Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 30 de maio de 2017

Foi un éxito a manifestación do 17 de maio? Debullemos

por Manuel Mera, no Sermos Galiza:

A manifestación a prol da lingua galega convocada por Queremos Galego ateigou este 17 de maio a Praza da Quintana en Compostela. Pódese considerar unha das marchas que acadou maior asistencia das realizadas até o momento. Serían 25.000 persoas como afirman as organizacións convocantes? Pode que non tantos. Mais non foron moitos menos. En calquera caso, é unha cifra máis axeitada, por achegada á realidade, que a ambigüidade da palabra milleiros que dan moitos medios, que queren sementar no imaxinario colectivo máis a cifra de dous mil que de vinte mil. Non se trata dunha valoración neutra, sabedores de que neste contexto triunfa a hipótese máis conservadora.

luns, 29 de maio de 2017

Pronúncias do norte



Dialectoloxía á portuguesa. Estamos afeitos a centrármonos nas diferencias dialectais da nosa linguas, por iso resulta curioso e aleccionador escoitar as referencias aos falares do portugués da rexión norte, a máis próxima á nosa, tamén lingüísticamente. Teñamos en conta que a Romania era un contínuo, que calquera mensaxe podía transmitirse dunha punta a outra de Europa.
Vía  Ciberdúvidas da Língua Portuguesa

domingo, 28 de maio de 2017

Inchazón

por Iria Veiga, co artigo gañador do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2017 no Sermos Galiza, na Praza Pública,...:

Un enorme círculo vermello e un H maiúsculo, seguido dun signo de exclamación. Esa foi a maneira na que contestaron a miña primeira solicitude dunha proba diagnóstica, o meu primeiro día como médica residente. A petición poñía: “Inchazón en membro inferior esquerdo, sen evidencia de traumatismo previo. Solicito descartar fractura”. Á radióloga debeulle parecer tan mal aquela falta de H, que nin se molestou en comprobar un coñecemento que, por outra banda, debeu acreditar para ocupar a súa praza.

sábado, 27 de maio de 2017

Premios para @s youtubeir@s



E si, este venres 26/05/17, entregáronse os premios youtubeir@s no Teatro Principal de Ourense. A categoría vídeo-facermos o premio foi para este vídeo, feito polas youtubeiras Corasón De Churrasco



Na categoría Vídeo-opinarmos o premio foi para Prohibido plantar patacas: a praga da couza guatemalteca, das xa populares youtubeiras de Teño unha Horta en San Sadurniño



Tamén houbo varias mencións especiais. A mención especial polo enxeño e creatividade foi para David Otero Fumega polo seu vídeo SmartFol G6! Unha review moi especial




O premio que destacou a eficiencia comunicativa foi asignado ao videotitorial Tortilla de Pascua, da youtubeira Isabel Villanueva, subido á canle O galego mola




A mención de honra á calidade técnica recibiuna Miguel Rodríguez pola súa vídeo-opinión 1000 rpm-A noite



Finalmente, o recoñecemento á calidade lingüística foi para o IES Urbano Lugrís de Malpica pola peza colectiva Seis pasos para falar malpicán, un traballo do que xa fixeramos mención por esta xanela dixital.
Parabéns a todos os premiados,  agradecemento a todos os participantes que abriron un novo espazo de uso da lingua galega,  e, como non!, un enorme recoñecemento aos promotores desta magnífica idea:oos servizos de normalización lingüística das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña e dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove

venres, 26 de maio de 2017

Non, non non!



Videoclip musical do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro), cargado de contido social. Derrubando muros e concienciando sobre a situación dos refuxiados.

mércores, 24 de maio de 2017

Letras Galegas: o galo de Barcelos, a galiza azul e o galo merdeiro

por Iolanda Teixeiro Rey no Sermos Galiza:


Naquel curral sempre se deitavan coas galiñas. Muito antes de asomar aquela primeira estrela pola Galaxia, todas as galiñas brancas pintarraxáranse de azul, non para protexer da tralla do cacique a galiña azul, como puidera parecer, senón máis ben para lles poder vender esas cinco plumas vermellas que portava, ás editoras do curral. Havía muito que se fixera a descuberta de que as devanceiras das pitas brancas non cantavan nen cocoricó nen cacaracá senón un outro belido canto mui semellante ao quiriquí do galo de Barcelos. Nobre canto que fora das mellores Cortes empoleiradas das vellas terras. Mais aquelas pitas, ignorantes do que pasava fóra do galiñeiro, pasavan os días e anos esgaravellando na busca de vermes e graos de millo. A criar a galiñaza, ese esterco tan rico en nitróxeno, potasio e potasa que alimentava eses kiwis chantados nos petroglifos milenarios. O galo negro matinava á sombra da Galaxia cobizando pintar de azul todas as pitas chocas. E anque desde as fartas orelas do Mondego e de Alénmar chegava o ecoar dos quiquirís tan claros como o abrente, aquelas galiñas desplumadas non vían os aramios que lles coutavan a vida ao ar livre. Afixéranse a eses xeranios florais dos que picavan esas follas gorentosas e primaverais. Ao canto do galo negro, todas as aves de curral eran a poñer uns ovos líricos de xemas requintadas cos que alimentavan a paraplexia das seguintes xeracións de parceiros. Xa non cantavan os galos para o día. Cantavan unhas galiñas con crista e espolóns que se alcumavan de galos entre elas.

As nosas letras

por Mª Pilar García Negro, no Terra e Tempo:

17 de Maio, Día das Letras Galegas. Vaia novidade! Vexamos como andan as letras galegas. Non vou falar do ritual que, ano após ano, homenaxea a literatura de noso, no rego permitido, claro está: un día, uns días, ao ano, que marcan a excepcionalidade admitida pola norma. A norma é o español e o inglés. Non. Vou falar das letras de todos os días, do que denominamos uso pragmático da lingua. Valereime, se mo permiten, dun episodio persoal. Na cidade onde moro, no mes de Marzo pasado, recollín do meu vehículo un aviso de denuncia por incumprimento horario da ORA. Todo el en español. Para alén da voracidade recadatoria (60 euros) que caracteriza tantas administracións públicas, non me dei por enteirada, como en moitas outras ocasións. Rexistei nunha oficina do Concello copia do anuncio da sanción acompañada do seguinte texto:

No Día das Letras Galegas lembremos que o galego nos fai galegos

por André Abeledo Fernández, no Sermos Galiza:


O Día das Letras Galegas debe de ter un significado especial, debémoslle dar unha importancia que vai máis ala do día festivo e dos actos culturais, neste día debemos lembrar a situación actual do idioma galego, e tamén a súa historia como ferramenta de comunicación do pobo galego.

martes, 23 de maio de 2017

A xustiza pola lingua

por Celia Pereira Porto, na Praza Pública

Abondan as normas que amparan o dereito a usar o galego en todos os ámbitos da vida e, en concreto, na Administración de Xustiza. Neste espazo a Lei de normalización lingüística (1983) recoñece, no artigo 7º, o seguinte: “1. No ámbito territorial de Galicia, os cidadáns poderán utilizar calquera das dúas linguas oficiais nas relacións coa Administración de Xustiza. 2. As actuacións xudiciais en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada. En todo caso, a parte ou interesado terá dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa. 3. A Xunta de Galicia promoverá, de acordo cos órganos correspondentes, a progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xustiza”.

luns, 22 de maio de 2017

Quico Cadaval: língua, expresividade e chascarraschás



"Hai moita xente que pensa que unha lingua que serve para unha cousa e outras que serve para outras..." así comenza Quico Cadaval este monólogo que o autor do vídeo titulou cun título moi aquelado: "língua, expresividade e chascarraschás"
Xenial.

domingo, 21 de maio de 2017

Deixade que o noso idioma nos acubille

por Fernando Lacaci, no Sermos Galiza:

Diante da próxima convocatoria do día 17 de maio, pensando nalgún outro xeito de ofrecer a miña pequena colaboración na defensa da nosa Lingua, ocorréuseme que realmente é o Galego quen está a nos defender de a cotío, e que esa é a nosa forza e a nosa seguranza, que nel atopamos a identidade que nos autoriza a sermos como somos, a expresión que nos presenta ao mundo.

venres, 19 de maio de 2017

En galego sen límites


Así se desenvolveu a manifestación convocada por Queremos Galego neste 17 de maio do 2017.
Encántame o comenzo co profesor Antón Pérez, un fixo que sempre vai coa súa pancarta: "Prohíbenme dar física en galego pero si a podo dar en inglés"

xoves, 18 de maio de 2017

Memoria da represión lingüística: Luz Fandiño



Luz Fandiño fala de máis cousas, pero especialmente, e na primeira parte do vídeo preséntanos as súas lembranzas sobre a represión lingüística. 
Esta entrevista tráeme á memoria aquela outra das Candongas do Quirombo para o documental A memoria da lingua


martes, 16 de maio de 2017

1000 nenos cheos de vida


Non podía imaxinar mellor entrada no día previo ao das Letras Galegas. Aquí podemos escoitar a máis de 1.000 nenos cantando a coro en Navantia a canción "Chea de vida" con Guadi Galego e Guille Fernández, dirixidos por Ramón Bermejo.
Todo parte dun curso do CFR de Ferrol "O coro escolar como actividade integradora", alí decidiuse xuntar a máis de 1.000 nenos de centros de ensino de Ferrolterra para estimular a creación de coros escolares a partir do repertorio de músicos galegos actuais.

Por unha lingua chea de vida
por un ensino cheo de vida
por unha mocidade chea de vida
por unha vida chea de música.

Xosé Ballesteros: "O descenso da edición é pola diminución de falantes, os recortes e o decreto de plurilingüismo"

Entrevista a Xosé Ballesteros, director de Kalandraka e presidente da Asociación de Editoras, no Sermos Galiza:

Os datos do ISBN trouxeron un ano máis malas novas para a edición en galego, unha nova redución da edición en galego en 2016, cun 13,1% menos de libros editados que no ano anterior, facendo un total de 1.211 títulos. Buscamos a razón desta mingua co presidente da Asociación de Editoras e director de Kalandraka, Xosé Ballesteros.
- Houbo un novo retroceso do número de títulos en galego publicados en 2016. Que análise facedes desde o sector? Cales son as razóns, tendo en conta que tanto o euskara como o catalán medraron?

luns, 15 de maio de 2017

O discurso dos marcadores: pola nosa lingua, contra os prexuízos


Dous marcadores: un rosa e un azul, e as palabras. Non precisa máis Luís Villares para desmontar a política galegófoba do goberno de Feijóo.

sábado, 13 de maio de 2017

Telexornal Carlos Casares



Un ano máis chegou o telexornal das Letras desde co CPI de Rois. Ademais, desta volta trae outro agasallo audiovisual, a reportaxe "A miña obra favorita de Carlos Casares"

Tíralle da Lingua 2017

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:


A pasada terza feira 25 de abril celebrouse no compostelán Teatro Principal a final da décimo sétima edición do certame de relato oral Tíralle da Lingua, convocado, coma todos os anos, pola AS-PG.

venres, 12 de maio de 2017

A política lingüística protagonizou o debate na sesión parlamentaria



O pasado mércores 10/05/17, a lingua galega volveu a ser protagonista do debate político no parlamento. Na quenda de interpelacións Olalla Rodil volveu a recordar que o PP rachou o consenso sobre a lingua e acusounos de facer un uso da lingua como arma electoralista.
Pero o punto culminante chegou coas intervencións de Villares e as respostas de Feijóo no pleno parlamentario. Velaquí deixo unha das intervencións do representante de En Marea que, de certo, entendo que subscribirían todos os grupos da oposición. Recomendo escoitala.
A contestación de Feijóo foi fachendosa e penosa. Entre outras cousas, acusou a Villares a de falta de coñecemento sobre a situación da lingua, reprochoulle que sacara o tema xusto agora, "que vén o 15 de maio "[sic] (isto require explicación: o do 15 de maio era polo Día das Letras), e afirmou que a Xunta non traducira o Minerva nol [sic] (referíndose ao Minerva noj, a aplicación informática da xestión procesal que, por esta razón impide, de facto, a tramitación xudicial en galego) porque, aínda que llo pediran ao goberno central, recibiron unha resposta negativa. Non vou divagar sobre o tamaño da mentira. Apunte á marxe: en Cataluña teñen a súa propia aplicación para o sistema xudicial.
Só agradecer, tanto a Olalla como a Villares que fixeran referencia, nas súas intervencións, ao enorme agravio que supón a prohibición de impartición de aulas en galego especialmente nas materias de carácter científico.

Na prensa
Feijóo elude pronunciarse sobre Villar Mir e o futuro de Ferratlántica, Sermos Galiza
Feijóo bota en cara a En Marea que politice o galego, ao PSOE o paro e ao BNG a corrupción, Praza Pública

Os dous frikis

por Manuel Gago, La Voz de Galicia:

No instituto de Vilagarcía de Arousa no que eu fixen COU, de mil estudantes só había dous rapaces que saíran do armario lingüístico: Ricardo, que falaba e escribía en galego, e eu, que o escribía e comezaba timidamente a falalo.

mércores, 10 de maio de 2017

A piña de Regiomontano



No IES Antón Losada (A Estrada) participamos na edición deste ano no concurso convocado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC, Explícoche matemáticas 2.0. Facémolo con este vídeo no que rescatamos un problema do século XV. Entre outras cousas, trátase de poñer en evidencia que as matemáticas poden, e deben, ir da man da normalización lingüística, por moito que lles pese aos que defenden o decreto do plurilingüismo e a ideoloxía subxacente de expulsión da lingua galega do ensino do ámbito científico.

Resólvese un problema de optimización tomando como punto de referencia o monumento ao labrego, da parroquia de Lagartóns (A Estrada), erixido no ano 1916 en conmemoración dunha victoria agrarista do ano anterior.
O problema en cuestión é esencialmente o mesmo que propuxo Regiomontano no 1471. Consiste en determinar a distancia á que se ten que situar unha persoa para que o ángulo de visión dunha estua sexa máximo. Cos datos que aportamos (ver Ilustración 1), estamos diante dun típico problema de cáculo de máximos que pode ser resolto polo alumnado de 1º de bacharelato mediante o cálculo de derivadas.


Alternativamente, no vídeo propoñemos unha solución que está ao alcance dun alumno da secundaria obrigatoria pois únicamente bastaría ter en conta que os ángulos que abarcan o mesmo arco SI son iguais (ver Ilustración 2) e que, obviamente calquera ángulo α con vértice nun punto V da recta v é menor que o correspondente ángulo β en Q:

Para obter a solución precisamos trazar unha circunferencia que pase polos puntos superior (S) e inferior (I) da estatua e que sexa tanxente á recta que marca a altura do ollo do observador (v) (ver Ilustración 3). O centro desta circunferencia debe estar na mediatriz m de S e I. Chamémoslle a á distancia entre m e v, sabemos que o raio da circunferencia que nos dará a solución debe ser a .Así a circunferencia de raio a e centro S cortará á recta M no punto H, quen será o centro da circunferencia buscada.

luns, 8 de maio de 2017

Xeometría a pé de rúa


Desde o Departmento de Matemáticas do IES Chano Piñeiro (Forcarei) chéganos este vídeo no que se recolle unha restra de imaxes capturada polo alumnado de 4º da ESO. Trátase dun paseo fotográfico- matemático por Forcarei centrado en elementos xeométricos.
Demostando que as matemáticas son compañeiras da normalización, por moito que lle pese aos defensores do funesto decreto do plurilingüismo.


sábado, 6 de maio de 2017

SC. Atréveste a vivir a experiencia?


Xenial.
Que significará SC? Recoméndoche ver todo o capítulo, sen saltar un segundo, aí reside a cerna na cuestión.
Primeiro capítulo de SC, webserie galega inspirada en Black Mirror. Unha experiencia que fará que vexas a vida doutra maneira. Atréveste?


xoves, 4 de maio de 2017

Seis pasos para falar malpicán



En outubro do 2014 divulgábase pola arañeira dixital un vídeo argallado en terras rianxeiras, Ghalegho. Isto foi a inspiración para que uns espilidos rapaces de Ribadeo, producisen unha resposta, Eu digo..., inzada de orgullo pola diversidade dialectolóxica do galego, e cargada tamén de valores sociolingüísticos marabillosamente explicados.
Como non hai dous sen tres, chega agora Seis pasos para falar malpicán, audiovisual elaborado polo alumnado do IES Urbano Lugrís (Malpica), un vídeo entretido, moi claro, e moi ben estruturado.

¿Y tú, por qué hablas gallego?

artigo de Xabier Portas no voceiro dixital de Galiza Nova:


Por vez primeira na historia dende o século IX, o galego non é a lingua de uso cotián da maioría dos e das galegas. Se observamos as estatísticas, non é moi complicado decatarse da tendencia á baixa destes últimos anos no seu emprego, abranguendo actualmente un 40% da poboación total do noso país -segundo datos debullados polo Instituto Galego de Estatística-, e acentuándose notoriamente esta problemática cando á cidade nos referimos.

mércores, 3 de maio de 2017

Rebélate, fala galego


Este é o vídeo da campaña de Galiza Nova, Rebélate, fala galego, Ante o evidente abandono da lingua galega da maior parte da mocidade, debido a unha nefasta política lingüística dos gobernos do PP, as novas xeneracións do BNG impulsaron esta iniciativa que vén acompañada dun decálogo para dar o paso a falar galego. 
Non estaría nada mal que outros grupos políticos desenvolveran proxectos semellantes. 


venres, 28 de abril de 2017

*Riveira, o topónimo deturpado, apoiado outra vez pola SXPL

Fonte
Estoulle enormemente agradecido á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) por facilitarme esta foto e esta noticia. Tal é o grao de impunidade no que se moven que non gardan nin as mínimas formas. 
Como todo o mundo saberá, o goberno municipal do concello de Ribeira mantén unha guerra absurda, propia de babecos e ignorantes: está obstinado en deturpar o topónimo da cidade e, a pesar de moitos avisos, peticións e insistencias, mantéñense día a día fóra da legalidade e o mínimo sentido común, escribindo obsesivamente a monstruosidade *Riveira. Para comprobalo, basta ver o atrabilio portal do concello (eles escribirían *atraviliario). Mais, isto, con ser malo, non é o peor.
O caso é que a SXPL, apoiu unha feira educativa, aberta onte en Ribeira, sabendo como sabe, cal é a postura do alcalde e do goberno municipal, de insistente incumprimento da Lei de Normalización Lingüística (LNL). Non será hora xa (pasaron máis de 30 anos), de que todas as entidades que reciban o apoio, non só da SXPL, senón de calquera organismo da Xunta, que se lle esixa o cumprimento da LNL? Entón, que fai o organismo que tería que estar acotío esixíndoo, apoiando un acto que ten un cartel anunciador asinado polo concello de *Riveira?. Con todo, isto non é o peor.

O peor é esta forma de actuar, esta fachenda, este desprezo á cidadanía que temos orgullo da nosa lingua. O peor é publicar, como se fose algo do que gabarse,  a noticia de que se apoia unha feira no que o nome real do concello está ausente, e que, para colmo, aínda se colgue unha foto na que se certifica que todo é igual, que poden seguir destrozando a lingua como lles pete. Con todo, isto aínda non é o peor.
Titulei a entrada "*Riveira, o topónimo deturpado, apoiado outra vez pola SXPL". Si, o peor non que hoxe se cometan este tipo de abusos, pois aínda máis malo é que xa non é a primeira vez vez que o fan, e de seguir nas mesmas mans, verémolos repetidos. Iso si que será o peor.



martes, 25 de abril de 2017

Díxenche que lle dixo que non llelo dixera

por Jorge Mira Pérez, na sección de Autores da RAG:


Un dos últimos informes do Estudio General de Medios (EGM) indicou que a penetración da televisión na poboación española é do 88.5% (descoñezo se hai datos segregados por autonomías), seguida por Internet, co 62.4%, e a radio, co 60.4%. Por se fose pouco, ao analizar a tendencia deste indicador dende o ano 2000 ata 2015, vese que a hexemonía da televisión se mantén nuns valores de sorprendente estabilidade, pasando do 89.2% en 2000 ao 88.5% en 2015.

luns, 24 de abril de 2017

Matemáticas en galego, tamén coa LOMCE

Hai uns días publicouse a versión galega da unidade didáctica Xeometría analítica do plano. Como todas as outras 68 unidades, pode facerse un uso non comercial dela, incluso se pode modificar e adaptar. Trátase do último chanzo na edición de material didáctico de matemáticas en galego, que se pode consultar, traballar on-line, ou descargar do portal de materiais ed@d en galego para a LOMCE e que forma parte do excelente e xeneroso Proyecto Descartes, unha web en continua renovación e chea de recursos.

Título: Xeometría analíca do plano
Fonte: Proyecto Descartes
Licenza: Creative Comons BY- NC-SA

Ao premer na icona da impresora obtemos, en formato PDF, un libro de texto adaptado a esta unidade didáctica dixital. Tamén temos un caderno de traballo, tanto en formato PDF, como en formatos editables (.doc e .odt). A proposta metodolóxica asociada a estes cadernos de traballo consiste en que o alumnado os use como guía para ir realizando as actividades da unidade.
Premendo nas frechas da parte inferior, ou navegando polo índice da esquerda, podemos acceder a cada un dos apartados da unidade. En todos eles temos actividades en xanelas emerxentes e unha escena interactiva especialmente preparada para a aprendizaxe da cuestión tratada en cada momento.
No menú superior temos os seguintes apartados: Antes de empezar, Contidos, Exercicios [1] e [2], Auto-avaliación, Para enviar ao titor, Para saber máis. Invítovos a premer nos dous listados de exercicios (un de vectores e outro de rectas) ou no último apartado, no que se trata un tema algo máis avanzado, neste caso o da circunferencia dos nove puntos.
E así, podemos repetir isto ata nun total de 69 unidades didácticas. Unha pequena fenda na que furar contra o funesto decreto do plurilingüismo, que forza a desligar as matemáticas, e en xeral o saber científico, do emprego da lingua galega.
Matemáticas en galego do Proxecto ED@D

Velaquí o listado de todas as unidades. Que as desfrutes.

1º ESO
Os números naturais
Múltiplos e divisores
Os números enteiros
Números decimais
Fraccións
Proporcionalidade
Expresións alxébricas
Rectas e ángulos no plano
Polígonos, perímetros e áreas
A circunferencia e o círculo
Taboas e gráficas
Estatística e probabilidade


2º ESO
Potencias e raíces con números enteiros
Fraccións
Decimais
Proporcionalidade
Expresións alxébricas
Ecuacións
Sistemas de ecuacións
Semellanza. Teorema de Pitágoras
Corpos xeométricos
Áreas de corpos xeométricos
Volume dos corpos xeométricos
Funcións
Estatística

3ºESO. Orientación ás Ensinanzas Académicas
Os números racionais
Polinomios
Ecuacións de segundo grao
Sistemas de ecuacións
Progresións
Figuras planas. Propiedades métricas
Movementos no plano
Corpos xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións lineais e cuadráticas
Estatística
Probabilidade


3ºESO. Orientación ás Ensinanzas Aplicadas
Os números racionais
Polinomios
Ecuacións de segundo grao
Sistemas de ecuacións
Progresións
Figuras planas. Propiedades métricas
Movementos no plano
Corpos xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións lineais e cuadráticas
Estatística

4ºESO. Orientación ás Ensinanzas Académicas
Os números reais
Potencias e radicais
Polinomios
Ecuacións e sistemas
Inecuacións
Semellanza
Trigonometría
Xeometría analítica do plano
Funcións e gráficas
Funcións polinómicas
Funcións racionais, exponenciais e logarítmicas

4ºESO. Orientación ás Ensinanzas Aplicadas
Números enteiros e racionais
Os números reais
Problemas aritméticos
Polinomios
Ecuacións e inecuacións
Sistemas de ecuacións
Semellanza e trigonometría
Problemas xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións elementais

domingo, 23 de abril de 2017

Deixaches a escola


No IES Taboada Chivite (Verín) van representar o vindeiro mes o musical "Grease". Aquí vai un gorentoso adianto gravado nunha hamburguesería de Ourense.
(Aproveito para recordarlle a quen subiu o vídeo, de que desde o 2003, a segunda forma do artigo está desaconsellada)
Vía Xián do Campo

venres, 21 de abril de 2017

Os nomes da cidade - Toponimia de Vigo


Os nomes da cidade - Toponimia de Vigo - Vigo [1ºParte] from Il Canalla Rubens on Vimeo.

Nesta charla das Mareas de Vigo participan Xurxo Martínez, técnico en normalización do SNL de Redondela, Marga L. Barreiro, concelleira da Marea en Vigo, pero sobre todo, Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e especialista en toponimia, aquen sempre é un gusto escoitar porque enche o seu relatorio de curiosidades. A súa intervención comenza a partir do minuto 17.
Navaza comenza lembando as polémicas na denominación de concellos con nomes normais e alcaldes problemáticos. Cita o caso de *Puenteareas ou o de *Riveira. Hai outros casos nos que aínda que está claramente documentada unha determinada denominación, pero dexasustes  administrativos ou o desleixo do Consello da Xunta, manteñen unha forma oficial incorrecta. Tal é o caso da *Cañiza (debería ser A Caniza) ou de *Santa Tegra, na Guarda (debería ser Santa Trega).
Grazas a que en Galicia se estableceu que a toponimia era responsabilidade da Xunta, e non dos concellos, puido facerse moito máis que noutros territorios, e iso que partíamos dunha situación de moita maior deturpación.
Sobre a denominacións que son competencia dos concellos, rúas e prazas, destaca o chamado modelo toledano. En Toledo retiraron os nomes das rúas adicados a personaxes para recuperar o topónimo tradicional do lugar. En relación con este tema, no segundo vídeo fai referencia a un tipo de castelanización atrabiliaria. En Lalín, nun lugar coñecido como o Areal, o concello nomeouno como rúa Concepción Arenal. Para poñerse a mexar e non botar gota.
Navaza fai un repaso da toponimia das parroquias viguesas. Sobre o propio nome da cidade, relata que vén de vicus, que significa fila de casas. Esta palabra dou orixe a outras relacionadas como veciño ou veciñanza. Ofreceu o dato de que hai 14 Vigos en Galicia e fixo referencia ao tráiler que acabou atrancado nunha corredoira do Vigo que hai por Padrón. Tamén recordou a resistencia dos que pretendían a denominación de *Valladares á parroquia de Valadares.
Ao falar de Alcabre fai todo un dircurso sobre o celtismo e a toponimia prerromana. En concreto a terminación bre ten o significado de "castro". De ahí a redundancia do topónimo Castrobre.
Por rematar, unha última pincelada referida ao lugar de Barcia de Mera, en Mondariz. Alí celebrábase a advocación a S. Amaro, que fora soldado romano. Chegou un momento, no século XVI, no que este santo de tradición galega, non foi identificado pola Igrexa e cambiou o santo do lugar polo do bispo S. Mauro. Agora, nas festas sacan dous santos en procesión. Un vestido de romano e outro coa mitra á cabeza. Din que un é o santo de novo, cando soldado, e o outro de maior, xa con cargo eclesiástico.



Os nomes da cidade - Toponimia de Vigo - Vigo [2ºParte] from Il Canalla Rubens on Vimeo.


mércores, 19 de abril de 2017

En galego, sen cancelas na escola


O vídeo gañador do Correlingua 2017 foi obra do ENDL do CPI Suárez Marquier (O Rosal). Os premiados están encantados cun recoñecemento que "serve para promocionar a lingua e para denunciar a situación na que se atopa".
Esta peza recolle varias escenas da vida cotiá, algunhas fóra do centro escolar, nas que flúe con normalidade a lingua galega, e outras, tras as cancelas da escola, nas que se mostra como o funesto decreto 79/2010 aniquila a lingua galega das aulas de matemáticas, física e tecnoloxía.

Un respecto pola lingua e polos sufridos lectores!

por Manuel Cabada Castro, recollido do Xornal de Tabeirós-Terra de Montes:

Non quero desde logo fachendear aquí pola miña parte de utilizar correctamente a propia lingua, a galega, aquela que utilizo agora para me queixar do desleixo co que máis dunha vez se trata a lingua galega nalgúns xornais que se editan en Galicia. Non exclúo, polo tanto, que alguén me poida replicar co vello adaxio latino de “medice, cura te ipsum”...

venres, 14 de abril de 2017

Galegocalantes e galegofalantes

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

A última compilación de traballos publicados por Carlos Callón en defensa do noso idioma abrangue o período 2009-2016. Como se sinala, nun texto xustificatorio, ao comezo desta obra, foi este un intervalo de anos negros para a lingua galega polos graves retrocesos sufridos. Mais tamén un tempo de “esperanza social, de mobilizacións continuadas, de alento histórico dun pobo que, a pesar de todo, non se resigna a desaparecer”.

mércores, 5 de abril de 2017

A educación en galego. Reflexións desde o IES Sánchez Cantón



Alba e Inés son dúas youtubeiras pontevedresas, que desde o ENDL do IES Sánchez Cantón (Pontevedra) queren compartir reflexións sobre o uso e situación da lingua galega.

Razón de ser dunha resolución

por Pilar García Negro, no Sermos Galiza:

No fin de semana pasado e na cidade da Coruña celebrouse a XVI Asemblea Nacional do BNG, que merece todos os parabéns e, aínda máis, os desexos da mellor fortuna no traballo que temos colectivamente por diante, que non é pouco. Mais neste artigo quérome aproximar só a unha das Resolucións aprobadas na súa clausura, cuxo texto literal reza así:

xoves, 30 de marzo de 2017

Son regueifeira e gústame regueifar


O Concello de Santiago convoca durante o mes de abril un certame de regueifas en vídeo para contribuír ao coñecemento desta forma de improvisación oral, incentivar a súa práctica e colaborar á creación de espazos nos que a lingua galega sexa canle de expresión, comunicación, participación e divertimento.
Vía Dores S. Alegre

xoves, 23 de marzo de 2017

O Berete: a revista

Máis dunha vez temos feito referencia ao blogue O Berete, do ENDL do IES Chapela (Redondela). Agora sabemos que O Berete é tamén unha revista. Neste número, hai unha entrevista, recensión de libros, creación literaria, novas e un pequeno artigo sobre un obxecto que fora todo un éxito no seu tempo e que volve a estar de moda: o cubo de Rubik. Para botarlle un ollo:

O Berete. Marzo 2017.

mércores, 22 de marzo de 2017

ostiá! (toponimia deturpada) de Leo i Arremecághona



O Leo i Arremecághona ofrécenos este hit: Sanjenjo, Panjón, Corujo, Puertonuevo, La Coruña, Bueymuerto, Arte(i)jo, Ortiguera, Puentedeume, Puenteceso, Noya, Bayona, ???, La Peroja, ????

domingo, 19 de marzo de 2017

Rosalía, discurso moderno

por Carme Fernández Pérez-Sanjulián, en La Voz de Galicia:

A obra de Rosalía acompáñame desde a adolescencia. Foi, como non, unha das miñas primeiras lecturas en lingua galega, lectura, no meu caso, orientada pola miña profesora nas aulas do Instituto, Pilar García Negro que, nun tempo en que non había aínda ensino regrado desta materia, permitiunos a moitas rapazas descubrir a literatura galega e, moi en especial, a potencia e orixinalidade do discurso rosaliano. Por tanto, para min, ler Rosalía resulta indisociábel da reflexión sobre a problemática das mulleres e, tamén, da sorprendente descuberta de ter diante unha voz que falaba desde unha clara conciencia da propia identidade como muller. Con todo, o certo é que esta ollada desprexuizada sobre a produción rosaliana non era, nin de lonxe, a máis común na altura pois, como é ben sabido, pesaban sobre ela preconceptos fortísimos.

sábado, 18 de marzo de 2017

Semente de Trasancos




A pasada fin de semana celebrouse en Narón a terceira edición do Festival solidario da Semente para apoiar o ensino en galego en Ferrolterra organizado por Semente de Trasancos, un grupo de xente que pula por algo tan simple, tan necesario, e hoxe en día, tan escaso, como unha escola en galego.

Carta aberta a un pai galego

unha desas marabillosas cartas abertas de Xabier P. Docampo, en Praza Pública:


Prezado señor Núñez Feijóo: Sei pola prensa que o día 15 do mes pasado naceu o seu fillo e quero dicirlle, con total sinceridade, xaora, que desexo que o neno se críe ben e saniño e que contribúa á felicidade de vostede e mais a da nai da criatura. Así que vaia isto por diante.

xoves, 16 de marzo de 2017

Galiza somos nós, a xente e máis a fala



Excelente peza audiovisual, elaborada dentro do marco do  Outorno Cultural da Coruña. Está construída sobre o poema de Manuel María "Galiza" (Os soños na gaiola, Edicións Xerais 2000), protagonizada polas persoas e colectivos anónimos que dan vida á cultura de base nas vilas e cidades da provincia.
Participaron no vídeo Jontxu Argibay (escultor de Ribeira), Regina Muñiz Gerpe (poeta de Santa Comba), membros do Teatro Municipal de Ames, da Coral Polifónica de Noia, da Escola Municipal de Teatro de Negreira, da Asociación Xuvenil Cherinkas (Vimianzo) da A.C. O Castelo (Vimianzo), da Banda Municipal de Cee, dos grupos de teatro de Muros, da Asociación Cultural Charamela (Melide), da Aula de Teatro Municipal de Carballo, da Asociación de Mulleres Rurais Arantón (Santa Comba), do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira, da Rondalla Moraima (Arzúa),do Grupo poético Alalá e InterClubtural (As Pontes), do club de lectura do IES Castro da Uz (As Pontes), da A. C. Folclórica Rosalía de Castro e das Aulas da Terceira Idade de Padrón, da Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes, da Banda Municipal de Betanzos, do Grupo Azougue (Betanzos), da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña (Narón), e da Escola de Gaitas de Ortigueira.
Canta xente facento tantas cousas interesantes! Canta xente arredor dunha lingua!
Parabéns pola iniciativa.

No centenario da morte de Eduardo Pondal

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza:

Onte cumpriuse o centenario da morte do poeta Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835-A Coruña, 1917). O poeta e cantor dos celtas, dos bardos, dos pinos, dos castros, da vella Lusitania e reivindicador da nosa fala, finaba aquel 8 de marzo de 1917. Cen anos escurecen moitas claridades, mais o resplandor de Eduardo Pondal esclarece e ilumina inmensos portentos, de paixón e dignidade, pola normalización dunha Galiza soberana, erixida e defendida polos galegos. Eduardo Pondal foi consciente de enaltecer o propio e dignificar o noso idioma; na súa poesía a defensa da lingua é constante, e valente a súa mensaxe, como lles lembra ás mociñas da Coruña a falar a nosa lingua: “Miniñas da Cruña, / de amabre despexo, / de falas graciosas / e pasos lixeiros, / deixá de Castela / os duros acentos: / falade miniñas, / falade galego”. Pondal foi un persistente defensor da nosa fala: “Nobre e harmoniosa / fala de Breogán, / fala boa, de fortes e grandes / e grandes sin rival”. Dous apelos necesarios para comprender o compromiso do autor de Queixumes dos pinos, onde alborexa o verbo defensivo dun poeta de compromiso e combate pola fala, que vén a ser unha das credenciais identitarias con que Pondal puxo énfase na reivindicación e defensa do noso idioma.

mércores, 15 de marzo de 2017

Unha poesía prima no día pi



Nos últimos anos vén espallándose cada vez máis a celebración do Día Pi, o 14 de marzo (3/14 no formato anglosaxón, e que corresponde coas primeiras cifras do número π). No IES Chano Piñeiro (Forcarei) xa teñen celebrado esta data cun concurso de esopías (narracións que conteñen sucesivamente palabras co número de letras indicadas polas cifras do número π), mais desta vez optaron pola declamación dun poema matemático sobre os números primos.

luns, 13 de marzo de 2017

Conferencia de Pilar García Negro celebrando o centenario de Pondal



O vindeiro venres 17 de marzo, ás 19:30, na Sala de exposicións de Abanca, na Estrada, a Asociación Cultural Vagalumes proponnos unha conferencia de Pilar García Negro sobre a obra de Eduardo Pondal. Con este acto querse lembrar o centenario da morte do poeta, acontecida na Coruña o 8 de marzo de 1917.


Eduardo Pondal é un dos grandes poetas do Rexurdimento galego (xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez). Pondal estivo fondamente comprometido na defensa da nosa nación e da nosa lingua e participou en numerosas actividades de signo galeguista e democrático, como o Banquete de Conxo (1856), xuntanza de estudantes e artesáns, que simbolizou a unión da reivindicación de clase coa reivindicación nacional. Eduardo Pondal creou na súa poesía un universo mítico onde os celtas simbolizan a dignidade que Galiza debe recuperar. El sentiuse o bardo, o cantor do pobo que ten a obriga de incitarnos a recuperar a forza e o orgullo de sermos quen somos e que nos quere espertar dun longo sono que debe rematar: “desperta do teu sono / nazón de Breogán”.
O nome de Pondal é moi coñecido por ser o autor da letra do noso Himno. O texto encargoullo o músico Pascual Veiga, que organizou na Coruña en 1890 un Certame Musical para premiar a composición que, sobre o texto de Pondal, mellor expresase o “espírito galego”. Finalmente, foi no Centro Galego da Habana onde o Himno se fixo “oficial” para todos os actos; interpretouse por primeira vez no Gran Teatro desta cidade o 20 de decembro de 1907, nunha velada para honrar a memoria de Pascual Veiga.
A obra de Eduardo Pondal foi menos comprendida que a de Rosalía e a de Curros, quizais polo seu carácter fondamente renovador e pola riqueza en cultismos léxicos do seu rexistro literario; mais, a actitude de rebeldía fronte á decadencia do noso país e á desaparición dos nosos sinais de identidade sitúao como poeta comprometido e é a cerna da súa produción.
A obra de Pondal non está obsoleta, senón que segue a manter a súa vixencia. Continúa pendente a “redención” do pobo galego e a recuperación da nosa autoestima colectiva.
En canto a Pilar García Negro, é sobradamente coñecida polo seu traballo político, intelectual e xornalístico. Actualmente é profesora na UDC e autora de numerosas obras ensaísticas e de investigación.
Sobre a problemática do galego ten publicado infinidade de artigos e varios libros como O galego e as leis, a súa tese de doutoramento, primeiro libro en que se aborda a cuestión crucial da lexislación lingüística e se demostra o desequilibrio legal entre español e galego; Sempre en galego, Dereitos lingüísticos e control político, Da fala á lingua. Un proceso inacabado… Ten intervido tamén en numerosos simposios e congresos sobre sociolingüística e linguas europeas non normalizadas. Foi cofundadora do Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada do mesmo, en Galiza, de 1985 a 1990; tamén foi membro da equipa de redacción da "Declaración Universal de Direitos Lingüísticos" (Barcelona, 1996) e do Comité científico da mesma.
Publicou edicións e estudos sobre moitos autores e autoras da nosa literatura, como Lamas Carvajal, Blanco Amor, Castelao, Manuel María, María Mariño, Carvalho Calero e un longo etc. No ano 2010, con O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo gañou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.
Militante do movimento nacionalista desde 1975, foi deputada polo BNG no Parlamento Galego, de 1989 a 2003. Ensino, cultura, políticas para as mulleres, política lingüística... foron os seus temas de atención preferente. Á sua iniciativa débese a constitución, na Cámara galega, da "Comisión para a igualdade e para os dereitos das mulleres".
Participa tamén moi activamente no mundo asociativo e colabora con diversas institucións culturais e pedagóxicas: entre outros cargos, foi presidenta da Agrupación Cultural "Alexandre Bóveda"; é colaboradora da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da Mesa pola Normalización Lingüística; presidenta da federación de asociacións culturais Galiza Cultura…
Vén de ser recoñecida pola AELG co premio Escritora na súa Terra, que recibirá en Lugo no próximo mes de xuño.


xoves, 9 de marzo de 2017

Día da Muller Traballadora no CPI de Navia de Suarna


Cunha música ben escollida, unha pequena monlla  de frases ben insertadas e un bo fateixo de fotos, os do ENDL do CPI) de Navia de Suarna fixeron este vídeo para o 8 de marzo

mércores, 8 de marzo de 2017

No centenario da morte de Eduardo Pondal

Como a Consellería de Cultura e Educación, e en xeral a Xunta, desprezaron a celebración do centenario de Pondal, non queda máis remdio que botar man dos recursos de  quen si se acorda del. Neste pequeno vídeo temos a Sabela, lendo Meniñas da Cruña, tirado do facebook da Fundación Eduardo Pondal

Suso, do facebook da Fundación Eduardo Pondal



martes, 7 de marzo de 2017

Homenaxe a Agustín Fernández Paz en Ferrol: A banda da Loba



O 17 de febreiro pasado celebrouse no Auditorio de Ferrol unha gala para homenaxear a Agustín Fernández Paz na que participaron artistas como Guadi Galego, María Manuela, Xabier Díaz, BellónMaceiras, Mini e Mero, Miro Casabella e A banda da Loba. Deste último grupo son as actuacións que recollo aquí.


luns, 6 de marzo de 2017

"O universo matemático", apuntes para o bacharelato

Sacado de Xerais
O universo matemático. Das ideas e das técnicas é o segundo libro da colección de Xerais,  Básicos Ciencia. O propio autor, Antóm Labranha, explica moi claramente os parámetros baixo os que se move o texto:
Este libro trata os contidos matemáticos propios do bacharelato, intentando poñer de manifesto reflexións, habitualmente implícitas, acerca do sentido dos conceptos, das propiedades e das fórumas que utilizamos...

Como un anxo da garda, un espírito da xustificación percorre todo o libro. Para ilustralo vou centrarme nun aspecto concreto: nalgún punto do currículo aparece a distribución normal. Cuestión chea de espiñas é a de como presentar nunha aula a función de densidade desta ditribución:
$$f\left( x \right) =\frac { 1 }{ \sqrt { 2\pi  }  } { e }^{ \frac { -1 }{ 2 } { x }^{ 2 } }$$
Pódese dicir que caeu do ceo, e a enorme extensión do currículo do bacharelato parece indicar que isto é o que se lle pide ao profesorado neste, e en moitos outros aspectos. Labranha presenta unha alternativa baixo o estudo natural da función exponencial y=ex. Ampliando, y=e-x2, un bo exemplo de función par, xenaralizando y=e-ax2, con a un número positivo calquera. A segunda derivada desta última función:
$$y''=-2a{ e }^{ -a{ x }^{ 2 } }\left( 1-2a{ x }^{ 2 } \right) $$
lévanos a determinar que terá puntos de inflexión cando $$a=\frac { 1 }{ 2{ x }^{ 2 } } $$
Polo tanto, se os puntos de inflexión se deran cando x=+1 e x=-1 (lembremos que é par), teremos que forzar a que a=½, neste caso a función será y=e-½x2..
Cal será a área que garda esta función? Neste punto teremos que recorrer á análise multidemensional. O cálculo de $$\int _{ -\infty }^{ \infty }{ { e }^{ \frac { -1 }{ 2 } { x }^{ 2 } } } =\sqrt { 2\pi } $$ pode consultarse aquí. Finalmente, cando estamos á procura dunha función de densidade, bastará dividir a nosa última función por √2𝛑:
$$f\left( x \right) =\frac { 1 }{ \sqrt { 2\pi  }  } { e }^{ \frac { -1 }{ 2 } { x }^{ 2 } }$$

Propostas para a aula
Estou afeito a explicar a regra de l' Hopital como unha consecuencia do teorema de Cauchy (teorema do valor medio xeneralizado). Labranha ofrece unha alternativa interesante, fundamentada na idea da recta tanxente a unha función nun punto como aproximación da función na veciñanza dese punto. Se partimos de dúas funcións f(x) e g(x), as respectivas rectas tanxentes nun punto x0, no que ambas as dúas función toman o valor cero:
f(x)≃ y=f''x0)(x-x0)
g(x)≃ y=g'(x0)(x-x0)
Polo tanto
$$\lim _{ x\rightarrow { x }_{ 0 } }{ \frac { f\left( x \right)  }{ g\left( x \right)  }  } \simeq \lim _{ x\rightarrow { x }_{ 0 } }{ \frac { f'({ x }_{ 0 })(x-{ x }_{ 0 }) }{ g'({ x }_{ 0 })(x-{ x }_{ 0 }) } =\lim _{ x\rightarrow { x }_{ 0 } }{ \frac { f'({ x }_{ 0 }) }{ g'{ (x }_{ 0 }) } =\lim _{ x\rightarrow { x }_{ 0 } }{ \frac { f'\left( x \right)  }{ g'\left( x \right)  }  }  }  } $$
En varias ocasións Labranha aproveita para ofrecer unha presentación das ideas mediante valores heurísticos.Todo isto lévanos a unha aposta por alternativas ás clases autoritarias.
En definitiva, estamos ante un libro pensado como complemento para afrontar o bacharelato que ben pode ser un punto de referencia para o profesorado da materia, un lugar do que partir para levar a cabo o traballo na aula.

venres, 3 de marzo de 2017

Da arañeira. 004

Da Wikipedia

xoves, 2 de marzo de 2017

Informe da Mesa sobre a exclusión do galego na Educación Infantil

Velaquí o informe que elaborou A Mesa sobre (a falta de) o uso do galego en infantil durante o curso 2016-2017.
Este tipo de informes debería elaboralos a Consellería de Educación, incluso ten a obriga de o facer con periodicidade anual, segundo a disposición adicional quinta do funesto decreto de plurilingüismo. Van alá seis cursos e nunca se fixo. Xa que logo, non pretenderá a Consellería, que se ela non cumpre co seu decreto, impoñer o cumprimento do resto das disposicións desa aberración ao resto da comunidade educativa.
Destaco só un dato, consecuencia directa da barbaridade do decreto: hai máis material audio-visual en inglés que en galego.