Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 14 de decembro de 2013

A lingua na sanidade

por Pablo Vaamonde en Praza:

“As linguas son a primeira e máis importante das manifestacións culturais, e o seu exterminio é un atentado contra o patrimonio cultural da Humanidade. (..) Cada ano que pasa perdemos varias ducias de linguas. Este ritmo vertixinoso ten sido comparado á devastación ecolóxica: o ser humano é o principal axente da perda da diversidade biolóxica e cultural. Iso significa que as culturas e as linguas, como as especies en perigo de extinción, non morren: son asasinadas”.(Teresa Moure. Outro idioma é posible. Galaxia, 2005).
Con esta idea de compromiso global ante a Humanidade enteira na defensa da nosa fala creouse a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), a finais de 2011, na vila da Estrada. O sector sanitario está moi desgaleguizado e cómpre facer un esforzo para recuperar a presenza do idioma neste contorno. A esta organización xa se incorporaron máis dun centenar de profesionais de toda Galicia e pretende tecer unha rede de compromiso e complicidade para facer unha oferta positiva do idioma e conseguir que o seu uso se faga cada vez máis habitual. A recuperación do galego na relación sanitaria ten unha grande relavancia para a comunicación terapéutica e tamén para o porvir do propio idioma.
ISAGA celebra unha xuntanza anual, solemne e festiva, na que lembra a un profesional relevante comprometido co idioma e acolle a novos membros para continuar nesta tarefa. Este ano celebrouse a III Asemblea de ISAGA, nos locais da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, na Coruña, e contou coa asistencia de numeroso público. No transcurso do acto incorporáronse a esta institución corenta e cinco novos irmandiños, que se comprometeron a defender e usar o idioma galego na vida cotiá e no exercicio profesional. Os reponsables de ISAGA entregáronlle un documento ao Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, presente no acto, no que solicitan o seu apoio para promover o galego nos centros sanitarios. Reclaman a súa intervención, entre outras cuestións, para:
-Garantir que o idioma galego figure en toda a sinalización interna e externa dos Centros Sanitarios, incluíndo a cartelería e os paneis informativos.-Garantir que a documentación escrita elaborada nos Centros Sanitarios para usos internos e externos (circulares, notas interiores, folletos, follas de instrucións, formularios, etc.), sexa redactada integramente en galego.-Garantir que nos servizos de recepción e de atención ao usuario de todos os centros sanitarios de Galicia, o saúdo e o primeiro contacto cos usuarios (telefónico ou de presenza física) se faga sempre en idioma galego.-Garantir que o galego sexa a lingua inicial e preferente nos soportes informáticos e nos programas empregados nos centros sanitarios e administrativos do Sergas.-Garantir que os directivos do Sergas falen a cotío en galego no desempeño do seu labor e nas comparecencias públicas.-Procurar que as empresas subministradoras de material sanitario e non sanitario do Sergas etiqueten os seus produtos en galego.-Crear un premio anual en cada un dos hospitais de Galicia para distinguir aos profesionais que destaquen polo uso do galego, incluíndos aos centro de atención primaria da súa área ade influencia.-Impulsar a utilización do galego nos centros de formación de profesionais sanitarios (Medicina, Enfermaría, Fisioterapia, Farmacia, Veterinaria etc).

Este ano honrouse a memoria do reumatólogo coruñés Fausto Galdo, falecido hai agora un ano, polo seu compromiso coa cultura galego e coa lingua. Estivo presente a viúva, Fernanda Rolón, acompañada polos seus fillos. Escoitaron con emoción as afectuosas semblanzas do homenaxeado, realizadas polos doutores Francisco Cerviño e Ánxel Vázquez de la Cruz (compañeiros e amigos de Fausto Galdo), que destacaron o seu compromiso galeguista e relataron vivencias comuns dos seus tempos de formación e dos inicios no exercicio profesional. Na parte final da Asemblea actuou a Coral Saúde, integrada por traballadores do Hospital da Coruña, que interpretaron varias pezas do cancioneiro popular e remataron o acto co himno galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario