Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 5 de decembro de 2013

Comunicado da RAG ante o rexeitamento de certificados en galego

A Real Academia Galega fai público o seguinte comunicado., oportuno e necesario.



Segundo se denunciou publicamente nos días pasados, o Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España rexeitou nunha convocatoria recente solicitudes de bolsas de estudo co argumento de que algún dos certificados que acompañan esas solicitudes están expedidos en lingua galega. O Ministerio alega que nas bases da convocatoria se especifica que a documentación debe ser presentada en castelán ou inglés e que as certificacións noutras linguas deben vir acompañadas de tradución xurada. A tempo, tamén transcendeu que foran rexeitadas solicitudes acompañadas de certificados en catalán e éuscaro.
Segundo os seus propios estatutos, a Real Academia Galega ten como un dos seus obxectivos fundamentais a defensa do idioma galego (art. 1). É por isto que esta institución se ve na obriga de manifestar á opinión pública que considera totalmente inaceptable dita decisión, como un claro caso de discriminación contra o idioma galego, ou máis precisamente, contra as persoas que o empregan. É certo que a Constitución española establece que o castelán é a lingua oficial do Estado –isto é, das súas institucións e organismos centrais. Tamén é certo que a Lei de Procedemento Administrativo require que os documentos oficiais con efecto na Administración do Estado sexan redactados en castelán ou vaian acompañados de tradución a esta lingua. Pero resulta evidente que estes principios legais non son de aplicación ao caso, pois, dunha banda, noutras ocasións, diversos organismos e institucións do Estado aceptaron o uso das linguas cooficiais en distintos tipos de documentos administrativos, e doutra banda, na convocatoria presente estipúlase que a documentación pode ser presentada en inglés, lingua que carece de estatuto de oficialidade en España.
Por outra parte, resulta abraiante que en declaracións públicas de fontes do propio Ministerio se xustifique o atropelo alegando que o inglés é o idioma da ciencia (como se a preferencia por este idioma na comunicación científica fose política do propio Goberno español), e parece intolerable que cualifique como "residual" o número de persoas que viron rexeitada a súa solicitude por presentaren documentación en linguas diferentes ao castelán e o inglés. Este cualificativo resulta en si mesmo moi expresivo do desprezo con que o Ministerio actuou neste caso: desprezo cara aos dereitos das persoas e menosprezo cara ao propio idioma.
Cun mínimo de boa vontade, por parte do Goberno de España, a resolución deste problema e outros semellantes é sinxela e obvia: que sexan automaticamente recoñecidos como legais a todos os efectos os certificados expedidos nas linguas cooficiais sempre que se ateñan a formularios normalizados, legalmente establecidos e aprobados.
En definitiva, a Real Academia Galega reclama que sexan inmediatamente admitidas as devanditas solicitudes e que coa maior dilixencia o Goberno de España, de acordo coa Xunta de Galicia, tome as medidas oportunas para garantir a validez oficial dos certificados expedidos en galego e impedir así novos casos de flagrante discriminación lingüística.
A Coruña, 4 de decembro de 2013

Ningún comentario:

Publicar un comentario