Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 6 de xuño de 2014

Arredor dunha resposta

No Sermos Galiza tiveron a cousa de publicarme isto:

O día anterior ao das Letras,no programa "Bos días" da TVG, Marta Darriba entrevistaba a Valentín García. Neste contexto  a periodista fíxo unha pregunta case obrigada: "Hai sociolingüistas que falan de perda de galego falantes sobre todo nas cidades e responsabilízan disto á política lingüística da Xunta." A resposta do secretario xeral de política lingüística foi a que vén ofrecendo habitualmente. Está claro que non estaba disposto a asumir que o funesto decreto de plurilingüismo é un factor de desgaleguización de dimensións catastróficas e que no caso en cuestión, nas cidades, levou a que prácticamente desapareceran as aulas en galego en infantil. Quizais a supresión das liñas de galego (inmersión en galego para aqueles pais que o solicitaran) tamén contribúa a que empeore xa non só o uso, senón a competencia en lingua galega. Pero isto tampouco é algo que teña presente o secretario xeral, posiblemente se trate dun tema que non lle interesa, incluso pode ser que se dea o caso de que el procure a inmersión en castelán dos seus fillos pois precisamente este é o tipo de política lingüística que perversamente se promove desde a Xunta. A resposta que ofrece reiteradamente Valentín tampouco explica en que favorece á nosa lingua (ou en xeral, aos galegos) a primeira medida tomada por Feijóo ao chegar ao poder: a de retirar a esixencia do coñecemento do galego nas oposicións á función pública. Na súa intervención tampouco botou man dun recurso moi habitual, o de laiarse da constatatación da perda de galego falantes pero contrapoñendo por exemplo actuacións normalizadoras da Xunta en ámbitos como a xustiza a sanidade ou o comercio.  Non o fixo porque non podía facelo xa que simplemente o goberno de Feijóo non as promoveu. Ou mellor dito, as medidas que se tomaron foron todas en contra do uso do galego. Pablo Vaamonde comentaba o seguinte nunhas Xornadas sobre lingua organizadas pola USC no 2011:
 Despois do cambio de goberno, no ano 2009, a situación mudou de xeito radical [...] [dáse] na actualidade unha exhibición, por parte das autoridades sanitarias, dunha actitude claramente discriminatoria respecto do uso do galego. O galego está a desaparecer da fala e da escrita no ámbito sanitario. A totalidade do equipo directivo da sanidade pública galega, comezando pola propia conselleira, non utiliza nunca o noso idioma nas súas comparecencias públicas. A documentación escrita, as instrucións internas e as circulares, e mesmo os escritos que circulan pola intranet están escritos exclusivamente en castelán ou en texto bilingüe.
Todos sabemos que historicamente o xudicial é un ámbito refractario ao emprego do galego, pero o feito de que desde hai máis de catro anos os xulgados teñan un programa informático que impide que a tramitación xudicial poida realizarse na nosa lingua sen que nin a SXPL nin a Xunta dera ningún paso adiante neste sentido é ben significativo de como se está a xestionar a política lingüística en Galicia. A CTNL, da que Valentín fora presidente,  comentaba no seu día  un dos artigos do anteproxecto da lei de comercio interior que se impulsaba desde o bipartito recollendo as medidas marcadas no Plan Xeral de Normalización. O artigo trataba sobre os dereitos lingüísticos dos consumidores e era un primeiro paso para establecer unha liña de traballo normalizadora no comercio galego. A actual lei de comercio da Xunta borrou toda referencia ao uso do galego polo que se deixa o campo aberto á enorme farramalla lexislativa que impón o castelán en toda clase de produtos. A Plataforma per la llengua recompilaba no 2009 un total de 500 leis que obrigaban ao uso do español en toda clase de produtos. A día de hoxe non temos ningunha lei, nin tan sequera unha medida, que promova a actividade comercial en galego. O pano de fondo desta actuación arrasadora son máis de 30 anos de Constitución, Autonomía e Lei de Normalización Lingüística que só foron utilizadas para poñerlle cancelas ao desenvolvemento social da nosa lingua. Como é sabido, Valentín García accedeu ao seu actual cargo desde un posto como traballador para a normalización no concello  da Estrada. Sería de esperar que precisamente no ámbito local, que é o que el máis coñece, desenvolvera as mellores políticas. Todo o contrario. O último capítulo foi o empezoñamento dos cursos Celga facendo contratacións por vía da rede caciquil para non recoñecer os dereitos dos traballadores que viñan realizando este labor. Valentín tomou posesión de secretario xeral acompañado do peche de 17 servizos de normalización doutros tantos concellos e presentando como o seu proxecto estrela a fracasada Rede de Dinamización. Esta Rede fundaméntase nunha orde inconcreta e falta de contido, afastada da realidade, e que non aporta ningún tipo de solucións aos múltiples problemas da normalización no eido local. Se a isto lle engadimos a falta de dotación orzamentaria, temos completa a receita dun caldo que, se por unha banda non levaba carne, pola outra tampouco tiña verduras. Cando un concello se agrega á Rede de Dinamización xa sabe que ao máximo que pode aspirar é a que un día teña que abrir as portas do teatro municipal a algunha actuación. Nese local cerrado o galego terá o seu lugar durante unha hora. As outras 8753 horas do ano están abertas aos privilexios exclusivos da lingua dominante. Velaí a medida da presión impositiva do español. Neste punto xa sabemos que na resposta do secretario xeral de política lingüística sobre as causas da sangría de galego falantes non se fixo mención ás políticas antigalegas nos ámbitos da educación, a sanidade a xustiza ou o dos concellos. A resposta tampouco nos dará ningunha análise sobre a actual situación sociolingüística do país. O único que nos ofrece a contestación é a altura moral, política e intelectual do seu propio autor. Velaí a resposta:
"se consideramos galego falantes só aos falantes monolingües sí hai un descenso, pero tamén debemos considerar galego falantes aos que non falan galego todo o día"

Ningún comentario:

Publicar un comentario