por Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo:
Acabo de ler, neste mesmo xornal, un artigo no que se afonda nun tópico ben coñecido. Este é: o ensino das "lenguas regionales de España", ou sexa, galego, vasco e catalán, opera contra o desenvolvemento económico e contra o progreso das comunidades respectivas. A persistencia de tal construcción ideolóxica é sorprendente.
Os vascos e os cataláns son os, digamos, españois máis ricos e prósperos. En Euskadi e en Cataluña é, de todo o territorio do Estado español, onde máis se insiste no ensino das linguas nacionais. Se a protección institucional do vasco e do catalán desfavorecese o desenvolvemento económico de Euskadi e Cataluña, serían estes uns territorios e poboacións pobres. Se o ter como lingua só o castelán ou "español" favorecese a opulencia, daquela ambas Castelas, Estremadura, Andalucía, Murcia, serían as máis ricas. E así non é.
Mesmo semella que haxa un demiurgo ou un espírito benéfico que premia os pobos que se aman a si mesmos e agariman as linguas deles aínda que estas non sexan linguas utilitarias nas relacións económicas internacionais. Euskadi protexe e ensina desde a escola primaria un idioma que no mundo non ten parentes e que, nin por aproximación, pode comprender ninguén que non o saiba por transmisión familiar ou por estudo.
Así e todo, moitos galegos, cuxos gobernantes autonómicos non coidan ben do seu (noso) idioma, emigraron e emigran a Euskadi porque alí hai máis riqueza e eles aceptan con gusto que os seus fillos e netos sexan escolarizados en euskera. Tamén outros galegos emigraron e emigran a Cataluña, onde non teñen inconveniente en que os seus fillos e netos se catalanicen.
As mil voltas teóricas e prácticas que os gobernos autonómicos de Galicia deron e dan para favorecer e ao mesmo tempo desfavorecer, para facer e deixar de facer a respecto do galego son infinitas e labirínticas. Por unha banda a dereita autonómica defende con fachenda a cultura galega e edifica as Pirámides do Gaiás, e pola outra banda tasa, mesquiñamente, horas, esforzos, dedicación á lingua no ensino.
O decreto do trilingüísmo é a cuadratura do círculo e un monumento á perfidia glotofáxica de fachada galeguista inclusiva. A única solución para nosoutros é un goberno galego que acredite no pobo e sexa capaz de pór en vigor solucións prácticas do tipo "inmersión lingüística" na escola. Temos que recuperar os falantes perdidos. Temos que asumir a noso orgullo, ou, en caso contrario, producirase a disolución da Nación que vai inseparabelmente unida á vida regrada.
Dame a impresión de que a posta en vigor da lingua galega no ensino con forza é inseparábel da xeración de riqueza material. De novo: véxase Euskadi e véxase Cataluña. O próximo día trataremos de por qué o portugués non figura nos estudos oficiais de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario