Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 20 de decembro de 2013

ÒcTele




Hoxe, 20 de decembro, ás 20:00, comenzará a emitir unha nova canle de televisión en liña. Trátase de ÒcTele, a primeira canle de televisión con toda a súa programación, de catro horas diarias,  en occitano. Non será a única televisón destas características pois pretende seguir a estela doutra canle, Brezhoweb,  lanzada polo mesmo promotor,  e que realiza a súa emisión en bretón, outra das linguas minorizadas de Francia.
Se os defensores da cultura provenzal ou da bretoa tiveron que poñer en marcha esta televisión fóra das canles habituais é porque o centralismo estatal rouba dereitos e espazos as culturas alleadas do poder. Dase o caso de que os occitanos contribúen co seu traballo e impostos a un estado que actúa como a lepra. Esta música non nos é estraña, así que temos que tomar boa lección destes exemplos.

A TVG
Un espectador habitual da TVG pode comprobar como esta televisión vai por un carreiro nada recomendable. Os seus programas están inzados de intervencións en castelán e modelo medio de lingua que se emite está entrefebrado de castelanismos, promovéndose deste xeito unha deriva cara un dialecto híbrido, paso previo á asimilación. Outro aspecto fundamental e que fixa moitos prexuízos na cidadanía é a emisión da práctica totalidade dos anuncios en castelán. Así o habitual é que asociemos a actividade comercial e empresarial ao español.
Na cerna do sentido da existencia da TVG está a súa función normalizadora e identitaria. Necesitamos unha TVG galeguista e non un farrapo ao servizo de intereses foráneos pois canles baixo os principios do centralismo hainas a mancheas. Cómpre un pouco de sentidiño, e será fundamental unha televisión de noso para írmolo recuperando. Digo eu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario