Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 29 de xuño de 2011

O recepcionista de Dubrovnik

por Marcelino Fernández Mallo, n´A Nosa Terra:

Contesteille “fala vostede máis castelán ca eu croata, seguro”. E entón el respondeu que non había comparación, que “el castellano o español” era falado por 300 millóns de persoas mentres que o croata só por catro. E que a súa lingua servía para ben pouco. E aló me vedes, explicándolle ao recepcionista do hotel onde nos aloxamos en Dubrovnik o valor capital do seu idioma.
Levabamos dez días percorrendo o país. Os primeiros catro ou cinco servíronnos para aprender a dicir Hvala, grazas. A partir de aí, xa nos lanzamos e fomos engadindo cando menos dous novos vocábulos por día: Molim, dobar dan, por favor, que tal; trg, stari grad, praza, centro cidade; vino, voda, pivo, viño, auga, cervexa. E cousas así. Escolliamos a comida no menú en inglés e procurabamos pedila a partir da equivalencia en croata. Sempre mal, naturalmente. Pouco a pouco fomos descubrindo que a maioría das palabras se acentúan na primeira sílaba. Tamén a pronuncia correcta de cada letra, incluso o significado dos tiles. Unha nova descuberta era unha satisfacción. A principal, volvermos experimentar o milagre da comunicación nunha lingua distinta a través da cal entendemos mellor a alma daquel pobo complexo.
Explicámoslle ao recepcionista que Croacia valería bastante menos de non ter un idioma propio, e que el mesmo como cidadán outrosí se depreciaría. Que na Iugoslavia federal impuxéranlles esa especie de esperanto eslavo que quixo ser o serbocroata pero que, unha vez independentes, cada nación recuperou o seu idioma propio e orixinal, o serbio, o croata, o esloveno... Non só como valor de identidade, sempre esencial, senón tamén como activo de diferenciación perante o resto do mundo. Por teren un idioma de seu, o planeta coñece a autenticidade dun pobo con características propias capaz de ofrecer unha perspectiva única e diferente. Velaí o valor desa lingua que falan catro millóns de persoas e que xa nunca se perderá. Fixen o que puiden pero creo que non o convencín. O home deunos un dos peores cuartos do hotel.

Académicas

por Fran Alonso n´A Nosa Terra:
Ás veces resulta desalentador comprobar a exasperante lentitude do progreso social. As conquistas, en tempos de retroceso coma este, son cada vez máis significativas. Xa que logo, os signos que se fan desde as institucións inciden simbolicamente na conformación dos novos modelos sociais, que deben estar ligados a un futuro edificado a partir de conceptos modernos de xustiza e de igualdade. Precisamente por ese motivo, e por proceder dun ámbito, o das institucións culturais, que debería ser especialmente sensible ás demandas que as sociedades do noso tempo formulan, resulta bastante turbador, abafante e incomprensible que a Real Academia Galega manteña un comportamento autista ante a necesidade de corrixir unha gravísima discriminación histórica propiciada pola aínda arraigada cultura patriarcal: o nomeamento de académicas, en feminino, para as cadeiras da RAG.
Sen as voces das escritoras non é posible a diversidade e a pluralidade na Academia. Hoxe máis ca nunca a igualdade cífrase en termos de xénero. Hoxe máis ca nunca, a xustiza social escríbese en clave de xénero. Hoxe máis ca nunca, a vangarda artística perfílase en propostas de xénero.
Pero o dereito das escritoras a entraren na Academia non é un simple problema de diversidade. Ten moita maior gravidade e calado: trátase de lle poñer fin a unha discriminación histórica que non admite ningún tipo de desculpa que a perpetúe. E, desde logo, non é comparable a ningunha outra. De feito, equiparar o dereito das mulleres a seren académicas co mesmo dereito a establecer cotas por xéneros literarios (autor@s de infantil, poetas, xornalistas...) é coma se na Sudáfrica de Mandela se equiparasen as reivindicacións anti-aparheid dos negros con outras aspiracións (léxitimas, claro) da minoría asiática, poñamos por caso, que tamén representaba unha porcentaxe poboacional respectable nese país. Ou coma se incluísemos a etiqueta «mulleres» nas listas dos libros máis vendidos que fan determinados xornais, cando a lingua galega aparece categorizada como un xénero máis: «ficción / no ficción / infantil / gallego».
As escritoras proceden da mesma glaciación ca nós, os escritores, coa diferencia de que a elas lles roubamos o sol do desxeo. Pero xa non teñen idade xeolóxica para andaren a enredar no xogo das cadeiras. Eu, coma moitos homes, non quero ser cómplice de semellante segregación histórica. Sen menoscabo da valía e dos méritos de todos e cada un dos académicos elixidos, xa é a hora das escritoras. Sen dilación. A hora das académicas. E unha institución cultural coma a RAG está obrigada a entender e corrixir unha discriminación de tal envergadura.

O que bilingüismo (non) quere dicir

por Robert Neal Baxter, no Terra e Tempo:
Referinme noutro artigo á falta de precisión á hora de definir o termo 'bilingüe', un dos piares teóricos básicos sobre os que se alicerzan os argumentos de quen avoga por 'renovar' o discurso lingüístico do nacionalismo galego. No entanto, por moito que se adoite barallar o concepto de 'bilingüismo' como se se tratase dun concepto científico claramente definido, este artigo pretende demostrar que, lonxe de existir calquera consenso ao respecto, os usos reais que se fan do termo son tan plurais e diverxentes que acaba non significando absolutamente nada. Así, o leitmotiv do 'bilingüismo' deixa de valer como ferramenta para a plena normalización social do galego, que é o único que nos debería preocupar.

Ante todo, pois, cómpre distinguir entre 'comunidades bilingües' -por comodidade empregaremos aquí o termo 'bilingüe' para nos referirmos a calquera situación onde conviven máis de unha lingua- e 'individuos bilingües'.

