Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 8 de marzo de 2010

“As autoridades podían facer bastante máis polo libro en galego”

Anaco da entrevista a Xosé Antonio López Teixeira, profesor e investigador, en Galicia Hoxe.

En que medida é fundamental o idioma en consonancia coa cultura?
De entrada o galego –como o inglés– é unha ferramenta de traballo. Mágoa que teñamos que ser militantes do idioma. E agora máis que nunca, dada a ofensiva españolista e galegófoba contra a nosa lingua e a nosa cultura propias.

O auto-odio e a desestima…
Eu sempre pensei, amigo Villaverde, que os peores inimigos de Galiza estaban onda nós. Porén Galiza existe; e existe, independentemente de que os medios queiran ou non darlle a palabra. Ao meu parecer, as posturas nihilistas e solipsistas están demais no eido do galeguismo. Os galegos con conciencia de seu temos que encarar a realidade orgullosos do que somos: galegos.


O bilingüísmo, agora, non é unha perversidade para ferir de morte o noso idioma? Sen dúbida, un dos logros da chamada Transición ou Reforma política foi o proceso autonómico, que daba "visibilidade" ao vello reino de Galiza, oficialmente abolido no ano 1833. Na actualidade estamos asistindo a un procerso recentralizador que vén de Madrid. Aínda así, eu vexo aspectos positivos nesta ofensiva españolista: fixo que a dereita extrema saíse da caverna e se nos amosase tal e como son: radicais e excluíntes. Agora xa sabemos quen son e que partidos e "fundacións" os apoian, e iso é unha vantaxe para poder desmontar as súas trapalladas. Sen dúbida, baixo a desculpa do idioma agocha unha crítica aos chamados por eles "nacionalismos periféricos" –o único nacionalismo bo é o deles, claro– moi na liña recentralizadora da fundación FAES.

O intento de eliminación do Decreto e Normalización Lingüísta para ser substituído por unha andrómena indecente, ten sentido?
Xa veremos en que queda todo isto. Dependerá moito da contestación social; os partidos de esquerda terán que crear alternativas políticas serias para facerlle fronte ao poderoso aparato mediático da dereita...

A intrahistoria, fálame dela.
Hai un sector da historiografía interesada nos aspectos da vida cotiá na que se insertan os grandes acontecementos históricos. Tamén é certo que a literatura reflicte a miúdo a intrahistoria dos pobos moito mellor que nós os historiadores académicos ou academicistas.

Goza a literatura galega de boa saúde?
Sen dúbida tivo épocas peores. Nunca se publicaron tantos títulos e tan ben presentados. Hai boas editoriais e cada vez son máis coñecidos os nosos autores. O que si está claro é que as autoridades podían facer bastante máis polo libro en galego.

Co ensaio, coa poesía, coa narrativa, que tal te levas?
Como sabes, estou moi atento a todo canto se fai no eido das Ciencias Sociais. Neste sentido, veño albiscando nos últimos anos un importante incremento do número de títulos referidos á historia do noso país. Non só a Idade Media ou a Contemporánea, senón épocas tan esquecidas como a Prehistoria ou a Idade Moderna son obxeto de estudo detido. Os premios anuais da AELG son un exemplo disto que estou a dicir ao recoller os diferentes xéneros, entre eles o de ensaio.
Cal é a imaxe que ti con palabras poderías retratar ou dicir do tempo?
Para a visión providencialista, o tempo histórico é apenas unha paréntese na vida aterna. Porén eu son historiador, e como tal estou máis preocupado polo home como o verdadeiro protagonista da Historia. Nesa dirección, a escala temporal da vida humana pasa a ser decisiva, aínda que xeralmente sexa superada pola propia duración das institucións por el creadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario