Por Merdes Queixas no Sermos Galiza:
Agora mesmo chove a cachón. Víase vir. Escoitábase bruar lonxe. O calmozo anunciaba en sucesivas badaladas que a treboada nos visitaría neste sábado de benvida ao verán, esa estación que agasalla a suxerente delicadeza saborosa das cereixas.
Mais hoxe é imposíbel terlle medo á auga que, persistente, ficou connosco a maior parte do outono e do inverno.
Hoxe as palabras arroupáronnos en Castro Ribeiras de Lea no acto de entrega da Letra E (Escritor con maiúsculas!) a Xabier P. DoCampo, organizado pola AELG. Aloumiñáronnos as emotivas palabras vivenciadas sobre a memoria do pasado, individual e colectivo, do escritor nas terras chairegas que o viron nacer e medrar; os lugares, os tempos, os sucedidos, as conversas, os medos, os sorrisos, as bágoas, os pasos, as lecturas, os filmes, a lareira, a casa, a familia, as amizades… todo aquilo que en orixe e en esencia nos constrúe. Todo aquilo que nos fai ser parte dun espazo e dun tempo concreto para non caermos tentadoramente perdidos en ningures.
Amplificounos Agustín Fernández Paz, na súa ben medida e exhaustiva laudatio, o decálogo definidor do Xabier amigo, compañeiro de traballo, profesor, teórico da lectura e da renovación pedagóxica, incansábel lector, escritor iniciático, bo comedor e mellor cociñeiro, contador de historias como acto de amor sublime, amante fiel do cine e comprometido defensor do patrimonio cultural e lingüístico galego.
Escoitar este 21 de xuño a Xabier P. Docampo, na súa voz contundente que non renuncia a adubiar coa sempre ocorrente e acaída retranca, obrigou a miña memoria a recuperar o noso primeiro encontro, que é o mesmo que dicir, moito máis honestamente, a miña descuberta persoal de quen para min era un escritor que cobraba vida nos seus libros e imaxinaba fisicamente desde a iconografía das súas lapelas.Era por maio de 1998, nas vésperas do Día das Letras Galegas que a RAG dedicou aos trobadores da Ría de Vigo – Martin Codax, Meendinho e Joan de Cangas. Acudín puntual á cita na biblioteca de Cambre que leva o nome do noso escritor homenaxeado para presentar o libro inaugural da Colección Esencias da editorial A Nosa Terra que titulei Os trobadores do Reino de Galiza. Acompañaríame o grupo musical Quinta Feira, maxistral parella de baile naquela miña primeira entrada no mundo editorial coa que fun percorrendo institutos e asociacións, que logo prolongaría eu en centros galegos espallados por diferentes ciudades suízas que me presentaron sen intermediacións disimuladas nin espellos evasivos a verdadeira realidade da emigración galega.
A miña magna sorpresa, axiña trasladada a certa inestabilidade vertical producida por unhas pernas inquedas e un corazón a brincar de máis, chega cando a organización do acto me informa de que será Xabier P. Docampo, en persoa e moito máis aló da placa co seu nome que me acababa de recibir na entrada da biblioteca, quen presente a miña modesta contribución á divulgación dos nosos trobadores medievais.
Cando tes a fortuna de que Xabier P. Docampo pete na túa porta para te recibir na casa da luz, comprendes a profundidade do misterio das badaladas, renuncias ao sono para ler un conto de tres noites, abres o libro das viaxes imaxinarias, observas o ceo na noite á procura das filantes, dilúes a fronteira entre as cores e os amores, transpórtaste á illa de todas as illas para axudares a construír un arquipélago e comprendes a sinistra arquitectura dominante do país adormentado.
Con certeza, as súas xenerosas palabras daquel día foron o máis grande estímulo para quen, inexperta, traspasaba a escrita persoal, íntima ao escenario público onde pensamento e creación é compartido.
Esta XX edición da Homenaxe ao Escritor na súa Terra, vivida en comunidade para recoñecer e pór en valor unha figura clave do noso sistema literario contemporáneo, honrou, desde a gratitude, un autor de extensa obra literaria individual e xenerosa participación colectiva, referente dunha obra narrativa fortemente imbricada na tradición contística galega, inauguradora da literatura infanto-xuvenil contemporánea que abriu as portas, desde a casa e a escola, á formación do público lector máis novo, alicerce e semente do imprescindíbel substrato cultural de hoxe, e recoñecida cos máis importantes premios a nivel nacional e internacional.
Mais, non esqueceu mencionar Xabier P. DoCampo na súa resposta á laudatio que, nado sete anos após rematar a guerra española do 36 e educado na escola da ditadura, forma parte desas xeracións de galegas e galegos a quen se lles impediu ser alfabetizados na súa lingua propia, unha situación que, lonxe de ser anacronía irreversíbel, ameaza en clave de presente, xa con datos estremecedores, en retornar á nosa infancia, desde a protección e amparo silente de quen debera promover políticas lingüísticas activamente normalizadoras para a infancia, no seo familiar e, sobre todo, escolar.
Segue a chover na medianoite deste 21 de xuño, mais cada pinga que bate fóra e mence esta escrita reproduce o eco confirmador dun pensamento: hoxe vivimos unha boa ocasión para nos reafirmarmos no carácter irrenunciábel dos afectos e lle entregar a Xabier P. DoCampo o que nunca renunciou a sementar: amizade, gratitude, xenerosidade, lingua e nación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario