Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 1 de decembro de 2013

Os García Barros

por Francisco Castro, no Sermos Galiza:

O pasado sábado 16 de novembro participei con moitos outros escritores nun acto na Cidade da Cultura que quixo conmemorar os 25 anos de existencia do Premio de Novela " Manuel García Barros " que, dende 1989 organiza o Concello da Estrada e que dende o 2000 edita Galaxia. Tiven a fortuna de gañalo no 2007 coa miña obra "As palabras da néboa" e para min foi un momento importante o do pasado sábado, abeirados tantos autores a un premio sen o que é imposible entender a literatura galega contemporánea.
Eu sempre fun un radical defensor dos premios, fundamentais en calquera sistema literario, pero moito máis no galego, cunha literatura na que os seus creadores traballan case que sempre en precario, cando poden e roubando horas ao descanso ou á familia. Os premios, ademáis de axudar a visibilizar as obras galardoadas (a literatura galega é decote silenciada a mantenta polos medios de comunicación tradicionais) axudan a centrar no primeiro plano dos focos a autores e autoras e obras que, de non mediar o galardón, seguirían no anonimato do seu esforzo solitario. Ao tempo, que moitos dos premios veñan asociados á publicación, convírteos nun fenómeno dabondo atractivo para os que a isto se dedican e que, de non ser por iso, non darían, quizais, publicado ese libro ou ningún outro.

A cousa é importante e neste intre non no seu mellor momento, pois a crise tense levado por diante unha morea de pequenos premios que organizaban moitos concellos do país e que agora, acuciados por estremas urxencias, xa non poden convocar. Unha pequena traxedia se o vemos dende un punto de vista macroeconómico, pero enorme se pensamos nunha literatura coma a galega: minorizada, case que invisible e cun país que lle dá as costas. E todo iso a pesar da súa enorme calidade máis que contrastada.

Así pois, sintámonos felices por eses 25 anos. E que veñan, cando menos, 25 máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario