Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 30 de xuño de 2014

Nomes dende Ramirás

Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

A poboación da Gallaecia somos nós. Por iso conservamos un tesouro toponímico tan incribelmente rico.Son estas palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín, no prólogo que abre o libro Toponimia de Ramirás, de Carlos Méndez Míguez, publicado pola Editorial Toxosoutos, na colección Divulgación e ensaio, neste mesmo 2014.
A posta en valor dos nomes de noso, rescatándoos das moreas de estrume do esquecemento, é o que se realiza con tino a propósito deste concello da bisbarra de Terra de Celanova.
O estudo da toponimia maior —hai tamén unha completa táboa relativa aos nomes dos pequenos lugares— estrutúrase a teor das diferentes parroquias que integran o municipio. Estas, por certo, deberán ser o núcleo básico dunha apremiante reformulación territorial que, canto antes, cómpre acometer, que teña como epicentro a comarca. O cal, en toda lóxica, ten que supor, de vez, a eliminación dun falso —e sucursalista— mapa provincial.
Ao analizar a obra é doado decatarse dunha fasquía salientábel que posúe de seu, derivada do feito de exceder esta amplamente a ciencia toponímica.
Isto débese ao intenso uso das fontes documentais manexadas, mormente, as coleccións diplomáticas do mosteiro de Ramirás e do Tombo de Celanova. O cal alicerza as raíces da nomenclatura nos manuscritos máis antigos da nosa historia. Eis unha mostra, extraída deste último, do ano 929, relativa ao lugar de Marnotos: “Sun ipsas villas e ipsas hereditates Bene Vivere, et alia que dicunt Marinotass”.
Tamén contribúe a enriquecer o traballo —amais do apartado gráfico, do que é responsábel o fotógrafo Toni Álvarez— a información que se acopia procedente do arquivo diocesano, que dá conta da poboación de cada parroquia, dende o século XV ata a actualidade.
Da vida vizosa dun eido rural que hoxe —por mor da falla de políticas propias— está, interesadamente, a esmorecer fálanos o inventario de muíños, fontes, corgas e regueiros que se rexistra no traballo para cada un dos principais núcleos de poboación.
Deténdonos nas, recomendábeis, páxinas desta obra, que nos fan botar a vista atrás, resulta obrigado deitar unha ollada crítica sobre a realidade actual. Dunha terra, a un mesmo tempo, erma e fecunda, que, por culpa dunha clase política dirixente, allea e alleada, deixou a monte os nosos sectores produtivos tradicionais, coma a agricultura, a gandaría ou o forestal.
Isto sábeo ben o autor deste libro, quen, durante catro lexislaturas, foi concelleiro do BNG nun municipio da costa galega. E quen tivo a oportunidade de o confirmar ao percorrer o case cento de núcleos dispersos aínda —escasamente— habitados dun concello, coma tantos da realidade galega, moi avellentado.
Reparando de novo nas palabras liminares do demitido presidente da Real Academia (da Lingua) Galega, traballos coma este poñen de actualidade un dos principais retos que na Galiza contemporánea ten o nacionalismo. Que é o de promover que se enchan de vida, de produtividade, cada un dos diferentes lugares da nosa xeografía, ateigados de posibilidades. Sempre que sexamos quen de nos converter en donos dos nosos recursos e de os xestionar con xeito, coidando que temos que ser moitos máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario