Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 30 de xuño de 2014

As prestacións sociais blindadas polo PP: a educación en castelán e a atención sanitaria na privada

por Alba Nogueira no Sermos Galiza:


A reversibilidade dos dereitos sociais nun contexto de crise é unha mostra máis da necesidade de superar este marco constitucional. As prestacións sociais son hoxe coma un acordeón cun fol que abre ou pecha ao arbitrio das reformas lexislativas e orzamentarias e sen o amparo constitucional que teñen outras previsións que comprometen o orzamento, caia quen caia, como é o pago da débeda do artigo 135. Por iso é preciso camiñar cara unha blindaxe dos dereitos sociais co principio de non regresión como guía.

En 1998 a Lei da Xurisdicción Contencioso-Administrativa daba un paso adiante no control da actividade administrativa permitindo a fiscalización xudicial da inactividade da Administración. Xa non só se podía demandar a revisión de decisións administrativas senon tamén a ausencia de actividade. Porén ese control xudicial estaba sometido a uns condicionantes que limitan o exercicio dos recursos. Só as prestacións incondicionadas poden ser obxecto de reclamación (ex. un complemento retributivo recoñecido, unha praza nun centro de día asignada, unha bolsa concedida).
Artículo 29. 1. Cando a Administración, en virtude dunha disposición xeral que non precise de actos de aplicación ou en virtude dun acto, contrato ou convenio administrativo, estea obrigada a realizar unha prestación concreta en favor dunha ou varias persoas determinadas, quen tivera dereito a ela pode reclamar da Administración o cumprimento desa obriga. Se no prazo de tres meses desde a data da reclamación, a Administración non tivera dado cumprimento ao solicitado ou non tivera chegado a un acordo cos interesados, estes poden deducir recurso contencioso-administrativo contra a inactividade da Administración.A lexislación que regula prestacións sociais con moita frecuencia evita a fixación de prestacións ou estándares de prestación concretos e deste xeito é complicado reclamar frente á inactividade. Se as normas non establecen parámetros de cumprimento incondicionados (número de prazas comprometidas; dereito a unha determinada prestación se se cumpren uns requisitos establecidos; distancia máxima dos servizos públicos -sanitarios, educativos-; contía fixa da prestación...) é fácil que as prestacións sociais ensuman...por inanición. Se non hai un recoñecemento legal dun dereito a ter a escola nun radio de proximidade preestablecido, a gozar dunha bolsa sempre que se conte cuns determinados requisitos, ao salario da liberdade se hai unha situación de violencia de xénero, o simple cambio de destino dos orzamentos pode facer retroceder décadas as prestacións e dereitos sociais. O PP na inmensa operación de derrubo do estado social está reducindo á súa mínima expresión as prestacións deixando no esquelete os dereitos sociais cun, só teórico, recoñecemento constitucional.
"O PP na inmensa operación de derrubo do estado social está reducindo á súa mínima expresión as prestacións deixando no esquelete os dereitos sociais cun, só teórico, recoñecemento constitucional".
Mais o mesmo PP campión do recorte social ten feito movementos para blindar certas prestacións no eido social. Prestacións que serán esixibeis xudicialmente e que se garanten orzamentariamente, mesmo comprometendo orzamentos alleos (os das comunidades autónomas onde non gobernan).
A LOMCE garante, e un decreto desenvolverao con rapidez, que as persoas que queiran recibir educación monolingüe en castelán, saltándose a normativa educativa autonómica onde haxa un modelo de inmersión, poderán reclamar o pago do ensino na rede privada. Igualmente Feijóo, nunha medida que se enmarca nesa operación de privatización da sanidade que leva a que Galicia sexa a terceira comunidade autónoma con maior grao de privatización sanitaria, promoveu unha Lei de Garantías Sanitarias que non é outra cousa que un artificio para desviar doentes ás privadas. Cando a lista de agarda supere unha determinada duración recoñécese un dereito á asistencia sanitaria...na privada.

O PP, en definitiva, non garante dereitos sociais, blinda o gasto público na educación e sanidade privada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario