Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 7 de xuño de 2014

A bandeira ergueita

por Xoán Costa, no Sermos Galiza

Vilar Ponte sitúa como un elemento estratéxico para o nacionalismo nacente a necesidade de contar con medios de comunicación escritos en galego, centrados na Galiza e para a Galiza. Considera este feito tan transcendental como dotar o país de escolas e fai un chamamento a colaborar economicamente no mantemento do medio, aínda nacente.
O número un do boletín A Nosa Terra, aparecido na Coruña o 14 de novembro de 1916, oito páxinas sob a dirección de Xosé Iglesias Roura, titulaba, a dúas columnas, A bandeira ergueita un artigo asinado por Antón Vilar Ponte.
Vilar Ponte (que con este título enlaza claramente coa intencionalidade de Rosalía expresada no prólogo de Follas Novas “N'era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado”) sitúa como un elemento estratéxico para o nacionalismo nacente, identificado cos Amigos da Fala, e co ideario das Irmandades, a necesidade de contar con medios de comunicación escritos en galego, centrados na Galiza e para a Galiza. Considera este feito tan transcendental como dotar o país de escolas e fai un chamamento a colaborar economicamente no mantemento do medio, aínda nacente:
“ Fundar e soster escolas en Galicia é obra santa, patriótica. Mais axudar á vida deste boletín é corolario obrigado daquelas iniciativas loudabres. As escolas son pros nenos; o boletín, trala xuntanza dos enxebres, espertará o sentimento e o pensamento da mocedade que comeza a xurdir na loita. A nosa terra percisa un boletín, xa que hastra o de agora hai xornais e revistas de gallegos, mais nin un soio de Galicia, esquirto en gallego e en Galicia, pra Galicia. Hoxe bule polos nosos eidos e polas nosas vilas un sospeitoso andacio rexionalista. Hai que peneirar as intencións, pra separar a palla do grao. Chegou a hora de definirnos. Nós expoñemos cartos e traballo. Dámolo exempro. Quen non faga o pequeno sacrificio económico de axudarnos a erguer esta folla enxebre, que de chegar a ser diaria resolvería moitas cousas de fondo interés patriótico, non terá dereito a chamarse bo gallego”
Pagaría ben a pena transcribir o texto íntegro, seguramente descoñecido para a inmensa maioría de galegas e galegos, especialmente despois dun proceso electoral en que se evidenciou o papel central que os medios de comunicación teñen nas campañas e na promoción de candidaturas; despois das polémicas polo reparto de tempos nos medios públicos.
Pagaría a pena, mais abonda con este fragmento para reflexionarmos. Sobre o concepto de prensa galega; sobre o compromiso individual, militante, poderíamos dicir, para termos medios “pra Galicia” e sobre a necesidade de facer viábel, do punto de vista económico, os medios existentes, embora isto supoña un “sacrificio” económico.
Falaba Vilar Ponte da utopía de Galiza contar cun xornal diario, en galego, de Galiza e para Galiza. Cen anos despois esa utopía parece aínda moito máis afastada do que en 1916 e no horizonte só se ven os restos de naufraxios de cabeceiras xornalísticas que afundiron, ou foron afundidas, polos torpedos da frota inimiga, nun macabro xogo de barcos.
A día de hoxe, desafortunadamente para o país, só unha cabeceira, de periodicidade semanal, se mantén a frote. Sermos Galiza vai chegar ao número 100. Que cada quen pense sobre as derradeiras palabras do fragmento de Vilar Ponte e xulgue á luz das verbas citadas de Rosalía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario