Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 10 de decembro de 2013

A lingua das matemáticas

por Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo:


"La España de charanga y pandereta/devota de Frascuelo y de María?." Estes versos de Machado envelleceron algo. Xa a pandereta e as castañolas se retiraron do espectáculo flamenco, aínda que hai moita fina España que vibra cos seus toureiros e sente pola Virxe do Rocío (ou polas Dolorosas de Semana Santa) un respecto impoñente.
Esa España bruta triunfou plenamente no franquismo e de ela vén a FAES, que como todos vostedes saben é o tanque de ideas e oficina ideolóxica do PP. Este partido procede xeneticamente do franquismo. - ben, unha das partes constituídas ou ideoloxemas da dereita española de todos os tempos é u odio ás linguas ibéricas que non sexan o castelán. Por suposto, Menéndez Pidal e os seus discípulos, e os historiadores como Sánchez Albornoz e intérpretes da Historia como Américo Castro, sen deixar de seren republicanos e antifascistas eran tamén contrarios ao uso e promoción das linguas galega, vasca e catalá.
O que nos leva a aquelo que o Machado arriba citado chamaba "el macizo de la raza". - logo por que pensan que o PSOE e o PP (con IU) de Extremadura non recoñecen a existencia da lingua portuguesa en Olivença e da lingua galega no Val do Ellas? Glotofobia españolista, eis o problema.
Nos laboratorios centrais do PP, como iamos decendo, pénsase continuamente como facerlle a guerra ás linguas que non son o que eles (os de Menéndez Pidal e a dereita) chaman "español". O recente rexeitamento en Madrid duns documentos da Universidad Compostelá por estaren redixidos en galego amosa a glotofobia destas persoas. É aquí onde xorde o invento do PP galego. Despois do experimento de Fraga Iribarne, que EAES interpretou como unha rendición, compría dar un golpe de timón en Galicia. O galego chegara demasiado lonxe, pensou o PP de Núñez Feixóo. E, con axuda dun experto sociolingüista da Universidade de Vigo, cociñouse o decreto do trilingüismo escolar. Iso si, as matemáticas e demais materias de natureza superior deberá impartirse nunha lingua superior.
O experimento está recorrido en casación pola RAG e naufragará, sen dúbida, no Tribunal Supremo. Quixo exportarse a Baleares, porque aquela é unha comunidade de lingua catalá gobernada polo PP. O profesorado opúxese ao intento. - se o trilingüismo escolar é bo para Galicia e Baleares, por que o PP non pon en practica un ensino bilingüe inglés-castelán en Castela-León, poño por caso?
En realidade, tal trilingüismo no sistema educativo está destinado a inferiorizar aquí o galego e o catalán en Baleares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario