Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 29 de decembro de 2013

As deformacións acentuais dalgúns apelidos galegos (II)

por Xosé Henrique Costas, nas Voces de Prolingua:


Estes días fálase en medios literarios galegos da saída dun excelente poemario titulado A raíz da fenda. Xa no título do libro aparece o nome da súa autora como Berta “Dávila” e así figura citado en todos os medios que dan noticia do poemario. Neste caso interpretouse (supoño que desde algúns rexistradores civís), por prurito castelanista e castelanizante, que o apelido galego Davila (Da Vila), que levan 3600 persoas galegas por toda Galicia pero fundamentalmente concentradas en Vigo, A Pobra do Caramiñal e O Porriño, era un suposto castelán D’Ávila (De Ávila), e así, nunhas poucas ocasións voluntariamente e noutras moitas involutariamente, algúns Davila foron mesetarizados á forza en Dávila. E non me veñan dicindo que existen os dous, que hai Davila e tamén De Ávila, porque se existise un apelido castelán De Ávila o lóxico sería esperar que nas provincias de arredor de Ávila (Valladolid, Salamanca, Segovia…) este apelido estivese ben representado, pero non, para nada, apenas chegan en conxunto a un centenar de rexistros en toda Castela. Ou é que os “De Ávila” viñeron todiños para Galicia? Non, os actuais Dávila non son de Ávila, son galegos Davila con acento deformado por castelanización. Por iso non lles custaría nada ás persoas apelidadas erradamente Dávila tiraren este til estraño no Rexistro Civil e corrixiren a quen lles pronuncia mal o apelido. Por exemplo, a deputada do BNG Olalla Fernández Davila, a quen sistematicamente lle pronuncian (e lle escriben) Dávila no Congreso dos Deputados e nos medios de comunicación de Madrid, ben faría en enviar unha carta á mesa da cámara e aos medios madrileños reclamando que deixen de ser ignorantes, que respecten e que aprendan a ler.Este proceso de desprazamentos acentuais que ocorreu e ocorre cos apelidos achámolo tamén a miúdo nalgúns topónimos. Nos medios españois escoitamos ás veces que houbo un movemento sísmico en Sarriá (e non en Sarria) e resulta que os cataláns nin se enteiraron; ou que alguén descansa no balneario de Mondáriz, por analoxía cos apelidos vascos Armendáriz, Ustáriz etc.; ou resulta que vai de morto quen non foi de vivo a Sto. André de Teixidó, pronunciado á catalá (por onde lle verían o til?); ou mesmo estes días atrás falaban en varias televisións españolas dun secuestro dun médico portugués que apareceu en Ponteáreas (e deamos grazas ao ceo porque xa non é Puente Áreas, como dicían ata non hai moito tempo). A teima en adaptar sen ler ou escoitar, en facer unha deformación aproximante á fonética ou formas propias sen ler o que é, fai que nos deturpen moita onomástica, topónimos e apelidos. Nuns casos sen fortuna, só ocasionalmente, e noutras cunha insistencia que acaba coa paciencia dos afectados e deriva en resignación, cousa que de xeito ningún podemos aceptar.Nos casos dos apelidos Nóvoa (do que xa falamos na entrega anterior) e Miguez non é tanto a castelanización como as lecturas erradas. Se Nóvoa o escribimos sen til a lectura é Novoa. Nóvoa é un apelido orixinario da antiga circunscrición de Terra de Nóvoa e hoxe identifica máis de 9.000 persoas de toda Galicia, sobre todo dos concellos de Vilamarín, A Peroxa, Carballedo e Taboadela. Coa escrita dun til inocente provocaremos a correcta lectura esdrúxula, por iso e por outros motivos é tan importante pór os tiles tamén nas maiúsculas.En Miguez, con acentuación aguda, o que sucedeu moi recentemente no tempo foi que nalgúns Rexistros se realizou unha analoxía con todos os apelidos patronímicos polisílabos rematados en –ez (Domínguez, Rodríguez, Méndez, López, Estévez, Fernández, Pérez…) que son graves, e acabouse por facer grave o etimoloxicamente agudo Miguez (con acento fonético no e). Unha variante hiperoccidentalizada Miguéns, apelido levado por dúas mil persoas na Arousa e Terra de Iria, pervive sen problema coa súa acentuación aguda inalterada. Miguez é un apelido que levan case 12.000 galegos arredor de dous núcleos principais: Soutomaior-Redondela-Pazos de Borbén e Santiago-O Pino-Ames-Teo, e en ambos os dous núcleos coñecemos xente maior que insiste en que os seus pais se apelidaban “Mighés” (pronunciado con gheada e seseo implosivo final) con acento no é. Miguez é o “fillo de Miguel” (Miguel+ez > Migueez > Miguez). O propio Celso Emilio Ferreiro teimaba en que o seu segundo apelido era Miguez e non Míguez, entre outras cousas porque o correspondente castelán non era Míguelez senón Miguélez. Deberemos, pois, tirarlle a Miguez o til analóxico e pronunciar e facer pronunciar este apelido con acento agudo.As persoas que en Galicia queremos vivir con normalidade en galego temos que facelo nun galego o máis auténtico e natural posible, empezando polos nosos nomes e os nosos apelidos. Xa sei que hai moito que tratar sobre onomástica, pero hoxe saíunos a carraxe por tanto Falqué, Dávila e Ábalos que pretenden inventar algúns medios, ou que inventaron algúns rexistradores castelanizantes, e que algúns galegos asomen con indiferenza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario