por Xoán Costa no Sermos Galiza:
Non é novo o tema do acento á hora de intentar aclarar un feito delitivo.
Máis ben é reincidencia.
Hai anos, máis de 10, nuns materiais que preparei para o 3º curso da ESO, recollíase unha nova da redacción en Vigo de La Voz de Galicia cuxo titular, traducido, dicía: “Asaltada a punta de coitelo unha parella de vigueses no parque de Castrelos”
A entrada desa noticia comezaba:” Unha parella que se achaba ás cinco da mañá de onte no interior dun coche no parque de Castrelos foi asaltada a punta de coitelo por dous xoves coa cara tapada e forte acento galego” e a nova finalizaba, despois de nos contar como, hipoteticamente, sucederon os feitos: “A el sacárono do maleteiro e deixárono sobre as sete da mañá no campus da Universidade, preto do mercantil, atado a unha árbore e con sinais nun ombro, que fixo probablemente ao se golpear contra o coche. Á muller abandonárona en Valadares onde dando grandes berros espertou os veciños que á súa vez chamaron a policía. A ambos lles roubaron a carteira. Segundo declararon as vítimas, tratábase de dous homes con forte acento galego”
Cinxireime ao tema do acento, aínda que merecería comentario o tratamento que se dá da reacción do home e da muller, el tranquilo, ela histérica.
Vamos pois. Dicía que esta nova se introducía nuns materiais didácticos cuxo fin era proporcionar ao alumnado de 3º de ESO ferramentas para a análise de textos xornalísticos, nunha secuencia guiada.
Permítanme, daquela, que reproduza aquí as cuestións que se lle poñían a aquel alumnado, pensen vostedes nas respostas..... e tiren conclusións (tamén se poden atribuír puntuación)
- Xa sabemos que o obxectivo dunha noticia é proporcionar información o máis obxectiva posíbel sobre un feito, procurando obviar as opinións que sobre o tema teña o redactor ou redactora. Cres que na noticia anterior se cumpre esta premisa? Explica a resposta
- O narrado nesta noticia acontece en Vigo. Cres que o comentado no derradeiro parágrafo dá algunha pista sobre os autores do atraco? Explica a resposta
- Pensas que nun xornal francés, por exemplo, narrando un suceso semellante ocorrido en París, diría que os asaltantes teñen un forte acento francés. Explica a resposta
- Como explicas entón que se diga iso cando todos e todas na Galiza temos “acento galego”
- Se o feito de ter acento galego non serve á hora de identificar os raptores, pois máis de dous millóns de persoas temos ese acento, cal será a intención do redactor á hora de pór ese sinal? Cres que se pretende identificar falar galego con delincuencia? Explica a resposta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario