Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 14 de febreiro de 2020

Os apelidos en Forcarei, ao dereito

Roubada do Chaniño
No IES Chano Piñeiro  (Forcarei) están desenvolvendo unha campaña de estudo e información sobre a antroponimia dos membros da comunidade educativa. A cousa non queda aí, ponse o foco no dereito a vivir e a expresármonos na nosa lingua en todos os ámbitos da vida, así que, unha vez identificadas as incorreccións nos apelidos, tamén se ofrecen indicacións de como restarurar as súas formas correctas e libres de deturpacións. "Do mesmo xeito que moitos topónimos se foron castelanizando á forza, moitos apelidos galegos tamén foron acastrapados e deturpados"


Tanto no portal O Chaniño, como nos paneis dos corredores do centro encontramos preguntas pertinentes con respostas moi ben argumentadas. Velaquí as cuestións que invito a que vexades respondidas no Chaniño:
  • Cando comenzou a deturpación dos apelidos galegos?
  • Por que os nosos topónimos están regularizados e os apelidos non?
  • É posíbel volver os nosos apelidos castelanizados á súa forma orixinal?
  • Por que hai persoas que se resisten a corrixir o seu apelido castelanizado?
  • Como galeguizar o teu nome e apelidos

O traballo, no que participaron o ENDL e a Biblioteca do centro, non está feito no aire, senón que se recolleron os apelidos dos membros do centro, tanto na súa forma deturpada como na orixinal, explicando o seu significado e a súa orixe.



Instancia de galeguización do nome



Instancia de regularización dos apelidos








xoves, 13 de febreiro de 2020

A propósito da(s) lingua(s)

por Mercedes Queixas no Nós Diario:

A respecto das linguas, quen agora lles escribe observa un discurso insistente Na máxima consideración cara á diversidade lingüística mundial e a necesidade de adquisición da competencia plurilingüe, garante de éxito maior canto máis temperá sexa a exposición das crianzas á aprendizaxe de linguas diferentes da inicial.

mércores, 12 de febreiro de 2020

Mediacamentos vs. virus para o galego

Falar galego é saudábel é a campaña que A Mesa e o Grupo de Normalización do estudantado de Mecicina presentaron onte ante os medios e ao presidente do Parlamento. A campaña ten sobrada xustificación, basta atendermos ao dato que destacaba Nós Diario: o 41% dos galego-falantes cambian de lingua cando entran na consulta dun médico.
Sabemos que o mal está aí pero ninguén, ata hoxe, deu un mínimo paso na súa identificación nin procurou ningún avance na normalización da sanidade. Destaca a inacción da Secretaría Xeral de Política Lingüística que leva 10 ano sen facer ningunha campaña de sensibilización ou promoción do uso do galego, xa non no ámbito sanitario, senón de ningún tipo. Desde aquel "En galego, e logo!" do ano 2007, que, por certo, non era alá unha campaña nada redonda, quedamos completamente orfos dunha imaxe de apoio da Xunta ao uso da nosa lingua. Pola contra tivemos, e temos, unha boa manchea de agravios por parte dos gobernantes que, comenzando polo principio, renegan do galego cada vez máis nas súas intervencións públicas. Fronte a este triste devalo o secretario xeral de política lingüística non só non dimite, o cal sería a única saída digna, senón que cala ou, o que aínda é peor, xustifica. Pois para iso é para o que está, e non para o que se supón para o que debería estar un detentor de tal cargo.
As consecuencias deste panorama caen, como paus, sobre nós, os galegos que aínda nos mantemos na nosa lingua. Por poñer só un exemplo, destes mesmos días e dentro do mundo sanitario, resulta que o Colexio de Farmacéuticos da Coruña tamén lanzaron unha campaña, desta vez contra o galego. Estou a falar do que promocionan como "Siempre con receta", un título máis propio para os usuarios das famacias de Albacete ou de Mendoza, na Arxentina, que para os veciños de Corcubión ou de Ribeira.
Teñan presente, señores farmacéuticos, que cando se dialoga coa sociedade, faise moito máis que falar do bo ou mal uso das receitas pois, queírano ou non o queiran, tamén se dá exemplo do uso ou do desprezo da lingua da xente. Os farmacéuticos da Coruña apostaron por este segundo camiño, compría que algún médico lles receitase un pouco de respecto, e coidados da lingua que parecen descoñecer.

martes, 11 de febreiro de 2020

A ocultación do informe do Consello de Europa na TVG sometido a control no parlamento



O colectivo Defende a Galega, que denuncia os recortes na CRTVG así como a manipulación informativa desta entidade, publicou este vídeo no que a deputada do PSdeG Noela Blanco pon en evidencia a ocultación do crítico informe do Consello de Europa sobre a situación do galego. A nova só se emitiu no informativo con menos audiencia e nun corte de só 30 segundos.
A lectura da resposta do director xeral Alfonso Sánchez causa vergoña e remítenos a pensar como é posible que personaxes deste calibre estean ocupando (e cobrando) postos de responsabilidade cun soldo parello pagado por todos nós. Non o merecemos

Dez anos da presentación das 55 mentiras

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de ProLingua:




Para Xavier P. DoCampo,
para Agustín Fernández Paz e
para María Xosé Rodríguez Valcárcel,
irmáns e irmá de ProLingua
que andan a navegar polos mares ignotos do Alén.





Hoxe hai dez anos da acción máis impactante de ProLingua: a multipresentación, ás 20:30 hora local, do libro 55 mentiras sobre a lingua galega en 69 localidades de Galicia e doutras zonas de España, e tamén no estranxeiro, en cidades de Europa, América e Asia. Nas semanas seguintes tivo lugar, ademais, un bo quiñón de novas presentacións noutros lugares diferentes.

xoves, 6 de febreiro de 2020

A nosa lingua no faiado

por Mercedes Queixas en Nós Diario:

Boa parte do noso labor docente dedicámolo a avaliar. Non só por ser prescritivo, senón porque é preciso para testar, ratificar ou rectificar un proceso áxil, dinámico, diverso, transversal, continuo e interactivo como é o ensino-aprendizaxe. Mais, sobre todo, porque toda (auto)avaliación leva implícita reflexión e formulación de propostas de mellora, pois a práctica educativa impera sobre o marco teórico, sempre un bocado abstracto e homoxeneizador.

mércores, 5 de febreiro de 2020

Os prexuízos no concello da Lama



Neste capítulo a reporteira foi á procura concello no que a súa fala fose a máis próxima ao estándar. Como hai bos estudos do ILG sobre o tema, non tivo en problema en determinar que o pontevedrés concello da Lama era xusto o que estaba buscando. Pero o que atopou non foi só unha fala moi semellante á norma, o seu achado máis importante foi o dunha morea de prexuízos. Que se os da parroquia do lado xa teñen outra forma de falar, (pero os de Almería falan coma nós), que se nós falamos un galego regular, que onde se falan ben é por Lugo (e se es de Lugo, por Pontevedra), que se o galego dos medios é "demasiado perfecto", que se nós falamos un "galego cerrado" e incorrecto. As consecuencias de todo isto podémolas comprobar nos últimos segundos do vídeo cando un dos veciños nos informa de que ningún dos 86 rapaces do colexio da Lama é galego-falante.

martes, 4 de febreiro de 2020

A Igrexa, impermeábel ao galego

por María Pilar García Negro, en Nós Diario:

O título orixinal deste artigo non é o que finalmente escollín e o encabeza. Na realidade, o que quería escreber era: “Cregos galegos, non tedes perdón de Deus!”. Como o vocativo talvez non faga xustiza aos que si o son non só de nacencia e/ou de morada senón aos que se senten, se pensan e practican como tais, isto é, como galegos que se saben pertencentes ao povo homónimo e que fan críbel a mensaxe evanxélica, opto entón por me referir á Igrexa Católica como institución, como xerarquía, como actuación da inmensa maioría dos seus ministros. Hai poucos días, tiven de asistir a unha despedida definitiva, máis dolorosa nesta ocasión, por se tratar dun querido curmán do meu tempo. Por enésima vez, tiven que aturar a liturxia e a prédica do oficiante do funeral no idioma alleo, con sotaque distante e distinto, no cumprimento dunha sorte de trámite onde o que menos importa é o finado e o consolo que unhas palabras humanamente verdadeiras podan servir en transo tal. O único galego que se ouviu foi un cántico da coral, onde el, o finado, tamén cantara.

domingo, 2 de febreiro de 2020

Rebelión




Xa que están estreando o seu disco "Dálle lume", vai por aquí o son, que crece no directo, deste grupo compostelán.
Vou destacar a canción Xandre, coa letra da carta que Alexandre Bóveda escribiu antes de ser asasinado.

sábado, 1 de febreiro de 2020

Pilar Ponte: 21 día co galego

por Marilar Aleixandre, no Nós Diario:


Teño a convicción de que, cando algo nos desgusta, o camiño a tomar non é tanto laiarnos, senón actuar para mudalo. O pasado martes Pilar Ponte, profesora no IES da Pobra do Caramiñal, recibía o Premio da Cultura Galega, modalidade lingua, por unha actuación excepcional: iniciar en 2013 21 días co galego –desde 2019 e +–. Pilar preocúpase, como todos nós, pola situación do galego, a perda de falantes sobre todo nas idades máis novas, as consecuencias do decreto de trilingüismo de 2010. Problemas tan visíbeis que levaron mesmo ao comité de ministros do Consello de Europa, na súa xuntanza do 11 de decembro de 2019, a recomendar ás autoridades españolas "Eliminar as limitacións do ensino do galego en Galicia".

xoves, 30 de xaneiro de 2020

Dereitos lingüísticos, dereitos sanitarios

por Iria Veiga en Nós Diario:


Vimos de saber do caso gravísimo dunha usuaria que se viu obrigada a cambiar de lingua, do galego para o castelán, ao ser atendida no servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro. Particularmente flagrante é esta vulneración de dereitos por haber un menor implicado, tamén galegofalante, que foi ignorado pola pediatra ao expresarse na súa lingua habitual. Este caso concreto chegou á prensa, pero non é de ningún xeito único. Os dereitos lingüísticos das usuarias son constantemente vulnerados na asistencia sanitaria, se ben non de xeito tan explícito. A relación médico-doente (ou persoal sanitario-usuario) é necesariamente unha relación xerárquica, na que a parte máis feble é sempre a do doente, que é quen demanda axuda e ademais, quen se atopa nunha situación de especial vulnerabilidade. A dor, o malestar físico ou o medo fan que os nosos recursos persoais estean minguados, por moito que sexamos coñecedores dos nosos dereitos. Vista a situación, o feito de que un profesional sanitario se dirixa en castelán a un usuario galegofalante xa limita de entrada o exercicio do seus dereitos lingüísticos, dado que este último sentirase naturalmente impelido a empregar coa persoa que ocupa a posición xerarquicamente superior a lingua que esta emprega, que ademais resulta ser a de maior prestixio social. Por suposto que a maior parte dos profesionais que empregan o español como lingua habitual non son conscientes desta situación nin pretenden exercer presión algunha sobre o usuario, pero isto pode darse igualmente. Tampouco é frecuente que un profesional requira de malos modos a un doente que cambie de lingua, pero dubido que se trate dun caso illado.

No Plan Xeral de Normalización Lingüística, sección 5 (Sanidade), de 2004, establécese claramente que é o usuario o que ten o dereito a ser atendido na súa lingua, e para protexer o exercicio de tal dereito, os empregados públicos sanitarios deben coñecer ese idioma. Porén, na práctica non se esixe coñecemento de galego para exercer na sanidade pública galega, e nin sequera os documentos oficiais, como consentimentos informados, están dispoñibles na nosa lingua. Polo tanto, dáse un desleixo por parte da Administración para cumprir e facer cumprir un plan que ela mesma promulgou, e que por outra banda ten o deber de promover, dentro da obriga das administracións de favorecer e protexer as linguas minorizadas e o seu uso.

martes, 28 de xaneiro de 2020

Eu falo, outro aniversario



O outro día María Yáñez compartía no Twitter o décimo aniversario da inauguración do portal Eufalo.TV, xa desaparecido. Así e todo, podemos volver sobre os vídeos que alí se colgaran grazas a esta lista de reprodución  da que deixo aquí un vídeo, precisamente o recomendado pola propia María Yáñez.

venres, 24 de xaneiro de 2020

A aventura do cambio ao galego, por Alba Rodríguez



Alba Rodríguez Carreira falaba en español e co cambio de ano decidiu tamén cambiar de lingua. Neste vídeo do LGx15 2019 conta a súa aventura e anima a outros a facer o mesmo. Son 11 minutos de ilusión e de amor a unha lingua que a acolleu con agarimo.

xoves, 23 de xaneiro de 2020

Probador

por Manuel Gago, en La Voz de Galicia:

O outro día, mentres andaba batallando cunhas camisas nun probador durante a febre das rebaixas, puiden escoitar ás dependentas falando entre elas, creo que convencidas, a xulgar polos temas, de que non había clientes perto. Facíano nun galego popular máis que correcto e, sen dúbida, a súa primeira lingua.

mércores, 22 de xaneiro de 2020

Grazas, Oliver Laxe, por ser normal



A película O que arde empoleirouse no máis alto do cine galego, e fíxoo, tal e como comentaba nun artigo Maka Arka, publicado por ProLingua, levando con orgullo no seu exitoso camiño, as formas léxicas propias do galego oriental. Non queda aquí o respecto e agarimo pola lingua. Chega con escoitar os discursos de agradecemento do director e o produtor, Oliver Laxe e Xavi Font, na entrega do premio á mellor película europea nos Premis Gaudí. Tanto un coma o outro falaron en galego e catalán.
Que cousas! cando se fai o normal, por ser tan raro, temos sair a aplaudir con todas as nosas forzas.

martes, 21 de xaneiro de 2020

Dous vídeos da da manifestación de Queremos Galego do 21/01/10


Manifestación "Queremos Galego" 21-01-2010 from SonCine on Vimeo.

Hai 10 anos eu estaba con toda esta xente, enchendo o Obradoiro, na maior manifestación do pobo galego a favor da súa lingua. Esa manifestación que foi o berro máis grande daquela exitosa folga convocada polos Bolechas.
Cómpre hoxe volver a ver estes vídeos e volver a reafirmar o noso compromiso co galego. Cómpre hoxe volver a denunciar o ataque contínuo, que día a día fai o goberno do PP contra o que nos define como galego, a cerna da nosa identidade, a nosa alma.
O traballo que realizaron no IES do Son con este primeiro audiovisual é de premio.
Aquí comparto outro vídeo, este o de Queremos Galego!, que ten o valor engadido do audio dalgúns anacos das intervencións ao final da manifestación.



Semántica galega

por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:


Teño presentes aínda na memoria algúns comentarios da miña nai verbo de determinadas expresións e palabras no uso do galego. Ela recuperou con normalidade o galego da infancia (que lle fora, como a todo o mundo, proscrito e expulso da vida social xeral), cando as súas fillas o practicaron como lingua única. A lingua filial, de que falaba Carvalho Calero. Era moi prudente nas súas observacións, mais para min todas elas moi valiosas. O meu uso de “Obrigada” como fórmula de inicio e de remate de intervencións parlamentares suscitou nalgúns membros da Cámara os correspondentes comentarios irónicos ou burlescos (nada inusual: fillos da ignorancia e do autodesprezo). Lembro que daquela ‑hai xa tantos anos!‑ ela comentara: “Pois non debían rir, pois antes dicíase, por exemplo, “estoulle moi obrigada polo favor que me fixo”. Aquí debo introducir unha precisión importante. Nos primeiros tempos da reincorporación ao galego, miña nai non nomeaba o idioma senón que se refería a el como un locativo (“na aldea”) ou como o pasado (“antes”, “daquela”), isto é, como o proprio dunha época superada pola “normalidade” posterior (o proprio visto como anómalo, e o estranxeiro, como normal, signo da deriva histórica de nós, na lingua e no resto). Cando llo eu advertín, ela mudou decontado, e todas as súas referencias pasaron a ser ao galego e ao que a ela lle parecía correcto ou máis enxebre, repito, con toda a mesura. Noutra ocasión, como quen non quer a cousa, díxome: “Botades todo o día crendo, mais en galego dise “Eu coido...” ou “Eu penso...” (expresión de crenzas / pensamentos ou ideas). Claro, aí lembreime do meu querido e admirado profesor de Filosofía do bacharelato, cando me corrixiu a resposta a unha súa pergunta: “Usted no cree nada; dígame si piensa que este silogismo es verdadero o no”. Outros tempos, outra pedagoxía, outra atención á semántica.

domingo, 19 de xaneiro de 2020

2020: o ano do Lérez

O ENDL do IES Chano Piñeiro (Forcarei), outro ano máis, volveu repartir entre todos os membros do centro un fermoso calendario. Se en pasadas ocasións o tema-guía do calendario foi a toponimia das parroquias de Forcarei (2018) ou de Cerdedo (2019), nesta ocasión o Lérez é quen nos guía no devalar do ano, desde as súas orixes ata a desembocadura en Pontevedra

venres, 17 de xaneiro de 2020

Mariló Candedo: o decreto 79/2010 fai que a escola sexa un axente desgaleguizador




Mariló Candedo, de Nova Escola Galega, achéganos desde Rede Galega de Vídeoblogues de Nós-TV sobre a preocupante escaseza de aulas en galego posta de manifesto polo Comité de Expertos do Consello de Europa no V Informe no que se determinou o incumprimento da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM).
Candeo destacou o informe do Instituto Galego de Estatística no que se indicaba que a cuarta parte dos cativos non saben falar en galego, o cal nos remite a unha falta de competencias na nosa lingua coa agravante de que as estratexias lexisladoras non conseguiron a súa finalidade. Tamén acusou ao decreto do plurilingüismo como punto fundamental para as restriccións para o galego.
O pasado mes Nova Escola Galega difundiu un boletín  co título Igualdade, lingua e tempos escolares, no que profundiza sobre o actual estado do galego na escola.




mércores, 15 de xaneiro de 2020

Hablas español



Escacharrante.
Porta dos fundos é unha das máis importantes canles de You Tube do Brasil. Xa que nós non temos un programa de humor que se lle asemelle, teremos que botar man del, neste caso para a refelxión sociolingüística. Nesta peza deron no alvo, e non é a primeira vez.

sábado, 11 de xaneiro de 2020

Nin día, nin hora, nin lugar

Desde hai varias semanas vexo este cartel pegado na porta da Sala de Exposicións de Abanca, na Estrada. Moi indicativo do desleixo do programa Nadal en Rede, dese frustrado invento que foi a RDL (Rede de Dinamización Lingüística), no anuncio nin se indica o día, nin a hora nin o lugar no que se celebraría o presunto obradoiro.
Segundo o portal da SXPL a actividade debía celebrarse o venres 27 de decembro nese local, ás 11:00. Segundo o concello, a entidade co-organizadora, nese día podiamos escoller entre catro actividades, porén ningunha delas era a anunciada pola SXPL.
O peor de todo isto é que este tipo de programacións pantasma son as que servirán para engordar o Plan de Dinamización da lingua galega na mocidade que, pola súa parte, será usado pola Xunta para xustificar a exclusión e redución do uso da lingua galega no máis fundamental dos ámbitos, o da educación, vía o funesto decreto 79/2010 contra o uso do galego na escola. Ademais isto farase incumprindo a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), tal e como se volveu a certificar no V Informe elaborado polo Comité de Expertos do Consello de Europa.

Váisenos o galego?

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicaé:

EU, VAIA isto por diante, non son alarmista, nin mesmo pesimista. Gosto, iso si, de dubidar, de inquirir, de interpelar. E acredito, por outra banda, na reacción social e política, na activación dunha conciencia crítica, tamén colectiva, fronte á realidade. Que acontece co idioma galego? O Consello de Europa, do cal o Reino de España forma parte dende o ano 1977, acaba de pronunciarse sobre o proceso de desgaleguización idiomática que sufrimos, porque "a transmisión da lingua de pais a fillos xa non está garantida" e porque "a proporción de alumnos con dominio do galego como idioma ten diminuído significativamente".

xoves, 9 de xaneiro de 2020

¡Pra Habana! - Abellon






Entereime por un chío da exitencia deste grupo. Da Terra Meiga son de Novo México (EE.UU) que canta en galego. Pódense ver outros clips musicais na súa conta de YouTube. 
Eu escollín esta peza na que crean unha versión inclasificable do poema ¡Pra Habana! de Rosalía de Castro.
Máis: Música en galego desde Nuevo México, 09/01/20, Nós Diario

luns, 6 de xaneiro de 2020

10 anos e un día

A primeira entrada da Carta Xeométrica
Por décima vez estou sentado diante do computador na noite de Reis para escribir este texto. Van alá 5397 entradas e, segundo o contador do Blogger, 630.000 visualizacións.
Na barra da dereita, na súa parte superior hai un blogroll de ciencia con 58 ligazóns e outro de contén un total de 719 blogues. Na parte inferior, hai un total de 604 etiquetas e outras 960 de persoas.
A primeira de todas as entradas, do martes 5 de xaneiro do 2010, tiña por título "O decreto do galego na TVG.1" e nela limitábame a inserir un vídeo da televisión galega. Hoxe é imposible velo, incluso é imposible atopalo no portal da TVG. Sobre o funesto decreto todo é silencio. As seguintes entradas "O decreto do galego na TVG.2" e "O decreto do galego na TVG.3" tiveron a mesma sorte.
Despois de 10 anos continuamos a padecer, cada vez con máis profundidade, os nefastos efectos dese decreto.
Podemos repasar a historia do funesto decreto 79/2010 navegando pola etiqueta "decreto", con 580 capítulos. Na listaxe de persoas temos tanto elementos da zunia, Anxo Lorenzo, Feijóo [1] e Feijóo [2], ou Valentín García, como defensores da nosa lingua como Carlos Callón, Pilar Gª Negro ou Henrique Monteagudo.
Se de alguén quero acordarme nesta data é de dous mestres que guían as palabras deste blogue. Eles son Agustín Fernández PazXabier P. Docampo. Moitas veces teño pensado en deixar de lado o blogue, se non o fixen foi, en boa medida, por eles.

domingo, 5 de xaneiro de 2020

O galego e as fronteiras

por Xosé Luís Santos Cabanas,nas Voces de ProLingua:


A Sociolingüística achegouse (e achégase aínda) ás relacións entre os idiomas falados nun mesmo territorio, ben estudadas polo valenciano Rafael Ninyoles, que faleceu a finais de outubro deste 2019 que está rematando. É mágoa que a wikipedia galega non lle dedique unha entrada a este destacado científico social, pois nesta terra somos moitas as persoas que descubrimos nos seus libros, algúns deles traducidos ao galego, como desde a análise psicosocial ou socioloxía do coñecemento se describen conflitos lingüísticos nos que medran vizosos prexuízos que levan a que unha lingua sexa considerada como de segunda ou terceira categoría no que vou chamar, para entendérmonos, imaxinario colectivo.