O concepto de 'comunidade bilingüe' (por 'comunidade' enténdase 'país' ou 'estado' segundo o caso) é complexo e variado e mesmo excluínte, ao non adoitar incluír aquelas comunidades onde conviven unha variedade de linguas traídas da inmigración, independentemente do seu peso. Por exemplo, no Reino Unido 570,000 persoas falan panxabi, dez veces máis que o gaélico escocés, mais non por iso se adoita considerar un 'país bilingüe'. Tampouco se adoitan clasificar como 'comunidades bilingües' aquelas con linguas de seu sen recoñecemento oficial, como a Bretaña. É dicir, habería 'comunidades bilingües' de iure e de facto, sen que exista unha coincidencia simétrica entre ambas. Mais, aínda dentro do marco reducido das comunidades oficialmente bilingües, a concepción do que 'bilingüe' quere dicir abraia pola súa diversidade: desde unha minoría de casos onde existen varias linguas cooficiais en todo o territorio (11 na África do Sur, 4 na Suíza, etc.), até o máis frecuente de linguas cooficiais dentro dun determinado territorio reducido, como por exemplo as linguas do Estado español cuxos falantes carecen de dereitos fóra das súas respectivas Comunidades Autónomas. Nunha palabra, o concepto de 'comunidade bilingüe' é tan nebuloso que deixa de ter sentido como marco teórico útil fóra do ámbito de cada caso concreto.

Por outra banda, sería inxenuo pensar que as comunidades bilingües estean (necesariamente) compostas, ás súa vez, por individuos bilingües. Neste sentido, o caso da Bélxica é paradigmático mais, desde logo, non único: un estado composto por varias comunidades lingüísticas basicamente monolingües, onde mesmo a comunidade oficialmente bilingüe de Bruxelas, enclavada no territorio histórico de Flandres, se está a tornar cada día máis unha comunidade monolingüe francófona na práctica.

Mais o que é que se entende exactamente por 'individuo bilingüe'? A primeira observación coincide coa feita a respecto da definición excluínte de 'comunidade bilingüe'. Como por norma un individuo 'bilingüe' se entende como aquel que ten igual capacidade e dominio lingüístico en varios idiomas, non se adoita cualificar de 'bilingües' falantes non nativos, por moi ben que falen unha segunda lingua na que non foron criad@s desde pequen@s. Esta relación que se estabelece entre 'falante bilingüe' e 'falante nativo' é tanto máis importante no caso de linguas como o galego ao excluír de facto @s neofalantes, que non se consideran propiamente 'bilingües' - sempre terán eivas e lagoas, como quen escribe. Mais non nos podemos permitir o luxo de prescindirmos de quen, a todas luces, vai ser garante en grande medida do futuro do idioma. Acho infinitamente máis beneficioso -por moi pouco 'bilingües' que foren en termos de dominio lingüístico- un/ha neofalante activ@ do que cen falantes nativos bilingües potenciais que se decantan polo español como lingua habitual ou exclusiva (e que cabería activar tamén como galegofalante monolingüe).

Eis o miolo da cuestión. Non se pode falar de 'falantes bilingües' ao describir quen sabe varias idiomas mais opta por un deles. Iso é, a trampa na que caen algunhas persoas ao non distinguiren entre a capacidade potencial e o uso activo real.

Esta é a única realidade: o monolingüismo, quer en español, quer en galego. Ou unha alternancia diglósica entre ambos os monolingüismos segundo o prestixio que se lle acorde a cada unha das linguas. Talvez resulta obvio, mais cabe apuntar que, por moitas linguas que se saiban, non se pode utilizar máis de unha á vez. Un exemplo moi elocuente diso e das súas consecuencias achámolo no manifiesto/manifesto colgado na páxina oficial da acampada no Obradoiro: só un/ha militante concienciado/a se molestaría tan sequera en comprobar se existe unha versión traducida ao galego despois de ler o texto orixinal en español colgado en primeiro lugar.

Non pequemos de acomplexad@s. Hoxe máis que nunca, o nacionalismo precisa de ideas claras e de mensaxes claras de cara á sociedade no canto de discursos confusionistas de media tinta. Non podemos renunciar aos nosos principios básicos, entre os cales destaca a defensa do galego como lingua da Galiza, nun desacertado afán de fuxirmos da imaxe distorsionada de 'radicais excluíntes' que os medios españolistas pretenden impor non só na sociedade, senón tamén en nós mesm@s.

O concepto de 'bilingüe' resulta tan confuso que acaba nun sen sentido, a pesar das tentativas de concretalo con epítetos diversos, desde o 'harmónico' até o 'restitutivo'. A práctica monolingüe en galego é a única solución viábel para contrarrestar o monolingüismo español. E non se trata de excluír ninguén, senón de fomentar a instalación inclusiva do pobo galego na súa lingua patrimonial para romper coa alternancia desequilibrada entre o español e o galego que algunhas persoas denominan 'bilingüismo' e que leva inexorabelmente a un cada vez maior desgaste do galego na sociedade.

E deixemos claro que non pretendemos excluír a ninguén. Todo o contrario: para evitarmos a fractura lingüística da nación galega que queren as forzas do españolismo, defendamos a aplicación de todos os mecanismos posíbeis para que todas e todos quixeren pasarse ao galego, desde unha escolarización baseada na inmersión lingüística para corrixir as eivas provocadas polo notorio desequilibro entre o español e o galego, até a obrigatoriedade de o funcionariado público saber e usar o galego como lingua preferente cos seus contactos coa cidadanía, pasando pola defensa resoluta da utilización exclusiva da forma xenuína dos nosos topónimos en todos os ámbitos e unha radio e televisión públicas integramente en galego como contrapeso fronte ao monolingüísmo español das restantes canles. O papel do nacionalismo debe consistir en motivar a sociedade para que empregue o galego no canto do español, e defender a aplicación das medidas institucionais que vaian neste sentido. A medio e longo prazo, esta é a única 'restitución' posíbel.

O galego, ao mesmo nivel que o checo

por Cris Moss, no Xornal:

Non, desta volta a Xunta non atacou abertamente a lingua galega, como fai noutras ocasións. O que lles contamos hoxe parece, ten toda a pinta, un simple erro material rapidamente corrixido, aínda que pode que esa corrección supoña un novo erro. Desde logo non parece que haxa mala fe.
Resulta que o pasado xoves a Consellería de Traballo publicou no Diario Oficial da Unión Europea unha licitación dun novo sistema informático para xestionar as súas políticas activas de emprego. E nese anuncio oficial alguén se trabucou á hora de consignar os idiomas a empregar.
No apartado que contempla o diario oficial para indicar as “lingua(s) nas que pode redactarse a oferta” aquel anuncio indicaba o “checo” e engadía o “galego” no apartado de “outras”. Pero non, as ofertas non se poderán presentar ante a Xunta de Galicia na lingua oficial da República Checa.
A Consellería de Traballo deuse conta do erro e onte, no mesmo Diario Oficial da UE, publicou unha corrección substituíndo o “checo” polo “español”. O que xa non aparece nesta corrección é o “galego” no apartado de “outras” a continuación dese “español”. Daráse por suposto.

A morte de 'Galicia Hoxe'

por Xesús Veiga Buxán , no Xornal:

Cando escribo estas liñas aínda non se teñen manifestado os voceiros oficiais da Xunta e do PPdeG a respecto da desaparición de Galicia Hoxe, o único xornal en papel editado completamente en galego. En calquera caso, resultan perfectamente previsíbeis as palabras que van ser utilizadas por esas persoas neste enterro: a liberdade de empresa e a crise económica foron as razóns supremas de semellante desfeita simbólica.
Algúns dos votantes de Feijóo seguro que preferirían escoitar unha adaptación daquel vello parte bélico franquista: “Cautivo e desarmado o exército das publicacións periódicas editadas integramente no idioma galego, a guerra lingüística ten rematado”. Para outras persoas que outorgaron a maioría absoluta ao actual goberno da Xunta, a morte de GH será unha nova desagradábel e ficarán agardando pola resposta a unha pregunta inevitábel: nun país onde os subsidios públicos forman parte da paisaxe habitual da vida económica e social, por que se deixa caer un xornal que ten como sinal diferenciador a utilización da lingua propia? E cando lle digan que os cartos públicos non foron suficientes porque a sociedade galega non estivo á altura do reto prantexado e case non mercou o produto ofrecido nos quioscos, terá, polo menos, dous motivos para reflexionar.
Por unha banda sobre a curiosa discriminación positiva que practican os gobernantes actuais en favor dos xornais que actúan practicamente coma se estiveramos nun territorio monolingüe (en castelán, por suposto). E, ao mesmo tempo, poderán constatar a notábel febleza do tecido socio-económico dispoñíbel para levar adiante iniciativas de comunicación inseridas no obxectivo de consolidar o papel do idioma galego na vida pública.
A mensaxe da equipa de Feijóo non admite dúbidas: aposta por reducir progresivamente os instrumentos de apoio á vitalidade da lingua galega e coloca a pelota no tellado da sociedade civil. Se a capacidade de reacción non soborda os circuítos da confrontación política convencional corremos o risco de asociar case en exclusiva o futuro do idioma coa tendencia que experimente a contabilidade electoral. Se non se mobilizan recursos humanos e financeiros á marxe das institucións políticas, as expectativas menos estimulantes tomarán carta de natureza.
A morte de Vieiros foi o comezo dunha secuencia que non semella ter un final coñecido. Mais alá das circunstancias específicas e conxunturais que podan explicar a caída de cada unha das publicacións afectadas nos últimos meses, estamos ante a repetición dun fenómeno que revela a existencia de eivas estruturais de importancia no conxunto do universo social de orientación galeguista. Se acreditamos no discurso de que os medios de comunicación resultan decisivos na conformación e medre da conciencia de pertenza a unha comunidade nacional non se pode alimentar unha práctica minifundista ou vivir instalados no permanente cainismo. Non ten sentido agardar polas obras dun goberno que ten outras prioridades. E necesario emprender outro camiño.

martes, 28 de xuño de 2011

Despedida do curso da CGENDL

Deica outra, ‘Galicia Hoxe’

por Noela Rey Méndez, no Xornal:

“Pecha Galicia Hoxe”, escóitase na redacción de Xornal de Galicia. A estupefacción síntese e expándese como un eco. “Non pode ser”. “Si o é”. E si, efectivamente, era certa a noticia. Hoxe será o último día do xornal nos quioscos, despois de oito ano con ese nome no mercado, e outros nove como O Correo Galego. Péchase unha etapa, sen dúbida, porque a esta desaparición únense as de A Nosa Terra e Vieiros, todos referentes do xornalismo galego e en galego.
A crise económica non entende de linguas, nin tampouco da importancia de ter un sistema de medios plural e básico para o desenvolvemento democrático. Tampouco parece que moitos ámbitos sociais, políticos e económicos vexan o da comunicación como un sector estratéxico igual que o son moitos outros como o textil, o naval, o da automoción, o do turismo...
Estamos sen dúbida ante un momento de absoluto cambio no mundo da prensa, encollida entre a presión da crise económica e a que fai a crise de modelo. Non queda outra que aguantar. Porque os medios de comunicación son máis que importantes e porque a prensa contén a meirande parte da súa historia e referencia.

A sangue frío

por Caetano Díaz, quen ata hoxe era o director do Galicia Hoxe:


Só lle tiñamos medo a que nos caese o ceo enriba e durante dezaoito marabillosos anos fomos unha tribo irredutible que manteu ergueita a bandeira na que está bordado o ADN deste bendito/maldito país noso, co idioma como fío condutor. Hoxe remata a aventura do Galicia Hoxe, orgulloso herdeiro d’O Correo Galego, afogado pola crise, esnaquizado polo desprezo institucional aventado dende o Goberno que preside o señor Núñez Feijóo, aplastado polo autoodio dunha sociedade civil afeita secularmente a manter unha relación paranoica cos seus propios sinais de identidade.
Se o gran libro da Historia lle dedica unha liña -que llela dedicará- ao proxecto máis ambicioso en favor do galego sostido por unha empresa privada, dirá, con total seguridade, que o GH naceu con Fraga, viveu co bipartito de Touriño e de Quintana, e morreu con Feijóo. Quen tivo a honra de dirixilo -baixo o paraugas protector de Feliciano Barrera, co apoio xeneroso e titánico de José Manuel Rey e cun equipo exemplar de profesionais-, pode dicir algo máis, igual de certo, malia que espido da asepsia dos historiadores: Galicia Hoxe deu os seus primeiros pasos cando a era Fraga agonizaba, e o gran patrón da dereita practicou con nós unha política de permisividade, de ‘laissez faire’, que lle deu osíxeno ao proxecto, logo dos anos de hostilidade contra O Correo Galego.
A etapa dourada vivímola co bipartito, sobre todo porque con Touriño e Quintana chegaron o respecto e unha liberdade descoñecida até entón no universo dos medios de comunicación. Abriuse, tamén, a billa das axudas institucionais -nada que ver coas inxeccións dos gobernos catalán e vasco a proxectos semellantes, pero si unha esperanzadora viraxe na política de defensa do galego- e aproveitamos os catro anos de bonanza para desenvolver un periodismo fresco e independente.
Coa chegada a Monte Pío do ‘señor das tesoiras’, no GH comezamos a escribir a crónica dunha morte anunciada. Consúmase hoxe -mentres o señor Núñez Feijóo entrega ufano as medallas Castelao, simbolo de galeguidade- o asasinato a sangue frío, con aleivosía e a pleno sol, dun periódico crítico, pequeno como a aldea de Astérix e grande no tratamento das noticias coas únicas armas da veracidade, da honestidade e do compromiso con Galicia.
Sei ben o que dirá o ‘señor das tesoiras’: Galicia Hoxe pecha porque a sociedade o deixa morrer, porque non vende o suficiente para ter unha conta de resultados equilibrada. Amén, señor presidente, pero con esa regla de tres ten vostede que comezar a desmantelar -se é que non comezou xa, que barrunto que si- o tecido produtivo deste país tan pequeno como o GH, con Citroën, a nosa primeira industria, á cabeza e metendo no saco das empresas improdutivas a mesmísima CRTVG. Porque nin unha nin a outra poderían sosterse sen as xenerosas subvencións dunha Xunta que utiliza con arrepiante impunidade a lei do funil.
É tan certo que o GH non conseguiu lectores suficientes para se soster como certo é que ningún periódico en Galicia podería vivir só dos seus lectores. A oportuna reflexión do analista Manuel M. Barreiro ofrece luz para quen queira ver: "En Galicia hai milleiros de persoas que, sobre a importancia dun medio en galego, viven en permanente estado de necesidade, pero non dan o paso ao estado de compromiso co sostemento de ningún medio en galego crítico. Somos os lectores os que temos que soster os medios críticos e alternativos, Polo de pronto, apoiando os existentes, dándolles audiencia e contribuíndo economicamente ao seu sostemento".
É dolorosamente obvio que iso non ocorre, así que misión cumprida, señor presidente, pero non se agoche baixo o paraugas das leis do mercado: Galicia Hoxe desaparece porque vostede camiña diante pola corredoira do autoodio, Galicia Hoxe desaparece porque o seu Goberno lle pechou con estrondosa hostilidade as axudas que alegremente reparte noutras leiras mediáticas, Galicia Hoxe desaparece porque non estamos dispostos a dicir que chove cando o que fan e mexar por nós.
Só unha reflexión máis: coa morte do único diario en galego morre tamén un pouco do ADN de Galicia, e tampouco niso andamos como para tirar foguetes. Hai poucos días, presentouse un libro da Universidade de Salamanca, no que participou o profesor da USC Xusto G. Beramendi, que revisa o concepto de identidade nacional no senso de que, xunto co Estado, a xeran a sociedade civil, as institucións e os medios de comunicación. Quizais na ultraliberal Xunta do ‘señor das tesoiras’, nese equipo de demolición (o mestre Beiras dixit) onde falar de identidade nacional é case como mentar o demo, respiren hoxe aliviados co peche dun periódico en galego e, sobre todo, galego.
Mátanos a sangue frío, don Alberto, pero saiba que o sangue quente das familias dos dezanove profesionais que hoxe van ao paro estará sempre aí, lembrándonos que a pluralidade informativa está de loito en Galicia, e saiba tamén que a Historia alumará con cegadora claridade e con exactitude o rol que cada quen desenvolveu neste tan minúsculo como nada pueril episodio. Mentres ese día chega, a todos, boas noites e boa sorte.
Nota
Agradecemos as condolencias dos bos e xenerosos, pero afórrenas para mellor causa. A nosa dor é privada e as nosas feridas, tamén. A familia non recibe. É tempo de silencio.

luns, 27 de xuño de 2011

Fala bilingüe

Un clásico do Carrabouxo

Confesión lingüística

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

Sen dúbida, os que somos galegofalantes naturais e espontáneos, persoas que actuamos na vida con debida educación, tolerancia e respecto por todos os demais, cada vez temos menos posibilidades -campo de actuación, enténdase así- para sermos como somos (nós mesmos) no noso propio país, pois só por utilizar o idioma propio de Galicia, a lingua na que pensamos e soñamos, pasamos a ser considerados como "distintos", raros, sectarios, "nacionalistas", por unha parte considerábel -tantas veces ignorante e intoxicada intelectual e politicamente- da poboación. A xenial Rosalía de Castro -unha das máis grandes mentes literarias europeas do seu tempo- cuñou aquilo de "estranxeira na súa patria". E eu mesmo, aquí e agora, debo confesalo, así tamén me sinto. E ademais síntome "estranxeiro", debo recoñecelo -e non sen profunda dor-, nun tipo de sociedade, a nosa, na que unha boa parte dos seus creadores artísticos -non no ámbito literario, mais si no da plástica, por exemplo- é refractaria ao idioma de Luís Seoane, Reimundo Patiño ou Leopoldo Nóvoa. ¿E se falamos das Universidades? No ámbito dos "templos do coñecemento" -agás contadísimas excepcións- o idioma galego brilla pola súa ausencia, e cando un visita eses lugares percibe de xeito inmediato a gran alienación existente, a pobreza de sensibilidades que se exhibe -cousa que moito sorprende- e o tantas veces nulo exercicio intelectual de aproximación á realidade que se verifica. Pobre país o noso, e pobres todos nós. Pois o nacionalismo cultural e político galego, sobre todo o político -xa non falamos do nacionalismo español incrustado no noso vello país-, pouco soubo facer até o momento para lle devolver á nosa cidadanía a dignidade, en plenitude, de sermos nós mesmos. Eu hoxe, meus caros lectores -isto é unha confesión-, síntome, como Rosalía no seu día, estranxeiro na miña patria. Triste estranxeiro. Mais rodeado, iso si, dun espírito etnocida, por activa ou por pasiva, que renova todos os días a sinatura do meu (noso) parte de desaparición.

sábado, 25 de xuño de 2011

La Coruña contra A Coruña


A imaxe da esquerda corresponde ao 16/06/2011 e a da dereita ao 24/06/2011.
Buscar a/la diferenza/diferencia.

Oswiecim

por Manuel Núñez Singala, n´A Nosa Terra, acertadísimo, como nel é habitual:
O 1 de setembro do ano 1939 as tropas nazis invaden Polonia e danlle comezo oficial á Segunda Guerra Mundial. Axiña chegan a unha pequena vila a 60 quilómetros de Cracovia chamada Oswiecim. Para deixaren clara a súa superioridade, fan primeiro que nada dúas cousas relevantes: cambian o nome da praza principal da cidade, a do Mercado, que pasa a chamarse Praza Adolf Hitler, e trocan tamén (ou adaptan á súa lingua) o propio nome do lugar: Oswiecim será coñecido a partir dese día como Auschwitz.
Trátase dunha práctica común para deixar patente a superioridade dun pobo sobre outro, dun réxime sobre o anterior, é unha sorte de violación onomástica que serve para que quede claro quen é o que manda e que se usa tamén para humillar o vencido. A historia está chea de exemplos similares: cambios forzosos nos nomes de lugares, de prazas, de vilas, de cidades, mesmo de países, como en Camboxa, que durante o tempo que durou o violento predominio dos Xemeres Vermellos foi coñecida como República Democrática de Campuchea.
Tamén nos nomes das persoas. De feito nos campos de concentración nazis aos prisioneiros ademais de arrebatárenlles todas as súas pertenzas materiais, desposuíanos tamén do seu propio nome, substituído por un número que se lles tatuaba indeleblemente no antebrazo. Cabe un espolio maior?
Por iso as persoas e os pobos, cando recobran a liberdade, volven recuperar os seus nomes de sempre. Hoxe en día Campuchea volve ser Camboxa, a Praza Adolf Hitler non existe, Oswiecim volve chamarse como sempre, e Auschwitz persiste só para denominar un campo de concentración e exterminio. E así tamén as “prazas de España” de Lugo e Santiago volven ser a Praza Maior e a Praza do Obradoiro, as “Plazas del Generalísimo” van esmorecendo, os disparates toponímicos tipo “Niño de la Guía” desaparecen afogados na súa propia estupidez, e os nomes de Ourense e A Coruña volven ser os únicos oficiais, por iso, porque os nazis e os fascistas non son xa os que mandan.
Ou non?

Paco Martín: "só se poñen atrancos"

Parte da entrevista queVanesa Oliveira lle fai a Paco Martín para o Galicia Hoxe:

Foi un dos asinantes do manifesto dos Premios Nacionais galegos que pedía o cesamento inmediato do conselleiro de Cultura. Cambiou algo a política cultural do país?
Non sei. Se algo muda é para peor. Porque realmente temos unhas persoas que non sei se por ignorancia ou mala fe ou porque os teñen convencidos e lles lavan o cerebro... pero é xente que non é galega no sentido real da palabra. Mandan en Galicia, porque nós decidimos que mandasen, os que menos sentido da galeguidade teñen. O malo xa non é que non colaboren senón que poñen atrancos no camiño, que é peor. Creo que isto non se dá en ningunha cultura: que a xente dun país teña que loitar contra os seus para que se teña en conta o que deben ser.
A AELG e outros colectivos criticaron a ausencia de escritores en lingua galega no Litvi...
Entendo que os escritores non seremos xente especialmente recomendable en ningún lado. Pero se non o somos os galegos tampouco o son os casteláns. Non sei por que teñen que escollelos. Inténtase vender un produto que nada ten que ver con Galicia botando man de cousas rimbombantes, de palabras que soan moito ou incluso botando man de algo tan sagrado como é liberdade, utilizándoa da forma máis espúrea. Se empezamos por mancar o ensino, se somos capaces de aturar iso e de que a ninguén lle remorda a conciencia, ou que se deixen levar por persoas que non teñen nada que ver nin autoridade para opinar sobre determinadas cousas...
Está habendo un retroceso a nivel cultural en Galicia?
Estao habendo, si. Todo funciona a nivel educativo. Están atacando o ensino directamente. Se formas unha ou dúas xeracións de incultos a este nivel, gañaches a partida. O outro día lin na prensa que Galicia Bilingüe lle mandou unha carta ao alcalde electo de Lugo para que cumprise a lei e respectase o castelán. Eu non sei se esa asociación lle mandou tamén unha carta ao Paco Vázquez para que respectase a lei... Se se lle permite a unha asociación deste tipo presionar a unha corporación municipal electa polos cidadáns, que país é este? É curioso que esta xente teña acceso directo á Consellería de Educación ou Cultura e en cambio, a Asociación de Escritores ou a Academia Galega non poden. Iso cóntalo fóra e non che cren.
Como contrarrestar iso?
Os medios de comunicación teñen moito que facer. Acórdome cando eramos novos, mestres e nos sentabamos para organizarnos, eu sempre insistía en que os que utilizamos o galego temos que ser os mellores, os que mellor traballemos, temos que esforzarnos para que a sociedade vexa que somos os que lle interesa á sociedade e que a sociedade se una. Iso teñen que facelo os medios de comunicación, senón temos unha batalla perdida. Eu o tempo que me quede heino seguir loitando.

venres, 24 de xuño de 2011

Benfalado: os guerreiros celtas do IES de Ponteceso

150 guerreiros celtas do IES de Ponteceso lémbrannos desde Anllóns que somos un pobo con memoria cunha unha lingua viva.  Emocionante. (e aproveitade para lle botar un ollo ao que fan nese institituto, impresionante)

xoves, 23 de xuño de 2011

Menos mal que remata o curso

Se un é capaz de admitir que é máis solidario pagar os libros de texto que distribuílos gratuitamente.
Cando se asume que ao incrementar o número de alumnos por aula tamén se aumenta a atención aos mesmos. Claro que cando aumentamos a ratio alumno/profesor as actuais aulas de informática poden ficar inservibles por etatren dotadas para grupos máis reducidos. De aí que a eliminación de prazas de profesores tamén se traduza nunha aposta decidida da consellería polas novas tecnoloxías.
Cando recibimos con satisfacción a redución do soldo dos docentes nun 7% porque admitimos que iso vai merllorar a calidade educativa ou se pensamos que aumentando por decreto as súas funcións e a súa carga lectiva os nosos fillos van estar mellor atendidos pois na redución de plantillas está o fundamento da atención á diversidade. Así tamén consideramos funesta a actitude duns sindicatos que se negan a dialogar co Conselleiro cando éste lles mandou 30 poicías de intermediarios.
Se consideramos que a eliminación de prazas de infantil xunto cun enorme detraimento dos seus recursos vai traducirse nunha significativa mellora na atención social e educativa.
Ao mostrarnos razonablemente satisfeitos porque unha redución do  50% nos presupostos da política lingüística vai significar a potenciación do seu fomento.
Ao considerarmos fundamental eliminar a normalización no desenvolvemento da normalización lingüística.
A ninguén lle debe parecer raro que se o Conselleiro de Educación envía á policía a desaloxar aos representantes sindicais iso significque que éstes se negan ao diálogo.
Nestas circunstancias é baixo as que debemos entender que a sociedade galega asuma oque o fomento da educación pase polo que podemos ver nesta foto, tirar cos libros de ciencias ao lixo polo terrible delito de estaren escritos en galego. Pois así promocionamos a lingua galega.
Así que menos mal que remata o curso e, podemos, por fin, comenzar a traballar.

Abertos ao galego

por Iriia Taibo Corsanego, no Terra e Tempo:

Nestas últimas semanas andamos a reformular na Mesa o proxecto Abertos ao Galego (www.amesanl.org/abertosaogalego), que ten o obxectivo de dinamizar a lingua galega no ámbito empresarial. Abertos ao Galego é unha idea que nace do proxecto basco Bai Euskarari (http://www.baieuskarari.org/?lang=es&op=1) e consiste na creación dun certificado de calidade para a lingua. O proxecto basco ten a idea de conseguir compromisos por parte de todo tipo de empresas, comercios e entidades, coa normalización do euskera. Hoxe, hai 1.450 empresas posuidoras do certificado Bai Euskarari e desde decembro de 2009 a entidade que promove este certificado está a editar unha revista trimestral.

En Galiza, hoxe Abertos ao Galego conta con 60 empresas, e precisamente o traballo posto en marcha nas últimas semanas ten o obxectivo de aumentar o número de empresas participantes e facer que o certificado teña unha maior presenza pública.

Dentro destes traballos, estamos a falar con varios empresarios e empresarias de moi diversos ámbitos, xeográficos e de traballo, sobre as potencialidades do certificado e sobre a situación da nosa lingua en xeral. A primeira conclusión destas semanas é que en Galiza existe un colectivo de pequenos empresarios e empresarias extremadamente comprometidos coa nosa lingua e a nosa cultura, que levan a cabo un traballo imprescindíbel para a pervivencia do idioma, con apenas recoñecemento e si con grandes doses de voluntarismo e esforzo persoal.

Nun país cunha situación normal, parecería unha loucura asumirmos que o empresario que elixe visibilizar a súa opción lingüística está asumindo tamén unha perda de clientes. Parece incríbel, mais en determinados sectores da nosa sociedade aínda é impensábel facer explícita esta opción. Quizais asumamos con máis naturalidade que unha libraría faga de axente normalizador, mais cando é un dentista ou unha xestoría pensamos que se trata dun acto de militancia lingüística. En realidade, todas as persoas coas que falamos estes días nos din que a súa elección lingüística empresarial é un feito totalmente natural, relacionado coa súa propia elección persoal. Tan simple como iso.

O galego é unha elección natural 

Reclaman estes empresarios e empresarias tamén máis naturalidade diante deles. Un argumento moi repetido é o de que o ideal sería que iniciativas como Abertos ao Galego non fosen precisas. Mais recoñecen tamén a necesidade de que unha rede como esta, que nace co obxectivo de pór en comunicación os dous pólos do consumo en galego, existan e se reforcen canto máis mellor. Falamos de que hai un colectivo importante de persoas que están (estamos) decididos a consumir na nosa lingua, que de termos a opción e información sobre ela, elixiriamos sen dubidar unha empresa que se dirixa a nós en galego e non poña problemas nin nos fose cobrar máis por preferir unha das dúas linguas oficiais. Lembremos aquí o caso da imprenta coruñesa que pretendía cobrar máis por uns recordatorios só polo feito de estaren en galego. Este tipo de iniciativas pretenden que teñamos máis fácil evitar este tipo de situacións.

Consumo reflexivo

Porén, algúns destes empresarios falan sobre a necesidade do consumo reflexivo. Non só falando de lingua, claro. Moitas veces resúltanos máis fácil teorizar do que levar as teorías á práctica. E fago eu a primeira o propósito de emenda. Mais é verdade que, traendo de novo o exemplo do libro, da literatura que se vende en galego, o desexábel sería que a porcentaxe das vendas fose parar a esas empresas que o defenden, o protexen e o miman, non ás grandes superficies. Igualmente sucede con calquera outro servizo. Moitas veces nin nos cuestionamos que temos a opción da nosa lingua cando contratamos certos servizos. Hai uns anos, cando organizamos unhas xornadas sobre Cabo Verde desde a Fundación Via Galego, toleamos para atopar un restaurante na Coruña que tivese a carta en galego. O ideal sería que todos tivesen esa opción, mais entretanto, eu prefiro saber cales son eses poucos que a teñen e se vou comer pola Coruña irei a eses.

Quizais este sexa un exemplo un tanto extremo, mais vén ao caso pola elección e polo excesivo protagonismo que o consumo ten nas nosas vidas. Calquera que se achegue por un dos moitos centros comerciais das cidades do país pode comprobar que son o xeito de desfrutar o ocio que teñen os máis novos, e non só. Ir a un deses centros con cinema (por outra banda, en moitas cidades galegas non é fácil ou mesmo posíbel ir ao cinema sen pasar por un centro comercial) un sábado á tarde-noite é constatar os referentes da sociedade do futuro: non hai ocio sen Inditex e semellantes, nin sen comida rápida ou cocacola. E falando de Inditex, acae perfectamente o exemplo das bromas que ocasionou o seu Zara Home, cando moitos dubidamos por segundos que Amancio Ortega decidira por fin, ser profeta na súa terra e nomear as súas tendas en galego. 

