A CGENDL redactou esta carta aberta ao secretario de Política Lingüística sobre a marxinación do galego nas ensinanzas de FP no Galicia Confidencial:
A CGENDL denuncia a situación de marxinalidade á que segue sometida a lingua galega nas ensinanzas de Formación profesional, o que impide a adquisión da competencia lingüística en galego dos futuros traballadores e traballadoras. Á non aplicación real do Decreto de 2010, que garantía un mínimo dun 50% de enisno en galego na FP, súmase a disponibilidade unicamente en castelán dos materiais na modalidade de FP a distancia e á ausencia de contidos referidos á realidade galega e ao uso vehicular do idioma, entre outros aspectos, no Borrador do Decreto que regula a FPBásica.
Sr. Secretario Xeral de Política Lingüística:
Dirixímonos a vostede, como Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), para manifestarlle a nosa preocupación e ao mesmo tempo indignación, sobre a situación de marxinalidade á que segue sometida a lingua galega nas ensinanzas de Formación profesional, situación que non ten visos de mellora. Estas ensinanzas son fundamentais para a normalización do galego na sociedade pois o estudantado que as cursa é o que conforma o grupo de traballadores e traballadoras do futuro máis inmediato do noso tecido empresarial. Non pode seguir ocorrendo que o sistema público de ensino en Galicia os titule sen conseguir que estean capacitados para desenvolver con corrección calquera actividade profesional na lingua propia do noso territorio. Isto é imposible que se acade co tratamento que está recibindo o galego en todas estas ensinanzas, xa que, ademais de imposibilitarlle o acceso á competencia lingüística necesaria, afonda no estigma de que o galego non é unha lingua útil no ámbito laboral.
Nos ciclos formativos existentes, a Consellería nunca realizou un reparto de linguas por módulos na FP para que houbese, tal e como indica o Decreto de 2010, un mínimo garantido dun 50% de ensino en galego. Dado que deixaron isto en mans dos centros e estes móvense coa comodidade do emprego de materiais que practicamente só existen en castelán, o galego está relegado ao compromiso do profesorado que está disposto a elaborar todo o material en lingua galega. Revisaron vostedes os Proxectos lingüísticos destes centros? Comprobaron, naqueles casos nos que se redactaron, se se estaban aplicando?
Ao anterior súmase a escandalosa situación na que se atopa a FP a distancia, xa que neste caso, nin sequera o profesorado comprometido coa normalización do galego pode facer os exames en galego, xa que os materiais que se lles colgan en Platega están unicamente en castelán e con contidos que non se corresponden nin coa realidade galega, nin coa lexislación galega. O profesorado só pode avaliar o alumnado a través deses materiais, polo que queda claro cal é o nivel de aprendizaxe de galego en calquera rama profesional que se queira cursar dentro desta modalidade.
Para rematar, o Borrador do Decreto que regula a FPBásica presenta dúas cuestións que nos preocupan especialmente. Por un lado, márcase que o Módulo de comunicación e sociedade estará composto por 4 materias, unha delas a Lingua estranxeira. Atendendo á recentemente aprobada Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía deberían preocuparse de que se cumprise e se fomentase o portugués, fronte a unha imposición do inglés, tal e como se pode ver na presentación que o responsable da Consellería lle trasladou aos responsables de orientación de todos os centros. Por outro lado, ademais de que os contidos dos demais currículos (Módulos Profesionais) prescinden totalmente da realidade galega (coma todos os derivados da LOMCE), non se aclara en ningures en que lingua se deben impartir os devanditos módulos, polo que a deriva será a mesma que a que se describiu arriba. Segundo todo o anterior, pedímoslle que interceda para que se faga cumprir a lexislación e no Decreto de FP Básica se faga referencia explícita ao uso do galego como lingua vehicular da metade das materias.
Pedímoslle tamén que, tendo en conta que a política lingüística deste país debe pensarse de xeito global, non esqueza desde a institución que vostede representa, que a formación en lingua galega nos estudos de formación profesional é clave para avanzar algún chanzo na normalización lingüística no ámbito económico-empresarial, sobre o que non se está tomando absolutamente ningunha outra medida que implemente o uso da nosa lingua.
Consello Directivo
Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL)
Ningún comentario:
Publicar un comentario