Hai un par de semanas xogou (e perdeu) o Celta outro partido en Balaídos, esta vez fronte ao Rayo Vallecano. No equipo madrileño sobrancearon dous galegos: o chairego de Rábade Roberto Trashorras e o vigués Iago Falque. Porén, os locutores que retransmitían o encontro teimaban en pronunciar o nome do vigués como Falqué; despois reparei tamén en que no dorsal da camisola do xogador aparecía o seu nome escrito con acento agudo: “I. FALQUÉ”.Falque, con acentuación grave, é un apelido que segundo a Cartografía dos Apelidos Galegos do ILG, levan en Galicia 300 persoas, 245 delas en Vigo. Neste concello o apelido Falque concéntrase nas parroquias suroccidentais de Oia, Coruxo, Saiáns, Comesaña e Navia, e mesmo o microtopónimo A Falcoa (na parroquia de Castrelos) parece estar relacionado con Falque.A este rapaz de Vigo, Iago Falque, fichouno o Barcelona F.C. hai ben anos moi noviño e xogou no segundo equipo da entidade catalá. En Cataluña son habituais os apelidos con acentuación aguda acabados en é: Ferré, Piqué, Argenté, Colomé que reproducen a pronuncia catalá oriental dos apelidos Ferrer, Piquer, Argenter, Colomer etc. Pois ben, este Falque vigués foi axiña adaptado-catalanizado en Falqué polos comentaristas deportivos cataláns e, de aí, xa lle quedou ao rapaz o apelido modificado polo menos ata que non remate a súa carreira deportiva, sen que se saiba que el lles advertise aos medios de que o seu apelido era Falque e non Falqué. Parece que o ten tan asumido que mesmo xa rotula así o seu apelido na camiseta.O feito non pasaría dunha anécdota se non fose porque nos medios escritos vigueses se empeza a escribir o apelido *Falqué das persoas que nunca se moveron de Vigo e apelidan Falque. Sen irmos moi lonxe, hai un mes no Faro de Vigo entrevistaban o presidente do Coruxo F.C., Gustavo Falque, e durante toda a entrevista non deixaron de escribir Falqué, Falqué, Falqué, demostrando o xornalista que vive en Marte ou, polo menos, moi fóra da realidade ambiental viguesa e galega. Deste xeito, por unha adaptación ignorante feita en Barcelona, ecoada sen escrúpulos polos medios de comunicación, están a “catalanizar” un apelido galego mediante un cambio acentual.Do que acontece cos nosos apelidos galegos en Iberoamérica xa non podemos dicir nada. O presidente de Ecuador apelida “Noboa” (con b e acentuación grave) e polo menos tres futbolistas arxentinos, un deles no cadro do At. Madrid, apelidan “Insúa”. Queremos pensar que nestes casos en terras americanas operou o fenómeno da analoxía, e os Nóvoa pasaron a Novoa por analoxía acentual cos apelidos Balboa, Goicoa, Vilaboa etc., como os Insua pasaron a Insúa por analoxía cos apelidos vascos Bilbatúa, Aizpurúa, Zaldúa etc. Agardemos que a ningún moderno comunicólogo se lle dea agora por chamar “Insúa “ a todos os Insua que non se moveron de Galicia.Debemos estar vixiantes co que acontece no Estado por culpa das más lecturas ou interpretacións (sobre todo) dos xornalistas deportivos. Lembremos tamén que algo semellante a Falque tamén lle ocorría a un ex̶ xogador do Celta, o arousán de Vilagarcía Dani Abalo, agora enrolado nun equipo búlgaro, cando era denominado sistematicamente como Dani Ábalo polos comentaristas deportivos de radio e televisión de España, ata tal extremo que nalgunhas ocasións desde a propia TVG xa lle empezaban a chamar tamén Dani Ábalo. A confusión proviña da ignorancia, de non saber ler e tamén da homologación do apelido galego Abalo co apelido español Ávalos. Abalo é un apelido que levan 1776 galegos, concentrados nos concellos de Vilagarcía, Portas, A Valga, Catoira etc., e non leva acentuación esdrúxula por ningures. É só saber ler, é bo saber ler.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
martes, 3 de decembro de 2013
As deformacións acentuais dalgúns apelidos galegos (I)
por Xosé Henrique Costas nas Voces de Prolingua:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario