Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 28 de agosto de 2015

Os incrementos da SXPL

Isto é o que di un anuncio recente da SXPL: "A Consellería de Cultura e Educación incrementa a oferta de 30 cursos de lingua preparatorios do CELGA". Se o incremento foi de 30 cursos, a canto ascenderá a cantidade total de cursos ofertados? Pódese seguir a ligazón pero non cómpre facelo, xa o contesto eu. O total ascende a 30.
Estamos diante do que é normal na SXPL, a desinformación e a mentira. Como a política lingüistica que se está aplicando é realmente unha agresión continua contra o galego, non teñen outra saída que a creación e a difusión dun mundo irreal para poder continuar tirando para adiante para non alporizar á cidadanía. O perigo de instalarse no embuste é que se acaban comentendo excesos coma este. Só é posible manterse nesta liña coa axuda dunha tupida rede de medios servís que desprezan o galego e que nin o usan nin tampouco o respectan.

Para aclarar realmente en que consistiu o incremento na oferta de cursos Celga anunciada pola SXPL, basta recuperar os datos dos anos anteriores. Recollendo as cifras ofrecidas pola propia SXPL para os anos 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, e a referida deste mesmo ano, obtemos un gráfico que fala sen ter que engadir máis comentarios:
Gráfico elaborado cos datos obtidos da SXPL
Porén, aínda que desde a SXPL queiran centrar (e perder) o debate arredor da cantidade de cursos preparatorios impartidos, o fundamental non é iso. A historia dos Celga dos últimos anos demostrou que non se podía facer peor. Non houbo diálogo cos traballadores que se encargaban dos cursos, creándose un duro conflito laboral que acabou xudicializándose. O desprezo mostrado pola SXPL pechou todas as portas a futuras negociacións. En ningún momento houbo mesas de análise sobre os defectos que tiña o funcionamento do sistema de cursos. A CTNL ofreceu hai tres anos, antes de que estoupara o conflito laboral, unha proposta de mellora de xestión e planificación que podía evitar o que despois sucedeu. Polo momento, o resultado final é o dunha nova xeira de cursos Celga que comenzan cando xa tiña que estar todo o proceso rematado.
Durante toda esta desfeita non se falou en ningún momento de normalización lingüística, xa nunca se abreu esa oportunidade. Por exemplo, nunca se falou de establecer os níveis Celga para poder acceder aos distintos postos da administración. Como había de ser isto posible se a primeira medida tomada por Feijóo no seu primeiro mandato foi eliminar a esixencia do coñecemento do galego nas oposicións?

mércores, 26 de agosto de 2015

O último libro de matemáticas en galego


Nesta táboa recollo os datos do total de libros con ISBN publicados en galego no período 2008-2013. Cómpre dar o aviso de que hai libros editados e que quedan desta catalogación "por materias" xa que pode dar a impresión dun descenso continuado na edición durante todo este período cando durante o 2013 houbo unha pequena recuperación. Poden consultarse todos os datos neste informe do Consello da Cultura Galega.
O que querría destacar é o número de libros de matemáticas que se publicaron neste período. Son poucos e non se poden tirar grandes conclusións, pero chama a atención que o pico máis alto se deba xusto ao ano no que comenzamos a sufrir o funesto decreto 79/2010, o mal chamado decreto do plurilingüismo. Nos seguintes anos a sucesión de libros de matemáticas en galego non parou de baixar: dos 13 editados nos 2010 continuamos con 10, 5, e 1.
No 2013 só se editou un libro en galego de matemáticas. Volvemos ao ano 1979, o da edición do primeiro libro en galego de matemáticas (e tamén o primeiro libro da editorial Xerais), Matemáticas de 1º de BUP, do Colectivo Vacaloura. No 2013 xa atrasáramos 34 anos. Cal será a medida do noso atraso a día de hoxe?
Quixen saber cal foi ese libro, o único libro en galego do 2013, porque sospeito que por un tempo será o último libro de matemáticas en galego. Pois aquí o está, trátase de Matemáticas: grao en comercio, da profesora Amelia Verdejo Rodríguez, da Universidade de Vigo, editado polo servizo de publicacións desta universidade. Incluso podemos consultar o primeiro capítulo, sobre funcións reais dunha variable.
Curiosamente o libro comenza cunha cita da matemática alexandrina Hipatia, unha mensaxe que lle regalo aos defensores do funesto decreto 79/2010, pois eles non defenden o dereito a pensar dos nosos fillos:
Defende o teu dereito a pensar,
porque incluso pensar de xeito erróneo é mellor que non pensar.

martes, 25 de agosto de 2015

O escándalo da Feira do Moble da Estrada


Tal e como denunciou onte ProLingua, esta é a vergoña que temos que soportar os veciños da vila da Estrada por culpa das malas prácticas da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. Velaí o cartel anunciador da edición número 29 da que viña sendo a Feira do Moble de Galicia e que agora, tal e como se evidencia no anuncio deste ano, se converterá na Feria Internacional del Mueble de Galicia. Se quixeran facer un icono do cosmopaletismo non poderían facelo mellor.
Que ninguén diga que non estaba avisado pois hai tres anos xa denunciabamos a pancarta que os organizadores da Feira colgaban nunha das estradas principais da vila para indicar o lugar no que se estaba a celebrar o evento. Agora dáse un paso máis. Tal como xa se puxo en evidencia, alén do ataque á lingua galega o cartel ten para máis escarnio, un evidente mal gusto sexista.
Para quen pense que se trata dun "simple erro", invítoos a que lle boten un ollo ao Dossier Promocional, un documento que non é máis que unha cativa tradución do de anos anteriores, que viña redactado en galego. No novo documento, tal e como denuncia ProLingua, podemos ver un ataque á toponimia que pensabamos xa estaba superado. Aparecen as formas ilegais e estragadas de *La Estrada e *Villagarcía de Arosa
Máis detalles que dan que pensar. Nos perfís sociais da Feira do Moble a redacción ata hai uns poucos meses era en galego. Era o menos que se podía pedir se temos en conta que normalmente referenciaban ligazóns de informacións xornalísticas sobre as actividades que desenvolvía a Fundación de Exposicións e Congresos e que prácticamente nunca viñan escritas en galego. Pero hai uns meses a cousa cambiou. Basta ver como nesta imaxe como se anunciaba a Feira de labores.
Quen era o responsable da Fundación nesa altura? Quen era o responsable cando se editou o cartel? A que fóra xerente na edición pasada dimitiu no mes de decembro. As decisións foron asumidas polo alcalde José López  (do PP) ata que foi elixido como novo xerente a finais do mes de xullo o concelleiro do PP Nemesio Rey. Sexa Xan, sexa Pericán, o culpable da desfeita é o mesmo. Chegados a este punto non podemos esquecer que o político máis destacado do PP local era o que pechaba a lista nas eleccións do pasado maio. O seu nome, Valentín García; o seu cargo, secretario xeral de política lingüística. A complicidade entre el e José López é coñecida públicamente pois eles mesmos se encargaron de difundila nunha serie de vídeos preelectorais na que eran os únicos  Hai, polo tanto, unha liña directa entre o vergoñento cartel que anuncia a Feria do Moble deste ano e o máximo responsable da política lingüística galega. 
Imaxe do vídeo de propaganda electoral "Para seguir avanzando"
Valentín García (esquerda) e José López (dereita)

martes, 4 de agosto de 2015

A lingua dos nenos



Documental producido por Rinoceronte Editora e dirixido por Uxía Piñeiro. Trata do tema da perda da lingua materna que sofren os nenos galegofalantes, vista dende a óptica dos seus pais. Unha nova demostración do desastre educativo que está a supoñer o funesto decreto do plurilingüismo. Nunha sociedade na que todos os estímulos, sen contrapeso ningún, levan impulsan ao uso exclusivo do castelán, que se extenda esta exclusión ao ensino é fatal para a transmisión xeneracional da lingua oprimida.
Henrique Arguindey, Tati Mancebo. Ramiro Torres, Isabel Ferreiro, François Davó, Mónica Pazos son os pais que, en primeira persoa,  falan da situación da lingua dos nenos.
Vía Sermos Galiza

luns, 3 de agosto de 2015

A minha criança fala em galego

por Ramiro Vidal no Sermos Galiza:


A minha criança é umha excelente estudante, obtivo umhas magníficas qualificaçons ao final do periodo acadêmico, e agora toca-lhe disfrutar do verao...quê melhor que premiá-la inscrevendo-a num acampamento desportivo, por exemplo? Pode haver melhor prémio que estimular as suas afeiçons? Claro que, o monitorado vai ter que ter em conta umha circunstáncia especial. E qual é essa circunstáncia?

sábado, 1 de agosto de 2015

Takekazu Asaka e a edición xaponesa das cantigas de amigo de Martín Codax

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de ProLingua:

O Día das Letras Galegas do 2012 celebrouse na capital de Xapón, na sede do Instituto Cervantes, cun ciclo de tres sesións de música e poesía galega que organizou Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio desde 1988. Asaka leva un bo quiñón de anos estudando a lingua, a literatura e a cultura galegas e espallándoas no seu país, á vez que exerce como incansable brigadista no uso e defensa do idioma propio de Galicia cando está entre nós. Embarcouse en ProLingua cando esta comezou súa singradura e realizou a versión xaponesa do manifesto fundacional desta plataforma apartidaria a prol do galego.

xoves, 30 de xullo de 2015

Para unha nova e verdadeira política a prol do galego

por Marcos Maceina, no Sermos Galiza:

Coa lembranza activa de Rosalía, ás portas de conmemorarmos o centenario das Irmandades da Fala, e tras avaliarmos o escaso nivel de cumprimento dos principais acordos a respecto da nosa lingua, concretados no Informe sobre o cumprimento do PXNLG, no Relatorio sobre o incumprimento da Carta Europea das Linguas ou na recente denuncia sobre a vulneración de dereitos lingüísticos presentada no Consello de Dereitos Humanos da ONU, na Mesa pola Normalización Lingüística decidimos dar un paso á fronte e impulsar, sen exclusións de ningún tipo, unha Declaraciónde unidade a prol da normalización da lingua galega, finalmente asinada pola inmensa maioría dos partidos actuantes en Galiza.

Voltarmos ao consenso lingüístico

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:

O acordo a prol da promoción da lingua asinado por todos os partidos, a medio dos bos oficios da Mesa, ten unha trascendencia indubidábel. Por unha banda vencella á nova esquerda de Podemos coa nidia liña de discriminación positiva que debulla o acordo. Por outra, visualiza a ruptura aparente do PP coa utilización partidista que leva facendo do galego dende fins do 2008. Utilización que xerou graves danos, non só ao uso da lingua, nomeadamente no ensino, senón á mesma cohesión social. Semella que o PP dá por amortizada a adscrición electoral a Ciudadanos (C´s) da minoría galegófoba, pouco significativa en cantidade, mais de certo en minguante predicamento en determinados sectores urbanos. E tenta achegarse ao centro e a un discurso de integración que o PP tiña moi claro antes do 2006.

mércores, 29 de xullo de 2015

A Igrexa e o galego: un problema de secularización

por Pedro Castelao en La Voz:

O 5 de xullo cumpríronse 50 anos da primeira misa en galego. Foi presidida polo padre Seixas, en Santiago, na igrexa de San Domingos de Bonaval, lembrando a Rosalía. Que dicir deste medio século da relación entre a Igrexa e o galego?

martes, 28 de xullo de 2015

'Deitado frente ao mar', no Luar



Para os que víramos en directo algunha vez esta marabilla, a sorpresa non é tan grande, pero volver a escoitar esta excelente peza de María Lado e Lucía Aldao, é realmente agradable... e escacharrante.


xoves, 16 de xullo de 2015

Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega




Onte todos os partidos políticos mostraron asinaron unha declaración conxunta (ao PP custoulle bastante, pois non o fixo ata o último momento) que lles fora proposta pola Mesa para a Normalización Lingüística. O acto tivo lugar ao mediodía ao pé do monumento de Rosalía de Castro na Alameda compostelana.
Velaquí a declaración:

A lingua galega é a grande obra colectiva do pobo galego. A que nos une e nos identifica, a que nos dá voz propia nun mundo plural e diverso ao que queremos contribuír.
O galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo. O idioma é o mellor instrumento común que creamos todas e todos os galegos e unha necesidade para avanzarmos xuntas as xeracións presentes, en todos os ámbitos, na cultura, na educación, no progreso social, económico e político.

Recentes estudos de organismos oficiais voltaron pór de manifesto un preocupante retroceso social da lingua que mostra a necesidade de avanzarmos para erradicar vellos e novos prexuízos.
É preciso abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega, coa implicación de todos os sectores, afirmando conxuntamente a nosa intención de aplicación, mellora e introdución de todo canto for preciso para garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficialidade real, tomando como punto de partida os acordos comúns e amplos establecidos na Lei de Normalización Lingüística, na Lei de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.
Do mesmo xeito, reafirmámonos no disposto na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos promovida en 1996 pola UNESCO e na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas promovida polo Consello de Europa e ratificada polo Estado español en 2001, e ambas as dúas coa adhesión unánime do Parlamento galego.
As organizacións políticas galegas, coas nosas diferentes alternativas, proxectos e ideoloxías, queremos manifestar a nosa unidade na vontade de normalizar a lingua galega e devolverlle o protagonismo que nunca debeu perder, retomando e iniciando todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndonos a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institucións onde teñamos responsabilidade de goberno.

Santiago de Compostela, Galiza, 15 de xullo de 2015.
No 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro.

martes, 7 de xullo de 2015

Setestrelo


Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do CCG, Marilar Aleixandre, catedrática da USC e membro da Sección, a xornalista Iolanda Casal e Manuel Gago, director de culturagalega.gal presentaron onte Setestrelo, un espazo do Consello da Cultura Galega (CCG) adicado en exclusiva á ciencia. Así amplíase o apoio do CCG á difusión do coñecemento científico galego xa demostrado coa apertura e mantemento da páxina do Álbum da ciencia.
Unha boa nova que a divulgación da ciencia en galego conte co apoio do portal Culturagalega.gal. A presentación coincidiu cun magnífico artigo asinado por Iolanda Casal sobre a visita de Schrödinger a Galicia no verán do ano 1934.
O obxectivo declarado desta  iniciativa é " achegar ao público a ciencia que se fai, se divulga, se ensina e se aprende en Galicia, así como a ciencia que fan galegos e galegas noutras partes do mundo. Dar a coñecer a nosa actividade científica no sentido máis amplo."
Aquí atoparemos, entre outras moitos contidos, material para as clases de ciencia en galego; xusto o contrario do que propugna a zunia gobernante, quen, dálle que dálle, continúa a defender un funesto decreto do plurilingüismo que prohíbe precisamente as aulas de ciencias en galego.

xoves, 2 de xullo de 2015

Entrega de premios do uso do galego nos comercios estradenses



O veciño e compañeiro de loita na lingua, David Otero, como primeiro motor desta inciativa, fai a presentación da entrega do  3º premio do IES nº 1 da Estrada ao uso do galego no comercio no concello. Nesta ocasión o comercio que recibe a homenaxe é Copistrada pero na entrega do premio tamén están os representantes das outras dúas empresas premiadas nas dúas primeiras edicións, a liberería Marxe e a tenda de roupa Treixa.
A asociación local de comerciantes, ACOE, tivo a boa iniciativa de gravar o acto e divulgalo polas redes sociais, velaquí pois unha outra nova iniciativa construída por particulares, asociación de comerciantes, centro de ensino, e co agradecemento da veciñanza por facer visible aquelo que debería ser normal, pero que aínda é unha heroicidade no eido comercial. Iso si é facer cousas na boa dirección, outras cousas cheiran a propaganda para ocultar o puro baleiro.

mércores, 1 de xullo de 2015

De blogues.40

Imaxe da Wikipedia

  • O talento de Ikeda Yosuke, 02/06/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Artistas da lingua, 02/06/15, no blogue Galego en Londres, sustentado por Xaime Varela
  • O noso último (e non derradeiro) filme en galego, 03/06/15, por Manuel Arca en Derrubando isoglosas
  • Onte 1347: Agustín premiado polos clubs de lectura, 06/06/15, por M. Bragado en Brétemas
  • O mestre dos anagramas, 06/06/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Escribir coma os bois, 10/06/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Hai maxia nas palabras!, 18/06/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • A suposta "buena educación" prexudica á lingua galega, 23/06/15, en Galician State
  • As exportacións e os idiomas (I), 26/06/15, en Galician State
  • As exportacións e os idiomas (II), 27/06/15, en Galician State
  • Fin de curso con entrega de diplomas do ENDL, 30/06/15, no Bico da ría, do ENDL do IES Félix Muriel (Rianxo)

luns, 29 de xuño de 2015

"Que bonito é..." o CEIP de Rubiáns



No CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa) lanzaron este vídeoclip que ten o mérito multiplicado de que tanto a letra como a música son orixinais compostas polo alumnado e profesorado do centro. A imaxe de fondo do vídeo, "Mujeres", foi cedida pola súa autora, a ilustradora Inés Vilpi.
Esta peza musical e audiovisual é o punto final dun proxecto, Mulleres na historia, que desenvolveron durante o curso.
Como ningunha das que escolleron era matemática, voulles recomendar esta publicación para que, no vindeiro curso, engadan algunha mulles dos números á súa lista.

sábado, 27 de xuño de 2015

A discriminación do galego na ONU



Marcos Maceira, presidente da Mesa, denuncia coa asociación non gubernamental ELEN (European Language Equality Network) denunciaron a política discriminatoria que está a sufrir a lingua galega. Este vído da rolda de prensa non é o único sobre o tema realizado por IrmandadeTV, mais si que nel podemos escoitar como se denunciou a prohibición do uso do galego nas clases de matemáticas e tecnoloxía.


  • A Mesa pola Normalización Lingüística participa na delegación de ELEN que denunciará vulneración de dereitos lingüísticos polo Estado español ante o Consello de Dereitos Humanos da ONU, 22/06/15, na Mesa
  • España obvia ante a ONU as denuncias de discriminación do galego, 24/06/15, na Praza
  • A Mesa reclama en Xenebra que se abra un procedemento de infracción contra España por discriminación lingüística, 24/06/15, no Sermos Galiza
  • “A realidade da discriminación dos galego-falantes estase a coñecer no mundo”, 25/06/15,no Sermos Galiza
  • A Mesa reclama ante as Nacións Unidas que se respecten os dereitos das e dos galegos falantes, 25/06/15, na Mesa
  • "Sorprende que a discriminación do galego se debata na ONU e non no Estado", 25/06/15, na Praza
  • Presentación do libro "300 galegos con estilo", 25/06/15, na TVG [NOTA: como a TVG non ofreceu información sobre este tema, poño un exemplo do que os responsables dos informativos da televisión pública galega consideran unha noticia máis importante que a da denuncia feita pola Mesa]

martes, 23 de xuño de 2015

"En galego non es posible"



Unha chamada ao Banco de Santader convertiuse en spot publicitacio para sensibilizar á cidadanía sobre o estado social da lingua galega e reclamar que as empresas nos antendan na nosa lingua. Neste caso o traballador do Banco de Santander ofrece a posibilidade de atendernos en español, alemán, inglés ou francés, "en galego no es posible".

luns, 22 de xuño de 2015

Libros e ADN, por Ángel Carracedo



O primeiro dos vídeos consiste na charla "O ADN e a orixe xenética das razas humanas" que Ángel Carracedo, catedrático de medicina legal da USC, mantivo co alumnado do CEIP Víctor Sáenz (Mazaricos). Non é usual ver a un profesor universitario tratando con rapaces de primaria. É unha marabilla ver como os cativos abren a boca diante dun experimento realizado dinte deles.




Neste segundo vídeo, gravado nos encontros do plan de mellora das bibliotecas escolares 14/15,  Ángel Carracedo fálanos de libros, e de como os libros lle cambiaron a vida.
E que os zunantes queiran expulsar o galego do ensino das ciencias!


domingo, 21 de xuño de 2015

Ollos de aula.22

Chegou con aires cálidos o último número da revista Ollos de aula deste curso

venres, 19 de xuño de 2015

O futuro do galego está nas matemáticas


Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo, e Mª Victoria Otero, decana da Facultade de Matemáticas, explican un traballo que realizaron usando unha ecuación diferencial para estudar o conflito lingüístico galego. Entre outras cousas explícase que o futuro do galego ten como un dos piares fundamentais unha política lingüística que incremente o seu prestixio frente comparativamente co castelán. Actualmente, segundo unha ferramenta matemática elaborada por este grupo de profesores da USC, o castelán triplica o prestixio da lingua galega.
A conclusión é que o futuro do galego depende de todos nós. Se o prestixio do galego é o suficiente, o galego terá unha longa vida. Claro que unha política que prohíba impartir as clases de matemáticas en galego non será a que nos leve por ese necesario incremento do prestixio.

xoves, 18 de xuño de 2015

O ladrón de palabras




Novo audiovisual da Illa Bufarda, realizado polo alumnado de 2º da ESO do CPI de Xanceda (Concello de Mesía) en base ao conto de Sechu Sende (Made in Galiza, 2007). A curtametraxe foi realizada coa técnica da animación stop motion con plastilina.

mércores, 17 de xuño de 2015

Lonxe de Galicia tamén se vive en galego



"Lonxe de Galicia tamén se vive en galego" é o vídeo de Bea Martínez Trillo, Bea Pérez López, Iván, Majo Ogando Portela, Mano Panforreteiro, María Mandita, Natalia Varela, as Oxford Pandereteiras, co que participan na gorentosa iniciativa da grupación de Marín de  Queremos Galego, un concurso de vídeos realizados con móbil.

luns, 15 de xuño de 2015

Toma lumiño, este dentiño



Audiovisual feito polo alumnado do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), recuperando unha tradición que agora se ve esmagada polo Ratoncito Pérez.
Vía CGENDL

sábado, 13 de xuño de 2015

Què ens passa, valencians!?



Alina é unha alemana que fala catalán e que non sabe o castelán. Montou na súa bicicleta para percorrer o País Valenciano e coñecer cal é a situación da súa lingua. Trátase dun documental que segue a estela doutro, Són bojos, aquests catalans!?, dirixido tamén por David Valls.
O documental volveu agora a estar de actualidade porque Vicent Satorres, o subdirector de política lingüística valenciano, acaba de permitir que se difunda unha entrevista que anteriormente impedira que fose incluída no documental  Què ens passa, valencians!? As razóns de por que fixera iso ninguén acerta a entendelas despois de ver a entrevista, que non ten nada realmente destacable e Vincent Torres non fai declaracións que poidan dar lugar a un escándalo social ou político. Cousas que pasan coa política lingüística, está visto. Velaquí o retallo que fora censurado:




Carta dun alumno que quere estudar galego

por Daniel Bernardo Viveiro, alumno de 4º da ESO do IES Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo, no Sermos Galiza:


É obvio que o galego non é totalmente inmune aos cambios propios dunha lingua, pero cando falamos dunha rexión que está fóra de Galiza onde tamén se fala galego a situación aínda se volve máis precaria.

Quê foi do rock and roll? (polo regresso do Planeta Furancho)

por Ramiro Vidal, no Sermos Galiza:

Lembro-me que em certa ocasiom um prestigioso músico corunhês escrevera em La Voz de Galicia um artigo queixando-se do trato “de favor” que recebia o rock bravú, da atençom sobredimensionada que se lhe concedia na mídia, sementando pérolas tais como que as bandas bravús eram “mimadas” polas cámaras municipais, que se lhes subvencionava, se lhes ajudava a organizar concertos e outras afirmaçons que eram falsas de plano. O rock bravú, sim, foi aquele momento no que o rock em galego se converteu num fenómeno de massas, mas fazer rock em galego, ou música em galego em geral nunca foi fácil. Quem fai música em galego joga com desvantagem.

venres, 12 de xuño de 2015

Esopías 2015

Se o ano pasado facíamos unha publicación dixital de 22 esopías, este ano achegamos unha escolma doutras 37. E iso que só estan recollidas as que máis lle gustaron ao xurado entre as participantes no II Concurso de Esopías que o ENDL do IES Pintor Colmeiro (Silleda) convocou este curso.
Como novidade, nesta ocasión contamos coa colaboración do Departamento de Plástica coas ilustracións que fixeron alumnos de 3º da ESO
Entre as creacións aquí recollidas está a que obtivo o premio do 2º ciclo da ESO e Bacharelato do III Concurso de Esopías celebrado na IX Feira Matemática
Por se alguén non o recorda, unha esopía é un relato, comentario ou poema, cun máximo de 140 carácteres (tweet), onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número π.


xoves, 11 de xuño de 2015

'Errores y horrores del españolismo lingüístico', entrevista a Moreno Cabrera



Entrevista realizada durante a feira Literal 2015 de Barcelona ao lingüista madrileño Juan Carlos Moreno Cabrera sobre el libro publicado en Txalaparta. En la feria Literal 2015 de Barcelona.
Moreno Cabrera fala como un libro aberto.
O vídeo chegoume do facebook de Quique Costas

martes, 9 de xuño de 2015

A unidade didáctica 'María Wonenburger. Unha científica adiantada ao seu tempo'

O segundo que me chamou a atención cando nos chegou ao Departamento de Matemáticas un sobre con varios exemplares da unidade didáctica, María Wonenburger. Unha científica adiantada ao seu tempo, foi que viñese redactada en galego. Si, unha unidade didáctica de matemáticas en galego editada por esa mesma  Xunta que prohíbe impartir clases de matemáticas en galego. Que foi, xa que logo, o primeiro que me chamara a tención? Pois cando vin o libriño da unidade didáctica recordei a noticia da súa publicación no portal da Xunta e o extraña que me parecera a súa redacción. Alí facíase referencia ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, á secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Do Campo, e ao todavía alcalde da cidade na que se facía a presentación, Carlos Negreira. Pero o raro era que por ningunha parte aparecían o nome das autoras do traballo que se presentaba; estamos ante unha evidencia de ata que punto chega o desprezo polo traballo na educación.
Elas, as autoras de  María Wonenburger. Unha científica adiantada ao seu temposon María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar, profesoras de matemáticas na UDC. Sempre é de agradecer que desde o mundo universitario se mostre este interese pola educación nos outros niveis do ensino, aínda máis, como é o caso, cando deste interese poucas veces temos mostras. Estas dúas profesoras non poden ser descoñecidas para quen se teña ocupado algunha vez por M. Wonenburger Planells. Como proba, basta ver esta escolma de traballos sobre a alxebrista coruñesa:

  • Wonenburger Planells, María Josefa. SOUTO SALORIO,  María José e TARRÍO TOBAR, Ana Dorotea.  Biografías de matemáticos españoles. Divulgamat. [web]. Artigo biográfico dun portal de matemáticas
  • María Josefa Wonenburger Planells: mujer y matemática. SOUTO SALORIO, M.ª J., TARRÍO TOBAR, A. D.: “, La Gaceta de la Real Sociedad Matematica Española, v. 9, n.º 2 (2006), p. 339-364. [pdf]  [scribd]
  • Discurso no recoñecemento-homenaxe da Unidade Muller e Ciencia á matemática coruñesa María Josefa Wonenburger Planells. TARRÍO TOBAR, A. D., 2006 [pdf]
  • Unha científica pioneira: María Josefa Wonenburger Planells. SOUTO SALORIO, María José e TARRÍO TOBAR, Ana Dorotea . reNOVA GALIZA. Caderno de pensamento cívico. Monográfico nº3 (xullo 2008). A diáspora científica galega.  p. 23 [pdf]
  • María Wonenburger Planells na creación do coñecemento. As irmás de Hipatia. TARRÍO TOBAR, Ana D; RIOS FACHAL, Matilde; RODRÍGUEZ RAPOSO, Ana B. ; CRUJEIRAS CASAIS, Rosa M. ; VÁZQUEZ , artigo na revista Gamma, nº 9 [pdf]
  • María Josefa Wonenburger Planells. Matemática que creou unha escola internacional de Álxebra. SOUTO SALORIO, María José e TARRÍO TOBAR, Ana Dorotea Artigo biográfico no Álbum da Ciencia, un proxecto do Consello da Cultura Galega [web]

A unidade didáctica 'María Wonenburger. Unha científica adiantada ao seu tempo'
A unidade didáctica, con respecto a estas outras publicacións das mesmas autoras, ten como novidade un enfoque escolar para o alumnado da ESO. Contén diversos exercicios do currículo de matemáticas desta etapa que, dalgunha maneira, se poñen en relación coa figura de María Wonenburger. Estes exercicios non son nada novidosos, podemos ver moitos do mesmo estilo en calquera libro de texto, pero onde se acerta plenamente é en comunicar unha idea fundamental: que cando se ensina matemáticas tamén se están a ensinar outras cousas. O obxectivo principal da unidade consiste en divulgar e facer ver as dificultades que tivo que superar unha muller nacida en Oleiros no 1927, que viu como o seu título de doctora non lle era recoñecido en España, e todo isto sí que aparece ben claro entre as páxinas da publicación. Poñer en evidencia as desigualdades de xénero e establecer á figura da profesora Wonenburger como un exemplo de adicación ao traballo na investigación das matemáticas a pesar de todos os condicionantes é o principal valor da unidade didáctica.
As fotos, os debuxos, a presentación do texto, e a edición en xeral de María Wonenburger. Unha científica adiantada ao seu tempo, está moi coidada e vén presentada nun papel de boa calidade. O normal sería que traballos como o desta unidade didáctica poideran ser divulgados e descargados desde un portal no web da Consellería de Educación, ao estilo do Creamat catalán. É seguro que imprimir e enviar esta unidade didáctica a todos os centros de secundaria é moito máis caro que habilitar un portal deste tipo, claro que isto non facilitaría que se puideran redactar noticias como ésta.

Máis neste blogue:
Quen é María Wonenburger?
II Día da Ciencia en Galego: María Wonenburger

    xoves, 4 de xuño de 2015

    Xogando para o galego

    O profesor do IES de Melide, Paco Veiga foi premiado polo Servizo de Normalización Lingüística e Cultural da Terra de Melide pola súa defensa do galego. Paco Veiga é un dos impulsores da AGXPT (Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional), punto de referencia fundamental para construir un proxecto de normalización do galego arredor do xogo.
    A importancia do xogo como ferramenta para levar á lingua por un camiño sen prexuízos e de uso natural podemos vela decote no traballo que Nito Ferrer publica en  Enredamos ou noutras achegas como este bonito traballo do Equipo de Normalización do CPI Virxe da Cela (Monfero)

    O galego está "colapsado"


    Despois de varias denuncias na Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística (linhadogalego@amesa.gal ), decidiron comprobalo directamente. O resultado foi sempre o mesmo:
    o servizo de atención está "colapsado". Iso debería significar que hai unha enorme cantidade de persoas que solicitan en todo momento unha atención en galego polo que a administración de facenda debería dotar de profesionais suficientes (e non deberían ser poucos, despois de visto isto)  para que non se siga dando esta falta de respecto aos galegos.

    mércores, 3 de xuño de 2015

    A xustiza pola man

    A xustiza pola man - Rosalía de Castro from EduPlástica- Luz Beloso on Vimeo.

    Este audiovisual do taller de Luz Beloso, no IES As Barxas (Moaña) foi a curta de animación gañadora do Olloboi 2015. Pero non é o único premiado, premendo na ligazón chegaremos a unha escolma realmente impresionante.

    martes, 2 de xuño de 2015

    O galego non serve para nada

    por Jon Amil, no Sermos Galiza:

    Sete da mañá. Soa o despertador. Mentres tomo o café con calma, acendo o portátil. Dou unha ollada ás novas do día no Praza Pública e no Sermos Galiza. Éncheme tanta política. Vou a Memoria Pixelada para ver se falan dalgún xogo interesante. Troco para Mallando no Android, vamos ver cal é a última que fixo Google. Repaso a portada do Chuza! apurando o café, que xa é moita hora e vou perder o bus.

    luns, 1 de xuño de 2015

    De blogues.39

    Da Wikiepedia
    De Miles Davies ó capador de Faramontaos, pasando por Filgueira Valverde, 16/05/15, por Suso Acevedo en El toupo que fuza
    Para min iso das Letras Galegas é outra cousa…, 16/05/15, por Pedro Feijóo en Un consentido común
    Botar a Lingua, ensinar a Lingua no Día das Letras Galegas con Serafín Marcos, Tropa de Trapo e as Cunqueiradas, 15/05/15, no Blog da Biblioteca do IES Porto do Son
    Todas as letras de festa!, 17/0/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
    Vivir, unha aventura irrepetíbel - María do Carme Kruckenberg (1926-2015), 17/05/15, por Pilar Ponte, A Profa
    As razóns do galego, 18/05/15, por Agustín Fernández Paz, no seu blogue
    ETIQUETAXE, 18/05/15, por Luz Cures no blogue o demo me leve
    Onte 1328: Kruckenberg, 18/05/15, por M Bragado en Brétemas
    Non todos franquistas, non, 18/05/15, por Antón Dobao en Xustiza poética
    Quen son?, 19/05/15, por Carlos Callón, no seu blogue
    o PP cárgase o “Planeta Furancho”, 22/05/15, por X. M. Eyré na ferradura en tránsito
    Onte 1332: Retroceso para o ensino do galego no Bierzo, 22/05/15, por M. Bragado en Brétemas
    Onte 1333: Vitoria da comunidade educativa, 23/05/25, por M. Bragado en Brétemas
    «Palindrotiras», outra xoia palindrómica, 25/05/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
    Palíndromos ilustrados [1], 29/05/15, por Carlos L. Medrano, no blogue Xogos de lingua

    domingo, 31 de maio de 2015

    Cativa e desarmada, a lingua galega

    por Henrique Dacosta no Diario de Ferrol:


    Días atrás producíase un enfrontamento dialéctico entre o goberno da Xunta de Galiza e as tres universidades galegas a respecto da lingua galega. O actual presidente da RAG, Alonso Montero, terzaba no conflito dicindo algo máis ou menos así: “O Partido Popular non veu ao mundo para salvar a lingua galega”. E razón non lle faltaba ao egrexio profesor. Non é propósito ou cometido seu, o de velar nin, moito menos, o de pular ou promover o uso e extensión da lingua galega. Non está dentro do seu programa. Ben ao contrario. Nunha actitude sen precedentes, e arrogándose o papel de xusticeiro valedor do que no seu programa disque prometera, asumiu o que a organización galegófoba, Galicia Bilingüe, lle exixía. O tal pretexto veu provocar a ruptura do pacto social habido até ese instante: o da implantación a partes iguais –galego e español– no ensino obrigatorio, que ficou derrogada dun plumazo. Impúxose, pois, o chamado Decreto de Plurilingüismo, para falsamente aplicar un 33’3% de galego, español e un terceiro idioma tan oficial do Estado, así como autonómico, como é o inglés no sistema educativo.

    Carta aberta aos novos políticos sobre a lingua galega

    por Xaquín Campo Freire, no Sermos Galiza:

    Meus benqueridos donas e cabaleiros:
    Primeiriño de todo, os meus respectos e manifestarlles as miñas esperanzas.
    Digo esperanzas, porque despois do ataque desapiadado, constante e sen nome do Señor Núñez Feijoo ao herdo espiritual meirande que nos legaron os nosos maiores, non só estou abraiado, como teño manifestado en múltiples artigos, senón que coma no inferno da Divina Comedia do Dante tiña perdida toda esperanza e vía irremisibelmente arruinada a nosa fermosa lingua. Pero coa chegada de vostedes mesmo me parece querer ver que algo moi importante pode de verdade mudar.

    venres, 29 de maio de 2015

    Hypatiamat

    Desafortunadamente os que impartimos clases de matemáticas puidemos comprobar como nos últimos anos vimos sufrindo unha falta de recursos ofertados desde as institucións educativas. En Galicia houbo sempre pouca oferta. O camiño comenzara a abrirse a principios deste século foi aniquilado a partir do ano 2010. Quedaba aínda o MEC, pero a política educativa dos últimos anos consistiu no abandono de todos os proxectos educativos gratuitos e promovidos desde as institucións públicas para apostar polos recursos educativos de pago. Baixo a epígrafe de "Mochila Dixital" ou "Edixgal" está a facerse unha aposta que exclúe a elaboración desde un laboratorio didáctico público xa que isto non favorece o substancioso negocio dos materiais escolares.
    Ata o momento había espazo para as editoriais pero existían tamén moitos proxectos sustentados desde a iniciativa pública que eran realmente gorentosos para a posta en fucionamento nas aulas. Poño como exemplo o Proxecto Descartes que foi completamente abandonado polo Ministerio de Educación e do que agora só queda un desamparado portal con problemas de accesibilidade aos seus recursos. Aínda bo é que os que sustentaban o proxecto seguen a mantelo actualizado, renovado e de libre acceso tan e como podemos comprobar na súa nova dirección.
    As razóns aquí expostas fan que teñamos que buscar outras xanelas que nos fornezan de recursos educativos para a aula de matemáticas. Tendo en conta a proximidade da nosa lingua co portugués non é mala idea ir pescar nos países desta fala. Neste caso basta con cruzar o Miño para atoparmos unha boa fardela. O seu nome, Hypatiamat.

    Hypatiamat
    Para enfrontarse ao problema do fracaso escolar das matemáticas en Portugal, o Departamento de Matemática da Universidade de Coimbra en colaboración co Grupo Universitário de Investigação em Autorregulação da Escola de Psicologia da Universidade do Minho.
    O proxecto consiste na utilización de aplicacións interactivas para contribuir á aprendizaxe das matemáticas para alumnos de 5º ano (5º primaria) a 9º ano (3º ESO). Podemos distinguir cinco ofertas principais:

    • Aplicacións interactivas. Consiste nunha colección de unidades didácticas interactivas sobre distintos temas. Fixéronme recordar o excelente material ED@D do Proxecto Descartes.
    • Apps para aprender. Podemos atopar aplicacións que nos ensinan a construir triángulos, a aprender o algoritmo de Euclides, a comparar perímetros, a resolver ecuacións,...
    • Xogos didácticos. Un apartado fantástico no que temos xogos como o da Torre de Hanoi, o do NIM, o Tangram, o Tetris, ... Un deles é o Ouri, que non é outra cousa que un xogo mancala. No último número da revista Gamma podemos ler un artigo sobre o xogo.
    • Resolver cuestións. Portal de exercicios clasificados por temas.
    • Xogo para mellorares o cálculo. Trátase dun xogo realmente entretido para practicar o cálculo numérico. Na arañeira da rede podemos atopar moitos que buscan este mesmo obxectivo, mais este ten unha apariencia simple e resulta moi efectivo. Aparécenos unha matriz chea de números, un reloxo, un resultado e unha operación aritmética. Temos que usar os números da matriz para obter o resultado dado.
    No seguinte vídeo podemos facernos unha idea dos contidos de Hypatiamat, pero case o mellor é mergullarse no web e remexer. Alí, tras esta ligazón hai todo un mundo por descubrir cheo de posibilidades para as nosas aulas de matemáticas.



    xoves, 28 de maio de 2015

    1000 primaveras +.1


    Prolingua lanzou o primeiro dos seus vídeos da campaña argallada sobre esa frase de Cunqueiro, da que se cumpren 30 anos. Un mundo de persoas parcipan nesta peza audiovisual, entre eles o autor deste blogue.
    Velaquí o texto de Cunqueiro:
    Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis".

    mércores, 27 de maio de 2015

    Entrevista e encontro con Gonzalo Navaza

    O pasado 7 de maio Gonzalo Navaza fíxonos unha visita ao IES Pintor Colmeiro. A razón? No centro estase a realizar un traballo enorme arredor da recuperación e posta en valor da toponimia e as lendas do concello de Silleda. Trátase do proxecto didáctico Antonio Fraguas, premiado con este galardón na súa 9ª edición.
    Aproveitando a ocasión Gonzalo Navaza descubriu unha placa coa que nomeamos unha das aulas do centro. No primeiro dos vídeos dúas alumnas de 2º de bacharelato, Denise e Sonia, fan unha presentación deste experto en toponimia que despois imparte unha charla ao alumnado. No segundo Sonia e Martina, de 1º de bacharelato, fanlle unha entrevista moi interesante.
    Non é a primeira ocasión que traio a este blogue intervencións de Gonzalo Navaza, sempre interesantes e nunca aburridas. Queredes saber cantos topónimos hai en Galicia?, pois escoitade...





    martes, 26 de maio de 2015

    QuéroTE na miña lingua



    Xa comentamos que o da Estrada foi o derradeiro Correlingua do 2015. Na súa celebración a pancarta máis vistosa foi a do IES Antón Losada (A Estrada), e velaquí que tiveron a boa idea de gravar o proceso de confección. Isto demostra que o Correlingua é moito máis que unha xuntanza festeira do alumnado dunha comarca, é unha desculpa para poñer en marcha ideas e proxectos que achegan o uso da lingua á rapazada.
    Un lema simple, cargado de profundidade, e un deseño atractivo. Un final de ouro para os Correlinguas deste ano.

    luns, 25 de maio de 2015

    Como eu te amo



    Unha xenialidade de Lucía Aldao e María Lado. Para explicar a colocación do pronome átono botan man dunha versión da canción de Rocío Jurado, Como eu te amo. A gravación está recollida do blogue Gasta a lingua, foi realizada o pasado 21 de maio, nunha das moitas actvidades que o IES Lois Peña Novo (Vilalba) realizou durante este mes.

    domingo, 24 de maio de 2015

    Presumindo de galego

    Cantas veces lle teremos que agradecer á Coordinadora galega de ENDL (CGENDL) as boas propostas que ceiban para que as aproveiten os Equipos dos centros escolares! A última proposta da CGENDL consistía en que graváramos a fala dos mozos dos nosos centros para que puideran Presumir de galego. Por que? Pois porque existimos os e as galegofalantes de menos de 60 anos, incluso de menos de 40, e de 30... ningún chegamos aos 18! Invitámosche a que entres na páxina da CGENDL e que busques os  podcasts que gravamos en Silleda:

     Gravacións> Provincia: Pontevedra> Concello: Silleda.

    Tamén os podes escoitar aquí, nesta entrada.

    Conversa informal
    Co obxectivo de escoitarmos a un grupo de rapaces de 13-14 anos coa fala das terras de Silleda, grabamos esta conversa informal nun grupo formado por tres deles : Carlos Taín, Laura Diéguez e Marcos Caetano



    A lenda do Pelapatacas
    Laura Diéguez Troitiño cóntanos a lenda do Pelapatacas



    A pesca
    Juan José fálanos da súa afición: a pesca. Cóntanos con quen a practica e as técnicas que usa



    A lenda do San Xoán

    David Mato fálanos dunha lenda da noite de San Xoán



    A lenda do casamento
    Carlos Taín Gil fálalos dunha lenda sobre o que debían facer os homes cando casaban



    A lenda do Carro de Ouro
    Lucía Dapena Carracedo,  cóntanos a lenda do Carro de Ouro



    Os Xenerais da Ulla
    A dos Xenerais da Ulla é celebración tradicional do antroido típica das terras da beira do río Ulla. Marcos Caetano Vázquez, infórmanos das súa orixes


    sábado, 23 de maio de 2015

    Manifestación de Queremos Galego en Vigo (17/5/15)



    Xa vai alá case unha semana desde a manifestación do 17 de maio convocada por Queremos Galego e aínda non deixara neste portal algún dos vídeos que nos amosaran o seu desenvolvemento. Como sempre o fixen, desta volta non quería deixar de facelo.

    venres, 22 de maio de 2015

    Correlingua 2015 en Vigo



    Está rematando a edición deste ano do Correlingua. O vindeiro luns 25 pecharase na Estrada e espero que o pasemos tan ben como a rapazada de Vigo.

    xoves, 21 de maio de 2015

    Na rúa e na escola o galego mola



    Impresionante, alegre e agarimoso vídeo realizado polo Equipo de Normalización do CEIP da Ramallosa, un traballo co que pretenden concienciar a toda a contorna da importancia de conservar e potenciar a nosa lingua como un dos máis grandes patrimonios dos que dispoñemos. Na súa realización colaborou toda a comunidade educativa, especialmente a ANPA Río Tella e unha chea de comercios da zona. Os rapaces elaboraron pareados que reivindican o uso da lingua nos máis variados ámbitos sociais. Podémolos oir no transcurso de toda unha curta chea de ilusión e mensaxes positivas.
    Deste vídeo terían moito que aprender os responsables da política lingüística do noso país. Cando se lle reclama á Xunta que deixe de excluir a lingua na escola, a resposta máis habitual é que é un erro centrarse en exclusiva na escola, que onde hai que activar as políticas de promoción do uso da lingua é na rúa. Mais cando se lle reclama á Xunta que responda destas políticas a resposta vén sendo que a xente é libre de usar a lingua que queira. En conclusión, como na escola non aprenderon a desfacerse dos prexuízos, non se pode facer unha política lingüística para os ámbitos de fóra da escola, pero tampouco pode facerse dentro da escola porque o importante é que se realice fóra. E así estamos. No CEIP da Ramallosa romperon este aparente nó gordiano explicándonos neste documento audiovisual cal é co camiño: unha política normalizadora transversal.
    Vía Xosé Eixo

    Don Ricardo

    por Miguel Anxo Fernán Vello, no Sermos Galiza:

    Cando se cumpriron dez anos do pasamento do sabio profesor, do intelectual polígrafo e do escritor total que foi don Ricardo Carvalho Calero (1910-1990), eu lembraba naquela altura que don Ricardo, como ninguén no seu tempo, soubera ver, dende unha fonda tensión que lle fornecía o coñecemento de Rosalía e de Castelao, a raíz e o froito dunha nación chamada Galiza: unha forma de harmonía futura —pensaba eu— na cal brillaría ben alta a figura e a obra do mestre ferrolán. Mais a día de hoxe, cando xa se teñen

    A lingua, este presente incómodo...

    por Antón Dobao, na Praza Pública:

    Deixemos que vaia marchando de nosoutros o 17 de maio, con Filgueira ó carrelo, que nos pase por diante coma un tren de mercadorías con locomotora sen pantógrafo e nos deixe un fume mesto e tóxico. Así teremos escusa para protexernos, que a cousa dá xa para case toda clase de prevencións. E empecemos a tratar a lingua como merece unha lingua. Imaxino que algo semellante a iso vén a ser a soleira do edificio da normalización que se esixe, se soña e se desexa conquistar.

    mércores, 20 de maio de 2015

    Valentín García e o seu programa electoral

    Imaxe tomada da campaña electoral do PP da Estrada
    Valentín García, é o secretario xeral de política lingüística. Tamén é o primeiro suplente na candidatura do PP da Estrada ás vindeiras eleccións municipais. Isto debería ser garantía de que o programa electoral desta formación deba ter unha referencia significada da política lingüística municipal. Non debemos esquecer que Valentín ocupaba a praza de responsable do SNL do concello antes de acceder ao seu novo posto na Xunta. Incluso máis, Valentín García foi no período 1996-2002 presidente da CTNL,  entidade constituída arredor dos traballadores da normalización lingüística para a mellora do traballo neste eido. Pois ben, de consultarmos o programa electoral do PP da Estrada levaremos unha enorme decepción xa que non hai ningunha referencia á normalización lingüística.
    O PP estradense avanza 200 medidas en 11 bloques temáticos. Ningún deses bloques está adicado á lingua, e de consultarmos ese par de centos de medidas quedaríamos nas mesmas. Sendo moi xenerosos poderiamos apuntar unha mención tanxencial:
    Continuaremos apoiando a celebración anual dos certames de novela, poesía, teatro e xornalismo coa finalidade de posicionar á Estrada no conxunto de Galicia como a “Capital das letras”.
    Na Estrada outórganse os premios García Barros (de novela), Avelina Valladares (de poesía), o Varela Buxán (de teatro) e o Reimóndez Portela (de xornalismo). Todos eles son premios para obras en galego e todos teñen a súa importancia no labor de dignificación do uso da lingua. Porén no programa do PP non hai ningunha referencia a este obxectivo, fundamental na creación de todos eses premios. Faise unha referencia, por elevación, a unha idea inexistente, a "Capital das letras", ocultándose que o fundamental é, ou debería ser, a revalorización social do galego.

    A Rede de Dinamización Lingüística
    Como evidencia de que para o PP a política lingüística fica fóra da súa órbita de actuación e pensamento, chegará con recordar que no seu programa de goberno non hai ningunha referencia á Rede de Dinamización Lingüística (RDL), o proxecto estrela dos últimos anos da SXPL no ámbito local. O presidente da Xunta Directiva da RDL é Valentín García. Esta Xunta Directiva está formada por outros dous membros, un deles é José López, o candidato a revalidar a alcaldía estradense polo PP. En conclusión, José López e Valentín García son a maioría da Xunta Directiva da RDL e no programa do PP da Estrada non hai ningunha referencia á RDL. Quizais unha mostra do fracaso deste proxecto?

    Nin SNL, nin Plan Municipal de Normalización.
    Chegados a este punto a ninguén lle pode chamar a atención que entre esas 200 propostas do PP estradense non haxa tampouco referencia algunha ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do concello, área que contou durante moitos anos co asesoramento de Valentín García. A pesar disto non hai ningún Plan Municipal para o desenvolvemento das política lingüística municipal. Sendo isto así, que podemos esperar da política lingüística a desenvolver pola SXPL?
    Hai moitos aspectos que un Plan Municipal de Normalización nun concello de certa entidade como o da Estrada, debería ter en conta para o seu desenvolvemento. Nos dous últimos cursos escolares e por iniciativa do Concello, realizáronse actividades conxuntas cos ENDL dos centros escolares do municipio, pero ninguén se acorda de darlle continuidades desde os programas electorais. Pola contra o Concello tamén se destacou na última lexislatura por poñerse ao servizo das directrices máis radicais en materia de lingua ao vetar durante dous anos a celebración do Correlingua (e poñendo moitos atrancos á celebración deste ano). Desde hai moito tempo está en funcionamento unha gardería municipal cuxa traxectoria non é precisamente exemplar como transmisora da lingua galega;  a biblioteca municipal non programou en décadas de existencia ningunha actividade de promoción da lingua galega, incluso hoxe podemos ver unha nota en español (exclusivamente)  nas súas antigas dependencias informando do seu recente cambio de dirección.Tampouco nunca houbo ningún tipo de preocupación por dotar de material en galego á Escola Municipal de Música, nin de propiciar que se desenvolvera o ensino en galego. Desde o Concello non se garante que os contratos con empresas que presten algún tipo de servizo o fagan en galego. Houbo anos nos que se programaron actividades polas Letras Galegas, e anos nos que non. E isto é política seria ou unha verdadeira trapallada?
    Despois de escoitar ao secretario xeral na entrevista que lle fixeron no  de Irmandade.tv xustificando o negacionismo de Carlos Negreira en virtude das características sociolingüísticas da Coruña e despois de ver os vídeos electorais do PP estradense, entenderemos que a verdadeira misión de Valentín García non é a de tirar polo camiño da normalización, senón máis ben de actuar de comisario político obediente ás férreas e antigalegas directrices do seu partido. Cando recibiu o nomeamento de secretario xeral de política lingüística un xa ventaba que isto ía ser así e desafortunadamente estaba no certo: a lingua galega anda tirada nos contedores de lixo da Estrada.

    Nota final
    Fronte a quen pense en criticar esta entrada aventurando que os outros partidos que presentan candidaturas á alcaldía estradense tampouco fan referencia a estes puntos aquí comentados voulles dar a razón e máis non xa que se ben é certo que o PSOE e Móvete  tampouco tiveron en conta para nada a posibilidade de aplicar unha política lingüística innovadora e normalizadora desde as posibilidades que ofrece o goberno local, ou se a agrupación A Estrada Pode presentou un programa vergoñento xa desde a propia redacción nun chapurreo intragable. Pola contra o BNG presenta unha serie de pùntos programáticos que ocupan boa parte do seu programa electoral e que marcan a boa dirección que deberían seguir as outras formacións.

    martes, 19 de maio de 2015

    Empápate co galego



    #EmpápateCoGalego é a nova campaña que Afundación bota a andar en maio de 2015 co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, o 17 de maio. Nas oficinas de Abanca repartíanse chapas co lema da campaña.