Seguro que esta histórica retransmisión do segundo enterro de Castelao, en Bonaval, o 28 de xuño de 1984, coa voz de Tareixa Navaza é coñecida por todos.
Pero nesta entrada quería recoller o que sucedeu para que se producira este segundo enterramento. Neste segundo vídeo achegámonos á habitación 203 do hospital do Centro Galego, onde pasou os últimos momentos Castelao. A habitación foi pechada e convertiuse nun pequeno museo con obxetos da vida do autor de "Sempre en Galiza", entre elas unha mascarillla mortuoria que lle sacara escultor galego Domingo Maza.
Castelao foi sepultado no panteón do Centro Galego, no cemiterio da Chacarita, en Bos Aires. Alí repousaron os seus restos ata o 1984.
Como é sabido, o Parlamento Galego decidiu traer os restos de Castelao a Galicia. O que xa non é tan coñecido é o proceso de exhumación dos restos do rianxeiro na capital arxentina. Grazas a esta entrada do blogue Fotos de Rianxo chegamos a este documento audiovisual sobre este capítulo.
No seguinte vídeo Juan Antonio Fierro, presidente do Centro Galego de Buenos Aires entre o 1983-1984 e Luís Sobreira, Presidente do Instituto de la Cultura Gallega. explican como se desenvolveron os acontecementos da exhumación. Tamén hai imaxes da misa que lle fixeron na igrexa de Santa Rosa de Lima, previa ao traslado á capela ardente no Centro Galego.
Para pechar o círculo, un documental reflexionando sobre o significado do traslado dos restos mortais ao Panteón de Galegos Ilustres
O mapa que aquí aparece foi recollido de mediamapa.gal, un portal elaborado pola xornalista Cruz Regueiraao abeiro da bolsa Nacho Mirás para novos titulados. Ademais do mapa, neste traballo temos acceso a esta folla de cálculo con todos os datos recompilados e que nos permite facer un estudo do panorama mediático galego. Ao consultala veremos que 29 medios se editan en castelán, 58 en galego, 43 nas dúas linguas, e hai un non etiquetado. Se cando queremos ofrecer o estado das linguas no ámbito dos medios ofrecésemos únicamente estes datos, estariamos manipulando a realidade. Deses 120 medios, cales son os que teñen máis presenza e influencia social? Sucede que boa parte dos medios en galego son de ámbito local e que teñen como púbico obxectivo todo o territorio galego, non representan máis que unha pequena fracción do impacto. Isto é o que fan a SXPL e a Consellería de Educación cando destacan que o coñecemento do galego é moi alto pero ocultan que o seu uso e presenza pública descenden alarmantemente.
Pois eu, porque non son lelo, falei, falo e falarei galego sempre. E tamén portugués, e italiano, e francés, e inglés, e latín e grego clásico e, por suposto, castelán ou alemán e incluso ruso da nova Rusia. Porque os que non somos lelos, precisamente por iso, non somos excluíntes. Por exemplo, eu coñezo cen palabras de caló, porque traballei e traballo co benquerido mundo xitano. Preocupeime de manexar un grupiño de palabras e frases búlgaras porque no cárcere onde fago un voluntariado hai persoas desa nación. E o mesmo digo de Somalia.
Hai que ter as ideas moi claras para ir a un certame de conferencias para a normalización do galego e botar a metade do discurso en castelán. Belén Regueira ten as ideas moi claras, e aínda mellor, sabe explicalas moi ben e moi claramente.
Na primeira parte deste monólogo, en castelán, Belén Regueira fai visbles unha chea de prexuízos. Cada un deles é un ladrillo máis no muro que o pre-neofalante constrúe para manterse alleado do galego. Na segunda parte, agora si, en galego, o neofalante vai derrubado o muro e evidenciando os prexuízos. O proceso non é fácil, pero si liberador. O discurso de Belén Regueira é unha invitación a todos os pre-neofalantes a dar o paso. Temos, xa que logo, outro recurso para as aulas e todo tipo de contextos desgaleguizados que chega desa fonte fresca que é a CTNL.
A zunia aliméntase de prexuízos, por iso só ten éxito cando consegue xenerar polémica. Un dos seus últimos ataques foi o que atentou contra CPI de Panxón, un centro, como hai moitos, no que se realiza un traballo serio e sen estridencias. Pódese comprobar, por exemplo neste seu blogue da biblioteca, no que se divulgan moitas das iniciativas, traballos e actividades que realizan.
A cousa non iría máis alá se non fose pola metedura de zoca da Valedora do Pobo, quen tomou a anómala resolución de avalar a retirada do cartel que gañara o certame anual que se celebra no centro para celebrar o Día das Letras. Basta poñerse no lugar da rapaza que fixo o cartel, ou no dos seus pais, para determinar a miseria moral á que chega a zunia e, neste caso, a presunta Valedora. Pouco cómpre saber sobre as características sociolingüísticas da poboación galega para apostar, con case a completa seguridade de gañar, que a autora do cartel non fala en galego. Aclaremos a cuestión, cantos dos alumnos do CPI de Panxón o falan? Incluso me atrevo a dar un límite superior para esa cifra: o 15%. Entón, que é o que pretendemos montando (ou alimentando) unha polémica sobre un cartel que se elaborou nun contexto para a promover, moi mínimamente, a reflexión sobre a atroz situación de constriximento na que está o uso do galego nunha área tan desgalelguizada? Milagros Otero, por ocupar o cargo que ocupa, a de Valedora, non pode ser tonta, polo que a única alternativa que explica o seu comportamento é a dun aliñamento militante co radicalismo xenófobo antigalego.
Dubidei moito en publicar esta entrada porque pode ser manipulada para alimentar unha falsa polémica. Se ao final me decidín a facelo é para que a comunidade educativa do CPI de Panxón saiba que o sentimento xeral que xenera na sociedade é de empatía e apoio fronte á agresión extremista que están a sufrir. Por iso creo que convén que saiban que, dalgunha maneira, crearon escola. O alumnado de Lingua e Cultura Galega de Valadares, que parece preferentemente de fóra de Galicia, montou este alegre vídeo que, se é bo que o visen en Panxón, mellor sería que fose a Valedora quen aprendera del para que comezase a desarmar os prexuízos que evidenciou coa súa actitude.
Hai xustamente un mes, no 17 de Decembro de 2016, proclamouse en Donostia o Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos. Os meios de comunicación bascos informaron amplamente deste acontecemento, dando entrada tamén a voces galegas, participantes no mesmo. Os galegos ignorárono absolutamente, agás este dixital, Sermos Galiza e, naturalmente, as páxinas de información da Mesa pola Normalización Lingüística, co-organizadora do evento. Non é unicamente desprezo e falta dunha mínima deontoloxía que reflicta novas que teñen a ver coa nosa lingua. É españolización pura e dura, reforzada até a histeria e, aínda, algo pior, que, como orballo incesante e inclemente, está a penetrar á forza, na conciencia e na práctica lingüística de tantos: a idea de que a lingua galega xa acadou “la cumbre de toda buena fortuna” co que ten ao seu dispor. Non merece máis; nada máis precisa. Nesta lóxica mortífera, en non habendo os reactivos necesarios, asistiríamos a unha agonía lenta, a unha morte adozada pola aparencia, polo estupefaciente: unha fala en declive e un uso de lingua normal imposibilitado e, en todo caso, feramente acoutado e acadarmado.
Do blogroll de normalización que teño aquí á dereita hai un elemento do que teño ganas de roubarlle todas as entradas. Se non o fago quedo coa imperiosa necesidade de recomentado vivamente, trátase de Son de noso, o blogue do ENDL do IES de Curtis. Desta vez recollo esta intervención de Marcelo e Delvin Familia Peña co poema A fala, de Manuel María, como base.
Estratosférico.
O pasado 30 de decembro publicábase a resolución de concesión de axudas aos Clubs de Lectura dos centros escolares. Ningún Club vai recibir menos de 550 €. Prácticamente todos os Equipos de Normalización dos centros escolares (un 96,25%) recibirá cantidades menores. A cantidade presupostada para todos os ENDL para o ano 2017 é de 300.000 €, a mesma que a do 2016, 2015, 2014, 2013, e un 70% menos que o que percibían no 2009.
Para agravar máis o estado da cuestión, no DOG de onte (18/01/17) apareceu publicada a orde de convocatoria de axudas para os ENDL dos centros de ensino. Isto significa que os ENDL non coñecerán a súa dotación orzamentaria ata finais de maio, cando xa non poidan programar ningún tipo de actividades. Non terán á súa disposición os cartos da subvención da SXPL ata que o curso estea rematado. Non estamos ante un erro ou unha novidade. Este mesmo panorama vén desenvolvéndose exactamente igual ano tras ano. Certamente, pola cuantía e pola forma de convocatoria, este tipo de axudas aos ENDL ben poderían chamarse axudas de aniquilación dos ENDL. Con todo, isto non é nin o peor, nin o máis triste da política lingüística que vai desenvolver o goberno da Xunta durante este ano 2017.
Os orzamentos para normalización alcanzan o punto máis baixo
Se a principios de século a Xunta de Galicia destinaba 1 de cada 407 € á política lingüística, os orzamentos para o 2017 ofrecen a proporción máis baixa de toda a serie histórica. Só un de cada 1547 € cae baixo a epígrafe da lingua galega o vindeiro ano. Isto significa que ás iniciativas de promoción do galego lle foron retiradas as tres cuartas partes do seu presuposto coa agravante de que se vén mantendo nestes niveis de inanición durante os últimos 5 exercicios. (ver gráfico)
As previsións son esmagadoramente continuístas. Se debullamos os orzamentos previstos para o 2017 observaremos unicamente cambios no 0,006% do montante das súas reducidas arcas. En concreto:
- Houbo un aumento de 4.030 € en subministros. Esta partida detraerase de bolsas de investigación e lectorados. Isto é, un incremento dos gastos de funcionamento implicou unha redución en partidas de promoción do galego.
- Houbo un aumento de 32.859 € en campañas de normalización e outro de 5.496 € que se destinarán a universidades do resto de España. Estes cartos detraéronse do orzamento de lectorados e centros de estudo galegos. Neste caso hai un trasvase entre partidas favorecedoras da normalización. Polo tanto, ningún aumento final.
Estes son os orzamentos que defenestraron os SNL dos concellos, os Celga ou os cursos de lingua e cultura en Madrid. Son os orzamentos que afogan aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e que manteñen na exclusión aos medios e industrias culturais que apostan polo galego. Son orzamentos que teñen un único obxectivo, o de xustificar unha política propia dun taxidermista: ofrecer a cara máis amable dun corpo morto e enterrado, o corpo dunha normalización lingüística que debería sustentar toda a acción de goberno da Xunta.
Moi bo o discurso que Diana Fernández e David Díaz expuxeron no LGx15 na súa segunda edición (2016). Eles son os responsables do gorentoso blogue culinario Bolboretas no bandullo, que puxeron a funcionar a finais do 2013. Este vídeo mesmo é un excelente recurso educativo para a reflexión sociolingüística nas aulas (e fóra delas) xa que promoven a reflexión sobre o uso social da lingua e tocan temas como o dos prexuízos ou a calidade lingüística. Bolboretas no bandullo é para min o paradigma da normalización ben feita. Xente nova, usando novas tecnoloxías, presentando ao público unha actividade agradable e sen estridencias, que ademais é útil e cargada de valores positivos. Eles ocupan con orgullo seu pequeno espazo e fan evidente que de non existiren, a esmagadora presenza do castelán ocuparía prácticamente toda a blogosfera gastronómica.
Agora que a CTNL nolo pon á nosa disposición, é o momento ideal de presentar a canle de youtube que estes dous arriscados blogueiros argallaron para multiplicar as potencialidades que ofrece a arañeira. Velaquí a súa primeira receita youtubeira.
Neste vídeo Sés non canta. Trátase dunha conferencia que impartiu unha conferencia na Universidade de Deusto e na que fala de música, da súa introdución no mundo da música, do papel da muller, pero sobre todo, especialmente na primeira parte do vídeo, da lingua, da identidade e do orgullo de sermos galegos.
A Constitución española non recoñece a igualdade xurídica entre galego e castelán; só é obrigatorio o coñecemento do segundo. A Lei Orgánica do Poder Xudicial confire ao galego un rango subordinado: podémolo usar os avogados, partes e peritos, mais só poden usalo os xuíces se ningunha parte alega indefensión por descoñecemento. Na provisión das prazas xudiciais na Galicia o galego non pasa de ser mérito pouco valorado, no canto de obriga. Non faltan avogados de despachos foráneos que conseguen que o xuízo se desenvolva en castelán baixo ameaza de pedir tradución. Velaí que moitos profesionais acodan ao castelán para evitaren dilacións aos xusticiábeis.
Galiza é unha nación e un pobo con unha identidade de seu, temos unha cultura, unha historia e un idioma propios, estas características nos fan galegos.
Isto é o que anceiamos para o futuro da nosa lingua. Velaquí un grupo de rapaces que representan o que é cada vez menos habitual na nosa sociedade. Xente nova falando en galego con toda naturalidade, todo un exemplo.
Aquí funciona a transmisión da lingua, e non ha de ser grazas ao funesto decreto do plurilingüismo, senón a pesar del.
Nos últimos días a actitude que unha empresa británica presenta con respecto á lingua catalá está no centro da polémica na Internet. Esta situación comezou cando un usuario de Twitter se queixou á compañía a través da famosa rede social de que lle fixeran pagar o dobre por unha reserva que xa realizara, mensaxe que publicou en catalán. O community manager da multinacional, a pesares de contestarlle na mesma lingua, pediulle que lle remitise o problema nalgunha das linguas que eles empregan, entre as que se atopan o español, italiano, portugués, francés, alemán, inglés e holandés; mais non o idioma propio de Cataluña.
Onte correu como o o lume polas redes sociais a noticia da edición dun calendario do 2017 publicado pola Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo. O seu éxito débese ás 12 viñetas (unha por mes) de Davila arredor dos prexuízos lingüísticos. Ben certo é que os cadriños de Davila non teñen desperdicio ningún, e todos eles gardan detrás súa moita miga que debullar. Así este calendario ben pode ser un excelente recurso educativo.
Presento aquí a portada porque me chamou a atención. Non lle vedes nada raro? Pensádeo un pouco e despois premendo aquí abaixo pódese descubrir o que me renxeu nesta viñeta, a ver se coincidimos.
Durante as últimas semanas a canle Nós Televisión fixo varios reportaxes arredor da normalización lingüística en varios concellos.
O primeiro deles vai sobre actividades realizadas en Lalín arredor da escrita creativa, narracións e contos. Recoñécese que hai unha situación problemática xa que é moi raro que a lingua habitural dos nenos sexa o galego. Invito a ver o vídeo xa pois entre outros entrevistan a Celso Fernández Sanmartín, que sempre é un gusto escoitalo.
O segundo vídeo que recollo trata sobre actividades nun concello ao que lle collín moito cariño por ter traballado alí durante 13 anos, Silleda. Neste caso trátase de sesións en familia de contacontos e manualidades e de orientación para os pais de lecturas co fin de manter a tranmisión xeneracional. O concello de Silleda tamén lle regalará unha "caixa finlandesa" aos nacidos no municipio, aínda que neste caso non será como a da Xunta, que cacarexada como un alicerce máis do seu aparente galeguismo, traía un CD de cancións en castelán. Polo menos as de Silleda veñen en galego.
A última das reportaxes está centrada en Vila de Cruces. Neste caso temos unha reportaxe sobre a sinalización da toponimia das parroquias e os lugares. Con esta campaña queren comenzar a corrixir algunhas deturpacións. O maior interese deste vídeo é o de poder ver como o concelleiro de obras e servizos, que non dubida en aceptar a única prescripcións existente no relativo ao emprego do galego tal como é o do relativo aos topónimos, revela os seus prexuízos con frases como "á xente cóstalle adaptarse ao galego normativo que teñen agora os lugares como por exemplo Xordedo, Mosteiro ou Igrexa". Aínda bo é que informa que contan con técnicos no concello que lles indican cal é a forma non escangallada do topónimo.
no Sermos Galiza publicouse a intervención de Mª Pilar García Negro no acto de presentación do Protocolo de Dereitos Lingüísticos de Donostia:
EGUN ON; ZORIONAK Autoridades presentes, representantes de todas as entidades adheridas ao Protocolo de Garantía dos Dereitos Lingüísticos, amigas e amigos:
Va alá xa sete anos e un día.
Cada noite de Reis véxome pegado ao teclado do computador para escribir, xa por sétima vez, o recordatorio do comenzo deste blogue.
Non me gusta facelo porque se me fai máis presente que nunca que estamos a vivir unha década ominosa para a normalización lingüística xa que os comenzos do blogue coinciden cos comenzos desa década. Un tempo no que sobrancea o funesto decreto malchamado do plurilingüismo, xunto cunha chea de medidas e pedagoxías oficiais cargadas de odio e desprezo ao galego.
Este último ano tamén foi o do falecemento dun incansable traballador pola normalización, Agustín Fernández Paz. O seu exemplo debe darnos azos a todos para continuar a estela do seu labor. Alá imos, detrás súa.
Estes días está a celebarse en Blanes (Catalunya), o Campionato de España de seleccións de balonmán. A federación galega fixo este vído cheo de orgullo e amor á terra en todas e cada unha das súas mensaxes. Non podemos deixar de velo.
Se estes días un entra no portal do SERGAS poderá ver destacada unha aplicación móbil para a localización de centros de saúde e de consultas. O primeiro que me chamou a atención foi o seu nome, SIGUE, que é a forma do imperativo do verbo seguir, pero que en realidade é o acrónimo de 'Sistema Inteligente de Geolocalización de Usuarios en Edificios'. Un novo agravio á lingua galega que chega desde a administración pública, que nos ofrece unha conexión entre a modernidade (aplicación móbil) e a exclusión do galego.
Se accedemos ao Google Play para descargar a aplicación veremos que toda a información da mesma o galego fica desaparecido. Se imos á guia rápida que nos ofrece o SERGAS, tal e como vemos na imaxe, ofrécesenos únicamente o programa en castelán. Por outra banda, o da guía rápida merece comentario aparte. Consta a guía de media ducia de frases, na súa versión en castelán, sen problema ningún, mais na versión en galego toda clase de barbaridades na escrita.
Sobra dicir que na app o galego non ten ningunha presenza. Cada vez que vexo unha destas cousas, pregúntome que é o que está a facer a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
P.S.: Despos dun aviso que me fixo a conta de twitter @Xunta teño que rectificar. Nese aviso explicábanme que na aplicación había opción a cambiar de idioma a galego ou inglés. Despois de remexer na configuración da mesma vin que tiñan razón. Velaí que o galego ascendeu á categoría de lingua estranxeira.
Hai un ano traíamos a este mesmo blogue o anuncio dunha iniciativa promovida pola Biblioteca do IES Lama das Quendas (Chantada) en colaboración con Televinte. No blogroll 'A miña lista de blogues' eu ía vendo como case a diario se presentaba un novo vídeopoema dunha poesía de Manuel María, dando un exemplo claro de que o Día das Letras só ten sentido cando se estende a todos os do ano.
Foi un enorme traballo que queda aí, para que revisitemos ou fiquemos pasmados coa capacidade de sacar adiante proxectos imposibles. Velaquí a demostración de que a forza do amor á lingua pode con todo.
Irmandadefoi a palabra do ano 2016. Este foi o resultado da votación popular promovida polo Portal das palabras. Ben escollida!
No propio Portal das palabras difúndese este vídeo no que se explica moi claramente en que consistiron esas Irmandades das que durante este ano celebramos o seu centenario
por Xosé-Henrique Costas González, Membro da Cerna de ProLingua, unha nova voz de ProLingua:
Saíu á luz estes días un novo número da Revista Galega do Ensino que edita Nova Escola Galega (NEG). Este número de agora vai dedicado á lingua galega na Educación Infantil.
Recollo este vídeo con subtítulos en galego de Dominic Walliman grazas ao labor de Ciención de Breogán. Aproveito para invitar a quen pase por aquí, que tamén o faga por alí, polo labor desinteresado que fan de divulgación científica e normalización lingüística, todo nun. Grazas polo traballo realizado!
Usando a app touchcast, no ENDL do IES Otero Pedrayo (A Coruña), realizaron este audiovisual interactivo sobre as linguas do mundo.
A rapazada do Otero Pedrayo fálanos do nushu, unha lingua do sur da China que tiña a peculiaridade de que só a falaban as mulleres; do caló, unha variante do romaní falada principalmente na península ibérica, en acusada recesión. Tamén fan referencia ás linguas yupik faladas en Alasca e Sibeira ou o cabardiano, unha lingua chea de consonantes e escasa de vogais. Con este percorrido confímase unha enorme variedade de linguas, un mundo de formar de entender o mundo, faise unha distinción ben clara entre países e linguas e preséntanse casos de linguas mortas ou moribundas e algunhas das causas deste estado de cousas. Todo isto axudado dunha ferramenta innovadora, unha pasada.
Vía Gasta a lingua
"Adondar a lingua" é un videopoema que fala do amor pola lingua e das raíces emocionais que a ela nos unen. Do papel da familia como transmisora de apego pola nosa cultura e tradicións. Recibiu o 2º premio compartido de videocreación, Xuventude Crea 2016.
Vía Trafegando Ronseis
Segundo o ethnologue o quechua é unha colección de 25 linguas que conta con 7,734,620 falantes. O pasado mes de xullo entrou en vigor a lei N° 29735, que regula o uso, preservación, desenvolvemento, recuperación, fomento e difusión das linguas orixinarias do Perú.
Desde o pasado 12/12/16 a TV Perú comenzou a emitir o seu primeiro programa en quechua, Ñuqanchik. Emítese de luns a venres. É un pequeno paso na normalización do quechua. Como todos os procesos de dignificación da lingua, ten que facer fronte a unha discriminación moi enraizada na poboación peruana. Polo de agora, o programa emítese a unha hora que explica moitas cousas, as 5:30 da mañán.
Na canle de You Tube do IES Ribeira do Louro (O Porriño) presentan este audiovisual como "fenomenal conferencia" de Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC. Nada máis que engadir sobrea valoración.
Contra o seu final propóñense dous experimentos sociolóxicos. Aínda que se entende o suficientemente ben o seu contido, reproduzo de seguido un par de vídeos que fan refencia a eses contidos. Un deles trata sobre o experimento Asch sobre a conformidade co que se percibe como maioría social. O individuo concorda cunha percepción evidentemente errada pero que é subscrita pola xenerilade do grupo.
No seguinte experimento, realizado nunha sala de espera, o individuo actúa de forma completamente irracional, imitando o proceder do grupo. Estes dous vídeos son unha invitación á actuación responsable e reflexiva desde o punto de vista do uso da lingua.
A deputada de AGE Lidia Senra, denunciou este pasado luns no parlamento europeo as prohibicións impostas polo funesto decreto do plurilingüismo que prohibe que se impartan en galego materias científicas. Reclamou o cumprimento da Carta Europea da Linguas Rexionais ou Minoritarias e reivindicou o compromiso cos dereitos lingüísticos para o galego.
Por medio dunha nova entrada no apartado de ligazóns do Portal das Palabras souben da existencia dun blogue adicado ás libeliñas ou cabaliños do demo de Galicia.
A Mesa publica un libriño, Os peixes e outra fauna mariña, con 30 ilustracións de Tokio e pensado para cativos de 0 a 6 anos. Trátase dunha publicación para aprender, identificar e provocar interese polo mundo dos peixes, crustáceos, moluscos e outra fauna mariña nas nenas e nenos. Pra presentaren a edición divulgaron este clip musical.
Hai hoxe xusto unha semana fun á peixería. Non me daba decidido, quería algo para a prancha.
- Leva un besugo, ou senón unha lubina. Son da ría. Cortámochos en filetes.
- A robalisa non, que é moi ghrande, mellor levo o ollomol.
Vou ter que lles levar o libriño.
Finaliza en apenas un mes o ano dedicado ao benquerido Manuel María. Acontece a miúdo que, o escritor ou escritora obxecto da homenaxe decidida pola Academia, fica despois desa especie de exhumación soterrado para sempre. Non vai ser este o caso. Primeiro porque, aínda que se afondase máis na obra do autor, en ningún momento houbo que exhumalo xa que estaba vivo na memoria do pobo galego máis consciente do propio ser. E segundo –segundamente, diría el- porque ese afondar no seu legado literario e biográfico, fixo medrar, se couber, a súa persoa e a súa escrita.
As Diwan son unha rede de escolas laicas e gratuítas que xurdiron ante o centralismo do estado francés que practica unha política supremacista que outorga únicamente ventaxas e dereitos ao francés fronte as outras linguas faladas no estado. As Diwan practican a inmersión en bretón e sempre tiveron dificultades ante un estado chauvinista. Abriron as súas portas no 1977 e 20 anos despois os estudantes destas escolas presentáronse por primeira vez á proba de bacharelato. Pasaron outros 20 anos e os alumnos queren facer o exame en lingua bretoa. Con este fin abriron unha petición na plataforma Change.org na que se preguntan como é posible que se lles impoña unha serie de exames en francés cando eles pensan en bretón, falan en bretón, e foron escolarizados en bretón.
Acabo de ter unha conversa com unha señorita da compañia de Movistar. Reclamaban o pagamento dunha factura. Tentei razoar com ela acerca de que eu necesitaba saber os conceptos da mesma. Expliquei que, varias veces, via telefónica eu reclamara e que me prometeran que así sería. Como a señorita falaba e falaba sen me querer escoitar, eu pedín:
O Gulumirrgin é unha lingua prácticamente extinta. Segundo o ethnologue só tiña 26 falantes no 2006. O seu territorio, no norte de Australia, na veciñanza de Darwin. No ano 1972 un numeroso grupo de indíxenas presentou ante a raíña de Inglaterra un documento baixo o título Gwalwa Daraniki! (A Nosa Terra!) e forma parte dunha dura loita dos aborixes para recuperar os seus territorios.
O calendario Larrakia é unha bonita aplicación na que podemos navegar polas sete estacións desta cultura que se transmitían xeneración a xeneración. O calendario é moito máis que unha sucesión temporal, contén lendas e ensinanzas. Ten un total de sete estacións e cada unha delas está asociada ás plantas e animais que se podían recolectar e cazar en cada momento. Por exemplo os larrakia tiñan completamente prohibida a caza das tartarugas verdes de mar na época reprodutiva.
A aplicación dá acceso a outros calendarios, xa non dixitais. En todos eles móstrase a íntima relación entre a lingua e a terra. Cando se perde unha, tamén se perde a outra.
O pasado martes 29/11/16, tal e como informabamos ese mesmo día, a Asociación Cultural Vagalumes organizou un certame de teatro en homenaxe ao mestre Olimpio Arca Caldas. A xornada puido celebrarse grazas ao traballo realizado desde os centros da Estrada. A pesar de que non tiveron moito tempo para preparar os traballos que presentaron ese día o resultado foi magnífico. Isto significa que hai moito profesorado con técnicas, coñecemento e unha enorme capacidade de traballo. Un traballo que, por certo, non é recoñecido desde a administración educativa. É tempo que non se remunera en forma algunha polo que deberiamos, polo menos, ter algunha canle de recoñecemento ao profesorado por parte dos pais dos rapaces que participan en actividades coma esta.
Non hai gravación das obras que se representaron, polo que non se poden compartir dixitalmente. Porén si que o podemos facer cunha das achegas. Olimpio Arca foi profesor e director do CEIP de Figueroa (A Estrada), e este agasallo que se presentou o pasado martes e que compartirmos aquí, traballado polos nenos de 6 anos dese colexio, é unha perla que mostra ata onde pode chegar o ronsel dun bo mestre.
Sei que foi cando comecei afondar no pensamento creativo de Pilar Pallarés que cheguei ao libro A experiencia de ler do irlandés C.S. Lewis, un autor que talvez non é ben coñecido, mais que se dicimos que foi contemporáneo e amigo de Tolkien e autor de obras que as e os máis novos coñecen ben como As crónicas de Narnia ou O príncipe Caspian, comezamos situar. Estes días volvín a esa experiencia de ler mentres redactaba o relatorio sobre Manuel María para o Simposio que a RAG lle está a dedicar.
Esencialmente e fundamentalmente foi mestre. Toda a súa actividade, facer e creación, estivo presidida pola sustantividade da educación. Non foi un simple funcionario do ensino. Viviu a educación como xeito de abrir camiños, de alumar vidas e horizontes, e establecendo na liberdade a pluralidade de referentes para conductas e actitudes que consolidan o sentir liberdade. Sempre mantivo a idea de levar consigo, a carón e nunca en fronte, a persoas, a nenas e nenos, a mozas e mozos, e non simplemente alumnado. Por iso el mesmo nesa tarefa común compartida, ensinando, aprendeu dúas veces. As mellores competencias.
É grato ter boas novas. Noticias que falen da nosa capacidade como pobo. Dá satisfacción saber de obras e actividades que expresan autoestima, confianza no país, esforzo e vontade de valernos por nós mesmos en todos os ámbitos. Nunha palabra, constatar que existimos como pobo que desexa seguir sendo, acadando un nivel de conciencia e responsabilidade que desenvolva todas as nosas capacidades, en todos os aspectos.
Youtubeir@s nace coa vontade de fomentar a creación de vídeos en galego, tanto de opinión (vídeo-opinarmos) como videotitoriais (vídeo-facermos), para a súa difusión en Internet. As bases explícanse neste mesmo vídeo que compartimos aquí. Ademais ofrécese a posibilidade de formación para a vídeocreación.
Trátase dunha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos a Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; ademais das universidades galegas. Cada vez que se pon en funcionamento unha destas propostas faise máis evidente o contraste coa inanición da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A posta en escea das Youtubeir@s é alegre, enérxica, a toda cor. Pola contra, na RDL só atopamos tristes PDFs baleiros completamente de contido. Se desde Youtubeir@s se proxecta unha imaxe dunha sociedade dinámica e activa, paradoxalmente a chamada Rede de Dinamización susténtase nun tipo de organización pesada, inamovible e anticuada e que se dirixe a unha socidade que comparte os mesmos adxectivos. A RDL quer retratarse como un ente para a formación permanente (sic) cando hai 5 anos que non convoca ningún tipo de actividade formativa. O bo criterio das Youtubeir@s fixo que non se nos presentaran como un simple concurso audiovisual, senón que na xenética do mesmo está a formación na videocreación.
En definitiva, a escura RDL está sustentada co orzamento da política lingüística da Xunta e resulta ser máis ben un elemento de freo á normalización, mentres que as Youtubeir@s que revalorizan a lingua co achegamento ás TIC, tiveron que traballar cun complexo entramado de SNL de entidades locais e universidades para financiar un proxecto ilusionante e cheo de luz.
Benquerida amiga, prezado amigo: Raro é o día que non nos atopamos pola rúa, entre que estamos xubilados e o médico mándanos andar, os nosos camiños entrecrúzanse moitas veces e con frecuencia ti levas contigo ao teu neto, á túa netiña. Eu párome contigo, xaora, somos amigos de vello, e falamos, sempre en galego, ti sabes que eu fágoo sempre e ti, comigo, tamén. E tamén lle falo ao neno ou á nena que acompañas, porque os pais están traballando e ti cóidalo mentres eles non volven do seu labor ou lévalos e tráelos á escola ou a piano ou a natación..., dicía que eu tamén falo co teu neto, coa túa neta. A verdade é que tampouco vou moito máis aló das frases tópicas destes casos, da que a máis socorrida é «como te chamas?», «Como te llamas?», asegundas ti, como se a criatura fose parviña e non me entendese. Desengánate, meu benquerido amigo ou amiga, enténdeme perfectamente, e único que estás a facer e empequenecer o seu mundo interior, restándolle saber.
Son miles os docentes que imparten clase en galego e lle escoitaron preguntar isto a máis dun alumno durante unha proba escrita. Para ese alumno non é obvio que unha pregunta formulada en galego se contesta en galego; de feito, consciente da posibilidade que ten de escoller entre dúas linguas, verbaliza a súa opción por unha delas en detrimento da proposta polo profesor. Para el, a escolla é por completo aproblemática: nada hai no seu mapa intelectual e emocional que lle cree o máis mínimo conflito. Destápase así como o vehículo perfecto do proceso ideolóxico de substitución lingüística que a nosa sociedade, co inestimábel impulso das institucións e dos medios de comunicación mainstream, leva a cabo dun xeito sistemático en nome do bilingüismo, un dos máis demoledores conceptos fetiche da corrección política patria.
Xa temos feito referencia por aquí moitas outras veces ao mestre Olimpio Arca, e nunca sobra facelo. Hai uns días o Concello de Cuntis, do que era orixinario, presentaba un libro na súa Homenaxe. O ano pasado a Asociación Cultural Vagalumes recordábao nunha xornada adicada a unha das súas grandes teimas: a recuperación e revitalización do patrimonio cultural tradicional. Este ano repítese a homenaxe, pero como Olimpio era un home multifacético, nesta xornada farase referencia a outra das actividades que, de seguro, lle levaron máis satisfación ao mestre de Couso, o treatro infantil. El foi autor de varias obras que representou co seu alumnado.
Isto foi o que levou á A. C. Vagalumes a chamar aos centros escolares da vila da Estrada para representar algunha das obras de Olimpio. O acto terá lugar no Teatro Principal da Estrada a partir das 19:00. Ao finalizaren as representacións haberá unha pequena rolda de debate sobre o teatro escolar e o seu papel dinamizador da cultura. a lingua e a aprendizaxe.
Dicíase aquelo de que a “arte pola arte” era reaccionaria e que o revolucionario era aturar a un autor “engagé”. Entón coñecemos a Fran e cambiou todo o que pensábamos ao respecto.
O Proxecto Funil presentouse no XXIX Congreso ENCIGA celebrado os días 17, 18 e 19 de novembro no IES Xulián Magariños (Negreira). Por esta noticia chegamos ao portal CienciaNOSA, o escaparate dun grupo de innovación docente que desenvolve a sua actividade en tres liñas fundamentais das que Funil.gal forma parte importante:
i) Didáctica da Química, coa elaboración de novos materiais docentes incluídos novos materiais audiovisuais como ferramentas docentes;
ii) Historia da ciencia e patrimonio histórico-científico galego, cun traballo de concienciación da importancia do legado científico e unha posta en valor do traballo das científicas e dos científicos galegos;
iii) Mulleres e ciencia, mediante a inclusión da perspectiva de xénero na docencia.
O Proxecto Funil susténtase en dous tipos de recursos: un libro electrónico de prácticas de laboratorio de química e unha serie de vídeos onde se visualizan os procedementos,as técnicas e o desenvolvemento práctico no laboratorio de química, as operacións básicas e de certas preparacións elementais.
Só nos queda dar os parabéns e o agradecemento de todos os que respectamos e amamos a lingua galega aos colaboradores do Grupo CienciaNOSA.
Velaquí, xa que logo, unpar de fontes de recursos de enorme calidade e con vontade normalizadora. En consecuencia, o X premio Luísa Vilalta foi parar a este proxecto, que está financiado pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística da que forma parte a SXPL. Nunca, desde a SXPL se fixo promoción, nin tan siquera noticia, destes gorentosos traballos. Sospeitoso, non?
Como mostra do enorme poder normalizador vai un segundo vídeo coa terminoloxía propia do material de laboratorio.
Son moitas as razóns polas que me encantou o vídeo. A primeira, porque se repasa o fundamental das actividades que se realizaron no meu novo centro, o IES Antón Losada (A Estrada), para celebrar a xornada da Ciencia en Galego, instituída para poñer en evidencia a exclusión da lingua galega que impón o funesto decreto de plurilingüismo. En segundo lugar porque o vídeo está moi ben realizado: créditos, títulos, cortes, música,... Un exemplo máis do enorme e excelente traballo que se realiza decote nos ENDL dos centros escolares. Por último, unha razón particular, a de poder ver aos alumnado que coñezo colaborando con alegría o que debería ser o normal, actividades de aprendizaxe das ciencias na nosa lingua.
A todos os alumnos que colaboraron nas actividades entregóuselle un diploma ben guapo que poderán locir nos seus despachos cando sexan médicos, enxeñeiros, arquitectos,...
Pasado e presente dos pobos do Val do Varón, polo que transcorría o Camiño dos arrieiros. Vellas historias e recordos mistúranse coa chegada de novos habitantes a estes lugares nos que a despoboación e o abandono fixeron estragos. Xentes que marcharon, xentes que nunca se foron e xentes que veñen de chegar aparecen no filme, que pretende pór tamén en valor a beleza deste val
Alá foi unha xornada máis de reivindicación do galego para o seu uso na dociencia das materias científicas. Trátase dunha xornada de protesta contra un dos aspectos do funesto decreto chamado de plurilingüismo que máis prexuízos xenera.
Este ano notouse moito a falta da CGEDNL. Pola contra, a Consellería de Educación continúa a intentar apropiarse da data e a limpar da mesma todo o seu sentido. 😠
Velaquí un listado de actividades que se foron divulgando pola arañeira:
Onte chegounos a noticia do falecemento de Fran Pérez, máis coñecido polo seu nome artístico, Narf.
Para unha crónica chea de coñecemento e sentimento, a de Montse Dopico, no dixital Praza Pública.
Aquí traemos unha pequena entrevista que lle fixeron hai medio ano canda Uxía os rapaces de 4º da ESO do IES Chano Piñeiro (Forcarei). Os músicos foran alí a presentar o seu disco Baladas dunha Galiza imaxinariae ao rematar comenzaron esta conversa que é unha lección de orgullo polo propio. Narf explica como se lle queres mostrar a alguén de fóra o que ten valor para ti, non o vas levar ao Mcdonalds, vas levalo a tomar un caldo da casa. O mesmo pasa coa cultura, coa lingua,.. con todo.
Velaí onde estaban as raíces da música de Narf. No mesmo lugar no que residen as balada das nosa Galiza imaxinaria, a única Galiza real.
Cando así se explicaba Fran Pérez, seguramente non se decataba de que se estaba definindo a si mesmo. El é ese saboroso caldo feito coa receita da avoa.
A Lei de Normalización Lingüística só ten un artigo prescritivo para o uso do galego. O resto son recomendacións, indicacións de non prohibición: poderase redactar, promoverán, poderanse realizar, recomendará, tamén é oficial, será mérito...., Únicamente o artigo 10 é asertivo: "Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". Posiblemente por esta circunstancia hai unha maior sensibilización fronte aos esnaquizamentos toponímicos que fronte a outros ataques á lingua. Con todo hai zunantes teimudos en estragar tamén os topónimos pola vía que sexa. Un ano detrás doutro, distintas feiras celebradas en Fexdega, chegan con este insulto aos galegos, que por ser repetido e continua é aínda máis grave. Neste caso podemos ver a carón dun colector de lixo o anuncio de *Arosa Novias. Quizais o lugar non podería estar mellor escollido.