Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 4 de decembro de 2013

As ecuacións trigonométricas e a normalización lingüística.

Andamos estes días a darlle voltas ás ecuacións trigonométricas. Teño que admitilo, nun principio poden resultar algo traumáticas para o alumnado xa que supoñen un salto cualitativo respecto doutro tipo de ecuacións que se resolven na secundaria. Non hai un método de resolución sistemático como no caso dos sistemas de ecuacións lineares ou no das ecuacións de segundo grao. Así que non é de estrañar que os alumnos se queixen, ou incluso que boten pestes,  vai no soldo.
Un dos que máis veces arremeteu contra min foi Alberto Fariña,  o autor deste vídeo que deixei colgado hai uns días nunha das entradas deste mesmo blogue. Non hai momento que  Fariña non aproveite para recordarme a 'horripilante' ecuación que traballamos na aula a pasada semana: cos(2x) = sen (3x). Que se é imposible, que se vai baixarlles a media, que non hai quen lle meta o dente a este tipo de inventos, que total!, non lles serve para nada... Así, aos poucos, intentan queimarme un pouco para ver se conseguen algunha ventaxa.
Hai dous días Alberto chegou á clase cun artefacto que, segundo me comentou, era unha calculadora gráfica. "Resolve ecuacións que te cagas! e dache todos os pasos! Podo usala no exame?" Nun principio díxenlle que non, pero non tardou máis de 10 segundos en convencerme. "Se es quen de usala, mereces facelo tamén no exame", acabei aceptando. Como era de esperar, no canto de atender á clase, pasou toda a hora fedellando na calculadora. "Resólveme as (ecuacións) alxébricas pero non as trigonométricas" comentoume finalmente algo desilusionado, "teño que seguir remexendo a ver se dou en como as fai".
Esa mesma noite, quizais ante a imposibilidade de facerlle fronte a outra ecuación trigonométrica, Alberto Fariña decidiu deixar as fórmulas de lado. Despois dun momento de reflexión, e asumindo que tiña unha ansia no peito que tiña que botar fóra, tomou a determinación de crear esta petición en change.org da que recollo un fragmento:
O galego como todas as linguas e moi fraxil, unicamente vive na boca dos seus falantes, o galego depende de cada un de nos, dos galegos. Eu amo a miña a fala, e non podo imaxinar unha Galicia sin o galego; eu, non sería eu se non medrara co galego, e non soportaría ser un intregante da xeración coa que desapareceu o galego. Os nosos avós, encontraronlle un sitio ao galego na sua maleta cando sabían que ían botar anos no exilio, e con el loitarón sen entender abrindose paso nunha vida dura e combativa; se eles que viaxaron con el onde ninguen fora antes, quen somos nos para deixar de falalo?
Corrín a asinala porque nese momento decateime de que será un excelente profesor de matemáticas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario