Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 30 de xuño de 2014

Declaración da Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra pola preocupante situación do galego no ensino

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra acorda dirixirse á Xunta de Galiza para esixir a volta ao consenso representado polo Plan Xeral de Normalización Lingüística e a adopción das medidas de promoción da Lingua Galega recollidas no devandito Plan Xeral. Vía A Mesa

30 de xuño de 2014.- Tras a reunión mantida a pasada semana entre o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, para abordar o resultado do último estudo presentado pola Mesa no que se concluía que só o 2,42% dos centros de infantil das cidades declaran impartiren marioritariamente aulas en galego e na que se anunciaba que A Mesa e o Concello de Pontevedra colaborarían de cara ao vindeiro curso escolar para tentar reverter a situación do ensino infantil na cidade, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou na mañá de hoxe a seguinte Declaración:
"A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra manifesta a súa preocupación pola situación na que se atopa a lingua galega no noso sistema educativo. A preocupante imaxe que se reflicte no recente estudo da Mesa pola Normalización Lingüística a respecto da do galego na etapa de Educación Infantil das cidades de Galiza só é unha mostra do que acontece no resto do sistema educativo.
As causas desta perda de presenza do noso idioma no ensino son múltiplas, tal e como aparece no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que recolle o consenso da sociedade galega a respecto de como actuar para facer normal a presenza do galego en todos os ámbitos da vida do país, o que se puxo de manifesto na súa aprobación por unanimidade no Parlamento de Galiza.
Xa que logo, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra acorda dirixirse á Xunta de Galiza para esixir a volta ao consenso representado polo Plan Xeral de Normalización Lingüística e a adopción das medidas de promoción da Lingua Galega recollidas no devandito Plan Xeral."

Ningún comentario:

Publicar un comentario