“Pecha Galicia Hoxe”, escóitase na redacción de Xornal de Galicia. A estupefacción síntese e expándese como un eco. “Non pode ser”. “Si o é”. E si, efectivamente, era certa a noticia. Hoxe será o último día do xornal nos quioscos, despois de oito ano con ese nome no mercado, e outros nove como O Correo Galego. Péchase unha etapa, sen dúbida, porque a esta desaparición únense as de A Nosa Terra e Vieiros, todos referentes do xornalismo galego e en galego.
A crise económica non entende de linguas, nin tampouco da importancia de ter un sistema de medios plural e básico para o desenvolvemento democrático. Tampouco parece que moitos ámbitos sociais, políticos e económicos vexan o da comunicación como un sector estratéxico igual que o son moitos outros como o textil, o naval, o da automoción, o do turismo...
Estamos sen dúbida ante un momento de absoluto cambio no mundo da prensa, encollida entre a presión da crise económica e a que fai a crise de modelo. Non queda outra que aguantar. Porque os medios de comunicación son máis que importantes e porque a prensa contén a meirande parte da súa historia e referencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario