Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 17 de decembro de 2013

Agasallo.eu et al

Atoparás propostas organizadas en nove categorías: Libros, Música, Audiovisual, Xogos, Tecnoloxía, Téxtil, Experiencias, Alimentación e Outros. Aínda así, non se trata dunha tenda on-line, xa que non podes mercar directamente os produtos desde esta plataforma.
Agasallo.eu é un portal de deseño moi atractivo e moi ben organizado. Nel recóllense e difúndense posibles regalos. Tamén é un espazo virtual desde o que acceder aos vendedores.
A (excelente) idea xurdiu do brain-storming da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua ( CTNL )e está sendo xestionada por Abertal. Para a súa posta en marcha contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística SXPL, que por unha vez, acerta... ou algo así. Pregúntome por que o organismo da Xunta que axuda á posta en marcha desta plataforma non é a Dirección Xeral de Comercio. Sospeito que as razóns son as mesmas que levaron ao goberno a excluir da Lei de Comercio Interior toda referencia á normalización nese ámbito.
A propia CTNL informábanos hai unhas poucas semanas de que os presupostos para a normalización volveran a reducirse este ano ata niveis escandalosos: hoxe dedícaselle á promoción da lingua menos da terceira parte do que se lle asignaba no ano 1993. Tendo en conta que os presupostos para a promoción da lingua son os máis baixos en décadas xurde indefectiblemente unha cuestión non menor: se a SXPL decide apoiar a posta en marcha desta plataforma, a que outro proxecto lle está retirando dotación orzamentaria?

Outras iniciativas
Xunto a esta gorentosa inicitiva non quero deixar de facer referncia a outras tres aportacións que nos poden axudar a informarnos sobre produtos dentro da órbita da sustentabilidade do galego.
Unha delas é o Catálogo de Nadal de Abertos ao Galego, outra é o listado de suxerencias que elaboraron os ENDL do Morrazo e que se recollen no web da CGENDL. A última referencia consiste nunha curiosísisma escolma de libros da literatura galega que recomenda o portal Disquecool. Pois se un dispón de algo de tempo, a mellor forma de empregalo seguramente é practicar o mergullo na boa lectura.


Ningún comentario:

Publicar un comentario