A cesas as candeas dos castiñeiros, entrada á fin esta primavera serodia a arrecender nos soutos de Amoeiro, reunímonos os amigos e amigas de don Ramón na casa grande de Cimadevila, en Trasalba, para agasallar co premio que leva este nome unha figura sobranceira das nosas letras e da nosa cultura, disto que chamamos galeguismo, espírito da xeración Nós, democrática e europeísta, que reivindicamos cada ano por estas datas na que foi morada patrucia do autor de Arredor de si, un dos espazos simbólicos da nosa memoria colectiva.Nesta ocasión, a persoa que homenaxeamos é Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947), un dos nosos autores máis celebrados, comprometido coa lingua, animador de empresas educativas, traballador infatigable a prol da renovación da escola dende finais dos anos 70 e os anos 80, aquel tempo de entusiasmo, que mobilizou a tanta xente nas aulas, nas asociación culturais, nas plataformas de ensino, nas escolas de verán? A súa obra literaria, traducida a varios idiomas, proxecta mesmo fóra das nosas fronteiras a creatividade dunha xeración que nace neste tempo de liberdades, arredor da Constitución e o Estatuto de Autonomía de 1981, e que non teño reparo en cualificar dunha etapa certamente dourada. Coas súas frustracións, pois nunca todos os soños se logran, pero extraordinariamente vizosa.Unha das características deste período, que podemos datar a partir dos anos 80, é a aparición masiva dun xénero novo nas nosas letras: a literatura infantil e xuvenil (LIX), do que Agustín Fernández Paz é, sen dúbida, figura sobranceira e representativa. Con el agasallamos a todo un tempo, ilusionante repito, que non podemos deixar que estiñe, e que mesmo cómpre recuperar (renovar).En maio de 1922 publicábase en Madrid o primeiro número da revista As Roladas, que se subtitulaba Folla dos rapaciños galegos, dirixida por Ramón Cabanillas dentro do espírito das Irmandades da Fala, na que participaban entre outros o marqués de Figueroa, Leonardo Rodríguez, Vicente Risco, Portela Valladares, Wenceslao Fernández Flórez, Fermín Penzol, con debuxos de Castelao e de Antonio Palacios. Pouco durou. Saíron dous números. Mais era o primeiro paso: os precursores. A Guerra Civil frustrou despois esta singradura, igual que outras. Pero o lume estaba aí. Lembro os primeiros novos intentos nos anos 60 e 70: Xohana Torres, Bernardino Graña, Carlos Casares, Manuel María, Neira Vilas? A Asociación Cultural O Facho empezou a convocar nesa época, dende A Coruña, o seu Premio para lectores novos. Entre 1975 e 1978 saíu a revista Vagalume (46 números)?Non é cousa de lembrar agora a extensa nómina de autores e autoras (incluídos os ilustradores) que, a partir de 1980, coa presenza do galego na escola, empezan a producir textos para esta nova realidade, que era unha demanda obxectiva. Autores e autoras que en pouco tempo axiña recibiron o recoñecemento dentro e fóra das nosas fronteiras. Agasallando a Agustín en gran medida agasallámolos a todos: na casa común da esperanza.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
luns, 30 de xuño de 2014
Agustín en Trasalba
por Víctor Freixanes en La Voz de Galicia:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario