Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 18 de xuño de 2014

Nova andaina para Afonso Eanes

por Guillermo Vidal Fonseca nas Voces de Prolingua:

"Nós, un grupo de mozas e mozos de Barcala, cremos necesaria unha maior dinamización da vida cultural da comarca. Únenos a todas e a todos a vontade pola investigación, defensa e promoción da cultura galega e popular”.
Con esta declaración comezabamos o documento onde faciamos público os mozos e mozas aí mencionados a nosa intención de recuperar a histórica asociación cultural barcalesa Afonso Eanes, unha das máis antigas de Galiza, formada con toda a determinación aló polo 76 por un grupo de valentes -daquela mozos e mozas coma nós- dunha pequena vila rural e nos duros tempos sociais e políticos posteriores á morte de Franco, cando na Casa do Concello aínda ondeaba a bandeira 'roxigualda' ornamentada cunha aguia negra mirando á dereita, cunhas famosas “frechas do feixe” e cun non menos famoso lema Una, grande y libre. Despois de moitos anos de actividade, a asociación foi caendo na inactividade, aínda que nunca chegou a disolverse. As e os que agora a retomamos non só nos pesa a responsabilidade de facelo, alomenos, tan ben coma eles, senón tamén que nos consideramos uns privilexiados por sermos herdeiros duns audaces e decididos.É ben certo que os nosos tempos, se cadra mellores ca aqueles, tampouco se caracterizan pola paz social e o benestar xeneralizado. E tampouco semella unha esaxeración dicir que neste contexto a liberdade de expresión e outras liberdades non están tan en vigor como algúns nos contan. Nesta situación a cultura propia e popular e a dignidade das peculiaridades de seu do pobo galego, como a lingua, están en horas baixas, por non dicir que están sendo atacadas por intereses espurios coa escusa das prioridades económicas. É aquí onde outro grupo do mozas e mozos que pouco e pouco foi medrando, agora, desconformes, nos resistimos á resignación logo de moreas de conversas en cafés da capital barcalesa ou nas redes sociais, hoxe en día tan de moda para debater e impulsar iniciativas.Pouco nos custou decidir se creabamos algo novo ou se reviviamos o que xa tiñamos na casa. Que levemos o nome dun artista das nosas gloriosas letras medievais, e ilustre veciño noso, non significará pouco: queremos que a nosa lingua e as nosas letras se valoren como o que son, as nosas, as galegas. Mais tamén queremos que toda a nosa cultura, a nosa historia, a nosa memoria, ó igual que a nosa lingua, deixen de ser abandonadas, aldraxadas, negadas, silenciadas ou falseadas. Desde hai un par de semanas, nesas estamos xa. Esperemos estar á altura

Ningún comentario:

Publicar un comentario