Unha delegación da Mesa participou nun encontro internacional en Valencia onde denunciou a política galegófoca de Feijóo.
Na reunión aprobouse a seguinte declaración:Declaración de València das organizacións de ELEN (Rede Europea pola Igualdade das Linguas).24 de maio de 2014
Construírmos unha Unión Europea do multilingüismo, onde todas as linguas se respecten por igual
1) A Unión Europea construíuse co alicerce dos estados que guerrearon durante moito tempo por aseguraren a súa dominación.
2) Os países europeos quixeron estender a súa dominación polo mundo co imperialismo e a colonización, con xenocidios, escravitude, tráfico negreiro e numerosos crimes contra a humanidade.
3) A Unión Europea fúndase nos valores da democracia e dos dereitos humanos, e comprende os dereitos das persoas que pertencen ás minorías (artigo 2 dos tratados).Estes valores de respecto á dignidade humana, a liberdade, a igualdade, o estado de dereito, non poden aplicarse unicamente en beneficio das persoas que pertencen ás maiorías dominantes. Débense aplicar a toda a cidadanía, e en particular aos que pertencen a grupos ou pobos minorizados ou minoritarios que posúan as súas propias linguas, e que expresen as súas propias culturas no seo da Unión Europea.
4) No momento en que se desenvolven as eleccións ao Parlamento europeo, as ONG reunidas en ELEN, Rede Europea pola Igualdade das Linguas, apelan a todos os deputados, todas as deputadas e todos os Estados ao respecto total dos principios universais que fundan a humanidade, para todas as persoas, sen distinción de lingua ou de pertenza a unha nación minorizada ou minoritaria.
5) As ONG reunidas en ELEN denuncian en particular o grave risco de se repregaren sobre si mesmos os Estados-nación que estiveron na orixe de guerras fratricidas entre os pobos, do imperialismo, do colonialismo e de xenocidios inaceptábeis.
6) Denuncian os etnocidios que tamén estes Estados perpetraron, isto é, a destrución organizada polos sistemas dominantes das linguas e das culturas dominadas, co obxectivo da unificación dos Estados.
7) Apelan á construción posíbel dunha Europa democrática, multilingüe, que respecte a aspiración dos pobos a viviren nos seus idiomas e culturas diversas, en diálogo e solidariedade mutua.
8) Afirman a súa vontade, máis decidida que nunca, de traballaren colectivamente por un mundo que se funde nos principios de respecto e de solidariedade entre todos os pobos, no traballo a carón da xente e en estreita relación coas organizacións internacionais que teñen ao seu cargo o futuro do planeta. Apelan a todas as boas vontades a se encontraren nesa dirección.
Ningún comentario:
Publicar un comentario