Supoño que por moitos Abertos ao Galego que haxa, eu seguirei de cando en cando comprando roupa en Zara, mais xa vin que a súa nova páxina de venda en liña (tamén) está en galego e o primeiro que fixen foi mandarlles un correo electrónico para agradecerlles que, por fin, comecen a dar pasos nesa liña.

mércores, 22 de xuño de 2011

A Xunta camiña ao inglés en castelán

por Cris Moss, no Xornal:

É coñecido que un dos principais argumentos empregados pola Xunta para defender as súas reformas en materia lingüística é o “plurilingüismo”. Ademais da formación ordinaria, Educación organiza campamentos e cursos de inglés intensivos para o alumnado a través dunha empresa con sede en Madrid.
Algúns dos pais e nais solicitantes destes campamentos atopáronse cunha sorpresa. A documentación ofrecida pola empresa que contratara a Xunta, así como a súa páxina web, está unicamente redactada en castelán. Non hai, polo tanto, posibilidade de obter datos en galego dunha actividade da Consellería.
Ao solicitaren a información en galego, as familias foron informadas de que se trataba dun “erro”, e recibiron un duplicado do documento, pasado ás claras por un tradutor automático, e a confusión foi aínda maior. O BNG xa rexistrou unha iniciativa no Parlamento pedíndolle explicacións a Educación.
Os problemas non quedan só nas familias dos estudantes. O profesores encargados de atender o programa estiveron durante semanas tentando obter información sobre o curso, o seu funcionamento e as súas datas. Por parte do departamento que dirixe Jesús Vázquez non tiveron resposta ningunha.

A megafonía do galego

por Pilar García Negro en Terra e Tempo:

En artigo recente neste mesmo meio, Bieito Lobeira puña o dedo na ferida verbo da futura lexislación da CRTVG, que aínda poda supoñer un menor degrau de galeguización do que existe. A Lei vixente, 9/1984, con nada menos que vintesete anos de existencia, non prevé o servizo á galeguidade das dúas sociedades, a radio e a televisión públicas, como algo adxectivo ou tendencial, senón como algo substantivo, consubstancial á mesma natureza e existencias destes dous meios de comunicación. Reléanse os seus artigos e comprobarase esta afirmación, tanto no que di a respeito da identidade xeral da Galiza, canto á exteriorización da súa lingua, e con particular atención á cultura distintiva do noso país. Estes principios, incribelmente, están lonxe de se veren cumpridos. Eis as deficiencias principais, xa coñecidas e denunciadas desde hai moito tempo:

(a) a imaxe dun idioma galego normal e xeralmente usado está decote quebrado pola introdución de emisións en español, a través de convidados-as foráneos (ou internos) que se expresan neste idioma, para alén da contratación inmisericorde de todo canto-a artista español-hispanoamericano existir, mesmo de figuras en franco declive no entramado musical español, con ausencia clamorosa de artistas galegas-os, portugueses-as, brasileiros-as ou en lingua portuguesa;

(b) a percepción provocada de que a Galiza non contén nela expertos-as nos temas verdadeiramente "importantes" e as súas voces  -as voces galegas-  son aptas só para "domestic flights";

(c) o reinado do castrapo máis inclemente e devorador;

(d) a oferta de continuas leccións de diglosia, onde esta non só non é cortada, senón reforzada con tais prácticas;

(e) o confinamento da programación cultural en horas e espazos de vocación minoritaria;

(f) a desorbitación informativa, sempre pendente do centro español-europeu-norteamericano, con reforzo constante do carácter apendicular -léase sobrante- da realidade galega;

(g) o descarado uso das ondas e da pantalla como terminais da acción gobernamental da Xunta de Galiza e, aínda máis, do Partido Popular.

Esta listaxe admitiría, por suposto, moitos máis itens. Abonde con reiterar que, após 27 anos de vixencia da lei mencionada, os seus obxectivos non se cumpriron e, aínda, no canto de lento progreso, pódese falar de involución, ao compás dunha vaga reespañolizadora-desgaleguizadora crecente. O cálculo, neste sentido, é total. Algúns exemplos: a Radio Galega Música, só con programación musical, dedica a súa diurna ao imperio do español e do inglés. Chegamos á noite e madrugada (a programación "pornográfica", que diciamos no noso tempo de portavoz parlamentar do BNG na Comisión de Control da CRTVG) e, supetamente, muda o panorama completamente: unha oferta de música boísima. ¿A que chamo tal? A música variada, onde, ouh, milagre!, podemos ouvir e escoitar música en galego (tradicional e moderna), cantantes portuguesas-es, caboverdianas, italianas-os, música en francés... Embárganos a emoción!: hai vida musical fóra do español e inglés! Nunca o daríamos imaxinado! Mais a ilusión da noite fina co día e, de novo, voltamos ao "normal", no seu duplo sentido: o habitual e o prescritivo. De novo ficamos embargados mais non pola emoción, senón polo embargo en si, isto é, polo furto constante que da nosa música, e doutras, se fai na programación de maior audiencia, a diurna. Moralexa: cómpre ser noctámbulo-a, rendista, desocupado-a... para ser fiel á programación musical nocturna.

Contertulios-as de diferente laia e condición poden estar discutindo minutos e minutos sobre feitos, decisións, actos... que nada a ver teñen con algo que desde a Galiza se poda arranxar ou, sequer, transmitir. E, obviamente, non me refiro ao dereito de valorar, desde a Galiza, calquer episodio internacional, senón a como se utiliza deliberadamente esta externalización informativa, para esvaír ou anular aquelas fontes de información netamente galegas que deberan ser centro, e non periferia ou accidente, do painel da programación.

Ora ben, mal faremos se nos apontarmos a un consumo resignado dos meios de comunicación que todas e todos pagamos. Como tais consumidores, podemos  -e suxiro que debemos- facer chegar a nosa voz ás-aos responsábeis das dúas sociedades e mais aos xefes de programación correspondentes. En calidade de que?: en calidade de ouvintes-telespectadores da Radio e da Televisión Galegas, con dereito indisputábel a que se cumpran, como mínimo, os principios reitores da creación da CRTVG.

A megafonía do galego -isto é, a súa proxección pública e con vocación de masividade social- é unha crianza entangarañada, falta de calcio, iodo e todas as proteínas e vitaminas imaxinábeis. No noso XIX, Curros e Lamas Carvajal, en senllos poemas, denunciaban o fatalismo do tangaraño e, como bons ilustrados, demandaban acabar coa superstición e aplicar os remedios de alimentación, hixiene e cuidados médicos precisos para terminar con tan lacerante lacra evitábel. Igualmente, a megafonía da lingua galega  -tan obstaculizada, entorpecida, problematizada- necesita duns meios de comunicación públicos que, mesmamente, naceron para garantírena e promovérena. 

Pep Guardiola: vivamos como galeg@s

por Manuel da Cal Vázquez, en Terra e Tempo:

Recentemente o F.C. Barcelona vem de se proclamar campeão de Europa de futebol, e como é de costume ao final do jogo compareceram, em conferência de imprensa, os treinadores das equipas que vinham de disputar a final.

Por parte do F.C.Barcelona interviu o senhor Josep Guardiola, que respostou atodas as perguntas que se lhe apresentaram, logicamente, mas com a particularidade de fazer uso do catalão para respostar às perguntas que lhe eram feitas em catalão, do espanhol para as perguntas formuladas em espanhol e do inglês para as feitas nessa língua.

Um outro treinador catalão, acho que do Girona, não faz muito tempo, também em conferência de imprensa, no campo de uma cidade espanhola, teve-a de suspender porque os jornalistas espanhois não lhe permitiram respostar em catalão às perguntas formuladas, em catalão, pelos jornalistas catalãs. 

Parecida atitude têm os jugadores catalãs de reconhecido prestígio mundial como, Piqué, Xavi, Puyol ou Valdes e os que não são nascidos em Catalunya e mesmo os de fora do Estado Espanhol aquando celebram os êxitos futebolísticos, das sua equipa, sempre rematam as suas intervenções com: "Visca el Barça e Visca Catalunya!".

Reparemos agora na prática linguística da maioria das pessoas relacionadas com este desporto-espectáculo, chamado futebol, na Galiza.

Os presidentes das equipas galegas, tanto das duas mais representativas, nomeadamente, R.C. Celta de Vigo como Desportivo d´A Corunha, senhores Mourinho e Lendoiro, assim como os das outras equipas das cidades e vilas galegas, maioritariamente empregam nas suas manifestações públicas o idioma espanhol.

O mesmo proceder têm os futebolistas galegos, mais destacados, a respeito do uso do galego, estou-me a referir aos jogadores do Celta, porque no Desportivo quase não há, como Oubinha, Trashorras, Dani Abalo ou Jonatam Vilas, sendo estes referentes para muita gente, jovem e nom tam jovem, que gostam do futebol, e em muitos casos modelos a imitar, mas no que tem a ver com este assunto péssimos modelos.

Este distinto jeito de proceder, a respeito do idioma nacional, de uns e de outros é uma clara mostra da normalidade e da anormalidade  de uma e de outra sociedade. Assim, se uns mostram uma actitude de compromisso e identificação com a representação mais vissibel da nação  catalã, como é o seu idioma, os outros, os galegos, manifestam um total desinteresse, que eu me atraveria de qualificar de auto-ódio, a respeito do nosso idioma nacional.

Estamos pois perante duas sociedades com comportamentos sociais muito dessemelhantes, mas  que compartem a mesma condição de serem nações sem Estado e dentro do mesmo Estado opressor, mas com história e formações sociais bem distintas; assim os resultados eleitorais do 22 de Maio também se podem interpretar baixo este prisma. Se na Catalunya, no Principat, se vota em clave catalã, na Galiza, maioritariamente, vota-se em clave espanhola, e nestes momentos o mais preocupante é que este dinâmica está a afectar de uma maneira muito notável à nossa juventude, sobre tudo a aquela que vive em redor dos núcleos urbanos, mas não só nas cidades.

A sociedade galega sim mostra, pela contra, uma capacidade inusual para reproducir comportamentos folclóricos. Sim é quem de se juntar em grande número para comer o polvo, o churasco ou marisco, entre outras iguarias, para celebrar inumeras romarias e festas patronais enfeitadas com a tanger da gaita galega. Nestas ocasiões sim "vivimos como galegas e galegos", como diz a tam celebrada publicidade, e somos quem de exteriorizar um certo sentimento nacional, revestido de enxebrismo.

Mas não chega com isso, é necessário algo mais, é preciso conseguir viverconsecuentemente como galegos e galegas, fazendo ostentação dessa condição os 365 dias do ano; essa prática diária tem-se definido como consciência nacional. Esse tem de ser o objectivo de toda a acção social e política do nacionalismo galego; propiciar que cada vez mais galegas e galegos dêem o salto desde o sentimento à consciência, é dizer galeguizar, nacionalizar à sociedade galega.

Em contra temos todas as organizações políticas de obediência espanhola, assim como as organizações sindicais sucursalistas, a maioria das organizações empresarias e agrárias, uma boa parte da intelectualidade, chamada, galega e a totalidade dos meios de comunicação de massa, por citar os mais relevantes e influintes, mas não nos podemos esquecer de citar às distintas igrejas, sobre todo a católica, associações profissionais e sectoriais de todo tipo, clubes desportivos, etc.. Como se vê os inimigos são muitos e com muito poder.

Em favor da consecução desse objectivo só trabalhamos as organizações nacionalistas, tanto políticas, como sindicais e sociais, contando com escassas ferramentas e sem nenhum meio de comunicaçom de massa. Trabalho sustentado fundamentalmente no esforço militante que em muitos casos é de carácter voluntário e altruísta.

Acho que o nacionalismo tem de definir, planificar e executar um plano de trabalho orientado cara a juventude, com propostas atractivas e o mais ajeitadas aos tempos que correm, com o fim de melhorar a nossa introdução  social entre a juventude. Outro dos eixos, que deve orientar o trabalho imediato do nacionalismo, tem de consistir em promover, propiciar e participar num amplo moviemento social que dê resposta às agressões que o sistema capitalista e centralista está acomentendo contra os direitos das camadas populares e contra os nossos direitos nacionais.

As políticas postas em prática  tanto pelo PSOE desde Madrid, como pelo PP desde Santiago de Compostela estam a  supor o retalhamento dos nossos direitos sociais e laborais, assim como, no que tem a ver especificamente com a Galiza, um ataque visceral contra o nosso idioma nacional, pelo que se faz cada vez mais necessária estabelecer uma coordinação entre todas as organizações do leque nacionalista com o fim de apresentar batalha, ao tempo que se propícia o rearmamento, tanto organizativo como ideológico, da sociedade galega desde a óptica nacionalista.