Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 3 de xuño de 2014

Letras Galegas en Vigo

por Manuel Cabada Castro no Faro de Vigo:


No mediodía do último 17 de maio, Día das Letras Galegas, participei con outros grupos de persoas, bandeiras, gaitas e pandeiros na multicolor riada humana que baixaba da Vía Norte de Vigo ata o seu relanzo pacífico, mais fervente de proclamas e paixóns patrióticas, onda o Marco.
No axeitado marco deste grandioso Marco vigués, fermosa construción de granito e arte, non deixou de resoar ó final, señorial e reivindicativo, o pondaliano himno galego.
Convocábanos nun día tan sinalado para todos a meritoria plataforma "Queremos galego". A moitos, coma min, seguramente lles interpelaría na mente e no peito un dos imperativos que alí presidían e que tiña como lema "Non mordas a túa lingua". Porque parece que si, que hai xente que é capaz efectivamente de se morder a súa propia lingua.
Nada habería que ter en contra de lembranzas festivas coma esta. Aínda que tan só fose para honrar unha vez ó ano a unha muller excepcional, Rosalía, e a algún sobresaliente escritor na lingua do país. Porque, claro, este país é Galicia, onde a súa propia lingua falada ou escrita anda case ás agachadas, como pedindo desculpas, resistindo.
A lingua castelá non precisa, en troques,reservarse ningún día ó ano para lembrarlles ós seus falantes que está aí, sa e lustrosa.
En realidade, o castelán está de festa todos os días do ano. Por iso o mellor que poderíamos desexar os galegos é que chegase un feliz día no que este recordo festivo non precisase xa de máis liturxias anuais. Sería o anceiado sinal de a propia lingua ter acadado a súa instalación normal, tranquila e segura no país. Mais son desgraciadamente moitos e sutís os atrancos que ameazan a súa mesma supervivencia. Nas actuais circunstancias, a cantos din que aman e aprecian o galego e que lles gustaría que algún día non houbese xa necesidade de celebrar este Día das Letras Galegas non lles queda outra opción coherente máis que falalo (e escribilo) sempre, en toda ocasión, ante príncipes e plebeos, ante adictos a desafectos, con amigos e con estraños.
Os galegos levamos demasiado tempo ocupados en "mordérmonos a lingua", quero dicir en amosarnos corteses, condescendentes, sumisos con cantos veñen cara a nós con aires máis ou menos encubertos de superioridade falándonos noutra lingua.
É curiosa e digna de estudo esa actitude pola que con tan notable axilidade nos pasamos como saltimbanquis, e por pouco que a dominemos, á lingua non galega do noso interlocutor. Costume seguramente adquirida con sufrimento e paciencia ó longo de séculos de vergonzosa dependencia lingüística. Non estaría mal vacinarse dunha vez e para sempre contra esa oculta e daniña doenza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario