a TVG, a Radio Galega, son tres dos medios que silenciaron a nota de prensa de Queremos Galego, na que a plataforma denuncia que os gobernantes da Xunta "Queren desmantelar o uso oficial" do galego.
Queremos Galego denuncia que pretenden retirarlle á sociedade o dereito a opinaren, a faceren propostas, e sobre todo reducir e acoutar os dereitos dos falantes en galego.
A Mesa do Parlamento non admitiu a trámite a Iniciativa Lexislativa Popular pois asumiron os ditames dos servizos xurídicos da Cámara, no entanto Xuristas aseguraron a plena legalidade da ILP de Queremos Galego
Non será este o último capítulo da ILP da plataforma de defensa da lingua pois anuncian que realizarán igualmente a recollida de sinaturas á Iniciativa, "coa mesma metodoloxía estrita" . Ademais O BNG tramitará a ILP de Queremos Galego rexeitada pola Mesa do Parlamento :"Feijóo non vai poder impedir -afirma Lobeira- que ese texto se debata de xeito literal no Parlamento". Para o BNG, o problema "non é xurídico", senón que o rexeitamento é "unha decisión deliberada" que "pisotea dereitos civís do pobo galego".

Queixos en galego


Na Nosa Terra entrevistan ao fundador da empresa Queixos Hipólito, quen asegura que "facemos produtos da nosa terra e o natural é vendelos na nosa lingua" e que o feito de facer a etiquetaxe en galego "non tivo nin vantaxes nin inconvenientes"
Nunca recibiron un euro por ter o galego como a lingua da empresa.

Nota de prensa de Queremos Galego

Tal e como anunciamos onte, non lle permiten á Plataforma Queremos Galego a recollida de sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular polos dereitos lingüísticos dos galego-falantes.
Queremos Galego solicítanos que divulguemos a seguinte nota de prensa:

Santiago de Compostela. 9 de marzo de 2010. A comisión xestora de Queremos Galego compareceu hoxe en conferencia de imprensa para, a través dun dos seus portavoces, Carlos Callón, anunciar as medidas legais e sociais a adoptar logo de a Mesa do Parlamento ter rexeitado por maioría a admisión a trámite da Iniciativa Lexislativa Popular impulsada nos últimos meses desde a plataforma. Esta iniciativa puxérase en andamento a través dunha comisión promotora da que fan parte nomes senlleiros en diferentes ámbitos da vida social e cultural do país, como Manuel Rivas, Avelino Pousa Antelo, Yolanda Castaño, Margarita Ledo, Xurxo Souto, Marica Campo, Kiko da Silva, Xosé Lois “O Carrabouxo” ou Sonia Lebedynski, entre outros.
Esta proposición de lei por iniciativa popular pretende garantir plenamente a posibilidade de uso do galego das e dos cidadáns perante a administración galega, desenvolvendo o estabelecido na Lei de Normalización Lingüística e na Carta europea de linguas minorizadas.
Para Queremos Galego a non admisión a trámite desta ILP é unha mostra máis “do medo que o Partido Popular ten a que a sociedade exprese de calquera maneira o seu apoio ao uso da lingua propia e oficial do noso País, mesmo utilizando e manipulando de xeito partidario institucións públicas como a Mesa do Parlamento e lexislación como a da Iniciativa lexislativa Popular para os seus fins”.
A plataforma cidadá lembra que o dereito á Iniciativa Lexislativa Popular é un dereito democrático básico recoñecido na Constitución española, “que vén de ser vulnerado”. A súa admisión a trámite non implica a súa aprobación, só marca o inicio dun período de recollida de sinaturas entre cidadás e cidadáns maiores idade e censuados en Galiza. Tras completarse o mínimo necesario (15.000), con todos os requisitos recollidos pola lei, motiva o seu debate parlamentario. Para a plataforma cidadá “é a este debate ao que ten pánico o Partido Popular, xa que evidenciaría que detrás do seu discurso o que se agochan son claras intencións de acabar coa lingua galega”. E recorda que “iniciativas anteriores foron tramitadas, sen lles seren aplicadas visións restritivas, con toda naturalidade, independentemente da súa aprobación final ou non”.
Queremos Galego anuncia que “non se dobregará ante esta manobra antidemocrática e autoritaria do Partido Popular”, que “aínda motiva máis” ás perto de 700 entidades que integran a plataforma a seguiren realizando accións de defensa da nosa lingua. Neste sentido, Queremos Galego anunciou que iniciará un proceso de recollida de sinaturas “exactamente baixo as mesmas condicións que se faría coa ILP”, que serán presentadas no Parlamento galego a todos os grupos.
Para dotar de garantías xurídicas e velar polo cumprimento da legalidade en todo o proceso, constituirase unha comisión xurídica formada por profesionais de diversos ámbitos do Dereito e a xustiza.
A plataforma cidadá chama ao pobo galego “a mobilizarse e non deixar pisar os seus dereitos lingüísticos e políticos”, duplamente vulnerados ao negárselle admisión a trámite parlamentar á iniciariva. Segundo Carlos Callón, “o PP terá que escoitar, quixer ou non, a voz do pobo”. E lembrou que este “xa reaccionou exemplarmante á política lingüicida do actual goberno a través das manifestacións máis grandes da historia democrática en defensa da nosa lingua e cultura”. O tamén presidente da Mesa pola Normalización Lingüística amosouse convencido de que a sociedade “volverá mobilizarse por múltiplas vías” se fai falta e anunciou a presentación dun calendario de “intensas actividades ao longo e largo de todo o país”.
Desde este momento Queremos Galego comezará a estudar a interposición dun recurso de amparo ante os tribunais competentes contra a decisión da Mesa do Parlamento, “co fin de restaurar en Galiza a normalidade democrática que o PP teima en facer desaparecer”.

Falar en galego, que difícil é.3

López-Chaves e Pedro Arias protagonizan unha nova lea lingüística no Parlamento
Este é López-Chaves, quen argumentou que ten "libertad para usar cualquiera de los dos idiomas cooficiales que otorga el reglamento de la Cámara"
A lei 4/2006, : todos os cargos e entidades con participación da Xunta usarán normalmente o galego, oralmente e por escrito, nas relacións coa cidadanía.
El nunca usa o galego, polo que se ve, non entende o que significa normalmente.
Segundo o Plan Xeral de Normalización da Lingua o Parlamento insta á Xunta para que adopte as medidas para que os cargos públicos da mesma, así como os dos organismos e entes autonómicos, ... e institucións delas dependentes, fagan uso público, tanto oral como escrito, de xeito sistemático da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade pública
O Plan Xeral de Normalización non está derrogado.
Outras das frases de López-Chaves no parlamento cando lle pediron que usara o galego: "Frente a los impostores, libertad", "Quien vive temeroso, nunca será libre!"
Pois isto debe ser a cordialidade lingüística.

martes, 9 de marzo de 2010

Xenofobia 2

Hoxe finalizaba o prazo de 30 días que, por lei, ten a Mesa do Parlamento para decidir sobre a admisión a trámite da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) sobre o uso do galego polas administracións públicas galegas, promovida pola plataforma Queremos Galego.
No colmo da xenofobia a Mesa do Parlamento apoia a súa decisión nun “precedente”: nunha decisión tomada polo mesmo órgano o pasado mes de decembro, cando tamén optou por non tramitar unha ILP promovida polo partido Unión Coruñesa, orientado a incluír no ordenamento legal o emprego do topónimo La Coruña.
Pódese ser máis racista?
Hoxe os parlamentarios declararon xenófoba a Rosa Díez. E resulta que os xenófobos eran eles.
Esta é a Iniciativa Lexislativa Popular. Lédea, pode ser isto ilegal? Se o é, eu falo en ilegal, e esta bitácora é ilegal, e ti que les isto vai pensando se tamén eres ilegal.

Xenofobia

A Cámara chama "xenófoba" a Rosa Díez sen citala
O pleno do Parlamento galego aprobou unha delcaración institucional na que se di que

"o uso do xentilicio como alcume pexorativo, non só ofendeu a miles de galegos e a outras persoas sensatas, senón que constitúe un tópico non aceptable".
"Contén un prexuízo xenófobo, inadmisible nun único marco de debate que cumpre defender, o das ideas"

Por que comentar estas novas nunha bitácora da lingua?
Pois a cousa ven de vello. O desprezo pola lingua sempre se estendeu ao desprezo polos que a falan e pola terra que pisan.

