Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 22 de decembro de 2013

A situación do galego na Administración de xustiza (III)

por Xosé Antón Laxe Martiñán, na terceira e última entrega (ver a e a ) para as Voces de Prolingua:

Conclusións: idioma ou asumir a outredadeComo resumo do que se dixo ata aquí, a Administración de xustiza, como institución de exercicio do Poder, allea á cooficialidade, apoutou, mesmo a partir de 1981, no uso do castelán case exclusivamente nas súas actuacións e relacións co Pobo galego. É dicir, exerceuse un uso imperativo do castelán sobre o galego. A día de hoxe, tras trinta anos de Autonomía e teórica defensa do idioma propio de Galicia, a súa exclusión é un feito dramaticamente ancorado na normalidade. Esta situación evidencia o impensable: na Casa do Dereito concúlcanse principios fundamentais que alicerzan a nosa sociedade como fonte de dereitos e obrigas.
De conformidade coa lexislación vixente o galego é lingua oficial en Galicia e, polo tanto, pódese empregar indistintamente co castelán en todos os ámbitos, tanto públicos coma privados. Pero é profundamente inxenuo pensar que a escolla do castelán para a interacción co mundo xudicial responde a unha decisión libre, exenta de presións que condicionan a elección. O xusticiable, fronte o representante do Poder, logo asume a posición de aquel e se ve determinado pola súa condición e pola das persoas que con el se relacionan.
En calquera caso, anecdóticos son tamén os casos nos que responsables xudiciais teñen negado o uso do idioma. Pero hainos. Inasumibles, sempre; denunciados publicamente, moi poucas veces. Que esta circunstancia, o coñecemento e uso do idioma galego, non sexa atendida no seu estatuto legal non implica que fóra das obrigas recollidas todo sexa reprobable ou inxusto. É fundamental que o galego estea presente no mundo xudicial. Que estea porque se utiliza. Porque se utiliza con plena normalidade.
Polo tanto é obrigado recoñecer que hai conflito, pois toda a estrutura administrativa está dirixida ao uso exclusivo do castelán. Reverter este feito require de accións decididas e sistemáticas a nivel global que partan da evidencia de que existe unha fonda sima entre a realidade lingüística social e a realidade operante nos nosos xulgados. Coa prudencia debida, cos ritmos e debates que se establezan, fuxindo do dogmatismo estéril e co concurso sindical, absolutamente preceptivo, e social, o camiño non é imposible. Imposible é negalo
.Como cuestión unicamente administrativa, a primeira meta sería demostrar que se pode traballar no idioma propio de Galicia sen causar retrasos nin dilacións indebidas. A segunda, romper a inercia galegófoba na tramitación xudicial. Levar esta iniciativa ao maior número de oficinas xudiciais completaría o primeiro paso para facer do galego unha lingua de uso habitual na administración de xustiza e, á vez, cumprir por fin esa máxima tantas veces repetida: achegar a xustiza ao pobo. En Galicia, á maioría do Pobo. Se cadra a primeira ferramenta, a máis importante, sería dotarnos de vontade. A segunda, dunha Consellería única e útil.
Pero como en Kafka, en Galicia a administración de xustiza é a contraparte dun proceso delirante e inacabado que, a este respecto, loce sobre o papel e en castelán uns méritos que incoarían sen maior problema dilixencias por falso testemuño. A mala fe, a este respecto, é competencia das Cortes, primeiro, e do Tribunal Constitucional, en última instancia. Vímolo en Cataluña.
Somos civilizados porque temos leis, certo, pero non hai nada máis civilizado que rebelarse contra a lei inxusta. Loitar pola xustiza. Esixamos, pois, os nosos dereitos lingüísticos. E esixamos cambiar aquelas normas que impoñan, esta vez si, a minoración legal, pero sempre inxusta, do noso idioma.
Normativa aplicableEstatuto de Autonomía de Galicia (art.5)Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (aprobada polo Consello de Europa en 1992 e en vigor en España dende o 1 de agosto de 2001) (art. 9).Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial (art.231)Carta de dereitos dos cidadáns perante a xustiza (aprobada polo Pleno do Congreso dos Deputados o 16 de abril de 2002).

Ningún comentario:

Publicar un comentario