venres, 3 de xaneiro de 2020

#DígochoEu



Non é o mesmo falar ben que falar mal.Con esta premisa os da TVG tiveron unha boa iniciativa para o presente 2020 que estamos comenzando a andar. Trátase das pílulas audiovisuais #DígochoEu, que parten coa intención de "falarmos e escribirmos en galego un pouco mellor cada día"
Velaquí as dúas primeiras pezas. Esperamos que teña éxito e a iniciativa continúe a bo ritmo durante todo o ano.


luns, 30 de decembro de 2019

A confesión, un contiño de M. García Barros



Este vídeo foi elaborado a partir dun dos contos da obra de Manuel García Barros, Contiños da terra polo alumnado do ENDL do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada).
A presentación desta peza audiovisual formou parte das actividades realizadas o pasado 20/12/19 na que os profesores Carlos Loureirohttps://lernolosada.wordpress.com/2019/12/21/manuel-garcia-barros-a-pluma-insumisa-ensaios-ineditos/ e Xoán Carlos Garrido relataron ao alumnado os aspectos máis importantes da traxectoria vital e literaria do escritor de Berres.

sábado, 28 de decembro de 2019

Regueifas dos pazos do concello de Zas


Regueifa dos Pazos - CPI de Zas from Turismo Zas on Vimeo.

Coñecedes as Torres do Allo, o Pazo do Cruceiro ou a casa de Labarta Pose?  E a Torre do Couto, o Pazo das Edreiras ou o Pazo das Torres de Romedelle? Os alumnos de 6º de Educación Primaria do Colexio Labarta Pose (Baio) e os de 4º de Educación Primaria do CPI de Zas cantan e regueifan sobreo seu patrimonio.
Estas pezas audiovisuais forman parte do proxecto “As regueifas dos Pazos" que intenta poñer en valor o patrimonio dos concello de Zas a través de regueifas.


Regueifa dos Pazos – Colexio Labarta Pose de Baio from Turismo Zas on Vimeo.

En Zas, as regueifas non teñen idade, (26/12/2019) Praza Pública

Matar unha lingua

por Henrique Harguindey Banet, no Sermos Galiza:

Resulta irónico ver a Xunta de Galiza reunirse con responsabeis da política lingüística doutras comunidades autónomas con lingua propia (Euskadi, Nafarroa, Catalunya, València e Illes Balears) e esixir do goberno do Estado (o que veña agora, non os anteriores gobernos do PP) o cumprimento da “amplia e elemental batería de obrigas e deberes recollidos na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias subscrita e ratificada polo Estado Español”. Foi moi rápida a Xunta en subscribir esa Declaración de Bilbo o mes pasado e pedirlle ao Estado “coa coherencia esixible a todo Estado democrático, a salvagarda dos dereitos lingüísticos e as medidas necesarias para cumprir as recomendacións que reiteradamente recollen os informes do Comité de Expertos e as recomendacións adoptadas polo Comité de Ministros do Consello de Europa, para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía”.

xoves, 26 de decembro de 2019

Comunicado de ProLingua polo 5º Informe do Consello de Europa

Comunicado de ProLingua polo 5º Informe do Consello de Europa:


En días pasados deuse a coñecer o 5º Informe do Comité de Expertos do Consello de Europa sobre a aplicación en España da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM).
Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) a respecto do Informe do Comité de Ministros do Consello de Europa sobre a Carta de Linguas Rexionais e Minoritarias

Após a publicación do informe do Comité de Ministros do Consello de Europa a respecto do escaso avance na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer constar a súa profunda preocupación ante o que considera, por parte dos gobernos español e galego, un explícito desatendemento do proceso de normalización lingüística.

mércores, 25 de decembro de 2019

Precisamos do idioma

por Marcos Maceira, en La Voz:

Os resultados da exclusión do galego e das políticas contrarias á súa presenza en todos os espazos están á vista e os datos oficiais só o veñen confirmar. Segundo o Instituto Galego de Estatística o 24 % dos e das menores de 15 anos xa son incapaces de falaren galego. Emerxencia lingüística advertida por centos de entidades sociais agrupadas en Queremos Galego, entre elas a Mesa pola Normalización Lingüística, ANPAS, organización sindicais ou movementos de renovación pedagóxica.

martes, 24 de decembro de 2019

Esta canción non é moi boa pero chega ao corazón no LGx15



Os da Ría Íntimos interpretan o tema "Esta canción non é moi boa pero chega ao corazón", pertencente ao disco "Disco Díscolo" (2012), no LGx15 de 2019

Galeguismo sen galego

por Manuel Bragado, no Faro de Vigo e no seu blogue, Brétemas:

A publicación recente do informe do Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias volve a pór en evidencia o fracaso da política lingüística da Xunta de Galicia. Como xa sucedera nos informes de 2012 e 2016 desta organización internacional formada por 47 estados europeos, cuxa finalidade é a configuración dun espazo político e xurídico europeo común, neste quinto informe sobre o cumprimento da Carta por parte do Estado español, os expertos suspenden ao Goberno Galego por «non ter mellorado de forma significativa a súa aplicación» e polo feito de que «a presenza do galego é insuficiente no ensino», sobre todo na educación infantil, subliñando que na Secundaria se limita a docencia na lingua propia xa que non se imparten en galego grandes materias científicas. Un texto clarificador sobre os problemas actuais do galego na infancia que salienta o feito de que a súa transmisión de pais a fillos non estea garantida e que a proporción de alumnado que utiliza o galego na súa vida cotiá caese de forma significativa. Un texto técnico que lembra, ademais, o incumprimento do compromiso asumido na Carta de contar cun sistema de inmersión lingüística, xa que no sistema educativo non existe posibilidade ningunha de ofrecer un currículum en galego en ningunha das etapas educativas non universitarias.

luns, 23 de decembro de 2019

Dez pasos para vivirmos en galego. Paso 1



Queres comezar o ano novo con novos propósitos? Dámosche dez pasos cos que poderás facelo en galego. Velaí vai o primeiro para un 2020 en galego.

domingo, 22 de decembro de 2019

Precisamos un novo marco para o galego

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:

O Comité de Ministros do Consello de Europa acaba de pronunciarse sobre a situación da lingua galega consonte o espírito da Carta das Linguas Rexionais ou Minoritarias, documento que o Estado español subscribiu no 2001. A tal carta é do ano 1992. Os seus asinantes avogan pola «defensa e promoción de todas as linguas de Europa que carecen de carácter de oficialidade» ou que, aínda tendo tal carácter, estean en manifesta debilidade. Trátase dun pronunciamento de carácter internacional pensado para a protección e o estímulo dos idiomas non oficiais ou parcialmente oficiais nos Estados europeos. O Parlamento español adheriuse a esta carta subscribindo o seus obxectivos máximos. Gobernaba daquela o Partido Popular.

Falando galego en Nova York

por Francisco Castro, en La Voz de Galicia:


Cando hai uns días lle contei ao alumnado da Universidade de Nova York que por aquí hai catro idiomas oficiais, e que o galego ten unha tradición lírica de hai máis de mil anos, abriron a boca apampados. Para eles o idioma de España é o español, e punto, así que se sorprenderon para ben, e abraiáronse felices de saber que neste curruncho de Europa había tal pluralidade lingüística. Ao remate da miña conferencia moitos viñeron falar comigo, curiosos. Querían saber máis. E unha muller, que suxeitaba nunha man un vaso de viño e na outra un anaco de queixo, preguntoume sobre o número de falantes do galego. E eu dei os datos e expliquei que cada ano perdemos falantes, que xa estamos por debaixo do 50 %, que os mapas sociolingüísticos demostraban ano a ano como camiñamos (malia as mentiras de certos grupos políticos que falan da persecución -manda truco- do castelán en Galicia) cara a unha Galicia monolingüe en castelán. A señora tapou a boca coa man na que tiña o queixo, nun xesto de espanto. Non entendía nada. Non entendía como algo así podía acontecer.

sábado, 21 de decembro de 2019

Lingua galega e premios da cultura

nova Voz de Francisco Fernández Rei, membro de ProLingua.


Estes días pasados desveláronse os nomes dos galardoados cos Premios da Cultura Galega 2019 da Xunta de Galicia. Vou lembrar o nacemento destes premios para logo centrarme nos de creación literaria e outros do Ministerio de Cultura onde a Real Academia Galega conta cun membro do xurado.

mércores, 18 de decembro de 2019

20 anos de galego na empresa. Premios Manuel Beiras





Algunhas da empresas e entidades premiadas ao longo das primeiras 20 edicións dos Premios Manuel Beiras dan testemuña do emprego do galego na súa comunicación.
Os premios foron entregados o pasado luns 16/12/19. Os gañadores desta edición foron Strela Electrotecnia, a Numax e Cantigas e Agarimos .
Parabéns tanto aos premiados como a esta iniciativa que xa fixo os 20 anos.

martes, 17 de decembro de 2019

Cando o BNG de Bueu vai crear o SNL?

velaquí unha Voz de José Manuel Dopazo Entenza, membro de ProLingua,

Those are my principles,

and if you don't like them...

well, I have others



Estes son os meus principios e, se non lle gustan, teño outros dixo Groucho Marx, mais ben podían ser palabras de calquera membro do equipo de goberno do concello de Bueu, nomeadamente en materia de normalización lingüística.

venres, 13 de decembro de 2019

Día da Ciencia en Galego 2019. Recompilación


Outro ano máis, velaquí a recompilación dunhas tres decenas de novas e actividades polo Día da Ciencia en Galego. Para que a Xunta deixe de prohibir a nosa lingua para impartir aulas.


sábado, 7 de decembro de 2019

O Mestre Landín latexa por ti



Se na entrada anterior traiamos un vídeo musical do CEIP do Carballal, hoxe tócalle a outro centro de ensino de Marín, o IES Mestre Landín, cunha versión da "Bicicleta", canción popularizada por Carlos Vives e Shakira. Nesta intrepertación trátase prexuízos sobre a lingua galega e invítase a desprenderse deles, proclamando o latexo de toda a comunidade pola lingua.
Esta peza audiovisual foi gravada no 2017.

O que arde, arte universal arraigada no local galego

por Maka Arca, nas Voces de ProLingua:

O que arde, terceira película de Óliver Laxe, terceira presentada no festival de Cannes, e terceira galardoada, neste caso co Premio do Xurado na sección Un certain regard, eleva a lingua galega ao rango de lingua de cinema, premiada en varios festivais internacionais, a un nivel parello ao que tiña acadado o catalán en 2011 con Pa negre de Agustín Villaronga ou en 2017 con Estiu de 1993, de Carla Simón[1].

venres, 6 de decembro de 2019

Por amor á nosa terra



O alumnado do Obradoiro de Audiovisuais de 4º de primaria do CEIP do Carballal (Marín) fixo esta increíble peza musical a partir dunha coñecida declaración de Antón Fraguas.Non poderiamos imaxinar mellor ramo para o ano adicado a este ilustre mestre e escritor. 
A melodía composta polo alumnado de Valores de 6º de primaria do curso 2018/2019. Toda a parte técnica é obra de Víctor Alfonso Castro Martínez.
As imaxes de dron foron gravadas por Yeray González López o Día das Letras Galegas 2019 coa colocación, por parte de todo o alumnado e profesorado do colexio, de paneis confeccionados por Charo Martínez Epifanio.

mércores, 4 de decembro de 2019

Un nadal para o galego

por Manuel Bragado, no Faro de Vigo:

Entre a apoteose da inauguración da iluminación de Nadal do sábado, non me pasou desapercibida a utilización das linguas que fixo nas súas intervencións Abel Caballero. Non me sorprendeu nin o emprego in extenso dun inglés fluído, lingua oral adquirida nos seus anos de mestrado e doutoramento nas universidades de Essex e Cambridge, nin tampouco a ausencia do galego, lingua que tampouco estaba presente no texto “VIGO, onde vive o Nadal” do espazo para as fotos e autorretratos da praza da farola, anunciado polo alcalde o día anterior. Ausencia da nosa lingua propia en intervencións institucionais, seguidas por milleiros de persoas nas rúas viguesas e nas redes sociais, que sabemos é intencionada para o rexedor vigués, hoxe xa unha figura de éxito en España, recoñecida na comunicación viral e no humor televisivo.

martes, 3 de decembro de 2019

Na túa casa ou na miña...



E por fin chegamos ao derradeiro mes da campaña "Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua” da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo para o ano 2019.

domingo, 1 de decembro de 2019

Represión da lingua e cultura galega: do franquismo á actualidade




Entre o 16 e o 18 de outubro, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, preto de 30 expertos e expertas procedentes de universidades europeas e suramericanas impartiron diferentes conferencias e presentacións  no “XII Congreso internacional sobre comunicación social e opinión pública nas ditaduras”, organizado polo grupo de investigación en Propaganda e Técnicas da Comunicación da Facultade.
Matías Rodríguez da Torre fálanos da represión da lingua e a cultura galega desde o franquismo á actualidade.

mércores, 27 de novembro de 2019

O maltrato á lingua no concello de Vedra no 25N



Recorte da primeira versión dun díptico que pretendía difundir o Concello de Vedra polo 25N, día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Saqueino dunha denuncia que fixo o BNG desa localidade na que se queixan que na relación de postos de traballo planificada pola alcaldía do PP "esquecéronse" da normalización e acusan a actitude de "soberbia". Ademais engaden que isto só lles pode traer aos veciños "vergoña e humillación. Porque Concello somos todos"
O concello xa rectificou e o díptico que agora se pode descargar é unha nova versión corrixida, pero aínda con algunha incorrección, feito este que nos indica a necesidade dun SNL ou do establecemento duns estándares que sexan mínimamente dignos para os veciños de Vedra e a súa lingua.



domingo, 24 de novembro de 2019

A irrelevancia da política lingüística para a Xunta do PP

Non hai mellor mostra da irrelevancia da política lingüística que ver cal é o peso que se lle outorga nos orzamentos de cada ano. No seguinte gráfico temos unha comparación entre os orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística e un 500-avo dos da Xunta entre os anos 2002 e 2020. No ano 2009 estas dúas cantidades eran prácticamente coincidentes. No intervalo anterior incluso o orzamento para as políticas de promoción da lingua galega eran maiores que un 500-avo do orzamento total.


O gran descenso chegou a partir do 2010, coa chegada dos gobernos de Feijóo. A redución tivo o seu valor máis baixo no ano 2015, consumándose unha redución do orzamento da SXPL nun 73%!. Desde ese momento vemos que se mantivo nese baixo nivel, trazando unha liña paralela ao total da Xunta. Dito noutras palabras, o orzamento foise reducindo ata ficar nuns mínimos que desbotan calquera posibilidade de actuación eficaz a favor da lingua galega. Pola contra mantense un ataque continuado de exclusión do galego na infancia e na mocidade mediante o funesto decreto 79/2010, que limita e prohibe o ensino en galego. Ademais todo iso acompáñase dun continuo desprezo por parte dos que detentan as cadeiras de San Caetano que aproveitan todas cantas ocasións teñen para renegar do galego. Así, é moi habitual que nas novas da TVG o presidente da Xunta apareza falando en castelán. Fronte a estes desprezos a SXPL cala... e aplaude.
Xa comentamos anteriormente que no 2008 houbo prácticamente un empate entre o orzamento para a lingua galega e o 500-avo do total. Ademais o orzamento para o videiro ano está aos niveis do ano 2008 (só 300 millóns de € máis para o 2020). Temos pois unha boa referencia nese ano para ver todo o que se perderá de actuacións públicas na normalización para o vindeiro 2020; basta ver o gráfico seguinte.



mércores, 20 de novembro de 2019

O galego ten química




Carme Pampín, Doutora en Química Orgánica, co-fundadora e directora de Galchimia, é entrevistada por Xosé González, presidente do Foro Enrique Peinador,  sobre o traballo dese laboratorio e a importancia da investigación en Galicia,

luns, 18 de novembro de 2019

O galego, ese recurso poderoso



Vídeo-testemuño dunha parella criada na exclusión da lingua galega, pero que a recupera para os seus fillos. Un novo audiovisual dese gran proxecto que é Apego, neste caso coa colaboración do SNL do concello de Ames.
Está claro que todo aquelo que funciona na normalización, todo o que se fai con fundamentos sociolingüísticos e con cariño pola lingua está sempre fóra da rede tecida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este vídeo ten moito máis valor que todo o realizado frustrada Rede de Dinamización que, desde a súa creación ata o día de hoxe só de adicou ao autobombo, esquecéndose por completo do seu presunto obxectivo, a normalización.

Fóra de cobertura

Artigo de Mercedes Queixas Zas, publicado na versión en papel do Sermos Galiza do 31 de outubro.

Cúmprense agora 10 anos da primeira gran mobilización convocada pola plataforma Queremos Galego. A primeira dunha xeira de accións continuadas no tempo e reforzadas no pulso comprometido da sociedade galega que non se resigna a acatar a asunción por imperativo legal do descoñecemento académico do seu idioma nin do seu afastamento emocional promovido pola corte oficial de renegados.

sábado, 16 de novembro de 2019

O galego na xornada de reflexión

por Marcos Maceira, no Sermos Galiza:

Unitono, empresa de teleatención que empresta servizos para Naturgy, vén de anunciar o despedimento de arredor de 400 persoas entre A Coruña e Ourense. Esta acción implica que Naturgy deixará de atender en galego. O desprezo pola lingua do país do que obtén importantes lucros a través da explotación dos seus recursos enerxéticos ten evidentes consecuencias económicas e laborais. O que acontece con Naturgy xa aconteceu antes noutras empresas do sector. Miles de empregos destruídos.

venres, 15 de novembro de 2019

Lady Glosia



Fun bater con esta perla un ano despois de que celebrara a gala  ari[t]mar do 2018 no Auditorio de Santiago. Son Lois Pérez e Alexandre Brea quen interpretan este hit, Lady Glosia, que comenza así:

Es una chavaliña muy riquiña
te nació en Valle de Oro, en La Mariña
ella también te anda por Cospecho
y te tiene un fajo de amigos, ...a echo.

Le presta marchar en veranito a Sangenjo [Sanjenjo?]
subida en un descapotable bermejo
y te anda troleando siempre de leria
y se pone toda loca con el pulpo a la feria
Lady Glosia, Lady Glosia







sábado, 9 de novembro de 2019

A ciencia tamén en...



O Colexio Lestonnac de Ferrol volve a achegarnos unha gorentosa peza audiovisual para celebrar o Día da Ciencia en galego. Nesta ocasión poñen o foco no irmanamento con outras linguas. Velaí que a ciencia tamén se conta en...aragonés, asturiano, bretón, catalán, corso, éuscaro, frisón, gaélico escocés, galés, occitano, sardo, yiddish, e, por suposto, en galego

Os mortos non falavan castelao

por Iolanda Teixeiro, na Praza Pública:

Na Galiza acontecen cousas que non se dan en ningunha outra terra do mundo. Estou certa que en ningures son quen de normalizar unha lingua nun cemiterio. Porén a noite dos mortos deste ano a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e o concello de Paradela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, descubrirán unha placa no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño para celebrar a estrana circunstancia de que este sexa o único cemiterio de Galiza con todas as lápidas en galego.

mércores, 6 de novembro de 2019

Mural da táboa periódica no Milladoiro



No IES do Milladoiro celebraron o Día da Ciencia en Galego concretando un proxecto no que colaboraron o Equipo de Normalización cos departamentos de Matemáticas, Física e Tecnoloxía. Ademais fixeron este marabilloso vídeo no que se ve como van completando o mural da Táboa Periódica e no que incluen algúns datos sobre o descubrimento dos elementos e a confección da propia Táboa.

Rafael Lluís Ninyoles, in memoriam

por Mª Pilar García Negro, no Sermos Galiza:



Deunos a noticia Dolors Torres, amiga común de ambos, o domingo pasado. Rafael Ninyoles falecera dous días antes. Canto sentimos a morte non só dun mestre, senón dun amigo! A comezos do ano pasado dedicarámoslle un artigo que tivemos ocasión de lle enviar; contestounos cunha longa carta que moito estimamos, e máis hoxe, pois foi a nosa derradeira comunicación. Por Dolors Torres sabemos, porén, que el sempre lembrou con moito agarimo as súas visitas á Galiza e todos os nosos encontros, aquí ou na súa terra. Do seu papel decisivo na socioloxía da lingua demos conta en moitos lugares. En galego, a súa primeira obra traducida foi Estructura social e política lingüística, publicada en 1991 por Ir Indo Edicións. Laiovento publicou dúas obras do noso autor que aínda están a dispor de leitoras-es galegos: Nai España (2002) e Idioma e poder social (2005). Reproducimos a seguir o prólogo deste segundo libro, liberándoo unicamente de notas, porque nel quixemos dar a valer a importancia fundamental da súa teoría e das súas achegas, tan úteis para nós, galegas e galegos, no proceso de restauración social e pública da nosa lingua.

martes, 5 de novembro de 2019

Periodistas imperialistas



Despois do partido de fútbol da xornada de liga masculina do pasado 04/11/19 entre o Estremadura e o Girona houbo unha rolda de prensa na que comparecía o entrenador do Girona. O entrenador contestaba ás preguntas dos periodistas. Un formulou unha pregunta en catalán. Ata aquí todo normal.
O anormal sucedeu deseguida. Varios periodistas imperialistas comenzaron a protestar por esa pregunta en catalán. Pretendían que toda a rolda de prensa se desenvolvera en español. Este é o nivel de odio do imperialismo español e estas son as súas reaccións. Prohibicións, insultos, desprezos. Supoño que eses mesmos membros da zunia periodística cando cubran o partido de volta en Girona,  correspondentemente e en coherencia coa súa protesta, farán todas as súas preguntas en catalán.


Máis unha vez. A lingua decide

por Manuel Cabada Castro en Terra e Tempo:


“Erguer unha patria asoballada,
reconstruír unha lingua escarnecida”
(Méndez Ferrín, Crónica de nós, p. 34)

A insistente gota que unha e outra vez se esnafra na rocha pode chegar a fendela. Ocorre outro tanto coa velaíña creación de conciencia da transcendental valía da lingua comunal no xurdimento e afianzamento do ser dos pobos. Galicia é sen dúbida un pobo de seu, con secular lingua, cultura e historia propias. Por deformadas, ameazadas e agachadas que en si mesmas estas poidan estar. Cómpre, pois, sermos gotas. Ou, mellor, sermos, cadaquén e todas a unha, podente cachoeira que destrúa os obstáculos que se opoñen á liberación da nosa lingua, da nosa cultura, do noso propio ser.

luns, 4 de novembro de 2019

Novembro. Na biblioteca...



Coma quen non quer a cousa, a campaña da ANL da Universidade de Vigo achegounos xa o vídeo do mes de novembro. O que non sabemos é se está adicado ao prexuízo de que un en galego ten inferior condición que o mesmo libro en castelán, ou se trata da nefasta política lingüística da Xunta que se fundamentou na exclusión do galego das capas inmersas no castelán, que son incapaces de abordar a lectura dun libro en galego.