Oh, montañas de Galicia,
Cuya, por decir verdad,
Espesura es suciedad,
Cuya maleza es malicia,
Tal, que ninguno codicia
Besar estrellas pudiendo,
Antes os quedais haciendoD
esiguales horizontes;
Al fin, gallegos y montes,
Nadie dirá que os ofendo.
(Luís de Góngora)

"Los gallegos no se colocan en predicamento, porque no son alguien"
(Miguel de Cervantes)

- "Soys de Toledo?
-No soy, sino gallego.
-¿Gallego?
Para enviar un recado será muy lindo criado."
(Tirso de Molina)

Inglés contra galego

Onte o conselleiro de educación reiteraba que a inmersión lingüística era inviable. Referida á inmersión lingüística en galego, claro.
Hoxe A Nosa Terra titula: Educación destina 3,8 millóns á inmersión en inglés
Nós ben o sabemos pois por todo o instituto hai anuncios da Convocatoria de axudas á inmersión lingüística publicada no DOG

O Bloque contra o galego

Tamén poderíamos titular: O Bloque contra o Bloque.
Ou tamén: Ourense contra Orense.
Hai uns días denunciáramos o desprezo ao galego nas comparecias do alcalde da Coruña Javier Losada. Agora é o histórico dirixente do Bloque, Bautista Álvarez quen arremete contra Henrique Tello, o cabeza de lista nacionalista no concello coruñés.
Tal e como se ve na imaxe BNG e PSOE gobernan en coalición na Coruña, (Tello é o da esquerda e Losada o da dereita) e Bautista Álvarez denuncia que o nacionalismo deixouse ir, e salienta o caso de que na avenida dos Cantóns da Coruña aínda estea colocada unha praca co nome de "Plaza de Orense", en lugar de respectar a toponimia galega, algo polo que tanto loita sempre o BNG. Para saber máis, consultade o artigo de Galicia Hoxe: A UPG vai a por Tello

Os ministerios contra o galego

Seguimos coa TDT a voltas. Parece que as novas tecnoloxías están pelexadas co galego.
O Ministerio de Industria ofrécenos unha lista chea de disparates na toponimia galega, no entanto, como destaca Vieiros, non ocorre o mesmo coa toponimia de Cataluña. Por que?
"Puenteceso", por Ponteceso
"Ferreira Valle Oro", por Ferreira do Valadouro
"Jove", contra Xove
"Nogales", contra As Nogais
"Carballino", contra Carballiño
"Ginzo Limia", contra Xinzo de Limia
"Orense-Barbadanes", contra Ourense-Barbadáns
"Creciente" contra Crecente
"Domayo" contra Domaio
Gallego en el sentido más peyorativo de la palabra por orgullosos do galego

A Xunta contra o galego

A Xunta volve meter a zoca: despois de 'Desván de los Monjes' chega 'Puentenuevo'
Puentenuevo contra A Pontenova
Puentenuevo II contra A Pontenova II (por se non quedara claro)
Vilamea contra Vilameá
Sanpayo contra Sanpaio
Puebla contra Pobra
As animaladas están sacadas dunha nota de prensa da Xunta sobre A última fase do apagado analóxico . Un anaco do texto:

O proceso de apagados na área de Páramo continuará o día 23 nos emisores de Becerreá, Conforto, Puentenuevo, Puentenuevo II, Vilamea, Sanpayo e Viveiro,

Fiabilidade

“Deixen de buscar no lixo de internet e dedíquenlle máis tempo a traballar polo país”. Foron as palabras de Roberto Varela, Conselleiro de Cultura, cando o acusou ás webs de divulgar mentiras sobre el, concretamente sobre o xa famoso capítulo ocurrido na feira FITUR, cando o conselleiro se refire ao concello de Sobrado dos Monxes, como Desván de los Monjes.
O disparate é tan grande que tería toda a pinta de lenda e non de feito real, tal e como se puido comprobar posteriormente, mais nós non dubidamos en momento ningún da veracidade do suceso pois ben sabemos, por teren dado clase nas nosas aulas moitos anos, que Anxo e Gracia, os que manexan a bitácora Trafegando Ronseis, non son mentireiros, senón máis ben, tal e como se demostrou, moito máis fiables que calquera consellerio. Dóenos a nós especialmente que califiquen de lixo a bitácora que destapou o asunto e por iso invitámosvos a visitala coa maior frecuencia posible. Por iso, porque é de gran calidade. E porque é fiable.

Confucio en galego

Un curso de galego en chinés, entre os máis valorados do mundo
O curso de chinés en liña Chinesecom.eu, impulsado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta, confirmou o seu éxito ao ser unha das webs deste tipo máis visitadas do mundo, con máis de 23.600 dende novembro de 2009, e figurar entre as catro máis valoradas polo principal buscador da rede a nivel internacional.
O éxito da web débese a que ofrece os seus servizos en seis idiomas.
Prabens á Dirección xeral de Educación

Motores da lingua

por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, en Galicia Hoxe.

Vivimos unha etapa difícil para a lingua galega. Por unha banda, as xeracións máis novas de hoxe son as que menos o utilizan de toda a súa milenaria historia, colocándoo así nun risco serio de residualización. Ademais, é o idioma do Estado con rango de oficialidade compartida para o cal se produciron menos adiantos no camiño dunha oficialidade verdadeira, non só nominal. Algúns deses pasos á fronte están a ser, ademais, destruídos polo goberno de Núñez Feijóo, dentro da política de demolición que caracterizou a súa xestión nestes doce meses.
As exitosísimas mobilizacións sociais (17 de maio, 18 de outubro, 30 de decembro, 21 de xaneiro...) demostraron a importancia de non nos deixarmos levar por ningunha moral de derrota. A batalla non está perdida, aínda que as agresións contra a nosa cultura desde o poder continúen con forza. Unha das últimas (exemplo de despropósitos!) foi a advertencia a varios concellos, por parte da Xunta de Galiza, para que non soliciten o coñecemento do galego nas súas convocatorias de postos de traballo! Que perversa lectura se fai do artigo 5 do Estatuto de Autonomía para poder chegar a esta situación?!
Non poderán quitárnolo
No entanto, é moito o que podemos facer, mesmo individualmente, para gañarmos este combate cívico. Porque, por moito que fagan Núñez Feijóo e os grupos mediáticos e económicos que o sustentan, nunca poderán quitarnos o dereito a falar e defender o noso. Como diría Mario Benedetti, un non sempre fai o que quere, un non sempre pode, mais un sempre pode non facer o que non quere.
Así, non hai defensa máis forte nin mellor, tan tranquila como revolucionaria, de utilizar o idioma galego con normalidade e naturalidade. A mellor defensa é non renunciar a usalo en todos os ámbitos, a tempo completo. Que continuemos a falar en lingua galega na nosa vida persoal é algo que non nos poden arrincar. Agora ben, é lóxico aspirar a que a lingua propia de Galiza sexa hexemónica no seu espazo social natural, dentro da tamén lóxica convivencia. O contrario sería collermos o camiño da reserva indíxena.
Non hai mellor xeito de evitalo que manténdonos como falantes a tempo completo. Para iso, imos ter que botar man tamén da conxugación do verbo "solicitar", porque hai moitos espazos da vida en sociedade nos cales non se nos dá nin a opción de utilizar ou recibir información en galego no noso día a día. Non podemos naturalizar esta exclusión e dar por sentado que hai lugares onde non terá presenza o noso idioma.
Aquí aparecen dous conceptos moi importantes: a "consciencia lingüística" (sabémonos falantes dun idioma, sabémonos con dereitos lingüísticos) e a "fidelidade lingüística" (posto que o sabemos, actuamos en consecuencia: falantes a tempo completo!). A consciencia e a fidelidade cara ao galego supoñen un labor ilusionante para conseguir pequenos adiantos cada día, que funcionan como un efecto bolboreta.
Cómpre actuar con entusiasmo, mais sempre cos pés na terra, porque se nos enfadamos ou queimamos nos será máis difícil facer a solicitude na seguinte ocasión e, se non o facemos, apagarase un motor imprescindíbel para a lingua. Se ti non es un/ha falante consciente e fiel, quen o vai ser?
Dixen antes que a mellor e maior defensa que se pode facer dunha lingua é o seu uso. Certo. E a nivel oral, o primeiro de todo. Porén, como é sabido, unha persoa pode non falar en galego no seu día a día por moitos motivos e, así e todo, pór o seu facebook en galego, solicitar o seu crédito bancario neste idioma, escoller a opción do móbil en galego, etc. Hai moitas formas de ser comunidade lingüística e ningunha é exclusiva ou incompatíbel.
Como sinalou Uxío Novoneyra, "todas e todos somos responsábeis da lingua". Todas e todos temos a responsabilidade de nos convertermos en motores do idioma.
Velaquí van algunhas ideas para pórmos en práctica desde xa:
- Se a carta do restaurante nola dan en castelán, por que non preguntamos se a teñen en galego? Se a teñen (se aínda non fixestes a pregunta, levarédesvos sorpresas), traeránvola e poderán comezar a dala xa sen que haxa antes a petición. Se non a teñen, iranse decatando de que hai unha demanda, que de verdade existe, para que o galego estea tamén presente.
- Se unha empresa nos achega unha folla de suxestións para darmos a nosa opinión sobre o servizo, por que non introducir, nunha simple liña, que nos gustaría que utilizasen o galego con normalidade? Se o fan, por que non felicitalos, para consolidalo?
- Se unha administración, calquera, non nos envía documentación en galego, temos o dereito a solicitar esa mesma información no noso idioma. É unha xestión moi sinxela (tes máis información no web www.amesanl.org), á que temos o amparo legal desde hai lustros. De nós depende utilizala!
- Solicitemos que a documentación ou atención de calquera xestión que teñamos que facer se realice en galego. Sorprenderémonos tamén de ver cantas veces se poden facer documentos no noso idioma, mais que deixan de realizarse porque simplemente nos resignamos a actuar como falantes a tempo parcial, sen dereitos lingüísticos.
- Consumir produtos e servizos que dean opción de galego, dándolles así o noso apoio activo e afortalando a comunidade lingüística.
De todas e todos nós depende que o galego sexa útil, necesario e vivo socialmente! Sexamos motores da lingua!

luns, 8 de marzo de 2010

Taidores, Turgalicia, Tradutores

Son traidores porque nunha web galega, Turgalicia, o principal idioma non é o galego. O galego vese reducido ao resultado dunha tradución automática.
Velaquí tendes o disparate:
Non che perdas: A Baixa Limia - Ou Courel - Vos Ancares - Ou Ribeiro - A Costa dá Morte - A Ribeira Sacra - De Betanzos a Ortigueira. Coñece a artesanía dos pobos, feiras, festas, mercados.
Pois así anda a normalización do galego.
Fonte: A Profa

Galipedia

Sete anos de coñecemento libre en galego

Vieiros lémbranos que xa hai sete anos que comenzou a andar a Galipedia, a versión galega da Wikipedia. O proxecto comenzou un 8 de marzo do 2003.
Aínda que se descoñece a identidade real da primeira persoa que creou a primeira entrada da Galipedia, considérase que o seu "pai" é o usuario Agremon, Antonio Gregorio Montes, un profesor de Física de Ribadeo.
A Galipedia, con máis de 56.000 artigos ten en galego a décima parte dos artigos que en español, no entanto para que a wiki en castelán tivese a mesma proporción de artigos a respecto do número de falantes, debería multiplicar por 14 a cantidade de artigos que ten na actualidade a wikipedia en castelán.
Grazas a Antonio Gregorio Montes e a todos os que colaborades neste portal do coñecemento.

Tradución

Exercicio de tradución.
Traduce as palabras do conselleiro de Educación Jesús Vázquez. Texto extraído da Nosa Terra
"Neste momento, é inviábel calquera situación de inmersión lingüística",
"Neste momento, non imos facer nada pola normalización do galego"
"a liberdade para estudar en castelán vai existir", pero coa posibilidade "de expresarse nas dúas linguas cooficiais",
"as dificultades para estudar en galego van existir", pero coa posibilidade "de expresarse nas dúas linguas cooficiais (o castelán, ou o galego e o castelán)

a norma 124/2007, impulsada polo bipartito no sistema educativo e "que moitas familias entenderon como unha imposición".
a norma 124/2007, impulsada polo bipartido no sistema educativo e "que moitas familias entenderos como unha liberación"

"a lingua que máis se fala en Galiza é o galego"
"a lingua que máis se reduce en Galiza é o galego"

"Toda imposición o que provoca é rexeitamento".
"Todo rexeitamento o que provoca é imposición"

o novo decreto impulsado polo Executivo autonómico permitirá ao alumnado "expresarse libremente",
o novo decreto impulsado polo Executivo autonómico permitirá ao alumnado "deixar de aprender o galego"

ademais de implantar o "bilingüismo" que, ao seu xuízo, "se dá na rúa".
ademais de impoñer o "unilingüismo castelán" que, ao seu xuízo, "se dá na súa rúa".

"Esa liberdade é a que queremos nas aulas",
"Esa imposición é a que queremos nas aulas"

a preocupación das familias debe ser "que os seus fillos dominen tres linguas", coa posibilidade de "dar pasos a unha cuarta lingua".
a preocupación das familias debe ser "que os seus fillos dominen o castelán" coa posibilidade de "dar pasos a algunha outra (o inglés)"

“As autoridades podían facer bastante máis polo libro en galego”

Anaco da entrevista a Xosé Antonio López Teixeira, profesor e investigador, en Galicia Hoxe.

En que medida é fundamental o idioma en consonancia coa cultura?
De entrada o galego –como o inglés– é unha ferramenta de traballo. Mágoa que teñamos que ser militantes do idioma. E agora máis que nunca, dada a ofensiva españolista e galegófoba contra a nosa lingua e a nosa cultura propias.

O auto-odio e a desestima…
Eu sempre pensei, amigo Villaverde, que os peores inimigos de Galiza estaban onda nós. Porén Galiza existe; e existe, independentemente de que os medios queiran ou non darlle a palabra. Ao meu parecer, as posturas nihilistas e solipsistas están demais no eido do galeguismo. Os galegos con conciencia de seu temos que encarar a realidade orgullosos do que somos: galegos.


O bilingüísmo, agora, non é unha perversidade para ferir de morte o noso idioma? Sen dúbida, un dos logros da chamada Transición ou Reforma política foi o proceso autonómico, que daba "visibilidade" ao vello reino de Galiza, oficialmente abolido no ano 1833. Na actualidade estamos asistindo a un procerso recentralizador que vén de Madrid. Aínda así, eu vexo aspectos positivos nesta ofensiva españolista: fixo que a dereita extrema saíse da caverna e se nos amosase tal e como son: radicais e excluíntes. Agora xa sabemos quen son e que partidos e "fundacións" os apoian, e iso é unha vantaxe para poder desmontar as súas trapalladas. Sen dúbida, baixo a desculpa do idioma agocha unha crítica aos chamados por eles "nacionalismos periféricos" –o único nacionalismo bo é o deles, claro– moi na liña recentralizadora da fundación FAES.

O intento de eliminación do Decreto e Normalización Lingüísta para ser substituído por unha andrómena indecente, ten sentido?
Xa veremos en que queda todo isto. Dependerá moito da contestación social; os partidos de esquerda terán que crear alternativas políticas serias para facerlle fronte ao poderoso aparato mediático da dereita...

A intrahistoria, fálame dela.
Hai un sector da historiografía interesada nos aspectos da vida cotiá na que se insertan os grandes acontecementos históricos. Tamén é certo que a literatura reflicte a miúdo a intrahistoria dos pobos moito mellor que nós os historiadores académicos ou academicistas.

Goza a literatura galega de boa saúde?
Sen dúbida tivo épocas peores. Nunca se publicaron tantos títulos e tan ben presentados. Hai boas editoriais e cada vez son máis coñecidos os nosos autores. O que si está claro é que as autoridades podían facer bastante máis polo libro en galego.

Co ensaio, coa poesía, coa narrativa, que tal te levas?
Como sabes, estou moi atento a todo canto se fai no eido das Ciencias Sociais. Neste sentido, veño albiscando nos últimos anos un importante incremento do número de títulos referidos á historia do noso país. Non só a Idade Media ou a Contemporánea, senón épocas tan esquecidas como a Prehistoria ou a Idade Moderna son obxeto de estudo detido. Os premios anuais da AELG son un exemplo disto que estou a dicir ao recoller os diferentes xéneros, entre eles o de ensaio.
Cal é a imaxe que ti con palabras poderías retratar ou dicir do tempo?
Para a visión providencialista, o tempo histórico é apenas unha paréntese na vida aterna. Porén eu son historiador, e como tal estou máis preocupado polo home como o verdadeiro protagonista da Historia. Nesa dirección, a escala temporal da vida humana pasa a ser decisiva, aínda que xeralmente sexa superada pola propia duración das institucións por el creadas.