Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 5 de decembro de 2013

¿O galego é unha lingua?

por Pilar García Negro, en La Voz de Galicia:

Apergunta non é retórica. ¿Que vén sendo a lingua galega para o Ministerio de «Economía y Competitividad» cando decide rexeitar solicitudes de universitarias-os galegos para dispoñeren dunha bolsa predoutoral, por esas solicitudes cometeren o grave pecado de incluíren certificados de estudos en galego? ¿Un refugallo? ¿Un resto antropolóxico en vías de extinción?¿De que vale que as universidades galegas teñan declarado nos seus estatutos o galego como idioma oficial? ¿Serve de algo ter promulgada desde hai 30 anos unha chamada Lei de Normalización Lingüística? ¿É esta a particular celebración do 35.º aniversario da Constitución española que clama pola súa reforma?Ministro e funcionarios, tan involucionistas eles, ¿ignoran que o Decreto 2929/1975, asinado polo xefe de Estado en funcións (o actual), por estar agónico o anterior, estabelecía que «el conocimiento y uso» das chamadas daquela «lenguas regionales» será «amparado y protegido por la acción del Estado y demás Entidades y Corporaciones de Derecho Público» (art. 1)? ¿A que tempos tencionan retornar?Ora ben, na realidade, a historia é outra. A realidade é que a lexislación iuslingüística actual -estatal, autonómica-, que bebe directamente da existente na Segunda República e da tardofranquista, mantén incólume a hexemonía do español como único idioma oficial de facto e de iure, estabelecendo un rexime de constante vixiancia sobre as linguas que non son ela mesma, o galego, o catalán, o euskera, e reforzando totalitariamente o imperio consolidado do castellano como oficial do Estado e en todo o Estado. O inglés, xaora, é máis oficial que o galego.Esta decisión ilegal e despótica non é casual. Trátase de inflixir máis un dano á Galiza e aos seus dereitos humanos e políticos mínimos. Pouco importa que estexan en xogo empregos e retribucións. Obrígasenos a todos os contribuíntes -pagadores dos diñeiros públicos- a pagar a exclusión da lingua galega na nosa propria casa.Até onde eu sei, a denuncia foi rotundamente formulada pola Mesa pola Normalización Lingüística e mais por CIG-Ensino. Son optimista, porén. Así como Castelao, no seu magnífico Alba de groria fai desfilar unha Compaña de ilustres galegos-as, eu aventuro que despois da clara posición das citadas organizacións, e o máis axiña posíbel, van desfilar en tropel, para ampararen os dereitos esmagados das-os solicitantes e daren a valer a mínima lexislación permisiva para coa lingua galega, as seguintes institucións. Moi en primeiro lugar, a Xunta de Galiza, co seu presidente á cabeza. A seguir: o conselleiro de Educación; a Real Academia Galega; o Consello da Cultura Galega; o Centro Ramón Piñeiro; as tres universidades, ao máis alto nivel de representación e, con eles todos, tutti quanti existen grazas a existir algo chamado lingua galega.M.ª Pilar García Negro é profesora de Filoloxía na UDC.

Ningún comentario:

Publicar un comentario