Sen pretensións de suficiencia doutoral, nosoutras manifestamos unha protesta forte, densa e implacábel contra os vellos xeitos patriarcais que rexen, e renxen, na Real Academia Galega. Diante da defensa dun dereito evidente, e con tantiñas voces a petar na porta –léanse as adhesións a O xogo das cadeiras–, a Academia recuou para o couso do lobo e deixouno clariño. Coas súas decisións fala, e coas últimas mostrou incapacidade para ir canda os tempos. A última académica nomeouse en marzo de 2008; desde entón outorgóuselles cadeira a cinco escritores e filólogos. As últimas Letras Galegas dedicadas a unha escritora foron en 2007; deica Paz Andrade, xa se resolveron cinco. “Para que queredes unha escritora, unha intelectual, viva nas vosas cadeiras? Como non sabedes qué facer con elas, matádelas na invisibilidade e negádesvos a celebrarlles as pompas”. E este mesmo mal contáxiase como pandemia ás outras institucións da cultura galega.
Mais non se leven a engano, non procuramos o mero recoñecemento á traxectoria creativa ou intelectual das mulleres, porque sabemos que a cultura galega ten que poder xerar outros mecanismos de homenaxe sen botar man das cadeiras de veludo das institucións. Hai que poder arrequentar a Alba de Gloria por outras vías. Tampouco procuramos a inmortalidade, que a memoria común non se fai coas actas corporativas. E ese é o miolo do problema: nosoutras manifestamos o dereito a exercermos tamén a corresponsabilidade, a participarmos nos debates e retos da cultura agora, a afortalarmos as columnas da nación.
Non hai debate posíbel sobre as faragullas, sobre se resulta axeitada, ou non, tal candidata a esta cadeira ou a estoutro Día das Letras Galegas. Só a Real Academia Galega pode presentar candidaturas, só a Academia acorda os perfís, só a Academia decide os nomeamentos. Daquela só á Academia se lle pode atribuír a miopía, o medo e o rexeitamento ao diálogo co presente.
Non hai debate posíbel sobre as faragullas, sobre se resulta axeitada, ou non, tal candidata a esta cadeira ou a estoutro Día das Letras Galegas. Só a Real Academia Galega pode presentar candidaturas, só a Academia acorda os perfís, só a Academia decide os nomeamentos. Daquela só á Academia se lle pode atribuír a miopía, o medo e o rexeitamento ao diálogo co presente.
Non acatamos os mandatos dos nosos iguais e coidamos que a súa feitura é igual á nosa feitura, por iso sabemos que a Academia Galega é un síntoma dos vellos xeitos patriarcais que rexen, e renxen, nas institucións culturais de Galicia, que teiman en empoleirarse nas columnas do seu poder demediado. As mulleres sostemos a metade do ceo, seica, mais non se nos permite sentar nas casas comunais. Faltan aí as mulleres, as xeracións máis novas, os posicionamentos diversos. Canto máis se afirmen as institucións e os patriarcas en corporacións redundantes, demediadas, resesas e estreitas, máis mingua a súa autoridade. É decisión súa querer saír do couso do lobo e atender ao que acontece fóra. É decisión súa querer crear as dinámicas para renovarse e incorporar o presente. A vitalidade, o debate, a corresponsabilidade e o sentido crítico da cultura galega non está hoxe nin nas súas cadeiras nin nas súas liturxias.
E que aínda haxa que debullar estas razóns, Nicanora! Non se nos reclame nada.
--
Manifesto O xogo das cadeiras en xogodascadeiras.blogaliza.org
Manifesto O xogo das cadeiras en xogodascadeiras.blogaliza.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario